30/03/2013

Practicaches xa o «googlewhacking»?


Pensas que é doado atopar un único resultado no buscador de Google introducindo nel só dúas palabras? De aceptares o reto, estás a practicar googlewhacking (que se traduciría como «zouparlle ao Google»).

Se despois de escribir eses dous termos no cadro de busca e de activar a procura, podes ler «1 resultado», entón conseguiches un googlewhack e venciches a Google. 

Este estraño entretemento non é novo, naceu hai xa uns dez anos na rede. Seica o pai da criatura é un geek estadounidense, un tal Gary Stock. En xaneiro do 2002, o mozo escribiulles un correo electrónico aos seus amigos no que lles contaba que se fixera adicto «a buscar en Google combinacións de palabras inglesas de uso común que tivesen a menor frecuencia de aparición nas páxinas web». Desde entón o fenómeno estendeuse como a pólvora ata se converter nun xogo global.

As súas regras son simples:
1. Non se usan comiñas na busca.
2. As palabras da procura deben estar rexistradas. En inglés tómase como referencia a base léxica de dictionary.com, no noso caso poderiamos utilizar o Vocabulario ortográfico da lingua galega (Volga).
3. A páxina debe ser un artigo real. Non son válidas simples listas de palabras.
O googlewhacking revélase así nunha útil ferramenta para medirmos a semellanza ou proximidade semántica entre dúas palabras. Aparece en máis páxinas a parella «xouba espiña» (2.550 resultados) que «xouba aférese» (7 resultados).

Noutros idiomas con máis presenza en Internet supoño que será doado dar con estes pares de palabras cun único resultado. En galego, dá bastante traballiño. Despois dun bo anaco, eu atopeivos, por exemplo, esta posibilidade: «xeomorfoloxía - bertorella» deume 1 resultado (descontando 2 que correspondían a listas de palabras).

Proposta de actividade: zóupalle ao Google ata atopar outros pares de palabras de único resultado.

Solución á tradución do episodio de Félix, o gato (XX-X-2013):
Gato Félix: Que hai do meu leite?
Home: Non o has comer ata que resolva este encrucillado.
1. Vertical: Atópase principalmente en Rusia.
Gato F
élix: Déixame intentalo a min.
Gato F
élix: Se tan só puidese chegar a Rusia.
Gato F
élix: Recoiro! Estou en Rusia! Agora a resolver ese encrucillado!
Ruso: Espía!
Bang!
Complot para a revolución!
Gato F
élix: Non me tocaron.
Home: Tes xa a palabra de sete letras, que se atopa principalmente en Rusia?
Gato F
élix: Non. Todo en Rusia era un problema.
Home: «Problema», iso é.

27/03/2013

O gato que resolveu o encrucillado



Félix o gato é a primeira grande estrela do mundo dos debuxos animados. Creado polo caricaturista e animador estadounidense Otto Messmer, fixo a súa aparición aló polo 1900 en forma de tiras cómicas. En 1922, Félix converteuse en protagonista dunha serie de animación en branco e negro de 154 episodios.

Este gato negro de amplo sorriso vive nunha gran casa e sempre está disposto a vivir novas aventuras. No caso do episodio que encabeza este post, Felix All Puzzled (1925), Félix viaxa ata a Rusia da Revolución para poder dar solución a un encrucillado. Só unha palabra resta para completalo: a primeira das verticais.

Se prestaches atención ao vídeo, seguro que descubriches esa palabra. Mais, poderías ti traducir o texto completo do episodio?

24/03/2013

Corpos que fan letras


Lembrades a entrada dos alfabetos antropomorfos de hai uns meses? Pois aquí temos os nenos de Infantil 3 anos do CEIP Balaídos de Vigo estarricadiños polo chan para compoñer as iniciais dos seus nomes. Imaxínome unha Uxía por aquí, un Daniel por alá, unha Paula por acolá... No seu blog, O cole de Pepito, descubrín esta fermosa actividade, que serve para practicar a representación das letras e, ao mesmo tempo, para tomar consciencia do propio corpo.

