28 de set. de 2012

Lipogramas: estrañas desaparicións


En 1969 o xenial escritor francés Georges Perec escribiu a novela La Disparition, unha obra atípica que serviu de inspiración a moitos autores posteriores. Un dos enfeitizados por Perec foi o divulgador vasco Mikel Agirregabiria que, seguindo o modelo de La Disparition, creou o relato «Descubre un secuestro sorprendente». En Sherezade. Novos relatos de pensamento creativo, permitinme facer unha adaptación ao galego deste enigmático texto. Titúlase «Un roubo sorprendente»:
Neste requintado texto do profesor e escritor Mikel Agirregabiria dáse conta dun estraño roubo:
«Foi un roubo sorprendente. Nun comezo, ninguén soubo percibir que o insólito e único tesouro, o precioso recurso insubstituíble, fose removido. O suceso continuou oculto, escondido e recóndito.
Porén, un sutil detective (posiblemente vostede, meu querido lector) pode comprender o sucedido. Ou pode que lle custe un bo período de tempo descubrir neste documento o mesmo embuste, que foi sedución e secuestro.
En 1969, o escritor Georges Perec publicou un folletín (de título “Eclipse”) no que suxire o descubrimento dun homólogo procedemento de furto. Só no último episodio se descobre o que se desdebuxou desde o primeiro inicio e que persistiu como o fío condutor de todo o conto de ficción, que non se describe senón concluíndo os últimos conceptos do libro, escrito cun perfecto discurso que se estende en todo momento deste monumento retórico e poético.
E se con todo isto escrito e sendo moi curioso non o pode responder, debe concluírse que, ou vostede é cego que non ve o que ten en fronte, ou o seu entendemento non excede en erudición e coñecemento, porque pode prescindir tristemente deste símbolo superior».
Despois de ler isto, poderías ti descubrir cal é o elemento roubado?
Supoño que, se prestades un chisco de atención, non tardaredes en descubrir que o elemento desaparecido é a letra «a». O relato é, sen máis, un lipograma (do grego lipo- carecer de, estar falto de + -grama ‘letra’), un artificio ludolingüístico que consiste en omitir unha letra do alfabeto na escrita dun poema, dun conto, dunha novela ou de calquera outra obra literaria.

A tradición lipogramática remóntase á Grecia clásica. No século VI a. C. Laso de Hermione suprimiu a letra sigma na súa «Oda aos centauros» e nun «Himno a Démeter». Néstor de Laranda, no século III d. C, reescribiu a Iliada eliminando a alfa do primeiro canto, a beta do segundo... e así ata acabar coas vinte e catro letras do alfabeto grego e os correspondentes cantos da epopea homérica.

En 1641 o español Alonso de Alcalá y Herrera publicou Varios efectos de amor, composta de cinco novelas curtas en cada unha das cales se prescinde dunha das cinco vogais.

O alemán Franz Rittler, na novela Die Zwillinge, de 1813, conseguiu a proeza de evitar a letra «r», a consoante mais común na lingua alemá.

En 1939, o estadounidense Ernest Vincent Wright estreouse como escritor coa novela Gadsby, que contén aproximadamente 50.000 palabras, mais en ninguna aparece a letra «e». A lenda conta que o autor mesmo chegou a atar a tecla desa letra na súa máquina de escribir.

Mais foron os membros do grupo Oulipo os que nos anos 60 do século pasado tiraron máis partido desta arrevesada técnica. Raymond Queneau incluíu algúns lipogramas no seu xa clásico Exercicios de estilo. E, sobre todo, Georges Perec, co que comezamos este post, que escribiu La Disparition sen empregar un só «e», a letra máis frecuente do francés.

Quen se atreve a crear un texto breve (poema, relato...) coa técnica do lipograma? Escollede a letra que vos pete.

Solucións aos xeróglifos (22-9-2012): Para vós (Par avós) / De Zas a Teo (Dez ás ateo) / Un soamente (Un só a mente) / En Etiopía (Ene tío pía).

26 de set. de 2012

O alfabeto e as máquinas de Rube Goldberg

Deseguido, unha forma moi orixinal de presentar o alfabeto (o alfabeto inglés neste caso): pezas de dominó a caer en cadea ata quedar todas derrubadas. E ademais co fondo musical do marabilloso e funky «ABC» dos Jackson Five. Premio para quen se resista a abanear a cabeza!



