30/12/2013

O estímulo creativo do alfabeto



Xa vimos outras veces como o alfabeto serviu de estímulo creativo a deseñadores de todo tipo: Johann David Steingrüber, Anthon Beeke, Marion Bataille...

Desta vez, a fermosa peza que encabeza a entrada é froito da xenialidade de Alessandro Novelli, Andrea Gendusa e Víctor Pérez, os membros do estudio italiano de deseño N9VE.

Todas as letras do alfabeto inglés presentadas das formas máis creativas, desde o «A» de anamorphosis ata o «Z» de zero. Xogando con diferentes técnicas e materiais, os deseñadores buscaron aproveitar cada letra para expresar visualmente o significado da propia palabra. E sempre coas proporcións da fonte Helvetica.

Engaiolante! Seguro que, despois de vela, volverás darlle ao play! Un pequeno presente para lle dar a benvida ao 2014! Os mellores desexos para o ano novo!

27/12/2013

«Let’s play word games!»

Wordgames é unha web imprescidible. Centos de xogos de palabras en liña e de balde; en inglés, iso si. Hainos de todos os tipos: encrucillados, sopas de letras, distintas variedades do aforcado, xogos de habilidade co teclado e moitos outros. Aí van só catro:

 
Letter Scramble
As letras van aparecendo ao chou e sen parar. Se non es rápido, acabarás cunhas cen letras amoreadas por todo o taboleiro. Para ir eliminándoas, debes crear palabras con elas. Cantas máis letras conteñan eses termos, máis puntos consegues.


 

Zombie Typocalypse
Chegou a apocalipse zombi! É a hora de demostrar a túa habelencia co teclado para poder sobrevivir. O bo é que para deixar fritos os zombis só tes que escribir a palabra que hai sobre eles. Iso si, faino antes de que te alcancen eles a ti.

 

Hangman
Unha nova e mellorada versión do clásico aforcado, ideal para ampliar e reforzar o vocabulario. Escolle unha categoría (animais, froitas, partes do corpo...) e comeza a premer nas letras do teclado ata descubrir de que palabra se trata. Se o aforcado acaba por pendurar completo, perdiches.

 

Canufit
Un orixinal crebacabezas no que cómpre empregar a lóxica, a atención e a intuición para encaixar letras de palabras dentro de imaxes. Espreme os miolos: xira e move as letras ata conseguir situalas correctamente. Un xogo a medio camiño entre o enredo coa tipografía e a arte abstracta. Xenial!

24/12/2013

Escola de escritura con Xabarín


Foi unha das grandes novidades do último Culturgal: a «Escola de escritura co Xabarín». Un xogo en galego para a aprendizaxe da lectoescritura con divertidas actividades guiadas polo célebre porco bravo. Inclúe catro encerados plastificados, un crebacabezas, dous rotuladores borrables e un caderno con actividades educativas.

Hai cousa dun ano a empresa luguesa Galileo Nenos comezou, con «A cidade do Cenorio», a aventura de entrar no mercado do xoguete educativo apostando pola nosa lingua. Estas son as palabras da súa propia páxina web.
Os xoguetes poden ser máis ou menos caros, estar feitos de cartón ou de plástico, ter luces ou cancións, pero sempre lles transmiten aos nenos algo do mundo dos seus pais. E falan o mesmo idioma dos seus pais.
Sexa alemán, inglés, castelán ou portugués, todos os xoguetes lle falan ao neno na lingua da súa casa. Deste xeito, os xoguetes entran a facer parte do fogar onde se cría o neno, xunto coa súa familia, o seu leitiño e as súas pequenas cousiñas, que ata entón son todo o seu mundo. Fóra espérao un mundo moito máis difícil, quizais feito doutros idiomas e doutros pobos, pero o neno sempre saberá recoñecer o seu fogar pola lingua coa que os seus pais o agarimaban e lle cantaban no berce.
Por esa razón, cando nos demos de conta de que os nenos de Galicia non tiñan xoguetes que lles falasen en galego, decidimos crealos!
Parabéns para Galileo Nenos e, asemade, parabéns para todos nós. Un boa nova e un bo agasallo para estas datas! Por fin!

21/12/2013

O primeiro encrucillado fai 100 anos


Lin por algures que resolver encrucillados é como dar solución a un crime perfecto. Tamén ten algo de xadrez, polo exercicio mental e por ese taboleiro de cadros brancos e negros. Nestes anos de crise, este xogo resulta máis útil ca cen libros de autoaxuda e, abofé, unha forma ben asequible de matar o tempo. Claro que máis entretén aínda crear o encrucillado: esquecer eses programas que automatizan o proceso e xogar a ser cesteiro que entretece palabras ata dar coa malla perfecta.

Hai xa tempo faláravos de Victor Orville e a orixe dos encrucillados? Unha historia que me engaiolou pola súa beleza, mais completamente apócrifa. O certo é que, á hora de se atribuír o mérito da invención deste pasatempo, o señor Orville pouco ten que facer ao lado de Arthur Wynne. Sexa cal for a fonte que se consulte, Wynne é o verdadeiro creador do primeiro encrucillado, aínda que a súa historia sexa moito menos «interesante». 

No ano 1913, o xornalista Arthur Wynne recibiu o encargo de deseñar un crebacabezas para a edición de Nadal do Fun, suplemento infantil semanal do periódico New York World. Wynne sabía que debía renovar a oferta lúdica do suplemento, así que repescou da súa memoria un xogo tradicional denominado «cadros máxicos»: o resultado foi a grella en forma de diamante da esquerda (publicada o 21 de decembro). O crebacabezas, como é lóxico, tamén contaba coas instrucións para solucionalo: «Enche os cadros con palabras que estean de acordo coas seguintes definicións». 

E así foi como naceu, de xeito oficial, o primeiro encrucillado. Un pasatempo que de inmediato se fixo popular e que, en poucos anos, se estendeu pola prensa de todas as latitudes adoptando novas formas e estilos. 

Poñede a proba o voso nivel de inglés e animádevos a resolver este encrucillado. Neste enlace podedes dar cunha edición clara del (e tamén da súa solución). Un entrañable xogo de palabras que xustiño hoxe fai 100 anos de vida!

16/12/2013

Unha lingua para xogar



Un video cheo de forza e de imaxinación que nos amosa, ben ás claras, o poder da vertente lúdica do idioma. Os xogos verbais, máis alá do entretemento, son un dos mellores síntomas da vitalidade dunha lingua e, tamén, unha ferramenta privilexiada para a súa dinamización. Algo que, polo que vemos no vídeo, saben ben na Direcció General de Política Lingüística do Gobern catalán. Este é o texto oficial que acompaña o vídeo.
O catalán dispón dunha ampla oferta de xogos lingüísticos: desde os pasatempos para xornais (sopas de letras, encrucillados), pasando por xogos como de mesa como Scrabble ou o Intelect, ata concursos televisivos como El Gran Dictat ou Picalletres. A dimensión lúdica da lingua catalá, ben enraizada e popular, arrínca da cultura tradicional e proxéctase con forza ao mundo dixital, con versións en catalán de aplicacións tan exitosas como Apalabrados, entre outros. Este potencial creativo do catalán sintetízase nun video que foi presentado na cerimonia de clausura do «Centenari de les Normes Ortogràfiques» e que amosamos deseguido. Animámosvos a compartilo nas redes sociais! Catalán, unha lingua para xogar!
Como outras veces, grazas mil ao blog amigo de Carta Xeométrica por nos dar a coñecer este vídeo. Non podo estar máis de acordo co seu lúcido comentario: mágoa non termos nada semellante no anémico panorama das nosas iniciativas oficiais a prol da lingua.