Os alfabetos antropoformos veñen sendo algo así como o reverso da moeda dos pinacogramas: mentres estes son figuras compostas con letras, aqueles son letras feitas con figuras humanas.

Un exercicio gráfico que xa engaiolou a pintores e deseñadores desde antigo. Así o podemos ver nestes fermosos exemplos do alemán Peter Flötner (século XVI) ou do suízo Hans Erni (século XX). Seguro que tamén vós caedes no engado destas imaxes.




Solución ao xogo de colocación das comas (21-3-2013):
       A Xoán fáladelle, ben podedes. /
A Xoán fáladelle ben, podedes.
       Non quero, moitas grazas. / Non, quero, moitas grazas. / Non quero moitas, grazas.
       Precísase persoa que fale inglés, básico con referencias. / Precísase persoa que fale inglés básico, con referencias.
       Non está moi mal iso. / Non está, moi mal iso. / Non, está moi mal iso.

21/03/2013

Unha coma muda todo

Hai uns meses Les Luthiers amosábannos, ao seu xeito, a importancia dos signos de puntuación. A través dun dos meus blogs de cabeceira, El espejo lúdico, souben dunha curiosa campaña propagandística do 2009 sobre este mesmo tema. Foi creada pola Associação Brasileira da Imprensa co gallo do seu centenario e o seu lema é «100 anos lutando para que ninguém mude uma vírgula da sua informação». No cartel vemos, ben ás claras, a importancia dunha simple coma (dunha «vírgula»).


Este é o vídeo da mesma campaña.



Mo bo, non si?

E para rematar, un xogo: Poñerías ti unha coma nestes enunciados? Onde?
A Xoán fáladelle ben podedes. 
Non quero moitas grazas. 
Precísase persoa que fale inglés básico con referencias. 
Non está moi mal iso.

18/03/2013

Por fin, Apalabrados en galego!


E por fin xa o temos aquí! Apalabrados en galego! Houbo que agardar uns meses desde as primeiras noticias da inminente chegada desta app. E desde hai uns días, segundo se pode ler en Código Cero e en Praza Pública, xa dispoñemos dunha versión de noso deste Scrabble en liña. 

Hai só uns días, o xogo foi actualizado nas súas versións para iOS e Android incorporando dous novos idiomas: o noruegués e o galego. Agradecemento infindo para os artífices da tradución: a empresa arxentina Etermax e a compostelá Cilenis, especializadas en tecnoloxía lingüística. Aquí podemos ver un vídeo onde se nos explica como xurdiu o proxecto. 

Gozarmos en galego do Apalabrados, hoxe un verdadeiro fenómeno global, supón un pasiño máis no arduo camiño da normalización. Por non falar do agasallo impagable que é para «geeks ludolingüistas». De cando en vez, non está mal unha boa noticia. A xogar!

15/03/2013

A enredar cos acrónimos



«Son Brasilego», de Sérgio Tannus, en colaboración con Uxía e Narf. Unha delicia de canción homenaxe ao achegamento cultural e aos ritmos comúns de Brasil e Galicia. Á vez, unha boa mostra do gusto por xogar coas palabras a través dos acrónimos: brasilego [brasi(leiro ga)lego].

Os acrónimos son vocábulos que xorden da fusión de partes de dúas ou máis palabras. Na súa formación interveñen, sobretodo, dous tipos de abreviación: o apócope (suprímense letras na parte final) e aférese (suprímense na parte inicial). Por exemplo: sonar [so(und) n(avigation) a(nd) r(anging)], ovni [o(bxecto) v(oador) n(on) i(dentificado)], Ingabad [In(stituto) Ga(lego de) Ba(charelato) a D(istancia)], tergal [(poliés)ter gal(o)], ofimática [ofi(cina infor)mática]...

