28/02/2013

O touriñés, aquel estraño idioma





Uns vídeos esmendrellantes de hai cinco anos! Xa era divertida a versión dobrada d’A vida de Brian que coñecía, mais esta nova montaxe en touriñés é sinxelamente xenial. Nunca imaxinei que se lle puidese tirar tanto partido ás patadas ao idioma: o que fai un chisco sentido do humor e moita mala uva! «Rir por non chorar», poderiamos dicir.

Neste post ou nestoutro xa puxemos en cuestión á linguaxe política; con todo, o máis triste no noso país é que aínda temos que lle engadir as desfeitas idiomáticas da maioría dos nosos representantes. E nese terreo non vos hai rival para o noso ex-presidente Touriño e o particular idioma das súas manifestacións públicas: castrapadas («hemos dito», «mo dixeron», «encantao»), aspiración á andaluza dos eses finais e, como guinda, esa tendencia ao «atrapallamento» que semella froito do pretensioso esforzo por lle dar solemnidade a un discurso baleiro. Velai van uns exemplos:
«Atourizar», por «autorizar»
«Licitar a triplicación», por «triplicar a licitación»
«Novas retas, novos metos», por «novas metas, novos retos»
Unha mente paciente e chea de retranca dedicouse a recompilar estas perlas e a lles dar definición ao xeito do glorioso Elucidario de Gonzalo Navaza. É o que se coñece como a Touripedia.
«Ustede»: Vosted.
«Pisimismo»: Mexada desmoralizadora.
«Discriminalizar»: Marxinar os delincuentes.
«Furcionamento»: Execución da función propia nun (que non dun) lupanar.
«Loita contra a seguridade viaria»: Estratexia do goberno galego para incrementar os accidentes de estrada.
«Hospital tradicionalidade»: Centro médico no que as enfermeiras visten cofia, os galenos practican sangrados, a anestesia sustitúese por un bo grolo de whisky e as intervencións cirúrxicas realízanse á luz do candil, marica chuschús...!
Iso si, pasaron os anos e o panorama da nosa linguaxe política non mellorou moito.

Solución á actividade do 22-02-2013: o recurso lingüístico común ás tres pezas é a paronimia (Celga - cela / adeslas - habelas / pancetamol - paracetamol).

25/02/2013

«Palíndromo»: unha curta reversible


Ana, unha nena de 10 anos, ten algo que a desacouga. Que lle pasa? Decide explicárnolo. Tardou un tempo en se decatar, mais acaba por descubrir que non ten soños, que non recorda os seus soños. 

Así arrinca o argumento deste relato palindrómico. Ana é un palíndromo, soños é un palíndromo e o propio relato ten tamén a orixinal estrutura dun palíndromo (como estoutra de hai uns meses).

Palíndromo é unha curtametraxe dirixida no 2007 por Eva Quintas e protagonizada pola actriz nova Mariña Sampedro. Recibiu os premios á mellor película e á mellor actriz no XVI Festival de Vídeo Gaztebideo (2008) e foi gravada no CEIP de Maceda, localidade natal da directora.

Aquí vos queda esta historia reversible que nos fala dos soños da infancia e da importancia de saber que todo é posible. E, ademais, subtitulada en inglés.

22/02/2013

O humor de Xosé Manuel Fernández




Xosé Manuel Fernández Montes é fillo da emigración. Naceu en Paris en 1972 e a súa infancia e mocidade pasouna, por etapas, entre Barcelona e o seu recuncho galego en Anguieiros (Quiroga). Desde moi mozo, colaborou como humorista gráfico en publicacións catalás (Don Balón) e galegas (A Peneira, Retranca...) e tamén organizou varias exposicións do seu material. Na actualidade reside en Compostela e mantén o moi recomendable blog de humor hermanager.blogspot.com.es.

Como vemos arriba, o seu humor adoita apoiarse en todo tipo de elementos cotiáns (carteis publicitarios, envases comerciais, logotipos...) reinterpretándoos con retranca ata espertar en nós un sorriso. Dá xenio ver como Xosé Manuel xoga coa imaxe (que arte ten co Photoshop!) e tamén coas palabras. Un espírito ludolingüístico que el mesmo recoñece:
Eu, son un deses personaxes que corre polo mundo; ben, o de correr é un dicir, ando polo mundo distraído, disperso, soñando (como diría miña nai). E, nos momentos de evasión onírica en tempo real dáme por buscar o lado cómico das situacións e por xogar coas palabras, é algo xa enfermizo, que lle vou facer… Se investise ese tempo en estudar para notario o meu patrimonio seguro que o «notaría», pero non me deu por aí.
E para rematar, aí vos vai unha proposta de actividade. Poderiades indentificar en que recurso lingüístico se basea cada unha das pezas anteriores?

