24/04/2012

As palabras ante o espello


A torre da derrotA (1992) é un deses libros máxicos e singulares que ben merecen un posto de honra na nosa «bibliografía ludolingüística básica». Gonzalo Navaza, do que xa presentamos o seu Elucidario, creou todo un poemario a partir da técnica do palíndromo: secuencias de palabras que se len igual de esquerda á dereita e de dereita á esquerda. 

Velaquí un deses textos (tamén con versión recitada):

O ECO NO CEO

Só luces e dagas. Na man, saga de séculoS.
¿Oes a porta etérea? Caer é teatro, paseO,
Saga de séculos. Na man, só luces e dagaS.

Eu quE
Ó saír ría sÓ,
Amo da luz azul a domA
e
O berce crebO.
Así rara risA
Acude e educA

E acaso rosa caE
Na maN

E se acaso rosa caesE,
Aire só seríA.

Como acabamos de comprobar, estes poemas non son un simple enredo lúdico e artificioso co que demostrar habilidade versificadora. Cada poema é unha fascinante peza simétrica con palabras que, reflectidas no espello, nos achegan as máis suxestivas mensaxes. En palabras de Xosé María Álvarez Cáccamo no prólogo da obra:
Navaza utilizou o molde do palíndromo como instrumento de pescuda no misterio, como vehículo incitador para a descuberta das virtualidades do idioma, como querían os do grupo Oulipo. [...] Se escoitamos a Gonzalo Navaza afirmar: «E de corpos nus un só procedE» parécenos sentir que ese verso radicalmente simétrico e revelador dunha Cosmogonía habitada xa dentro do Código antes de que o poeta tivese alcanzado a fortuna de achalo. Pero a descuberta non foi casual, senón selectiva e profundadora. Así manexado, o palíndromo non constitúe só a peza dun xogo, senón que, sen perder o seu carácter lúdico, enxeñoso, recreativo, colabora para a iluminación das zonas agachadas da vida.  
En fin, unha «simetría palindrómica» moi unida a nós, que forma parte do medio natural e do noso propio ADN.
Solucións aos xeróglifos (19-4-2012): Vinte animalo (Vinte animal o) / Nove repetidores (Nove repetido res) / Xogando (X o gando) / Eva catorce (E vaca torce)

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...