31/12/2012

A lacónica historia do mundo: mapa de palabras


Nunca a frase «Con poucas palabras, bastan» foi máis acaída. Vía microsiervos.com, coñecín este mapa, deseñado polo cartógrafo Martin Elmer e que simboliza miles de anos de historia da humanidade mediante da representación de cada país cunha soa palabra.

Para realizalo, o autor consultou primeiro na Wikipedia a sección de historia da entrada de 176 países. Posteriormente, tomou todos eses textos, pasounos por un software deses que crean nubes de palabras e quedou coa voz máis repetida en cada un. Logo só tivo que deseñar o mapa dándolle forma a eses vocábulos.

Aquí temos a versión ampliable e navegable do mapa e aquí algunhas curiosidades (en inglés) que deseguido vos ofrezo:
O 16% dos países do mapa están representados pola palabra war (guerra), entre eles case todos os da Europa occidental.
O 25% de todos os países levan unha palabra que fai referencia ao poder colonial que os dominou: british (británico), spanish (español), french (francés), portuguese (portugués)...
A nobreza que encarna o poder é a voz que representa unha vintena de países: sultan (sultán), kingdom (reino), dynasty (dinastía), empire (imperio)...
A palabra máis común dalgúns países é o nome dun Estado veciño. Convén non trabucarse: Hungría é en realidade Eslovaquia, India é Pakistán, Etiopía é Eritrea...
Moi poucos países están representados pola súa denominación precolonial ou pola que nomea a súa poboación indíxena: berber en Marrocos, maorí en Nova Zelandia, oghuz en Turcomenistán...
En fin, con esta peza podemos comprobar que ás veces as explicacións máis sinxelas poden ser tamén as máis reveladoras.

Propoño un xogo: descubride que países do mapa se identifican con estas palabras: oil (petróleo), northern (do norte), period (período), norse (nórdico), south (sur).

E se queredes, xogade a facer o mesmo copiando e pegando nun destes xeradores de nubes de palabras o texto completo da sección de historia da entrada «Galicia» da Wikipedia. Cal será o resultado?

Ah, por certo, os mellores desexos para o 2013!

27/12/2012

Miau, miau!



Que marabilla de duelo felino! Nunca pensei que unha onomatopea puidese dar tanto xogo! Trátase do Duetto buffo di due gatti, atribuído ao compositor italiano Gioachino Rossini (1792-1868), unha peza cuxa letra consiste só na repetición da voz «miau». Rossini foi coñecido especialmente polas súas óperas bufas, un tipo de ópera xurdida na Italia do século XVIII como reacción á chamada «ópera seria». Fronte a esta, máis centrada en traxedias mitolóxicas, a ópera bufa buscaba a diversión con comedias de tema máis mundano e cotián. Neste caso, un simple duelo de dous gatos a miañar.

A onomatopea é a palabra que se forma imitando sons reais. No que respecta aos animais, xa puidemos ver nunha entrada anterior como a percepción dos seus sons pode ser moi distinta en cada cultura.

Ata hai pouco tiempo, as vacas, os burros, as ovellas, os cans ou as galiñas tiñan unha enorme importancia na nosa sociedade. Por iso, o galego posúe un léxico tan abundante e variado sobre as voces dos animais. As nosas vacas brúan, bradan ou múan; os nosos porcos gorlan ou gruñen; os nosos gatos mían ou miañan... Para saberdes máis, aquí deixo un novo capítulo do sempre imprescindible «Ben falado».

24/12/2012

O edificio-encrucillado de Lviv


Cando vin por primeira vez esta imaxe, quedei abraiado e mesmo pensei que debía ser unha montaxe fotográfica. Mais ao indagar un chisco sobre este encrucillado xigante, descubrín que se trataba dunha brillante idea de promoción turística da cidade ucraína de Lviv, declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO en 1998. As autoridades locais decidiran levar adiante un innovador proxecto artístico: estampar un encrucillado de 30 metros de altura na fachada lateral dun edificio de apartamentos. De feito, é o encrucillado máis grande (en tamaño real) do mundo.

Cando o vemos, podemos pensar que se trata dunha simple imaxe decorativa, dun pasatempo sen contido. Fáltanos algo para completar a ecuación: as preguntas.

Pois si que as hai. Estan esparexidas por distintos lugares de interese da cidade: museos, teatros, fontes... Cando os visitantes percorren estes espazos, van anotando as respostas ás preguntas que atopan.

