30/10/2012

Steve Kulick, campión dos encrucillados

Velaquí a Steve Kulick: brillante campión de resolución de encrucillados. Como di o comenzo do anuncio (en inglés): «non é doado ser un campión». Este título cómpre gañalo a pulso con duros adestramentos. Traballar día a día a capacidade de concentración, a velocidade co lapis e, sobre todo, a riqueza de vocabulario. ;-)



Este anuncio publicitario da lotaría oficial do estado de Oregón achéganos, en clave de humor, ao fenómeno dos campionatos de encrucillados. Nesta web ou neste vídeo, vemos como estes torneos ludolingüísticos teñen gran tradición no ámbito anglosaxón. Con todo, tamén os podemos atopar máis preto de nós, coma o recente Campionato de Euskal Herria de Encrucillados, unha envexable iniciativa normalizadora organizada pola revista de pasatempos en éuscaro Luma.



Todos estes campionatos desenvólvense coa mesma estrutura: ante o público, varios finalistas resolven, por separado e á vez, un mesmo encrucillado. Illados do seu arredor por auriculares, dispoñen dun tempo límite e quen primeiro remata correctamente é o gañador ou gañadora. Para os demais asistentes, ese tempo é amenizado por músicos, cómicos ou outros artistas.

En fin, todo un exemplo de como gozar do idioma cun chisco de san espírito competitivo.

Solucións á análise dos chistes de Nachortas (26-10-2012): Polisemia (costas = ‘ribeiras’ - ’lombo’) / Aférese ([r]ico - [p]obre) / Antonimia (‘subir’ - ‘baixar’) / Polisemia (carreira = ‘conxunto de estudos’ - ‘acción de correr’) / Sufixación (socorro - socorristas).

27/10/2012

O humor de Nachortas


Ignacio Hortas Rodríguez, máis coñecido como Nachortas, é un dos debuxantes máis experimentados do noso país. Como caricaturista e humorista gráfico, publicou en diversos «fanzines», revistas de humor e xornais (Mondongo, Xo, Valiundiez, Das Capital, Can Sen Dono ou Diario 16 de Galicia). Na súa faceta de ilustrador, colaborou con varias editoras (Galaxia, Do Cumio, Xerais...).

Na actualidade, podemos gozar periodicamente das súas viñetas no suplemento económico dominical Mercados de La Voz de Galicia e na edición comarcal de Arousa deste mesmo xornal. No primeiro caso, os protagonistas das viñetas son un mendigos a pedir na rúa e, no segundo, uns paisanos dos de boina encasquetada. Todos eles nos ofrecen súa visión lúcida e irónica de calquera tema: a crise económica, a actualidade local, o boom inmobiliario, as diferenzas interxeracionais, a corrupción política...

E non poucas veces Nachortas acode, como recurso chave nas súas viñetas, aos xogos de palabras. Por exemplo, nos chistes que encabezan a entrada empréganse estes recursos: aférese, sufixación, polisemia e antonimia. Podedes identificar en cales?

Ah!, e para rematar, velaquí unhas interesantes ligazóns especializadas en humor gráfico galego: eivados.com, oimperdibel.blogspot.com.es e humorgz.blogaliza.org. Seguro que gozaredes con elas.

24/10/2012

Siniestro Total: ludolingüistas


Aí queda, ben grande para que non se perda detalle. Unha portada xenial para un disco memorable dos vigueses Siniestro Total, daquela cando o rei era o vinilo. Sobre un fondo de rabudo amarelo, un xeróglifo (en castelán) a xeito de título.

A portada no seu conxunto foi deseñada por Pepo Fuentes, colaborador habitual do grupo. Unha letra «D» maiúscula de gran tamaño. Debaixo dous debuxos de órganos sexuais (masculino e feminino) moito máis pequenos. Logo, a pregunta «¿Como se llama este disco?» A resposta, grazas ao recurso do calembur: Gran de sexitos = Grandes Éxitos. Xenial!

Grandes Éxitos foi o primeiro álbum recompilatorio de Siniestro Total. Contiña temas inéditos e caras B perdidas. O máis curioso é que, aínda sendo o ano 1986, o selo independente DRO decidiu censurar absurdamente as primeiras edicións eliminando o xeróglifo, como podemos ver aquí. «Cousas veredes!»

En fin, coa movida viguesa dos 80 en pleno revival co musical Galicia Canibal e en homenaxe aos irreverentes Siniestro, aquí deixo, para o noso karaoke, a ligazón de «A onde vas rapaz?», un dos temas senlleiros do Xabarín Club, e tamén este vídeo do seu «Corta o pelo, landrú», vibrante versión do clásico «Sunshine of your love» de Eric Clapton.