En todo caso, fagamos nosa a apaixonante andaina da letra «ç» e teimemos en xogar coa lingua!

13/12/2013

Sopas de reciclaxe



Un taboleiro de madeira, unhas tampas de refrescos, parafusos, cola adhesiva, unhas gomas elásticas e pouco máis. Con estes elementos cotiáns podemos crear, seguindo os pasos que acabamos de ver, un orixinal xogo de sopa de letras. Un divertimento con elementos reciclados que, ademais, non precisa de enchufes!

No caso que se nos ofrece no vídeo, a sopa é silábica. Mais, trocando os papeis do interior das tampas, podemos poñer letras do alfabeto en lugar de sílabas; e tamén, por suposto, variar á vontade os temas do pasatempo.

Un divertida proba de que, cun chisco de creatividade, é posible darlle un uso lúdico a case todo o que teñamos pola casa. Como xa vimos aló atrás, o mellor xoguete pode ser, ás veces, unha sinxela caixa de cartón.

10/12/2013

Tes arte en xuntar letras?


Vía Código Cero, souben do Mezcladitos. Sinxelo, dinámico e adictivo, así é o novo xogo de palabras da empresa arxentina Etermax. Igual que Apalabrados, o seu predecesor, estaba inspirado no clásico Scrabble; este Mezcladitos é unha versión do Boggle.

Os xogadores contan cun taboeiro de 16 letras (4x4) aleatorias. Cada un ten tres quendas de dous minutos para formar o máximo número posible de palabras. Para isto, pódense enlazar as letras en calquera sentido: horizontal, vertical ou diagonal.

Está dispoñible para iOS, Android e Facebook en castelán, francés, inglés, italiano, catalán, portugués, noruegués, éuscaro, holandés, alemán, inglés, sueco e... galego! Isto grazas aos amigos da empresa compostelá Cilenis, que xa participara na versión galega do Apalabrados.

Así que, cando queiras, a xogar co noso «Mesturadiños».

07/12/2013

«100 palavras»



Hai pouco dei en youtube con este canal «100 palavras». En cada un dos seus vídeos atopamos unha restra de cen palabras que se refiren a un mesmo concepto, adoito do ámbito léxico do obsceno ou do escatolóxico. Son sinónimos xurdidos mediante o recurso do eufemismo. No vídeo anterior temos, por exemplo, un cento de expresións que en portugués equivalen a morrer, moitas delas tamén nosas: finar, falecer, expirar, pasar a mellor vida, ir para outro mundo, ir para a cova, entregar a alma a Deus...

Aló atrás xa vimos como o discurso político tira un gran rendemento do eufemismo. En relación con isto, sempre me vén a cabeza unha frase feita moi enxebre e, por desgraza, totalmente vixente: «Mexan por nós e temos que dicir que chove».

Con ela ilústrase, á perfección, o funcionamento deste recurso da lingua: por mor da necesidade de «suavizar» un determinado concepto, evitamos o termo que o designa (tabú) e substituímolo por outro (eufemismo). Bendito saber popular!

04/12/2013

Foto-haikus


O pasado mes de maio, a compostelá Asociación Cultural Gentalha do Pichel organizou o concurso de foto-haikus «A minha língua quero na tua boca». Unha proposta lúdica e creativa de grande aceptación e que deu orixe a pezas cheas de forza visual e verbal. A imaxe que encabeza a entrada foi o foto-haiku gañador.

Lembraredes, porque xa o vimos aló atrás, que o haiku é ese poema de orixe xaponesa que só ten tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas. Un enunciado hiperbreve que busca trasmitir emoción a partir escenas da natureza ou da vida cotiá.

De todas as definicións de poeta, unha das que máis me atrae é esta de Jorge Luís Borges (por certo, en forma de tanka, o irmán maior do haiku): 
No haber caído,
como otros de mi sangre,
en la batalla.
Ser en la vana noche
el que cuenta las sílabas.

        [Jorge Luís Borges, El oro de los tigres]
Ben se ve que entre nós hai abondos «contadores de sílabas» dispostos a dicir o máximo co mínimo. E vós? Animádevos a crear os vosos propios foto-haikus?

01/12/2013

O cityspeak de Philip K. Dick

No inicio do século XXI, a Tyrell Corporation desenvolveu un novo tipo de robot chamado Nexus, un ser virtualmente idéntico a un ser humano e coñecido como replicante.
Os replicantes Nexus 6 eran superiores en forza e axilidade, e polo menos iguais en intelixencia, aos enxeñeiros xenéticos que os crearon.
No espazo exterior, os replicantes foron usados ​​como man de obra escrava, na arriscada exploración e colonización doutros planetas.
Tras a sanguenta rebelión dun grupo de combate Nexus 6 nunha colonia sideral, os replicantes foron declarados ilegais na Terra, so pena de morte.
Brigadas de policías especiais chamados blade runners tiñan ordes de disparar a matar a calquera replicante invasor.
A isto non se lle chamou execución, senón «retiro».
Con este relato arrinca o filme Blade Runner (1982), dirixido por Ridley Scott e baseado na novela de Philip K. Dick Soñan os androides con ovellas eléctricas? (1968).

Os Ánxeles, 2019 (a unha carreiriña de can): superpoboación, contaminación, corporacións todopoderosas, intelixencia artificial, manipulación xenética, hibridismo cultural... Un mundo cambiante, cada vez máis familiar, que só ofrece un futuro incerto. En correspondencia con este ambiente, a lingua máis falada nesas áreas urbanas é o cityspeak: unha especie de argot da rúa que mestura trazos de inglés, castelán, italiano, coreano, húngaro... Outra peza máis no noso mosaico de linguas de ficción.