E o mellor vén á noite. Se os turistas acoden ao edificio-encrucillado cando escurece, poden comprobar se as súas respostas son as correctas xa que entón todos os cadros, en branco á luz do día, amosan as súas letras, gravadas cunha tinta fluorescente especial que se activa co alumeado da rúa.

Unha orixinal e enxeñosa aplicación da ludolingüística ao servizo da promoción dunha cidade.

21/12/2012

Do 20022002 ao 02022020


Que tempos aqueles, hai xa máis de 10 anos! Con todo, Lorenzo Milá equivocábase: a efémeride da seguinte data simétrica non se repite hoxe (21-12-2012), senón que o fixo o pasado 21 de febreiro (21-02-2012). E a próxima data capicúa non será no 2013, xa que non existe o 31 de febreiro (31-02-2013). Pola mesma razón tampouco se dará no 2014, nin no 2015... A proxima data deste tipo terémola no 2020 (02-02-2020). Iso si, agradécese a definición concisa e clara de ambigrama que nos ofrece Milá. Xa abordamos este xogo lingüístico e visual nunha entrada anterior. A verdade é que sempre asociei os ambigramas a esas hipnóticas imaxes que presentan dúas interpretacións ao rotalas 180º. Por exemplo:


E tamén me lembran os debuxos paradóxicos do xenial artista gráfico Maurits C. Escher.

En todo caso, para os amantes destes enredos aí van unhas ligazóns de interese. Nesta ligazón, nesta e nestoutra tedes fermosos exemplos de voces ambigramáticas. Nesta páxina podedes atopar ambigramas dunha gran cantidade de nomes propios. E aquí é posible ver como se crea, paso a paso, un ambigrama cun sinxelo programa de deseño gráfico.

18/12/2012

Para magos das palabras e dos outros



Nos últimos anos, poucos libros me resultaron máis atraentes ca este Abrapalabra (2010), creado a seis mans: as do escritor Antón Cortizas, as do mago Carlos Coira e as do ilustrador Jacobo Fernández Serrano. Un deses libros-xogo para nenos e mozos que tamén son a miña debilidade.

Por unha parte, o volume é unha divertida guía para magos novos. Capítulo a capítulo aprendemos accesibles e variados trucos de maxia que nos irán levando desde o nivel de «aprendiz» ata o de «supermago».

Por outra, imos descubrindo toda a maxia oculta nas palabras. Unha chea de textos, sobre todo poéticos, que nos amosan o amplo abano de posibilidades lúdicas da lingua: trabalinguas, adiviñas, caligramas, acrósticos, textos acumulativos ou tamén monovocálicos (como o que segue).
Na casa á varanda a fada Manana
cantaba baladas na paz da mañá;
na banda da valga galanas as garzas
as ás abalaban, danzaban á par.
A fada Manana sacaba a baralla,
barallaba as cartas na palma da man,
argallaba as cábalas a fada afanada,
para armar palabras sacaba ás tras ás.
Na casa á varanda, palpaba laranxas
cantaba calandras, asaba mazás...
Da alma abrazada a fada lanzaba
cara ás ás das garzas palabras de amar.
E todo cun fantástico traballo de ilustración e cun coidado deseño de gran formato, que mesmo ofrece... un atril incorporado. Outra xoia imprescindible para a nosa «bibliografía ludolingüística básica»!

14/12/2012

Un trevo de catro follas!


Velaquí un auténtico trevo de catro follas! Un poema acróstico e tautogramático asemade. Cousa ben feita! O autor deste «duplo salto mortal» é un bo amigo: Xosé Amancio Liñares Giraut, profesor, escritor, historiador e codirector de tresCtres editores. Non hai moito, Xosé Amancio tivo a amabilidade de facerme chegar algunha información sobre esta faceta súa que eu descoñecía.

O certo é que compuxo dúas fermosas pezas deste tipo. A primeira, «Irmáns», creouna aló polo 1979 (con 18 anos) e foi publicada no 1992, na coñecida colección Biblioteca 114 de El Correo Gallego:
I nquedanzas infindas e ilusións inmortais:
R enacer, rexamente, á revolución roubada.
M orrer?: matando o medo e a miseria miserenta.
A pagar alumando con ardor (ardentemente).
N amorar.
S ó sorrindo e sempre soñando, IRMÁNS.