21/10/2012

Ronseltz: poemas para ler con casco


Poucas obras supuxeron para a literatura galega un refacho tan fresco de irreverencia e sentido do humor como o poemario Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados (1994), do colectivo Ronseltz. Este grupo poético, que polas datas de publicación do libro xa estaba disolto, botara a andar na Coruña dez anos antes. Formábano os mozos Xoán Carlos Rodríguez, Manuel Cortés, Serxio Iglesias, Xabier Cordal e Miguel Anxo Montes (máis coñecido como Miki Nervio).

O propio nome do grupo era xa todo un síntoma do seu afán transgresor e lúdico. Como eles mesmos declararon, no seu primeiro recital, entre rolda e rolda de cervexas, probaron un cóctel de ron con sifón: Ronseltz. De aí xurdiu a idea de converter este xogo de palabras en nome do grupo, que ademais era unha referencia directa a Ronsel, histórica revista poética da vangarda galega de comezos do século XX.

Nas primeiras páxinas do volume pode lerse esta declaración de intencións: «O poema é unha pedrada na cabeza. Por iso lles recomendamos aos leitores que usen casco». E os amigos de Ronseltz abofé que tiraban a dar! Das súas «pedradas» non quedaba libre ningunha «vaca sagrada» das nosas letras: desde os trobadores medievais, parodiados sen pudor nin prexuízos; ata Uxío Novoneyra, ameazado con pasar os seus Eidos pola concentración parcelaria; pasando por Manuel Antonio, que viu a súa Ría de Arousa convertida en escenario do narcotráfico neste coñecido caligrama.


Unicornio de cenorias que cabalgas os sábados é, en definitiva, unha desas estrañas pezas únicas, hoxe xa descatalogada, que non debe faltar na nosa «bibliografía ludolingüística básica», aínda que só sexa por esta xenial definición de Galicia: 
Galiza
Todo na miña terra é paisaxe
Menos traxe,
paxe
e garaxe.
Por último, a xeito de peche, aquí deixo a Carlos Blanco nun recital-presentación do poemario na sala Nasa aló polo 1995.

18/10/2012

Os misteriosos anagramas de Galileo

Os homes de ciencia na Europa do século XVII empregaban adoito mensaxes en forma de anagrama para lles comunicar aos seus colegas calquera descubrimento. Isto tiña dúas xustificacións: a primeira, poder reclamar con posterioridade a paternidade do achado ofrecendo sen máis a solución coa mensaxe correcta; a segunda, e non menos importante, evitar problemas coa Inquisición, fanática defensora dos dogmas da Igrexa Católica.

Un destes «eruditos anagramáticos» foi o astrónomo e físico Galileo Galilei (1564-1642), que, como é sabido, sufriu a persecución da Igrexa por defender a teoría heliocéntrica de Copérnico, segundo a cal a Terra non era o centro do Universo, senón que xiraba arredor do Sol coma os demais planetas.

En agosto de 1610, Galileo fíxolle chegar ao seu amigo e colega Johannes Kepler (1571-1639) unha carta con este texto: 

SMAISMRMILMEPOETALEUMIBUNENUGTTAUIRAS 

A incomprensible mensaxe era un anagrama co que Galileo encriptara unha recente descuberta. Kepler, afeito a resolver misteriosas mensaxes coma esta, «desenleou» así o texto: 

SALVE UMBINISTINEUM GEMINATUM MARTIA PROLES. 
[Salve, ardentes xemelgos fillos de Marte]

O alemán interpretou deste xeito que Galileo viña de descubrir que Marte tiña dous satélites.

En novembro, o italiano comunicou a solución. O verdadeiro texto oculto era: 

ALTISSIMUM PLANETAM TERGEMINUM OBSERVAVI. 
[Observei o planeta máis alto en triple forma]

É dicir, o que realmente acababa de descubrir eran os aneis de Saturno (o planeta máis elevado no firmamento), mais debido á pouca resolución do seu telescopio pensara que eran dúas lúas, unha a cada lado do planeta.

Pouco despois da primeira mensaxe, Galileo envioulle a Kepler este segundo anagrama: 

HAEC INMATVRA A ME JAM FRVSTRA LEGVNTVROY. 
[Intenteino en van demasiado cedo]

Kepler de novo afrontou o reto criptográfico e creu descubrir esta interpretación:

MACULA RUFA IN JOVE EST GYRATUR MATHEM, ETC. 
[En Xúpiter hai unha mancha vermella a xirar matematicamente]

Con todo, ás poucas semanas, Galileo revelaba que o seu texto secreto era estoutro: 

CYNTHIAE FIGURAS AEMULATUR MATER AMORUM. 
[A nai do amor emula a forma de Cynthia]

O verdadeiro achado de Galileo era que Venus (a nai do amor), a xirar arredor do sol, presentaba fases como as da Lúa (cuxo nome poético é Cynthia).