Na escena anterior o axente Gaff (Edward James Olmos) aborda o blade runner Deckard (Harrinson Ford) nun restaurante de sushi e pídelle, en cityspeak, que o acompañe. Seica o propio Olmos, de ascendencia húngara, decidiu incorporar moitas expresións deste peculiar idioma urálico nos seus diálogos. A falta de subtítulos, velaí vai a conversa con tradución incluída:
Gaff: Monsieur, azonnal kövessen engem, bitte! («Señor, por favor, veña comigo!»)
Cociñeiro: He say you under arrest, Mister Deckard. («Di que está vostede arrestado, señor Deckart»)
Deckard: Got the wrong guy, pal. («Equivócaste de home, meu»)
Gaff: Lófaszt! Nehogy már! Te vagy a Blade, Blade Runner!
(«Merda! De ningún xeito, vostede é un blade runner!»).
Cociñeiro: He say you blade runner. («Di que é vostede un blade runner»).
Deckard: Tell him I’m eating.
(«Dille que estou a comer»)
Gaff: Captain Bryant toka. Meni-o mae-yo.
(«É o capitán Bryant. Ordenoume levalo onda el»)
Deckard: Bryant, huh? («Bryant, eh?»)
E para rematar (non o puiden resistir) o monólogo final do replicante Roy Batty: un dos intres máis épicos e poéticos da historia do cine.


28/11/2013

Adiante cos abecegramas!


E a familia «-grama» segue a medrar. Hoxe toca o abecegrama: unha técnica que se encadraría no que podemos chamar «literatura lúdica».

En que consiste? Pois en crear un pequeno texto, narrativo ou lírico, con palabras cuxas iniciais se dispoñen por orde alfabética, é dicir, a primeira comeza por «A», a segunda por «B», a terceira por «C» e así sucesivamente ata rematar cun vocábulo iniciado por «Z».

Escribir un texto con esta restrición non é doado. Con todo, resulta un divertido desafío para o noso enxeño e para a nosa creatividade. Case un pasatempo.

Velaí vai un abecegrama da miña colleita:


E aquí e aquí tedes outros abecegramas en galego pendurados na rede.

Animádesvos a crear un?

25/11/2013

«World games» ou «Word games»?



Xa vimos outras veces que a ortografía ten o seu aquel de mala uva: unha letra pode cambialo todo. Non é o mesmo «Aquilo acabou co seu matrimonio» que «Aquilo acabou co seu patrimonio». E tampouco é igual «Esa adición dálle problemas» que «Esa adicción dálle problemas».

Como demostra o vídeo inicial, tampouco é o mesmo ser campión dos «World Games» que selo dos «Word Games». Iso sábeno ata os loitadores de sumo.

Ah! E a aquí vos deixo a historia completa deste traxicómico erro nas medallas dos «World Games 2013» de Cali.



O escritor alemán Erich Kästner dixo unha vez: «Os erros posúen o seu valor. Non todo o mundo que viaxa á India descobre América». Canta verdade! Por iso, eu diríalles a todos eses perplexos deportistas que tampouco está tan mal ser campión de xogos de palabras. Arriba o orgullo ludolingüístico!!!

22/11/2013

O encrucillado de «Para mariñeiros, nós!»

.
Na costa galega dise «Para mariñeiros, nós!» co mesmo sentido de orgullo autóctono con que en toda Galicia se di «Terra, a nosa!». Un título acaído, abofé, para a fachenda mariñeira Pinto (Suso Lista) e Cobiñas (Manuel Castro), os protagonistas da serie de humor que cada semana podemos ver en V Televisión.
A idea orixinal é do propio Suso Lista, que, ademais de actor, é guionista da serie. A súa gran vantaxe é coñecer ben a materia prima dos argumentos, pois no seu día foi percebeiro (actividade que acabou deixando por un problema de saúde).
Historias breves, unha particular visión do mundo e moita retranca: ingredientes básicos da caldeirada de «Para mariñeiros, nós!». Iso sen contar a riqueza do seu galego: gheada, seseo, fraseoloxía mariñeira... Todo un tesouro!
Como vemos capítulo anterior, antes de saír ao mar en días de treboada, sempre é mellor quedar na taberna a facer encrucillados e beber anís. E máis na Costa da Morte!

19/11/2013

Unha letra, mil debuxos


Es quen de ver nun «A» o chapeu dun pallaso? Nun «B», o fociño dun porco? Nun «F», unha bandeira ao vento? Nun «L», as agullas do reloxo? Ou nun «W», os cairos dun vampiro? Nas imaxes anteriores podes atopar estas posibilidades e moitas máis. Un xogo sinxelo, para grandes e pequenos, cun único requisito: deixar voar a imaxinación.

Aprender o alfabeto, practicar as habilidades no debuxo e mesmo mellorar a agudeza visual son só algunhas das posibilidades didácticas desta técnica, que lembra moito aquel xogo dos pinacogramas.

E para verdes como se poden crear, paso a paso, algúns destes dexeños, aquí van dous vídeos: un con letras e outro con números. Ánimo: papel, lapis e... creatividade!

16/11/2013

Vinícius de Moraes: ludolingüista


En pé! Soa... «A tonga da mironga do kabuletê», dos mestres de Vinícius de Moraes e Toquinho.

Andaba eu a buscar un vídeo en que os seus autores interpretasen o tema e só dei con esta versión de 1971, en italiano e para o público da RAI. Un documento impagable que ben merece encabezar a entrada (olliño co presentador ás costas!). E se quixerdes a canción co audio en portugués da versión orixinal, aquí vai.

«A tonga da mironga do kabuletê» ten a súa curiosa historia ludolingüística: 

Hai quen afirma que o enunciado que lle dá título é unha especie de insulto ou comentario desprezativo na lingua iorubá ou nagô (xingando em nagô) ao xeito do noso «Vai muxir as galiñas!», «Vai capar o grilo!», «Vai rañala!» ou «Vai ao carallo!». Segundo esta teoría, a expresión tomouna Vinícius desa lingua africana cunha intención criptográfica: protestar sen que os militares, que impoñían a ditadura no Brasil daqueles anos, comprendesen o que estaban a dicir.

Outros sosteñen que toda a explicación anterior é unha simple brincadeira do Vinicíus e que este tomou os africanismos só pola súa sonoridade e poder suxestivo. Así encadeou tonga (do quicongo), ‘forza, poder’; mironga (do quimbundo), ‘misterio, segredo, feitizo’; kabuletê (de orixe incerta), ‘individuo desprezable’. Un enunciado sen valor semántico que, debido ao éxito da canción, acabou por se converter nunha expresión de uso popular.

En calquera dos casos, velaí vai a letra desta peza marabillosa.
A tonga da mironga do kabuletê
Eu caio de bossa
Eu sou quem eu sou
Eu saio da fossa
Xingando em nagô
Você que ouve e não fala
Você que olha e não vê
Eu vou lhe dar uma pala
Você vai ter que aprender
A tonga da mironga do kabuletê
A tonga da mironga do kabuletê
A tonga da mironga do kabuletê
Você que lê e não sabe
Você que reza e não crê
Você que entra e não cabe
Você vai ter que viver
Na tonga da mironga do kabuletê
Na tonga da mironga do kabuletê
Na tonga da mironga do kabuletê
Você que fuma e não traga
E que não paga pra ver
Vou lhe rogar uma praga
Eu vou é mandar você
Pra tonga da mironga do kabuletê
Pra tonga da mironga do kabuletê
Pra tonga da mironga do kabuletê
Animádesvos a cantala con este karaoke? Por que non?