                 X. Amancio Liñares Giraut, «Matinando en Yolanda», ¡Ouh Galicia maná!
A segunda composicion, «Vacas», é a que vemos na fotografía inicial e foi elaborada ex profeso para o libro de Xurxo Lobato No país das vacas (2009). Un volume que deu orixe a unha estupenda mostra fotográfica que neste ano 2012 circulou por varias cidades do país:
V alor verdadeiro, vangardista e sen vaidade: o vacún vizoso é vida. ¡Vivan as vacas, as vacadas, as vacarizas!
A chégannos alimento
ab aeterno, abeiro, agro, agroindustria, abundancia, agarimo, acougo, amor.
C ando coñezamos con certeza a súa cerna, o seu caletre, capacidades, cénit... (cita Castelao, coruscando).
A talieiros, acadaremos arreo adiantos auténticos, autoestima, autonomía e autoxestión, autoidentificación agrícola, autodeterminación agraria.
S ucando e sementando sempre. V. V.: ¡Vademécum vacún!

                 X. Amancio Liñares Giraut, en No país das vacas (de Xurxo Lobato)
En fin, dúas rarezas marabillosas, dous poemas virtuosos no formal e cargados tamén de mensaxe. Quen se anima a crear novas combinacións de acróstico + tautograma? A quen non lle gustan os trevos de catro follas?

11/12/2012

Elizabeth Kingsley e a orixe dos dameiros

Corría o ano 1933. Elizabeth Kingsley, profesora de Literatura no Wellesley College de Brooklyn (Nova York), tiña xa 62 anos e estaba cansa de ver como o seu alumnado teimaba en escribir ao xeito dun irlandés de moda: James Joyce. Así que decidiu facer algo.

Kingsley era moi afeccionada aos encrucillados e tivo unha inspiración. Tomou seis versos do poema «Ulysses» do seu autor predilecto, Alfred Lord Tennyson, e trasladounos letra a letra a unha grella rectangular deixando en negro os cadros que correspondían aos espazos entre palabras. A cada cadro con letra asignoulle un número, do 1 ao 178. Desta morea de letras, seleccionou 25 coas que formou o nome do autor e o título da obra (Alfred Lord Tennyson + Ulysses), despois dispuxo as catro palabras nunha columna vertical a xeito de acróstico. Partindo destas iniciais, utilizou as 153 letras restantes, para crear outros 25 novos vocábulos. Acababa de nacer así un novo xogo de palabras, o «double-crostic», máis coñecido entre nós como dameiro.

A wikipedia inglesa non o di, mais imaxínome a veterana profesora vendo a luz ao final do túnel: podería supoñer aquel estraño pasatempo a súa dourada xubilación? Kingsley dedicouse durante meses á frenética produción de novos «double-crostic». En marzo de 1934 entregou un cento deles nas oficinas de The Saturday Review of Literature, cuxos directivos, admirados polo novo pasatempo, non tardaron en lle ofrecer un suculento contrato.

O éxito da colaboración fixo que tamén comezara a publicar os seus dameiros na edición dominical do The New York Times. Como cabería imaxinar, desde entón, a profesora deixou a «ingrata docencia» e decidiu establecerse no Henry Hudson Hotel. Na comodidade desta hospedaxe viviu durante vinte anos (ata o seu falecemento), dedicada a crear un dameiro semanal.

Supoño que esta vida pracenteira non é igual á do noso «dameirógrafo» máis importante: Paulino Novo. O lingüista meirao leva xa anos publicando estes pasatempos en El Progreso, Diario de Pontevedra e De Luns a Venres. Aquí tedes unha chea deles en versión imprimible.

E, agora, a xogar con este pasatempo que ten algo de encrucillado (polas palabras definidas que cómpre adiviñar e pola grella de cadros), de anagrama (pola combinación de letras que, ben ordenadas, serven para recompoñer o texto) e de acróstico (polas iniciais das palabras chave que serven como pista para a súa resolución).

08/12/2012

«Trabalínguate» e «destrabalínguate»


Ao redor destes trabalinguas en galego xuntáronse diversas xeracións que compartiron un momento divertido diante das nosas cámaras; pais, nais e fillos, avós e netos, irmáns... Todos xuntos intentando repetir o mais rápido posible e de diversos xeitos, estes, nosos trabalinguas, de Marín e do resto de Galicia.
Neste vídeo e neste texto, os amigos do CEIP O Sequelo, de Marín, recollen unha recente experiencia arredor dos nosos trabalinguas tradicionais.

