18/02/2012

«Se vou a Bueu...»: todos somos ludolingüistas

                           

Velaquí temos a Luís Tosar nunha vibrante versión do clásico de Andrés Do Barro «Vou a Bueu». E nel, a xeito de retrouso, temos o coñecido trabalinguas das «estrañas esixencias para o transporte marítimo»:
Se vou a Bueu nun bou vou, se non vou nun bou non vou.
Un xenial exemplo dos recursos da paronimia (Bueu - bou / nun - non) e homofonía (bou - vou).

O caso é que, vendo na primeira entrada deste blog nomes como os de Màrius Serra, Douglas Hofstadter ou Umberto Eco, calquera podería pensar que isto da ludolingüística é unha complexa disciplina para eruditos.
Nada máis lonxe da realidade. Esta faceta lúdica da lingua forma parte da sabedoría popular en todas as culturas do mundo. E o galego tamén está inzado de mostras disto: trabalinguas, recitados, acumulativos, cancións, adiviñas... Verdadeiras xoias transmitidas oralmente de xeración en xeración durante séculos. Un valiosísimo legado con mil e unha posibilidades que cómpre preservar e poñer en valor e que constitúe o que podemos chamar a «vertente popular» da ludolingüística.

Afortunadamente, temos ao noso dispor na rede unha magnifica ferramenta que axuda recoller e difundir esta herdanza: 
Tomo dela estas palabras:
Na lingua galega hai infinidade de ditos, recitados, cancións, etc. que acompañaron desde hai séculos as brincadeiras dos/as nenos/as ou as relacións entre os membros maiores da familia e os máis pequenos. Hoxe en día, debido ós cambios producidos nas formas de vida e nas actividades de lecer dos rapaces e rapazas, corremos o perigo de perder esta riqueza definitivamente. Sen rexeitar radicalmente as novas formas de diversión e coñecemento que nos ofrecen as últimas tecnoloxías, consideramos que é posible e, mesmo, moi positivo para as relacións humanas recuperar, coñecer e practicar os xogos verbais dos nosos avós.

16/02/2012

«No comezo foi o xogo de palabras»


Había tempo que me andaba pola cabeza a idea de crear este blog. E como presentar o seu contido? O caso é que non daba atopado o xeito. Finalmente, caeu nas miñas mans unha recensión sobre a obra Verbalia.com (Jugar, leer, tal vez escribir), de Màrius Serra, o «gurú» catalán da ludolingüística. Nela atopei o seguinte fragmento:
Màrius Serra subiu ao escenario do Teatro Piccolo de Milán para dar a súa charla. Antes del falara Douglas Hofstadter, premio Pulitzer de ensaio, e despois ía intervir Umberto Eco. O conferenciante, un home moreno e baixiño, mirou para o público con expresión sorrinte. Na escuridade agardaba un público expectante. Non había un asento baleiro: venderan todas as localidades. Cun brillo brincadeiro detrás dos lentes, Màrius foi presentado. Podería dicir que naceu en Barcelona en 1963, pero dixo que el era de «Verbalia», un país fundado a finais do 2000 e habitado por «seres» verbívoros que se alimentan principalmente de verbos e termos relacionados. De súpeto, deixou o seu discurso e, con xestos de esgotamento, queixouse da calor. Tirou a chaqueta e continuou a desabotoar súa camisa. Comezaron a escoitarse murmurios, algúns rían. Màrius ergueu a cabeza e, cun sorriso amplo, luciu unha camiseta interior cun letreiro de velcro onde se lía VERB. Como un prestidixitador, extraeu un grande E do peto e, separando e pegando as outras letras, formou sobre o seu peito a palabra BREVE. Houbo un estoupido de aplausos. Aquel acto era unha homenaxe múltiple: a Gracián, o autor de «O bo, se breve, dúas veces bo» e a Perec, autor de La disparition. Foi tamén un xesto de complicidade co público: «croupiers» de palabras, campións do idioma, magos do entretemento verbal... Todos, ao cabo, ludolingüistas. Xogadores. Apóstolos daquela sentenza do irlandés Samuel Beckett, na súa novela Murphy: «In the beginning was the pun». No comezo non foi o verbo, senón o xogo de palabras. 
Nuria Barrios, «El país de los verbívoros» en Letras libres (outubro, 2002) 
E aí «vin a luz», tomaría prestadas a anécdota de Màrius Serra e a ocorrente paráfrase bíblica de Samuel Beckett para comezar a andaina deste blog. Un espazo virtual aberto que pretende contribuír, modestamente, á divulgación do fascinante e poliédrico mundo da ludolingüística (xogos de palabras, enigmística, pasatempos, literatura, humorismo, didáctica da lingua...). 

Ah! E a xeito de brincadeira, despídome por hoxe con outra xenial contribución (intraducible) aos xogos de palabras doutro autor de fala inglesa:
«Immanuel doesn't pun, he Kant», Oscar Wilde
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...