13/11/2013

Taxonomía ludolingüística

Despois de que un primeiro entomólogo (Sturtevant, 1942) bautizase un tipo de mosca co nome de Dorsilopha, anagrama da súa subespecie (Drosophila), outros colegas foron sucesivamente dando novos nomes a outras moscas emparentadas empregando o mesmo recurso ludolingüístico: Phloridosa (Sturtevant, 1942), Siphlodora (Patterson & Mainland, 1944), Lordiphosa (Basden, 1961) e Psilodorha (Okada, 1968). Outro entomólogo (Erwin, 2002) decidiu darlle o nome de Agra Schwarzeneggeri a un escaravello con grosas patas semellantes aos xigantescos bíceps de Arnold Schwarzenegger. Que caralláns!

Cada ano, toda clase de biólogos nomea 15 mil novas especies animais descubertas, das máis de 30 millóns que se cre que quedan por atopar e catalogar. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica ten uns códigos ben relaxados: mentres non resulten ofensivas, as novidades taxonómicas non teñen límite, todo depende da imaxinación, do humor e do enxeño ludolingüístico do científico en cuestión.

Aí van máis exemplos:
Anagramas 
Pitnus, Niptus e Tipnus, tres tipos diferentes de coleópteros.
Palinurus, Linuparus, Panilurus e Palurinus, diferentes variedades de crustáceos.
Palíndromos
Afgoiogfa, un tipo de molusco.
Orizabus subaziro, tamén un coleóptero.
Sesquipedalismo
Cancelloidokytodermogammarus, crustáceo de 28 letras.
Kimmeridgebrachypteraeschnidium, cabaliño do demo fósil de 31 letras.
Homenaxes antroponímicos
Gaga germanotta, fento dedicado a Lady Gaga.
Arthurdactylus conandoylensis, dinosauro do Brasil na honra de Arthur Conan Doyle.

10/11/2013

Unha palabra, varios significados



The same words can have different meaning («As mesmas palabras poden ter significados diferentes»). O slogan queda demostrado por estas impactantes imaxes. Un efectivo exercicio publicitario que xoga co valor polisémico das palabras e consegue transmitirnos a forza da súa mensaxe.

Aquí vai o seu texto cunha pequena explicación dos xogos polisémicos.
a wave (onda do mar) / a wave (onda do público)
an encounter (choque) / an encounter (encontro)
an impulse (impulso ou desexo forte) / an impulse (impulsión ou empurrón)
a souvenir (recordo dun lugar) / a souvenir (recordo dunha época)
a silence (silencio por medo) / a silence (silencio por admiración)
a fight (pelexa ou combate) / a fight (loita ou superación)
balls (bólas) / balls (coraxe ou valor)
a cry (berro ou laio) / a cry (choro)
a shock (golpe) / a shock (conmoción ou abraio)
Este fermoso anuncio do 2009, para unha compañía de telecomunicacións, titúlase «Words» e é obra do multipremiado director francés Philippe André. Paga a pena fedellar na ligazón anterior e gozar das súas creacións.

07/11/2013

Cinco anos de orellapendella



Orellapendella acaba de facer cinco anos. Un lustro xa deste verdadeiro tesouro virtual que tanto leva feito por recoller e difundir a nosa literatura infantil de tradición oral. Xogos, trabalinguas, acumulativos, recitados, cancións e moitas outras mostras de enorme valor lúdico e didáctico, que ademais van ampliandose con achegas dos seus seguidores.

Aló polo outono do 2008, Carlos Yus (responsable de contidos) e Kiko Fernández (responsable técnico) decidiron poñer en marcha este proxecto. Axudaban así a encher un triste baleiro neste tipo de recursos.

Por sorte, a semente botou raices, medrou e hoxe orellapendella florece como unha ferramenta imprescindible para estudantes, profesores e pais.

Aquí deixo un vídeo que demostra ás claras o seu éxito. Grazas aos amigos de galegoenlondres, podemos ver un grupo de alumnos e alumnas de Educación Primaria do IE Cañada Blanch de Londres amosando os seus avances en galego con distintas formas de botar as sortes. Todas elas tomadas de... Orellapendella.



Parabéns e longa vida!

04/11/2013

Supercampionato de palíndromos


Recoiro co duelo de palindromistas! Así é, a ollos do Ricardo Yoshio Okama Tokumoto, un supercampionato de palíndromos.

A un «Anilina!», respóndese cun «Sopapos!».

A un «Livre do poder vil!», retrúcase cun «A mala nada na lama!».

E así in crescendo ata que se alza o brazo do vencedor.

Unha singular peza de humor palindrómico, como outras que xa vimos hai tempo.

Ricardo Yoshio Okama Tokumoto (ou Ryot) é un ilustrador, caricaturista e humorista gráfico brasileiro. Desde o ano 2007, publica as súas tiras cómicas na moi recomendable web ryotiras.com. Visitádea e gozade a pracer do seu humor lúcido e intelixente.

01/11/2013

Chocolata, chocolata...



Habíavos unha chea de tempo que non se sumaba unha nova canción ao noso karaoke. E por fin chegou... «Chocolata», unha canción infantil chea de engado que conta a historia do hipopótamo femia Chocolata e do seu baño diario.

Esta peza musical, xunto con outras once, forma parte Contos en cantos, un libro CD-DVD de Almudena Janeiro que mestura contos e música e que foi coeditado aló polo 2008 por PAI Música coa editorial OQO.

A idea partiu da propia Almudena Janeiro, que compuxo doce cancións que recrean libremente outras doce as historias dos libros de OQO. A editorial aceptou o proxecto e ben que se agradece!

Pois veña, a cantar! E ollo con ese refrán con aire de trabalinguas!
Chocolata, chocolata, chocolata, choco, choco, la.
Chocolata, chocolata, chocolata, choco, choco, la.

28/10/2013

O dothraki de David J. Peterson


 
Esa estraña fala do tipo hipermusculado, Drogo (para os que coñecedes Xogo de Tronos), é dothraki, o idioma dunha tribo de guerreiros nómades da serie de culto de HBO, que axiña estreará a súa cuarta tempada. Como ben saben os seus millóns de seguidores en todo o mundo, a serie baséase na saga literaria de fantasía épica A Song of Ice and Fire (Unha canción de xeo e lume) de George R. R. Martin.

O produtores intuían que a presenza dunha lingua de ficción (como sucedeu co klingon ou coas linguas élficas) contribuiría a lle dar maior credibilidade á serie. Por iso contactaron coa Language Creation Society, centro especializado no desenvolvemento de novos idiomas. Despois de analizaren diversas propostas dos seus conlangers (expertos que, por pasatempo, se dedican á creación de novas linguas), a iniciativa de David J. Peterson foi a seleccionada.