Convén reparardes na coidada posición das fichas para que nas partes curvas e nas interseccións poidan seguir caendo as que seguen e o xogo se complete á perfección. Este é o principio básico das máquinas de Rube Goldberg. Se cadra, este nome non vos di nada, mais seguro que vos soan eses aparellos cun complicado proceso de movemento continuo (bólas que rodan e golpean outros obxectos, pezas de dominó que caen unhas tras outras, rodas que xiran...) que finalmente só serven para unha acción moi simple: romper un ovo, apagar unha candea... Isto é, á fin, unha máquina de Rube Goldberg: un aparello complexo que permite realizar a tarefa máis simple da forma máis revirada (e á vez máis divertida).

O curioso é a orixe do seu nome: Rube Goldberg (1883-1970) foi un enxeñeiro e humorista gráfico estadounidense. Unhas das súas series cómicas de máis éxito era «As invencións do Profesor Lucifer Gorgonzola Butts». Nelas presentaba unhas estrañas máquinas que transformaban as tarefas máis sinxelas nos procesos máis extraordinariamente complicados. Deste xeito, Goldberg satirizaba a tan americana obsesión pola tecnoloxía. Velaquí, por exemplo, un enxeñoso deseño seu para tirar as areas dos zapatos.


E agora aquí vos deixo un dos vídeos máis vistos de Youtube dos últimos anos: unha fabulosa máquina de Rube Goldberg que serve de videoclip (nun único plano-secuencia!) da canción «This too shall pass» («Isto tamén pasará») do grupo OK Go. A gozar!


22 de set. de 2012

Xeróglifos [10]


E por fin, con este capítulo 10, finalizamos a nosa «Gramática xeroglífica». Xa sabemos que o xeróglifo pode conter múltiples elementos: unha letra, un número, unha palabra, un debuxo... Na entrada anterior desta serie vimos que, ás veces, é pertinente reparar no que estes elementos fan. Hoxe descubriremos que tamén cómpre prestar atención ao que din.

Noutras palabras, os elementos que compoñen o xeróglifo con frecuencia falan a través dun bocadillo ou globo coma os dos cómics. Tócanos daquela interpretar adecuadamente esas intervencións: o contido do que se di, se se afirma, se se nega, se se mente...

Aquí vos deixo catro xeróglifos para que poñades en práctica estas orientacións. Ánimo, que non son difíciles!

Para quen son eses agasallos?

Que percorrido faredes hoxe coas motos?
       
Cantos días estarás aquí?

Onde naceu ese corredor de fondo?
                    
Completado este curso ludolingüístico avanzado, quedades nomeados membros de honra do «exclusivo» club Xogosdelingua. ;-D 

Ah!, e lembrade que, se queredes seguir rompendo a cabeciña, cada día vos ofrezo un xeróglifo novo na edición en papel de La Voz de Galicia.

Solucións aos xeróglifos (20-7-2012): É covarde (E C o V arde) / Aí anda (A i anda) / Es alta de máis (E salta de máis) / Estevo a Cee (Es te voa ce e).

18 de set. de 2012

Os discursos do «bla, bla, bla»


Aí falaches, José María! Un verdadeiro «coñazo», abofé! Pasaron xa dez anos desde este episodio de Aznar (no Parlamento Europeo) e consola ver como os propios protagonistas admiten, sen complexos, o carácter artificioso e soporífero do seu discurso.

Estamos xa en precampaña electoral e día a día podemos ver como o discurso político semellou quedar baleiro. Na maior parte dos casos, por desgraza, converteuse nunha mensaxe ritual e sen contido que só intenta enmascarar o evidente: a desvirtuación da democracia convencional e a súa subordinación ao poder dos mercados.

En fin, o curioso é que mesmo deste triste contexto a ludolingüística pode tirar partido. Propóñovos xogar coa seguinte táboa. É unha versión reducida da aparecida no artigo orixinal «O código universal do discurso político-burocrático», publicado na Revista de Varsovia (Zycie Varszawv) da Polonia comunista de hai máis de tres décadas.