O máis misterioso do caso, alén do xogo de cifrado e descifrado, é que as dúas interpretacións erradas de Kepler desveláronse finalmente correctas séculos máis tarde: 
Hoxe sabemos que Marte ten realmente dúas pequenas lúas (Phobos e Deimos). Foron descubertas polo estadounidense Asaph Hall en 1877 empregando un telescopio centos de veces máis potente ca os de Galileo e de Kepler.
Xúpiter efectivamente ten unha xigantesca tormenta vermella en movemento que persiste ata os nosos días, mais coincídese en aceptar un debuxo do alemán Heinrich Samuel Schwabe feito en 1831 como a primeira referencia do seu descubrimento.

En fin, misteriosos anagramas cunha segunda interpretación dun abraiante valor premonitorio, xa que explicaban un feito imposible de coñecer no momento en que foron creados e descifrados. Un dos enigmas máis intrigantes da astronomía.

15/10/2012

Outra forma de lermos cómics


A lectura dramatizada é unha técnica habitual nas nosas aulas. O novidoso do video anterior, elaborado polo alumnado do IES Ferrolterra (de Ferrol), é que a obra dramatizada é un cómic. En concreto, trátase do álbum A mansión dos Pampín (2005), de Miguelanxo Prado, un volume creado no marco do Proxecto Terra do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia (COAG) e que aborda, en clave de humor, temas como a burbulla inmobiliaria, o feísmo arquitectónico, o caos urbanístico... e, de fondo, o pouco amor polo noso.

Este tipo de dramatizacións permite mellorar a destreza lectora á vez que fai máis ameno o achegamento ás obras literarias. E esta técnica vólvese moito máis completa e enriquecedora se, ademais, se plasma nun vídeo coma o anterior. Con paralelismos evidentes coa técnica da dobraxe, cómpre organizar o traballo en equipo, dixitalizar as viñetas, ensaiar e gravar a lectura, buscar música e efectos sonoros, montar o vídeo e o audio de forma sincronizada e moitas cousas máis.

En fin, unha peza admirable esta dos amigos do IES Ferrolterra, un traballo que leva xa máis dun ano a difundirse pola arañeira. Que cunda o exemplo!

11/10/2012

«Was it a cat I saw?»

Declárome un fervente admirador de Martin Gardner, xenial científico estadounidense divulgador de xogos de enxeño e de matemática recreativa. Un dos seus libros máis engaiolantes é Mathematical Puzzles of Sam Loyd (editado en castelán co título de Los Acertijos de Sam Loyd). Nel recolle unha escolma de enigmas matemáticos do seu paisano Sam Loyd, outro marabilloso creador de enredos. Deseguido presento un destes problemas, que á súa vez se inspira noutra obra mestra: Alicia no país das marabillas, de Lewis Carroll. Deixo o texto íntegro traducido ao galego e a ilustración que o acompaña:

 
Lembremos as notables experiencias de Alicia co gato de Cheshire, que tiña o costume de desaparecer no aire ata que del só quedaba o seu sorriso irresistible. Cando Alicia viu por primeira vez o seu amigo felino, quería saber que tipo de animal era, e posto que na Terra das Marabillas as preguntas se formulan sempre por escrito, escribiu a súa pregunta. Mais, como alí ademais as cousas adoitan lerse de adiante cara a atrás e viceversa, escribiuna como se mostra na ilustración. Isto permítelles aos lectores comezar e rematar onde lles pete, como farían no país das marabillas.
O problema é: de cantas formas distintas se pode ler a pregunta de Alicia, «Was it a cat I saw?» (Era un gato o que vin?) Comece por calquera W, móvase ás letras adxacentes ata chegar ao C central e, deseguido, volva cara ao borde. Pode ir cara a arriba, cara a abaixo, cara a dereita e cara a esquerda.
Aí tedes o enigma. Veña, mans (e mente) á obra!  

Xa imaxino que hai grandes matemáticos entre vós e que non tardariades en calcular cantos camiños palindrómicos (WASITACATISAW) se poden facer nesta grella de letras; con todo, para os que coma min teñan menos habilidade para o cálculo, tamén ofrezo o texto da solución orixinal.
Moitos bos matemáticos incorreron no erro de intentar resolver este problema sobre a base de que hai 24 puntos de partida e igual número de finais. Supuxeron que o cadrado de 24, é dicir, 576, era o número de posibilidades. Pasaron por alto as rutas laterais que ofrecen 252 xeitos de chegar ao C do centro, e como hai igual número de maneras de regresar aos W, o cadrado de 252 é a resposta correcta, isto é, hai 63.504 maneiras diferentes.
Na arañeira dei con esta ligazón que nos dá (en inglés) unha explicación máis gráfica, ampla e detallada da solución deste encantador problema, a medio camiño entre o xogo matemático e o lingüístico.