Peterson, de 34 anos e formado en Lingüística na Universidade de California, prestou atención á descrición que o propio George R. R. Martin fixera desa linguaxe imaxinaria. O lingüista tomou cousas de aquí e de acolá: inspirouse no hawaiano para achegarse á organización semántica propia dunha cultura preindustrial; gustoulle o árabe e o castelán para a base sonora pola forza dos seus sons guturais e uvulares; estableceu un sistema de casos (nominativo, acusativo, xenitivo...) semellante aos do latín ou do ruso. Ao cabo, entregoulles aos produtores un informe de 180 páxinas coa descrición gramatical, un audio para a fonética e un vocabulario con máis de 1800 palabras.

E iso só foi o comezo. Hoxe a febre dothraki, alimentada pola serie de éxito, esténdese sen freo. O fenómeno geek fai que na arañeira aparezan cursos de dothraki, descricións gramaticais ou mesmo dicionarios. Tal é o magnetismo deste idioma de ficción que no ano 2012 o nome de Khaleesi foi dado a 146 nenas nos Estados Unidos. Khalessi (que significa ‘princesa’) é o alcume que recibe a personaxe de Daenerys Targaryen, princesa herdeira dunha das familias que se disputan o Trono de Ferro.

En fin... Hajas! (voz dothraki que significa ‘sé forte!’ e seica é o máis semellante ao noso «Adeus!»)


Solución ás voces de «galinglish» (22-10-13): lesgou ‘imos aló’ (< let’s go); quichimporta ‘mozo de cociña’ (< kitchen porter); guachimán ‘vixilante’ (< watchman); cagharrón ‘calabozo’ (< cage room)



25/10/2013

Monovocalismo animado



Un poema do portugués Manuel Tojal de Meneses. Poesía visual e animada na nosa era dixital. Este é o seu texto completo (e estático).
Castrar as balas,
rasgar as lanças,
apagar as chamas,
lavar as manchas 
da palma das granadas, afagar caras amargas,
cavalgar as manhãs claras
nas asas das batardas
atrás das palavras brancas
bastará para calar as armas?
Unha fermosa declaración antibelicista que combina a forza sonora do texto monovocálico en «a» co impacto visual da tipografía animada.

O «a» omnipresente tamén serviu de base para aquel marabilloso poemario de Elvira Riveiro titulado Palabras brancas. Lembrades? 

A tipografía animada ou cinética é unha técnica de animación de textos que mestura palabra escrita, animación, fotografías, gráficos, vídeo, música ou voces en off coa intención de evocar unha idea o unha emoción. O texto adoita ser presentado exactamente no momento en que se di ou se canta, co que a mensaxe audiovisual resulta máis efectiva.

Unha técnica que, pola súa forza, é utilizada en videos musicais, en anuncios publicitarios, en créditos de filmes... Aquí ou aquí podedes atopar magníficas escolmas tipografía cinética. A gozar!

22/10/2013

Do you speak «galinglish»?

«Ir a todo filispín»
«Limpar o chan co bruso»
«Xarape!» 
«Ser un bichicoma»... 
É posible que a moitos lles resulten incomprensibles estas expresións. Para os que nos criamos na costa galega poden ser tan familiares e tan enxebres como dorna ou berberecho. Con todo, todas elas xorden da influencia anglófona na nosa vida naval e mariñeira: os enxeñeiros ingleses que instruían os traballadores dos asteleiros, os homes que regresaban dos mercantes ou das plataformas do Mar do Norte...

Velaí vai a súa versión en «galego común»:
«Ir a toda velocidade» (filispín < full speed ‘velocidade máxima das máquinas dun barco’)
«Limpar o chan co cepillo» (bruso < brush ‘cepillo grande’)
«Cala!» (xarape < shut up ‘cala’)
«Ser un voitre, un aproveitado» (bichicoma < beachcomber ‘individuo que se dedica a apañar os restos de naufraxios ou a roubar o peixe nos peiraos’).
Sempre me andou pola cabeza a idea de recompilar estes singulares anglicismos xa que, agás algunhas excepcións (como choio < job), non tiñan entrada nos nosos dicionarios.

Ao cabo, dei cun fermoso artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín que me aforrou... o choio.

E hai pouco tamén descubrín na rede este Wikidicionario de Galinglish, unha brillante idea dos amigos de galegoenlondres.blogspot.com. Nas súas palabras:
Un dicionario de palabras e expresións que usamos ou que escoitamos algunha vez os galegos que vivimos en Londres e que reflicten o contacto desas dúas linguas: o galego e o inglés.
Nel aparecen os préstamos do comezo e moitos outros. Algúns, tan insólitos como ocorrentes. Reparade nestas perlas:
lanchós ‘costeletas de año’ (< lamb chops)
oranllús ‘zume de laranxa’ (< orange juice)
vacunar ‘pasar a aspiradora’ (< vacuum cleaner)
tráfico de luces ‘semáforo’ (< traffic lights)
Para rematar, un xogo: Aventurádesvos a dar o significado destoutros termos de «galinglish»? (Sen ollar o wikidicionario, claro)

lesgou - .......................
quichimporta - .......................
guachimán - .......................
cagharrón - .......................

19/10/2013

Caligrama con gusto a albariño


Hoxe, a curiosa historia dun dos caligramas máis fermosos da nosa literatura, obra de Álvaro Cunqueiro. O mindoninense, autor polifacético (narrador, dramaturgo, poeta...), posuía un talento singular e unha vasta cultura. O seu saber alcanzaba todos os ámbitos e, entre eles, o dos praceres do viño. Mesmo chegou a dicir: «Eu podía darlle unha volta ao país coa taza cunca do meu apelido na man».

Atraído pola relación entre literatura e viño, Cunqueiro descubriu o poeta francés Charles-François Panard (1694-1765) que recreara, a base de versos de diferente medida, a imaxe dunha copa de viño. En 1969, Cunqueiro escribiu:
Un poeta francés do séc. XVII, Panard, amaba tanto o viño que os máis dos seus poemas escribíaos medindo os versos de tal xeito que a peza tivese forma de copa, de vaso, de botella. Cando iba morrer, en forma de xentil copa despediuse dos amigos e do mundo. Á súa maneira, vai hoxe iste laude do viño albariño. En galego, i-a seu carón, i-en homenaxe ás vellas cepas de Modela, nais profundas do albariño precioso, o adeus de Panard en fala francesa.
E deseguido publicou o caligrama orixinal francés e, a carón, a súa propia versión. Velaquí están estas dúas copas, francesa e galega, nun brinde de gabanza ao viño.


Ah!, e para saberdes máis sobre os caligramas aquí queda tamén esta fantástica presentación elaborada por Claudia Herrón Mullet, alumna de 2º ESO do IES David Buján, de Cambre (A Coruña).

16/10/2013

O chintófano alfabético



A solución ao eterno dilema do movemento perpetuo. Trátase de Alphabet Contraption (algo así como «chintófano alfabético»), unha engaiolante animación de finais dos anos 60 do século pasado. Nela, unha desas máquinas Rube Goldberg que tanto me gustan desvela completiño o abecedario inglés: o «a» que se acende dentro dunha lámpada, o «f» que se eleva nunha burbulla, o «r» que sae dun reloxo de cuco...

