11 de dec. de 2012

Elizabeth Kingsley e a orixe dos dameiros

Corría o ano 1933. Elizabeth Kingsley, profesora de Literatura no Wellesley College de Brooklyn (Nova York), tiña xa 62 anos e estaba cansa de ver como o seu alumnado teimaba en escribir ao xeito dun irlandés de moda: James Joyce. Así que decidiu facer algo.

Kingsley era moi afeccionada aos encrucillados e tivo unha inspiración. Tomou seis versos do poema «Ulysses» do seu autor predilecto, Alfred Lord Tennyson, e trasladounos letra a letra a unha grella rectangular deixando en negro os cadros que correspondían aos espazos entre palabras. A cada cadro con letra asignoulle un número, do 1 ao 178. Desta morea de letras, seleccionou 25 coas que formou o nome do autor e o título da obra (Alfred Lord Tennyson + Ulysses), despois dispuxo as catro palabras nunha columna vertical a xeito de acróstico. Partindo destas iniciais, utilizou as 153 letras restantes, para crear outros 25 novos vocábulos. Acababa de nacer así un novo xogo de palabras, o «double-crostic», máis coñecido entre nós como dameiro.

A wikipedia inglesa non o di, mais imaxínome a veterana profesora vendo a luz ao final do túnel: podería supoñer aquel estraño pasatempo a súa dourada xubilación? Kingsley dedicouse durante meses á frenética produción de novos «double-crostic». En marzo de 1934 entregou un cento deles nas oficinas de The Saturday Review of Literature, cuxos directivos, admirados polo novo pasatempo, non tardaron en lle ofrecer un suculento contrato.

O éxito da colaboración fixo que tamén comezara a publicar os seus dameiros na edición dominical do The New York Times. Como cabería imaxinar, desde entón, a profesora deixou a «ingrata docencia» e decidiu establecerse no Henry Hudson Hotel. Na comodidade desta hospedaxe viviu durante vinte anos (ata o seu falecemento), dedicada a crear un dameiro semanal.

Supoño que esta vida pracenteira non é igual á do noso «dameirógrafo» máis importante: Paulino Novo. O lingüista meirao leva xa anos publicando estes pasatempos en El Progreso, Diario de Pontevedra e De Luns a Venres. Aquí tedes unha chea deles en versión imprimible.

E, agora, a xogar con este pasatempo que ten algo de encrucillado (polas palabras definidas que cómpre adiviñar e pola grella de cadros), de anagrama (pola combinación de letras que, ben ordenadas, serven para recompoñer o texto) e de acróstico (polas iniciais das palabras chave que serven como pista para a súa resolución).

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...