Non hai moito, no interesante blog fragmentosgutenberg.blogspot.com dei cunha entrada sobre este tema dos acrónimos. Nela, o autor fálanos da incapacidade para crearmos nomes fermosos para comercios e empresas. Un texto lúcido e cheo de humor do que tirei este fragmento:
A ausencia de imaxinación, derivada cun escaso desenvolvemento do hemisferio cerebral dereito, relaciónase, aínda, con outras moitas manifestacións da vida moderna. A nulidade de moita xente para o humor e, mesmo, para a captación dos máis elementais dobres sentidos e xogos de palabras é algo que sempre me chamou a atención. Existe un testemuño social moi concreto desta incapacidade para o desenvolvemento, digamos, lírico das actividades humanas. Antes, os negocios tiñan nomes sonoros e suxeridores: había en Ferrol unha zapataría co fermoso nome de «La regeneración del calzado». Chamar «O velocípedo» a unha tenda de bicicletas, «Espumosos Ovidio» a unha humilde factoría de gasosas, «Elviriña» a unha pequena mercería, «La caridad» a unha panadaría, «La casa del fumador» a un estanco ou «O ben me sabe» a unha pastelaría, parécenme eleccións sublimes e cheas de amor ao oficio. Por contra, a nomeada tendencia patria ao acrónimo produce especimes espeluznantes: «Riperfer», «Macoyma», «Construgal», «Rodrifer», «Fonelec»… cantan de tal maneira aos seus correspondentes desenvolvementos léxicos («Ricardo Pérez Fernández», «Manuel Costoya y Mato» etc.), que deixan pouco espazo ao maxín. Algúns como a famosa taberna baionesa «Jakeyvi» («Jamón, Queso y Vino») son pezas xa antolóxicas. Outras como «Pavoroso» («Pavimentos Oroso», caso real) inclasificables.
Aí queda iso!

12/03/2013

Que pelaso!!!

Por que unhas letras do Scrabble foxen do seu taboleiro? Están cansas de ser como as demais? Buscan algo?...



Que pelaso!!! Si, señor, despois da súa peripecia fóra taboleiro, grazas aos produtos para tinxir o cabelo, as letras K, E, R e T conseguiron ese aire ben colorido e moderno.

O popular xogo do Scrabble xa protagonizou outros anuncios en entradas anteriores. Nesta ocasión, o xogo de mesa serve de base para un comercial brasileiro dos cosméticos KERT. Un anuncio cheo de imaxinación e sentido do humor feito polos deseñadores de Movafilmes coa técnica do stop motion.

Outro exemplo máis da efectividade publicitaria dos xogos coas letras e coas palabras.

09/03/2013

O enigmático poder da letra X


Disque nunha ocasión, Valle-Inclán, o excéntrico escritor arousán, preguntado polas razóns que o levaron a viaxar a México en 1892, respondeu: «Porque se escribe con X». Curioso ver como esta polifacética letra (incógnita nas ecuacións matemáticas, dez na numeración romana, cromosoma humano...) pode chegar a exercer tanta fascinación sobre as persoas.

A letra X (xe), vixésimo segunda do alfabeto, é para moitos a máis xenuína do noso idioma. A iso axuda, con certeza, que represente normalmente un son palatal alleo por completo ao castelán e que apareza nunha chea das nosas voces patrimoniais (axóuxere, xouba, xerme, paxaro, xogo...). Un son que tamén hai no francés (cochon) ou no inglés (she).

Coa mesma fascinación, en Edicións Xerais decidiron no 2005, facerlle unha homenaxe a esta letra. Co gallo do seu XXV aniversario, desde a editora propuxéronse a creación dun libro conmemorativo no que o X fose protagonista: X, espazo para un signo. Un xogo editorial de encarga con ilustracións de Lázaro Enríquez e con textos dunha ducia de poetas (Marilar Aleixandre, Xosé María Álvarez Cáccamo, Xela Arias, María do Cebreiro...).