Unha das curtas máis vistas en Sesame Street, o programa educativo para público infantil coñecido polo mundo adiante con diferentes nomes: Vila Sésamo (no Brasil), Rua Sésamo (en Portugal), Barrio Sésamo (en España), Parque Sésamo (en México)... Fogar dos inseparables Epi e Blas, da ra Gustavo ou da porquiña Peggy.

Dálle ao play, entra no bucle e aprenderás enteiriño o alfabeto inglés! Ánimo!

13/10/2013

O estraño encrucillado anticipatorio



Que desenlace fatal detrás dese xogo de parónimos (sorte/morte)! Estrañas coincidencias ou un pasatempo premonitorio? Olliño ao resolverdes o próximo encrucillado, non vaia ser que cada palabra que incluades nel anticipe o voso futuro inmediato.

Esta curiosa curtametraxe, titulada El cuarto poder (2009), foi creada polo alumnado do Taller de Cinema da localidade barcelonesa de Gavà. Co nome de Taller de Cinema coñécese unha rede de obradoiros implantada en diversas localidades catalás. Os seus participantes fórmanse na creación audiovisual ata elaborar unha curtametraxe, en todas as súas fases: escrita do guión, rodaxe e posterior montaxe.

Por certo, un argumento, o do encrucillado anticipatorio, que dá moito xogo. Comprobádeo, se queredes, aquí ou aquí.

10/10/2013

Podes ler esta pabrala? E estoutra P4L48R4?


É curioso como traballa o cerebro. Durante o proceso da lectura, o noso hemisferio esquerdo analiza e le as letras (que forman palabras) mentres que o dereito ve o conxunto das letras (as palabras) como unha imaxe visual. Mais ambos os dous hemisferios colaboran constantemente entre eles.

Os científicos conseguiron demostrar que os cerebros dos lectores con certo nivel de experiencia e de destreza, cando se poñen a ler, non activan tanto o hemisferio esquerdo (máis lóxico), senón que, para aforrar tempo e esforzo, se apoian máis na aparencia da palabra e no seu contexto, é dicir, no hemisferio dereito (máis visual). Así, cando lemos metaitámcas, o noso cerebro activa automaticamente o concepto abstracto matemáticas.

De aorcdo con itso, non ipomtra en que odren etsaen as lrteas dhuna plrabaa, a úncio iprotmatne é que a piremria e útmlia lrteas eteasn na pisocóin cocrrtea. Andía que o rseto sxea un ttaol baullro, a lceruta pdoe farcese sen pobrlmea.

0 M35M0 5UC3D3 C4ND0 U54M05 4LGÚN5 NÚM3R05 3N LUG4R D3 L37R45. 4P4R3N73M3N73, 4 L3C7UR4 D35735 3NUNC14DO5 4P3N45 4C71V4 45 4R345 C3R38R415 QU3 C0RR35P0ND3N 4 1N73RPR374C10N D05 D1X1705. 3S74 F0RM4 D3 3SCRI8IR CH4M4S3 4LF48370 L337.

Incrible! Non si?

Xogade a intercambiar SMS con calquera destas opcións. Cun chisco de práctica, évos ben doado.

07/10/2013

Dados con historia



Aos que devecemos polos xogos que estimulan a imaxinación e a expresión oral, non nos debería faltar o Story Cubes (eu acabo de facerme con eles). Aí vai a descrición oficial deste magnífico xogo de mesa:
Story Cubes é un xogo moi divertido que aguza a túa intelixencia e a túa imaxinación. As imaxes foron deseñadas por Rory O'Connor, un irlandés especializado no adestramento da creatividade e na resolución creativa de problemas. [...] Cada dado ten seis imaxes ou iconas, un total de 54 ideas mesturadas que pode xerar máis de 10 millóns de combinacións.
O seu funcionamento é tan sinxelo como efectivo: lánzanse os dados, repárase nas imaxes e invéntase unha historia que as involucre a todas.

A partir desta idea básica, hai múltiplas posibilidades: pode ser un xogo individual (foméntase a creatividade no relato oral), pode xogarse en grupo con quendas de imaxe en imaxe (refórzase o traballo colaborativo), pode marcarse un límite de tempo (para estimular o enxeño e a capacidade de improvisación), poden encadearse varias tiradas (creando unha «historia interminable»)...

Existen tres versións básicas: Original (con imaxes que representan obxectos máis ou menos cotiáns), Voyages (con imaxes máis «exóticas»: tesouros, elefantes, apócemas...) e Actions (con imaxes que representan os verbos de uso máis frecuente). Ademais tamén hai apps de Story Cubes para os sistemas iOS e Android.

Para rematar, unha proposta. Reparade nas imaxes desta tirada. Que historias se vos ocorren?
 

04/10/2013

Caligrafía hipnótica

Ninguén diría que as imaxes en plano de detalle dun tipo a escribir con pluma estilográfica puidesen ter moita aceptación na arañeira. Con todo, velaí vai un vídeo que hai cousa dun ano se converteu nun fenómeno viral con máis de 3 millóns de visitas. Dádelle ao play e a gozar do poder hipnótico da caligrafía.



O virtuoso en cuestión é John Mottishaw, un experto en plumas estilográficas que demostra a súa incrible destreza. E a pluma, unha Namiki Falcon Resin Fountain Pen modificada por el para lle dar un trazo máis fino e flexible.

As novas tecnoloxías están a reconfigurar o noso modo de concibir o mundo e a nosa forma de vivir. Para moitos de nós, escribir pulsando teclas xa se converteu nun acto tan cotiá como comer. Con todo, de cando en vez, sempre está ben recordar de onde vimos: recuperar o tacto entre os dedos dun deses «arcaicos» aparellos (pluma, lapis...) e comezar a trazar liñas sobre o papel. Unha arte, a da caligrafía, que ademais nos une a outras culturas (como a xaponesa, a árabe...).

01/10/2013

Cando hai cu, «haiku»


Ao andel da nosa «bibliografía ludolingüística básica» engádeselle hoxe un novo libro de poemas: Hai cu (2007) d’O Leo, tamén coñecido como Leo Fernández Campos, filólogo e artista punk polifacético (actor, poeta e compoñente d’O Leo i Arremecághona!).

Un libro que, antes de selo, agromou como poemas soltos no seu blog haicu.blogspot.com. O título xa nos dá todas as pistas do contido: 

Por un lado, o xogo homofónico remítenos ao haiku xaponés, poema breve de tres versos (5, 7 e 5 sílabas) que, nun exercicio máximo de síntese, busca captar un instante cotián que nos conmova. Así, O Leo enreda con breves pezas de tres versos ofrecendo a súa particular versión deste xénero oriental.

Por outro lado, o referente do cu e os seus «asociados». Unha temática escatolóxica e sexual tratada con humor e enxeño (nunca tal vira desde o maxistral Gracias y desgracias del ojo del culo de Francisco de Quevedo).