Trátase dunha brincadeira estudantil que buscaba caricaturizar a artificiosidade e vacuidade da linguaxe política oficial. Empregar a táboa é ben doado:
— Comeza polo primeiro enunciado da primeira columna (Amigas e amigos...).
— Continúa con calquera frase da segunda columna, logo con calquera da terceira e despois con calquera da cuarta.
— O proceso repítese unindo de novo como se queira os enunciados das sucesivas columnas.
As miles de combinacións posibles permiten crear un discurso fluído de varias horas. Un discurso interminable e, asemade, totalmente baleiro. Ánimo e a poñer en práctica a vosa habilidade como oradores do «bla, bla, bla»!

E a xeito de peche, convídovos a visitar esta ligazón e liberar gargalladas co cómico sevillano Alfredo Miñambre, lider do «Partido En Dous», que ridiculiza tamén, en ton de humor, o discurso político.

15 de set. de 2012

Apalabrados: «app» para xogar en galego


Hai escasamente un mes dei con esta noticia na revista Código Cero: «Xa é posible xogar a Apalabrados en éuscaro (e axiña en galego)». Para os amantes dos xogos de palabras na nosa lingua podería ser unha das novas do ano! Poder xogar con esta app nos nosos teléfonos sería unha marabilla, ademais dun paso máis na normalización lingüística no ámbito das novas tecnoloxías (que avanza tan devagar).

Apalabrados é unha versión do Scrabble para dispositivos móbiles: un xogo de palabras cruzadas on line para o sistema iOS. Orixinalmente naceu, coma sempre, en inglés, co nome de Angry Words. A alguén se lle ocorre que complexa táctica comercial hai detrás deste nome? ;-) O certo é que un xogo de mesa tan clásico e popular non precisaba desta estraña reviravolta. En fin, Apalabrados, a denominación para a versión galega, portuguesa e castelá, resulta moito máis acaído.

Ao ter carácter multixogador, podes enfrontarte a calquera en calquera momento, basta con que o/a opoñente descargue tamén o xogo. Como sucede no Scrabble, enfróntaste a un taboleiro baleiro cun feixe de letras. Cada vez que introduces unha palabra, o/a contrincante recibe a notificación vía e-mail de que é a súa quenda. E así ata que gaña o/a mellor!

Esperemos que non haxa que agardar demasiado para que os contactos entre Etermax e a RAG dean axiña os seus froitos. Oxalá!

Ah!, e por se alguén non o coñece, aquí deixo o enlace de galapps, unha valiosísima iniciativa que nos ofrece, na nosa lingua, un conxugador verbal, un tradutor e un dicionario para iPhone e iPad, dispoñibles na App Store de Apple.

12 de set. de 2012

Fonética para os máis pequenos



Hai que ver que cousas feitiñas se conseguen coa técnica do stop motion. Grazas á xente de Remexernalingua coñecín este magnífico vídeo educativo portugués elaborado por un grupo de mestres/as de 2º Ciclo de Ensino Básico (a nosa Educación Primaria). O seu obxectivo é transmitir, de forma simple e divertida, o concepto de fonema (un contido aparentemente árido para os cativos).

Un vídeo que pode resultar moi rendible tamén para os nosos rapaces pois, ademais de lles axudar a comprender sen dificultades eses contidos máis «técnicos», tamén os achega aos feitos da diversidade lingüística e da familiaridade entre o galego e o portugués.

Bótanse en falta máis ferramentas audiovisuais en galego que traten estes contidos. Pola rede atopei estoutro vídeo do valiosísimo microespazo «Ben falado», dirixido e presentado polo académico Xesús Ferro Ruibal. Nel faise unha amena presentación das sete vogais da nosa lingua.

8 de set. de 2012

Sonoros versos tautogramáticos


Yolanda Castaño xa apareceu neste blog un tempo atrás como presentadora do popular concurso Cifras e letras. Na entrada de hoxe, a poeta nada en Compostela ocupa un papel protagonista como autora dun título máis da nosa «bibliografia ludolingüística básica»: Elevar as pálpebras (1995). Trátase da súa primeira obra, un poemario que aborda a temática erótica cunha perspectiva feminina e feminista e que zumega sensualidade e ton lúdico. Unha boa proba disto é o poema «Abecedarios baleiros» no que Castaño ensaia o a técnica do tautograma.

