29/04/2013

Xogo das diferenzas (Dylan / Yankovic)




Como andas de agudeza visual? Seguro que, por miope que sexas, atoparás sen problema as diferenzas. Arriba, Bob Dylan interpretando o seu tema «Subterranean Homesick Blues» aló polo 1969. Abaixo, un imitador con debilidade polos palíndromos, o humorista e cantante estadounidense Weird Al Yankovic a parodiar no 2006 o xenial poeta de Minnesota.

Yankovic fíxose popular nos EEUU polas súas versións cómicas de cancións populares. Neste caso, se cadra inspirado polo nome capicúa de Dylan (BOB), decidiu facer unha parodia a base de palídromos, un para cada verso. Trinta e oito enunciados en inglés perfectamente reversibles e das máis variadas procedencias: Madam, I’m Adam ou Rats live on no evil star (populares, que eu saiba), Go hang a salami, I'm a lasagna hog (de Jon Agee), Was it a car or a cat I saw? (versión doutro palíndromo de Lewis Carroll)...

Un videoclip cheo de humor e de enxeño que, ademais, homenaxea un dos artistas máis influentes do século XX. Ah!, e para debotos ludolingüistas aquí deixo este curioso xerador de palíndromos que axuda a visualizar e crear estes singulares textos capicúa.

26/04/2013

O alfabeto arquitectónico de Steingrüber





Cando vin estas fabulosas edificacións, imaxinei os ditadores das máis variadas épocas e lugares a encher o seu ego erguendo suntuosos palacios coa planta das súas iniciais: o S de Stalin, o H de Hitler, o M de Mugabe...

Mais o certo é que estes deseños do arquitecto alemán Johann David Steingrüber, publicados en 1773, constitúen un dos máis curiosos xogos de lingua dos que teño noticia. Trátase do coñecido como «alfabeto arquitectónico de Steingrüber», unha serie de trinta plantas de edificios coa forma exterior das letras do alfabeto. Proxectos nunca realizados que son un simple exercicio de virtuosismo no deseño. Esta mestura de arquitectura e tipografía é un fascinante exemplo das posibilidades da imaxinación humana.

Máis alá das funcións egocéntricas das que falaba ao comezo, se cadra, tamén podemos imaxinar enxeñosos urbanistas utilizando estes planos para idear cidades-texto lexibles ao percorrer rúas e prazas. Quen non andaría a fedellar decote no google maps sobre esta utópica urbe na procura das súas mensaxes?

23/04/2013

Entre «marfagafos», «garzagrifas» e «cecigaciñas»


E no Día do Libro, unha recomendación da nosa «bibliografía ludolingüística básica»: Trabalinguas (2008), unha coidada escolma de trabalinguas tradicionais feita por Begoña Varela Vázquez e dirixida aos lectores máis novos. 

Entre marfagafos, garzagrifas, cecigaciñas, pegos revirigordos, ovellas arrepempenicadas e demais fauna de pronuncia case imposible, xorden unha chea de enunciados dispostos a enribirichar ata o límite a nosa lingua. Así o comprobamos, por exemplo, con este prodixio do sesquipedalismo popular galego: entarabintintingoletadas (24 letras).

Aí vos vai, por se aceptades o desafío, un dos trabalinguas do libro, co seu correspondente audio da imprescindible orellapendella.org.
Unha pega merga, reborderga, 
gorda, rebirigorda, cotobelada e xorda
cría pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos, cotobelados e xordos.

Se non criase pegos mergos, rebordergos,
gordos, rebirigordos, cotobelados e xordos
non sería unha pega merga, reborderga,
gorda, rebirigorda, cotobelada e xorda.
As fermosas imaxes que serven de fondo a cada texto son de Manuel Uhía, paisano meu de Portonovo e un dos nosos ilustradores máis recoñecidos, dentro e fóra de Galicia. 

Un libro co mellor espírito lúdico da nosa tradición oral. Unha obra, en suma, para ler, vocalizar, equivocarnos, rir e gozar.

Solucións á análise dos chistes de Luís Davila (20-4-2013): Calembur (zen tola - centola) / Paronimia (aleghría - alergia) / Polisemia (cabeza ‘de allo’ - cabeza ‘do corpo’) / Homonimia (NASA ‘axencia aeroespacial’ - nasa ‘aparello de pesca’)

20/04/2013

O humor de Luís Davila [2]





Fervíame o corpo! Xa me tardaba traer de novo a Xogosdelingua as tiras cómicas de Luís Davila. Como non aproveitar o seu inesgotable enxeño ludolingüistico!