19/02/2013

Un acróstico de Schwarzenegger

A conta do «dedo» de Bárcenas, lembrei unha curiosa anécdota sobre un acróstico que tamén exemplifica a vulgaridade na política. Iso si, con algo máis de «estilo».

O gobernador republicano de California e arquetípico «tipo duro» de filmes de acción, Arnold Schwarzenegger, tiña no congresista demócrata Tom Ammiano un dos seus máis acérrimos adversarios políticos. Aínda que a súa rivalidade xa viña de lonxe, no mes de outubro do 2009 o enfrontamento entre eles era total por mor do veto do gobernador Schwarzenegger a un proxecto lexislativo, impulsado por Ammiano, que ía converter unha área portuaria de San Francisco en zona residencial.

O caso é que ese mes ambos os dous persoeiros coincidiron nun acto público. Ammiano non tardou en lle berrar a Schwarzenegger «You lie!» («Mentes!») e acabou despedíndose del cun explícito «Kiss my gay ass» («Bica o meu traseiro gay»).
Só catro días despois, o gobernador-estrela ofreceulle ao seu rival as razóns do seu veto nunha carta oficial perfectamente redactada.


Como vemos, a misiva contiña un «agasallo», unha mensaxe críptica e tamén dabondo ofensiva: o acróstico «Fuck you!» («Fódete!»), formado coas iniciais das liñas de cada parágrafo. «A rañala, raparigo!», faltoulle engadir como posdata a Arnold «Terminator».

A polémica foi amplamente tratada nos medios estadounidenses. Nela interviron políticos, xornalistas, activistas de movementos civís e mesmo matemáticos. Algúns expertos calcularon as diferentes combinacións de letras iniciais e estimaron que as posibilidades de que o acróstico xurdise de forma casual eran dunha entre dous mil millóns. Iso si, nin me atrevo a pescudar como chegaron a ese resultado. As miñas matemáticas non dan para tanto!

16/02/2013

Primeiro aniversario!


Hoxe facemos 1 ano. A todos/as, graciñas.
Para celebralo, unha curta que nos fala 
da capacidade de xogar coas cousas máis sinxelas:
As aventuras dunha caixa de cartón (2011).
Sobran as palabras.


14/02/2013

Escola Games: aprender xogando


Aprendizaxe e diversión. A fórmula perfecta para os máis cativos. E ademais con atraentes animacións e efectos sonoros. Isto é o que nos ofrece a web gratuíta de xogos educativos Escola Games. Iso si, en lingua portuguesa.

Máis de 50 xogos relacionados coas Matemáticas, coa Xeografía, coa Historia, coas Ciencias Naturais e tamén coa Lingua. E todos coas correspondentes indicacións sobre a súa aplicación didáctica.

Os xogos lingüísticos abordan un abano moi amplo de contidos: ortográficos, fonéticos, morfolóxicos, léxicos... Estes son algúns deles:


Laboratório das sílabas: xogo de alfabetización cos sons das sílabas.


Separe as sílabas: xogo de recoñecemento de sílabas que reforza a escrita correcta das palabras.


Pesca letras: xogo de formación de palabras «pescando» as súas letras.


Aprendendo o alfabeto: xogo que favorece a visualización e a memorización do alfabeto.


Sopa de letrinhas: xogo semellante ao aforcado que reforza a aprendizaxe da ortografía. 


Masculino e feminino: xogo de clasificación de palabras segundo o seu xénero.


Jogo do plural: xogo para comprobar o coñecemento da formación do plural.

Un portal brasileiro moi recomendable para achegar os nosos rapaces á familiaridade entre galego e portugués. E tamén, se o desexamos, para traballar aspectos gramaticais con gran coincidencia entre os ambos os dous idiomas. Mágoa que na rede non haxa máis sitios de noso coma este.

11/02/2013

O galegueiro d’Os da Ría



Velaquí o tema «Infanta Elena», un dos «xits» do «senlleiro» dúo Os da Ría, formado por Arturito Puy e Fabián Santomé; isto é, Carlos Meixide e Tomás Lijó. Un tema do Disco díscolo (2012) financiado polos seus propios «seareiros» a través do sistema de crowdfounding.

Nesta ligazón podedes gozar do concerto completo con todas as «cantareliñas» do disco: «Virando louco», «Por que será que voto BNG?», «Alberte Núñez Feijoo», «Chin chin polo borrachín»...