As palabras da contraportada dino todo:
Se a poesía quere intimidade e reflexión, tempo, un dos sitios que mellor lle acaen hoxe é o váter: Hai cu, e polo tanto tamén hai medo. Ser retraído quere tempo. Tempo abondo para facer (de ventre) unha breve e(va)cuación. Tempo que se inviste, por exemplo, en faceren as súas pintadas os vates públicos nos váteres públicos. O váter reduto último do eu, do nós, do noso, do noxo. Un libro de poemas para colgar nun cordel no cravo en que espetamos as follas do xornal para nos limpar; de par da cadea da cisterna do váter. Mentres hai cu, hai esperanza.
E, ademais, esa ansia por enredar coa lingua, por tirarlle, en poucas palabras, todo o seu proveito lúdico (dobres sentidos, frases feitas, parodias poéticas...).

Aí van unhas pingas:
Fraseoloxía
@ que ten cu ten medo
pero @ que só mira para o seu cu
vai de cu e costa arriba
Negra sombra
Saír con roupa interior
sempre fresca da casa
por se te pilla un coche
Díxoo un de Xinzo
Isto non é vida
Isto é
un bidón
E a xeito de despedida, para os que non o coñezades aínda, o vídeo de «Eu nunca serei yo», un dos éxitos musicais do impagable O Leo.

28/09/2013

Festival de cine palindrómico


O deseñador gráfico estadounidense Oliver Smith levaba un tempo a lle dar voltas a unha idea. Buscaba unha canción que lle servise de base para un videoclip co aquel de homenaxe cinematográfica. Cando deu con «Bob», a versión que Weird Al Yankovic fixo de «Subterranean Homesick Blues» de Bob Dylan (lembrades?), xa non lle deu máis voltas. Atraíalle que nela non houbese un refrán e, sobre todo, esa chea de delirantes palíndromos. Por exemplo:
Madam, I’m Adam.
If I had a Hi-Fi.
No lemons, no melon.
No X in Nixon.
E ao cabo, velaí o resultado: a ritmo de Dylan, 38 títulos palindrómicos de falsas películas, cos seus directores (Milos Forman, Billy Wilder, Spike Lee...) e coas súas estrelas protagonistas (Kevin Bacon, Meg Ryan, Tom Hanks...). Unha impresionante serie de filmes dos estilos e xéneros máis variados. Podemos imaxinalos tan insólitos como os seus títulos. Brillante!

25/09/2013

Longa vida ao «Vide, vide!»


Xa limos aló atrás opinións que sostiñan, non sen retranca, que os galegos tiñamos certa incapacidade para crear nomes comerciais con xeito.

Un bo nome comercial debe cumprir tres regras básicas:
Ser fácil de memorizar.
Conseguir unha boa identidade visual.
Transmitir ideas e emocións que simbolicen o que se espera da marca.
Se a isto se lle engaden unhas pingas de saber ludolingüístico, o resultado pode ser brillante. Ben o saben publicistas e deseñadores gráficos.

Calquera recurso vale: o acrónimo (por exemplo: «Eroski», combinación das voces éuscaras erosi ‘comprar’ e toki ‘lugar’, traducible como ‘lugar onde comprar’), o ambigrama (por exemplo: «oysho», a división de lenzaría do grupo Inditex)...

A foto que encabeza o comentario de hoxe amosa unha nova doa no colar das nosas fermosas marcas de empresa: «Vide, vide!», un espazo enocultural no mesmo centro de Compostela. Unha denominación de alma ludolingüística que enreda coa homonimia entre vide ‘planta arbustiva que dá uvas’ e vide ‘imperativo de vir’. Un nome, en definitiva, de doada memorización, visualmente simple e que transmite á perfección a idea de convite a gozar do viño e doutros moitos praceres (gastronómicos e culturais).

Longa vida ao «Vide, vide!»

22/09/2013

Concerto para máquina de escribir e orquestra



Coñeciades esta insólita aplicación musical da esquecida arte da mecanografía? The typewriter (1950), de Leroy Anderson, é unha marabillosa peza para máquina de escribir e orquestra, de xénero inclasificable, que lle tira todo o partido sonoro a ese «instrumento de percusión»: teclas, panca, carro, campaíña... Unha melodía clásica cunha chea de versións na rede e que tamén foi popularizada no cine polo cómico Jerry Lewis.

Lembrei este vídeo ao saber do filme francés Populaire (2012), que conta en clave de comedia as peripecias dunha moza mecanógrafa. Sempre envexei esas mans rápidas a bailar cos dez dedos sobre o teclado con rítmica perfección. Eu non paso dun torpe tremelicar con dous ou tres dedos. Para os que queiran mellorar a súa habilidade mecanográfica ou só enredar cun entretido pasatempo en liña, aquí van estas dúas ligazóns: no primeiro xogo cómpre ser lixeiros ao teclear as palabras das naves espaciais para liberar os aliens abducidos e no segundo compítese nunha carreira por escribir un texto antes ca o contrincante.

Así que, xa sabedes, a darlle á tecla e calquera día, se cadra, acabaredes interpretando, como solistas, a xenial The typewriter.

19/09/2013

«O poeta comeleóns na cova de pedra»



O que acabamos de escoitar é o poema chinés «O poeta comeleóns na cova de pedra», de Zhao Yuanren, que contén 92 palabras/conceptos que comparten o son «shi», mais pronunciadas con catro tonalidades diferentes (shì shí shī shǐ). Un texto realmente insólito cuxa orixe ben merece unha explicación.

A lingua chinesa é moi homofónica, é dicir, moitas das súas palabras pronúncianse do mesmo xeito. Isto non supón un gran problema na escrita porque as grafías do chinés clásico son de tipo ideográfico e non alfabético.

Durante as primeiras décadas do século XX, entre os lingüistas chineses abriuse un profundo debate sobre a necesidade de converter o chinés escrito nun sistema alfabético, é dicir, sobre a adopción dun alfabeto romanizado. Abroiou entón o problema da homofonía. E aí apareceu Zhao Yuanren, eminente lingüista estadounidense de orixe chinesa, e a súa peza «O poeta comeleóns na cova de pedra». Con ela pretendía evidenciar a imposibilidade desa romanización. Este é o poema coa escrita tradicional, que pode ser lido por calquera coñecedor do chinés tradicional.