Sempre me gustou a expresividade cómica dos seus debuxos: eses ollos fóra das órbitas, eses narices superlativos... Con todo, o que realmente me admira é a arte que ten para converter os máis sinxelos xogos de palabras en maxistrais pezas de humor gráfico.

Arriba temos algunhas perlas coas que Davila nos agasalla n’O bichero, blog no que pendura as súas colaboracións no Faro de Vigo. Só catro, aínda que prometo volver con máis no futuro.

As viñetas anteriores baséanse nos seguintes recursos: calembur, paronimia, polisemia e homonimia. Poderiades identificar cal é o que corresponde a cada unha?

17/04/2013

«Coco do trava-língua»


Todo un desafío para a nosa habilidade verbal esta canción, «Coco do trava-língua», do músico brasileiro Zeca Baleiro. Un tema cheo alegría e de engado composto orixinalmente polos mestres emboladores Cachimbinho e Geraldo Mousinho, do nordeste do Brasil. Adoro!!!

A embolada é semellante á nosa regueifa, unha forma poético-musical, improvisada ou non, cunha melodia de intervalos curtos e interpretada de xeito coral ou dialogado. Unha marabilla do xenio popular da que o propio Zeca Baleiro dixo:
Para o show, eu coloquei uma canção de dois «emboladores» nordestinos que se chama «O Coco do trava-língua». [...] Poderia ter sido composta até por um poeta concretista como Augusto de Campos, salvo o fato dela ter sido composta por analfabetos.
Para os máis arriscados, aquí deixo a letra completa, por se queredes ensaiar este colosal trabalinguas e adestrarvos no noso karaoke. Falta fai, abofé, pois, como di a canción, Duvido você dizer: «Rala lara lora liza», ou Rapa Ripa Rapa Rampa, ou Gravador gravo e gravura...
Coco do trava-língua
Duvido você dizer: «rala lara loura liza»
Duvido você dizer: «rala lara loura liza»
Duvido você dizer: «rala lara loura liza»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Rapa Ripa Rapa Rampa
Rampa Rampa Ripa Rapa
Campa Campa Capa Capa
Capa Capa Campa Campa
Tapa que tampa e destampa
Sacuda machuca e pisa
Visão avisou avisa 
Para a amiga entender
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Puxa pedra arranca o toco
Mergulha na pororoca
Faz o risco deixa broca
Dá mais dá menos dá pouco
Pega a palha tira o coco
Vista a calça e a camisa
A chuva o sol e a brisa 
O "a" o "b" e o "c"
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Gravador gravo e gravura
Se voçê disser eu pago 
Vingo viro bebo gago
Gaveta gato e gordura
Careta caricatura
Balança peso e baliza
Recebe paga indeniza
Planto depois de colher
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Unha dedo munheca mão
Vapor vagão luz de vela
Isca anzol peixe babela
Fígado, bofe e coração
É sul, é norte, é sertão
É ana maria gisa, 
paula, paulinha e genisa
É mesa, prato e comer
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Vi o ralo veio relando
Com a sua reladeira
Um relogio regulando

Com a sua reguladeira
Gato veio na carreira
Que quando corre desliza
Cantador leva uma pisa
Se não souber entender
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Borbuleja leta linda
Preta vá com vê de vela
Garganta guloso goela
Taquara e taquaritinga
Minha força nunca míngua
Sapato machuca e pisa
Me disse maria elisa
Cante pra o povo entender
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Lado é banda costa é frente
Frente é banda costa é lado
Casa branca é no sobrado
Coco galope repente
É nariz, é boca, é dente
Cantador que improvisa
Poeta quem analisa
Quem canta pra dar prazer
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»
Duvido você dizer: «rala lara loura lisa»

14/04/2013

A escítala espartana


Pois si, aínda que pareza imposible, naqueles arredados tempos en que non había correos electrónicos nin whatsapp, as civilizacións humanas progresaban e argallaban os seus métodos para enviaren mensaxes dun lugar a outro, mesmo cifradas cando cumpría.

Brincadeiras á parte, xa vimos hai tempo algún destes métodos de encriptación como o código de César ou os anagramas de Galileo. Hoxe imos falar doutro curioso sistema de cifrado: a escítala, empregada orixinariamente na antiga Esparta.

O funcionamento da escítala era moi simple: os dous participantes na comunicación debían posuír cadansúa vara do mesmo grosor. Un, o emisor, enrolaba unha longa fita de coiro ou papiro arredor do seu pau e escribía nela lonxitudinalmente un enunciado completo de xeito que a cada volta se engadise unha letra. Cando se desenrolaba a fita, a mensaxe anterior, ordenada e lexible, convertíase nun barullo de letras sen sentido. Só cando a fita se situaba de novo na posición orixinal na súa vara xémea, a do destinatario, a mensaxe reaparecía.