Un trabalinguas, como é sabido, é un enunciado cun grupo de sons que se repiten e que, xusto por esa reiteración, son difíciles de pronunciar. Dito doutro xeito, son oracións que se resisten a abrollar da nosa boca. Así, a función básica deste xogo de lingua é axudarnos a mellorar a vocalización e a fluidez da nosa fala. Por iso, son tan útiles na aprendizaxe e na terapia da linguaxe oral.

E ademais, os trabalinguas tamén son marabillosas mostras da cultura popular. Algo así como pequenas xoias de creación colectiva deseñadas para xogar, falar, trabucarnos e rir.

Velai van unhas mostras engaiolantes, todas tomadas do imprescindible orellapendella.org. Quen se anima a enlear e desenlear a lingua?
- Ten tinta Antón?
- Tinta Antón ten.

Pola presa do muíño fun.
Collín cordóns.
Cordóns collín.
Debaixo dunha pipa tinta
hai unha pita pinta;
cando a pipa tinta pinga,
a pita pinta pía.
Nun niño de conchagarfos,
dous conchagarfiños hai.
Quen os desenconchagarfizare
bo desaconchagarfizador será.
E para rematar, un novo vídeo con outra experiencia escolar arredor dos trabalinguas. Agora, da EEI Barrionovo, de Arteixo (A Coruña).


05/12/2012

A poesía visual de Joan Brossa



Un poema pode ter máis forza ca calquera arma de fogo. O alfabeto (e a lingua) é a chave coa que abrimos o mundo (que xenial coincidencia cos versos do noso Manuel María!). O oco que deixan as letras «C», «H» e «E» no alfabeto simboliza o baleiro que deixou a figura do «Che» Guevara. Cada persoa, única como a súa pegada, atópase nun mundo que é coma un xogo de palabras cruzadas.

Catro interpretacións para estes catro poemas visuais do catalán Joan Brossa (1919-1998). Autor de fonda inquietude experimental, Brossa traballou en múltiples ámbitos: poesía, escultura, teatro, cine... Este continuo afán de investigación encamiñouno progresivamente cara á poesía visual. Nun mundo no que a palabra entra en crise fronte ao esmagador poder da imaxe, Joan Brossa reclama un espazo para este tipo de poesía. Nas súas palabras:
«A poesía visual creo que nace a causa da importancia que ten a imaxe no noso mundo. A sociedade ofréceche unha serie de códigos ao teu alcance que se poden utilizar doadamente; por exemplo, a xente está afeita a ver unha frecha e a entender a súa mensaxe. Daquela, todo este sistema de linguaxe pódese aplicar á poesía. De feito, é volver aos pictogramas. O principio da escrita remítenos aos pictogramas e aos ideogramas. É necesario reencontrar na imaxe das letras a pegada dunha figuración perdida».
Xa vimos nunha entrada anterior unha curmá da poesía visual: a poesía concreta. Por que non espertar o/a poeta visual que levades dentro? Para vos animar, aquí deixo un vídeo dedicado a Joan Brossa no que se animan algunhas das súas pezas.


02/12/2012

«You say tomato...»: unha de eufemismos


«You say tomato, I say bailout». Con este titular, a revista Time ironizaba o 9 de xuño deste ano sobre un goberno español que se negaba teimudo a chamar as cousas polo seu nome. Así, o clásico estándar de jazz de Ella Fitgerald e Louis Armstrong servía para ilustrar, con moita retranca, a procura de eufemismos que permitisen evitar a palabra maldita: rescate («bailout»).

Como podemos ver no seguinte vídeo, o uso de eufemismos é unha necesidade constante da linguaxe política dos nosos días. Con eles, os gobernos buscan edulcorar a crúa realidade e encubrir o verdadeiro alcance das súas decisións. Unha manipulación que, as máis das veces, pretende anestesiar o pensamiento crítico dos cidadáns e que, no fondo, só contribúe a desprestixiar aínda máis a clase política. 

 

Como xa vimos nunha entrada anterior, este discurso político imperante, baleiro e eufemístico, parece convertido nun estraño xogo de lingua coas súas propias regras. Aquí deixo un breve esquema para interpretarmos mellor o seu significado.


Activade os vosos detectores de eufemismos e localizade cantos poidades na linguaxe dos medios de comunicación. Ánimo!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...