Un tautograma (do grego tauto- ‘o mesmo’ -grama ‘letra’) é un verso ou un poema formado por palabras que comezan pola mesma letra. A autora logra crear, en forma de suxestiva e sonora enumeración, un gran texto tautogramático que percorre, letra a letra, todo o noso abecedario.
Abecedarios baleiros
Abecedarios de azar amargurado.
Beixos de baldíos balorentos.
Camposas cansas de cinza cega.
Chairas de chumbo chaguazoso.
Dor de debuxos desfigurados.
Esvaemento de esperanzas ebrias.
Fumes fuxidos de fogaxes fríxidas.
Gándaras de galaxias grises.
Hecatombe de herméticas herdanzas.
Idiomas de idades inaprensibles.
Lentura lene de lánguida laceira.
Mares de macias mágoas mancadas.
Nubes de náufraga nudez.
Outono de olladas orfas.
Poeira de pedra prateada.
Queixume de quietude queda.
Recendos raros de relentos rotos.
Saraiba de sorrisos secos.
Templos temperáns de torpes tentos taponados.
Universos de utopías últimas.
Vales vacíos de vagos vapores vagabundos.
Xardíns xementes de xarope xélido.
Zodíacos de zume zugado que zozobra.
Este texto de Yolanda Castaño, peza singular na nosa fauna ludolingüística, non pasou desapercibido para os nosos lectores máis novos e en blogs coma este ou estoutro podemos atopar novos poemas tautogramáticos inspirados nel.

Quen se anima a crear outro/s tautogramas?


5 de set. de 2012

Pasaches xa pola febre do Scrabble?


En 1938, o arquitecto estadounidense Alfred Mosher Butts creou o xogo ludolingüístico de mesa máis popular do mundo. En realidade, nese ano o xogo tomou a súa forma case definitiva, despois de lle engadir un taboleiro de 15 filas por 15 columnas. As sucesivas variantes que Butts fora ideando ata entón recibiran diversos nomes: Lexiko, Criss-Crosswords... Malia as dificultades para patentalo e o rexeitamento de dúas compañías de xoguetes para comercializalo, o seu inventor non se rendeu e chegou a fabricar coas súas propias mans 200 xogos que regalou ou vendeu entre seus amigos.

Despois da Segunda Guerra Mundial, dous destes amigos, o matrimonio James e Helen Brunot, fascinados por este enredo de cruzar palabras, decidiron arriscarse a comercializado. Despois de chegaren a un acordo con Butts no referente á repartición dos dereitos, optaron por lle facer pequenas modificacións: redistribuíron a posición dos cadros con premio, simplificaron un chisco o regulamento e déronlle o seu nome definitivo, Scrabble. En 1949 saíu ao mercado esta nova versión. Despois duns primeiros anos difíciles, co paso das décadas, a febre do Scrabble foi medrando e traspasando continentes.

Hoxe xa se venderon máis de cento cincuenta millóns de caixas de Scrabble, creáronse versións do xogo en ducias de linguas (cada unha coa súa frecuencia de letras específica) e hai federacións e campionatos por todo o mundo.

Aínda que, por desgraza, non hai unha «versión física» galega deste xogo de mesa, si contamos cunha versión en liña, desenvolta desde a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, que recibe o nome de Letrado/as.gz. Probade a rexistrarvos e a xogar.

E para pechar o comentario, aí vai un novo anuncio publicitario do Scrabble, tamén espectacular e engaiolante.

1 de set. de 2012

Xa estamos de volta!



Ei, carballeira! Nada mellor que unha canción chea de enerxía para estrear esta nova tempada de Xogosdelingua. «Debaixo da figueira», interpretada polo dúo Migallas, pasa así a formar parte do noso karaoke particular para pequenos e maiores.

Con letra e música do cancioneiro Martínez Torner e Bal y Gay, esta é dunha desas lúdicas cancións acumulativas que nos axudan a activar o sentido do ritmo e sobre todo... a memoria.

Na impagable web Orellapendella podemos atopar a letra completa desta canción e doutras de tipo acumulativo. Animádesvos a memorizala e cantala completa? E que tal se ademais a bailades con toda a súa coreografía? Como axuda, aquí deixo estas imaxes que seguro vos resultarán de axuda.






«Debaixo da figueira» forma parte do disco Pelo Gato 24 (2008), promovido pola Asociación de Gaiteiros Galegos. Un traballo que busca fomentar o canto nas escolas e poñer en valor as nosas cantigas e xogos populares. Nel participan, ademais de Migallas, outros artistas consagrados como Fuxan os Ventos, Leilía ou Xurxo Souto.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...