No seu limiar atopamos estas palabras ven ilustrativas do propio Lázaro Enríquez:
O X é na lingua nosa sinal diferencial, esvarando con suavidade sonora dende que sae da boca ata que chega ao ouvido receptor. O noso X canta. Non se pronuncia. Moumea e funde coa vogal agrazada.
Logo, unha ducia de pezas poéticas entre as que destaco esta «Flor do X», de Xosé María Álvarez Cáccamo, toda unha declaración de amor por este fonema enxebre.
Beixo de esponxa e xerfa, son de lonxe
que baixa desde o xeo das orixes
a xerminar na voz das xeracións.
Xabre a xemer en luz de baixamar,
airexa fráxil, xente en xograría,
paixón de ameixa e xema. Flor do Xe.
Nexo que apreixa e rexe, cruz de xiz
a corrixir con xesto xusticeiro:
Requeixo, Coruxo, Freixa, Panxón.
Xugo do xénese, feixe xuncal,
xorne de nós e seixo orixinal
a xorda fricativa palatal.
Outro título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica». 

Anímase alguén a crear outro poema en homenaxe a letra X?

06/03/2013

David Kwong: maxia e encrucillados



Gústanche a maxia e os xogos de palabras? Daquela, David Kwong é o teu home. O vídeo anterior é unha mostra do seu enorme talento como mago e como creador de encrucillados.

Will Shortz, editor da sección de pasatempos do The New York Times, preséntanos un mago novo chamado David Kwong, que tamén colaborou no seu xornal como creador de encrucillados. Despois vemos a Kwong a iniciar un espectáculo de maxia de salón ante un pequeno auditorio. Ofrécelle unha baralla de cartas a unha espectadora para que elixa unha. Só ela e mais o público sabe que a carta é... o oito de corazóns.

Nese intre, calquera outro ilusionista sacaría o seu sombreiro ou a súa variña máxica, mais o que fai Kwong é amosar unha grella de cadros en branco de 15x15 e pedirlles a diferentes persoas que lle digan algunhas palabras longas. Disponse a crear, en poucos minutos e ante o público, un encrucillado que inclúa esas voces e que respecte as tres regras básicas dos crosswords en lingua inglesa:
1. Os cadros negros deben estar dispostos de forma simétrica.
2. Cada letra debe usarse en sentido horizontal e vertical.
3. Non pode haber palabras de dúas letras ou menos.
Kwong vai dando ocorrentes definicións que o público resolve e comeza así a encher de palabras a grella. Ao cabo duns intres, o panel está completo coas voces perfectamente cruzadas, incluídas as que o público propuxera.

E por último, a gran sopresa a xeito de traca final: o mago saca un rotulador vermello rodea unhas letras dispostas en diagonal: aparece así camuflada no medio do encrucillado a expresión eight of harts (oito de corazóns), a carta secreta que escollera a muller ao comezo.

Unha abraiante forma de combinar maxia e xogos de palabras, froito do enxeño deste ex-alumno da Universidade de Harvard.

03/03/2013

Caetano Veloso: ludolingüista [2]



Non hai moito gozamos da canción «Zera a reza» de Caetano Veloso e do seu miolo ludolingüístico. Hoxe preséntovos outra con ese mesmo aquel: «Julia/Moreno» (Araçá Azul, 1972), unha peza que sempre me engaiolou pola súa beleza e polo seu misterio.
Julia/Moreno
Uma talvez Júlia
Uma talvez Júlia não
Uma talvez Júlia não tem
Uma talvez Júlia não tem nada
Uma talvez Júlia não tem nada a ver
Uma talvez Júlia não tem nada a ver com isso
Uma Júlia...
Um quiçá Moreno nem
Um quiçá Moreno nem vai
Um quiçá Moreno nem vai querer
Um quiçá Moreno nem vai querer saber
Um quiçá Moreno nem vai querer saber qual era
Um Moreno...
A composición non parece contar unha historia e aseméllase a un simple enredo de expansión sintáctica. Como pezas dun mosaico que se van engadindo sucesivamente, o texto recorda a poesía concreta brasileira vista unhas entradas atrás. De sabermos que Caetano compuxo este tema cando estaba a agardar o nacemento do seu primeiro fillo, o misterio queda revelado: monótonas series repetidas que reflicten o tempo que se alonga e a angustia da espera; enunciados que medran e medran para representaren a vida en xestación; unha dúbida («talvez», «quiçá») sobre o sexo do futuro fillo: será nena («Júlia»)?, será neno («Moreno»)?

En fin, outro brillante xogo de palabras de Caetano Veloso!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...