07/10/2012

Escatumbararibê



Se cadra, xa coñeciades este vídeo que leva desde o 2007 circulando pola arañeira. Unha fermosa canción-trabalinguas cunha coreografía engaiolante de mans e vasos. Trátase da adaptación da peza tradicional brasileira «Escatumbararibê» feita por Viviane Beineke e Sérgio Paulo Robeiro de Freitas, coordinadores do proxecto pedagóxico-musical Lenga la Lenga.

Velaí vai a letra completa por se, en grupos, vos animades a interpretala.
Escatumbararibê
Zum Zum Zum
Escatumbararibê
Escatumbararibê
Escatumbatinga
Auê sarubê abá
Escatumbararibê
Escatumbatinga.
E aquí podedes descargar un PDF coa partitura completa e tamén con intrucións para a coreografía. Ánimo!

Unha magnífica combinación de tradición oral, música e xogo que aos poucos foi gañando seguidores na rede. Coma estes dous rapaces que interpretan a nosa cantiga popular «Miña nai, miña naiciña», cun coidado acompañamento de percusión (mans, vasos e mesa) ideado por Juan Parga Cervelo, un dos fundadores da aCentral Folque, proxecto pedagóxico arredor da música tradicional galega.

04/10/2012

Outro membro máis da familia «-grama»

Xa caeriades na conta de que por estes lares de Xogosdelingua hai moita «grama» e non me refiro a ningunha herbácea, senón a esa «-grama» grega que fai referencia á letra: anagramas, pinacogramas, pangramas, caligramas, tautogramas, lipogramas... E por se xa non tiveramos dabondo, hoxe chega outro membro da familia: os ambigramas.

Aquí deixo este vídeo creado polo deseñador gráfico John Moore, con música de Angel Rada, ambos os dous venezolanos. Cun psicodélico aire sesenteiro, ofrécenos unha chea de fermosos ambigramas.


Como xa poderiades comprobar, un ambigrama é unha palabra ou unha frase escrita de tal xeito que admite dúas lecturas: unha na súa posición normal e outra dándolle a volta verticalmente 180º. Para entendelo mellor, poñerei o exemplo dun «ambigrama natural» da nosa lingua: OSO, que se le igual boca arriba a boca abaixo.

Polo que puiden pescudar, o primeiro «ambigrama artificial» recoñecido é o logotipo da marca de mistos chump aparecido na revista británica Strand aló por xuño de 1908.


Desde entón, os ambigramas convertéronse nun excelente exercicio de creatividade para todos os amantes do deseño, con múltiples aplicacións comerciais: logos de empresas, tatuaxes, obxectos de regalo...

Aquí e aquí deixo as ligazóns de dúas páxinas (en inglés) que ofrecen xeradores automáticos de ambigramas. Aínda que teñen fin comercial, podedes xerar ambigramas virtuais coas voces que desexedes sen necesidade de pagamento.

01/10/2012

O engado da poesía concreta


Unha espiral centrípeta que nos amosa o que hai no medio da «coisa», un eterno «renascer» circular, unhas frases que conforman a cifra de simetría máis erótica e un oco 3D. Se non vos deixan indiferentes as composicións anteriores é que estades a caer no engado ludolingüista da poesía concreta. Non hai moito dei coa fascinante web brasileira concretismo.zip.net e nela atopei estas pezas e outras moitas deste movemento poético.

A poesía concreta naceu no Brasil nos anos 50 do século pasado da man do grupo Noigandres, formado por Augusto de Campos, Haroldo de Campos e Décio Pignatari. Por suposto, tiñan o seu propio manifesto vangardista e nel se declaraban debedores de poetas como Stéphane Mallarmé, Ezra Pound, James Joyce ou Guillaume Apollinaire, entre outros.

Como bo movemento de vangarda, o concretismo busca a ruptura co anterior. Así, rexeita o verso e a sintaxe convencional e, pola contra, explota a letra como signo material, a forma plástica da palabra e a distribución espacial do texto. O seu obxectivo último é unha poesía coa maior simplicidade e o mínimo de texto (concretismo), de xeito que a propia síntese estrutura-contido é a que comunica.

As pezas concretistas conéctanse desta forma con outras manifestacións poéticas que combinan o visual co verbal: os caligramas, a poesía visual, os vídeo-poemas... Todas elas demostran ás claras a inconveniencia de buscar estremas entre as manifestacións artísticas.

Aquí vos deixo un video no que o realizador brasileiro Christian Caselli fai unha adaptación audiovisual de cinco poemas concretos do grupo Noigrandes: «Cinco», «Velocidade», «Cidade», «Pêndulo» e «O Organismo».


Búscanse novos «poetas concretos»! Ánimo!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...