Na actualidade, Os da Ría son, se cadra, os ludolingüístas máis rabudos do noso país. Ans, contactarelar, contrataicións, direuto, deprocatarse, xiradeliña, compartillar ou vegada son só algunhas das «flores» seu peculiar galegueiro (mestura de castelanismos, hiperenxebrismos, lusismos...). Un argot co que parodian, cunha chea de retranca, o lamentable uso que «tirios e troianos» fan da nosa lingua. Nas súas propias palabras:
«Os da Ría levamos ans defendendo enriba de os esceairos (e as veces debaixo), o galegueiro como ferramenta de expresión cultural e festeira de o póbolo galegueiro»

07/02/2013

Pat e Mat e a paixón polos encrucillados

Pat e Mat son dous veciños chapuzas que decote se deben enfrontar a todo tipo de problemas domésticos. Na súa teimosía nunca desisten ata atopar unha solución, sempre de forma creativa: proxectan, reparan, recompoñen e constrúen ata crear os artefactos máis inverosímiles (que recordan ás máquinas de Rube Goldberg). E o caso é que Pat e Mat son tan teimudos e imaxinativos como torpes. Para o noso sorriso, o único que conseguen despois de tantos esforzos é, como non, xerar novos problemas.

Deseguido veremos todo o que chegan a argallar para poder dedicarse a unha das súas grandes paixóns: resolver encrucillados.



Hai que ver a onde nos pode levar o gusto polos xogos de palabras!

En fin, Pat e Mat foi unha serie televisiva de humor creada coa técnica de stop motion por Lubomir Benesz. Unha entrañable mostra da mellor animación da Europa do leste naqueles arredados tempos da Guerra Fría. Desde os años 70 e sen necesidade de palabras, estes personaxes fixeron gozar as familias da súa orixinaria Checoslovaquia e ao pouco o seu éxito foi espallándose por todo o mundo. Aquí deixo unha ligazón onde podedes atopar outros capítulos desta fantástica serie.

04/02/2013

O klingon de Marc Okrand



Caralluda esta profesora de klingon! E que mandadiños os seus alumnos! Unha idea xenial para publicitar Rosetta Stone, a multinacional dedicada ao software para o ensino de idiomas.

O klingon é unha desas estrañas linguas de ficción das que xa falamos unhas entradas atrás. A belicosa raza alieníxena klingon xoga un papel fundamental dentro o universo da serie de ficción científica Star Trek. O seu idioma foi creado polo lingüista estadounidense Marc Okrand, que ademais se ocupou de apredérllelo aos actores da serie. Para desenvolvelo, segundo parece, combinou trazos das linguas nativas de América do Norte e Central: sinxelas estruturas morfosintacticas (Obxecto + Verbo + Suxeito) e sons fortemente guturais (tanto que parece que en calquera momento vai estoupar a gorxa).

O klingon é sen dúbida unha das linguas de ficción máis populares e difundidas. Na rede podemos atopar descricións gramaticais, cursos, tradutores automáticos, prontuarios de frases máis usuais, comunidades, foros e mesmo un Instituto da Lingua Klingon. Tamén dei atopado un dicionario en liña galego-klingon (iso si, en construción e que aspira a ser completado con traballo colaborativo).

Preme nestas ligazóns e aprende unhas frases básicas para saíres do paso en calquera encontro casual cun klingon: ola!, si, non, non comprendo, que hora é?, que pasa?, lisca de aquí!

01/02/2013

Curso acelerado de rap



Aquí temos un novo tema para o noso karoke: «Escola hip hop». O Puto Koke e Wöyza, dous dos MC galegos máis recoñecidos, gravaron no 2008 este curso acelerado de rap para o Xabarín Club.

Nunha entrada anterior xa comentamos que o hip hop é un movemento cultural xurdido nos barrios pobres de Nova York (sobre todo no Bronx, Queens e Brooklyn). Este movemento xerou múltiples manifestacións artísticas: na música, o funk ou o rap; na danza, o break dance; nas artes visuais, o graffiti...

A música rap consiste, basicamente, en recitar rimas seguindo un ritmo ou unha base musical, que recibe o nome de beat. Os interpretes de rap son os MC e á súa habilidade ou estilo para crear as rimas e para desenvolverse no beat chámaselle flow.

Aquí deixo unhas interesantes ligazóns con consellos básicos para escribir letras de rap e para rapear. E nestoutro enlace, a ferramenta máis útil para calquera aprendiz de MC, un rimador automático en lingua galega. Vexamos unha pequena demostración:

Cantas palabras poderías rimar con «puño»? Cinco? Dez? Consultando o rimador automático obtemos... trinta e dúas: abruño, acabruño, acarabuño, acuño, agarduño, agatuño, amusuruño, apetuño, arruño, bracuño, carabuño, caramuño, cruño, cuño, desenfurruño, engruño, engurruño, escarabuño, esgarduño, estremuño, gaduño, gruño, presuño, rabuño, rascuño, raspuño, ruño, testemuño, touño, turruño, uño, xuño.

Ánimo e a ensaiar a vosa habilidade como intérpretes de rap. E como axuda, un novo videoclip d’O Puto Koke: o fermoso tema «Gal-Ego», toda unha reivindicación rapeira da nosa lingua.



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...