E este é o texto romanizado, un trabalinguas de lectura practicamente imposible (á homofonía engádeselle a homografía).
«Shī Shì shí shī shǐ»
Shíshì shīshì Shī Shì, shì shī, shì shí shí shī.
Shì shíshí shì shì shì shī.
Shí shí, shì shí shī shì shì.
Shì shí, shì Shī Shì shì shì.
Shì shì shì shí shī, shì shǐ shì, shǐ shì shí shī shìshì.
Shì shí shì shí shī shī, shì shíshì.
Shíshì shī, Shì shǐ shì shì shíshì.
Shíshì shì, Shì shǐ shì shí shì shí shī.
Shí shí, shǐ shí shì shí shī, shí shí shí shī shī.
Shì shì shì shì.
Unha brincadeira que ademais ten un fondo valor metafórico ao coñecermos o contido do texto. Esta sería a súa tradución aproximada.
Un poeta de nome Shi Shi, que vivía nunha cova de pedra, devecía por comer leóns e dicidiu xantar dez. Cada mañá ás dez adoitaba saír cara ao mercado para buscar os leóns. Chegou o momento en que, de súpeto, dez leóns chegaron ao mercado á vez que Shi Shi. Ao velos, Shi Shi matounos lanzándolles frechas. Colleu os corpos destes dez leóns e levounos á cova de pedra. A gorida estaba húmida e Shi Shi pediulles aos seus serventes que a limpasen. Cando a cova quedou limpa, comezou a comer os dez leóns. Cando terminou, decatouse de que os dez leóns eran en realidade os cadáveres de dez leóns de pedra e intentou explicarse isto.
O inesgotable pozo de sabedoría da Wikipedia conta que Zhao Yuanren utilizou os leóns de pedra como símbolo da tradición fronte á romanización do chinés clásico. Estes impídenlle ao poeta «devorar a linguaxe», que ao ser romanizada perde sentido. Ademais, os dez leóns están representados polas dez liñas do poema.

Que endiañado enxeño ludolingüista o deste Zhao Yuanren!

16/09/2013

O método S+7

Hoxe toca volvermos ao enxeño ludolingüístico do mestre Raymond Queneau. Como xa sabedes, o seu libro Exercicios de estilo é unha inesgotable fonte de inspiración para a creación litararia. Unha das súas propostas máis divertidas é coñecida co nome de «método S+7». Vexamos en que consiste:

Pártese dun texto calquera (un relato, un poema, a letra dunha canción…). Sinálanse todos os substantivos do texto. Logo, localízase nun bo dicionario cada un destes substantivos (S) e cámbianse polo sétimo substantivo posterior (+7). O resultado final (cos novos substantivos e cos reaxustes gramaticais precisos) é un disparatado texto cheo de comicidade.


Son posibles outras variantes co mesmo principio e igualmente divertidas: trocando os verbos (V+7), os adxectivos (A+7)...

Vexamos, por exemplo, o texto que xurdiría ao aplicar esta técnica ás primeiras liñas co relato «A lingua das bolboretas», do libro Que me queres, amor? de Manuel Rivas.
«Que hai, Pardal? Espero que este ano poidamos ver por fin a lingua das bolboretas».
O mestre agardaba desde había tempo que lle enviaran un microscopio aos da Instrucción pública. 
«Que hai, Pardal? Espero que este anovamento poidamos ver por fin a liña das bolsas».
A metafísica agardaba desde había tendal que lle enviaran un milhomes aos da Instrucción pública. 
Por certo, esta e outras técnicas literarias podedes atopalas tamén en lumenacinza.wordpress.com, un espazo virtual que semella unha desas navallas suízas multiúsos: ofrece información (sobre lingua, literatura...), asesoramento (na aprendizaxe da lingua, na mellora das técnicas de estudo, sobre problemas educativos...), servizos profesionais (redacción e elaboración de textos, corrección e tradución, busca de fontes de información...) e recursos na aprendizaxe da lingua (apuntamentos, exercicios, recursos TIC, aula virtual de apoio ao estudo...).

Case nada!

13/09/2013

Tick-tock, tick-tock


Xa coñecedes a miña debilidade polos caligramas e pola tipografía animada. Por sorte, hai pouco dei con esta peza, que é unha combinación das dúas cousas. Unha obra do deseñador gráfico estadounidense Richie Pickwell.

Unha roda de doce vogais, «i» e «o», que se move con precisión mecánica, coma os engrenaxes dun reloxo suízo. No seu movemento, as vogais alíñanse verticalmente co resto das letras formando a onomatopea «tick-tock» (o noso «tic-tac»). Un monótono xirar, case hipnótico, que reflicte o inexorable paso do tempo.

Este xogo visual, perfecto na súa sinxeleza, explota con enxeño a forma gráfica das palabras: igualiño, igualiño que os autores da poesía concreta. Lembrades?
Solucións á análise dos chistes de Gogue (7-9-2013): Paronimia (políjono - polígamo) / Polisemia (placa lámina dun material duro’ - ‘radiografía’) / Homofonía (tasa [con seseo] ‘cunca’ - tasa [correcto taxa] ‘medida, cantidade’) / Vulgarismos: asimilación (pilícula) - disimilación (elmanaque) - metátese (flim, candelario) / Calembur (Bár Cenas - Bárcenas).

10/09/2013

«Get the parachute!!!»



A publicidade é a arte de convencernos para comprar o que non precisamos. Se atendemos ao anuncio publicitario da escola de idiomas brasileira CCAA, aprender inglés resulta imprescindible: non vaia ser que te vexas atrapado nun avión militar en caída libre con Bruce Willis intentando salvar a túa vida e cos paracaídas xustiños!
Rapaz: E... seu Bruce, como, e... a gente vai sair do avião, «eivion», né?
Bruce Willis: Parachute!!!
Rapaz: Chute?
Bruce Willis: Get the parachute!!!
Rapaz: Acho que é pra chutar isso ai.
Bruce Willis: Go!!! Go!!! Go!!!
Rapaz: É pra chutar isso no gol.
Ha! Ha! Un anuncio xenial! O rapaz xuta e aló van os paracaídas pola porta! Bruce apaña o seu e salta. E os mozos, tan necesitados dun curso de inglés, a velas vir.

Claro, que non son os únicos!

07/09/2013

O humor de Gogue


Se pasades pola Praza de Arriba do Grove, poderedes atopar a escultura dun homiño tomando unha cunca de viño sentado a unha mesa. É Floreano, a creación máis popular do humorista Gogue. Unha pequena homenaxe a este artista gráfico da súa vila natal.

Floreano, coa súa boina ata as cellas, feo coma o demo e amante do tinto de Barrantes, leva case 25 anos a alegrarnos as mañás desde as páxinas do Faro de Vigo. Nun galego popular (cheo de dialectalismos, castelanismos...), este paisano conversa coa súa xente de sempre (a súa muller Moncha, o seu amigo Epifanio ou o cura don Ramón) e dálle o seu toque de retranca e enxeño a todo o que se move: a actualidade sociopolítica, o deporte, as leas entre sexos...

Gogue, pseudónimo de José Ángel Rodríguez López, colabora como humorista gráfico en medios galegos, estatais e internacionais. Ademais é un recoñecido caricaturista e ultimamente tamén lle dá á escultura. Que fenómeno!

Aquí vos deixo cinco pezas do ocorrente Floreano. O seu humor é bastante doado e directo; ademais nestas viñetas emprega tamén recursos ludolingüísticos: paronimia, polisemia, homofonía, vulgarismos (asimilación, disimilación, metátese...)  e calembur. Indica en cal atopas cada un.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...