Contan os cronistas, que aló polo 404 a. C., cinco mensaxeiros espartanos saíron con urxencia para levar unha comunicación segreda ao seu rei, Leandro. Só un dos mensaxeiros, esgotado e malferido, deu chegado ao seu destino. A xeito de cinto, levaba unha escítala de coiro que lle entregou ao rei. Leandro enrolou esta fita nunha vara e así descubriu a mensaxe codificada que desvelaba as intencións do inimigo: o monarca persa Fanabazo II pensaba atacalo. Os espartanos preparáronse para repeler o ataque e de feito conseguírono. 

Neste enderezo tedes un encriptador automático co sistema da escítala. Por exemplo: nunha vara de recolla tres letras por volta a mensaxe «EU LEO XOGOSDELINGUA» quedaría así: «EOL UGI LON ESG ODU XEA»

No seguinte vídeo tedes unha demostración práctica do uso da escítala. Iso sí, a explicación é en chinés, mais é ben doada de comprender!



Animádesvos a intercambiar mensaxes segredas coas vosas propias escíntalas caseiras?

11/04/2013

Sopa de letras: xogo de mesa



Levaba un tempo a indagar se habería un xogo de mesa baseado no pasatempo da sopa de letras. E ao final dei con el. Un fantástico deseño de Goliath Games chamado «Wordsearch game» na súa versión en inglés e «Sopa cruza-letras» na súa versión en castelán. O vídeo anterior preséntanos dun xeito sinxelo este xogo (mesmo sen sabermos nin papa de inglés).

En todo caso, aí vai unha breve descrición deste enredo que permite fomentar habilidades intelectuais, cognitivas e sociais:
Os xogadores (entre 2 e 4) compiten para atopar palabras ocultas nunha grella de letras circular. Dispoñen de 20 cartóns cunha sopa de letras por cada lado (40 en total). Cada unha contén unhas 30 palabras dun mesmo campo semántico.
Escóllese un deses cartóns e ponse na base co taboleiro transparente por riba. Xírase a parte superior para revelar a primeira palabra que se debe atopar e todos comezan a busca. Quen primeiro dea con ela fai soar o tótem e coloca sobre as letras que a forman os marcadores da súa cor. Logo xírase de novo o taboleiro e a partida continúa cunha nova palabra. Cando se localizan todas as voces, o xogador con máis marcadores gaña. 
Para coñecerdes as regras polo miúdo e completas, tamén podedes descargar o PDF.

O xogo de mesa en castelán pódese atopar en comercios especializados ou en Internet. A falta de versión galega, non sería moi difícil deseñar para o xogo cartóns con sopas de letras na nosa lingua. Quen se anima?

Ah! E para os afeccionados a este pasatempo, aquí deixo o enderezo da web engalego.es, especializada en recursos educativos interactivos. Unha das súas aplicacións permite deseñar e xerar sopas de letras para resolver en liña.

08/04/2013

«Verbas van», novo concurso



O deseñador Manuel Viqueira creou esta cabeceira para o novo programa Verbas van, substituto do veterano Cifras e Letras na grella da TVG. Despois dunha andaina de máis de sete anos, o pasado luns 1 de abril o antigo concurso deu paso a esta nova versión que, no esencial, segue a mesma estrutura: dous concursantes compiten por un premio en metálico e polo dereito a regresar un novo día, dous expertos colaboradores (Jorge Mira e María Canosa) ofrecen e comentan as solucións ás probas e, finalmente, un presentador (Paco Lodeiro) conduce, cunha chea de retranca, o programa.

Con todo, si hai algunhas novidades nas súas probas:
O concursante novo escolle entre dúas palabras propostas polo presentador, determinando así o contido das preguntas. Cada un afronta cinco probas seguidas: formar, a xeito de anagrama, tres palabras (de 7, 8 e 9 letras) relacionadas co tema do día, unha pregunta de Ciencias e unha batería de cálculos numéricos.
Despois destas quendas individuais, ambos os dous concursantes enfróntanse no «Man a Man», onde é crucial a rapidez ao activar o pulsador. Esta fase consta de dúas probas: unha de Letras, «Verba vén»; e outra de Ciencias, «Botacontas».
Deseguido, chega o panel final, «Chegar e Encher», onde cada concursante debe resolver a súa columna de seis palabras, das que aparecerán as dúas primeiras letras, tras escoitar as correspondentes definicións. Esta proba final é decisiva xa que a puntuación que se pode obter é moito maior ca nas dúas primeiras fases. O concursante que consiga sumar máis puntos en total obterá 500 € e a permanencia no concurso.
En fin, un novo espazo que busca seguir o ronsel de éxito de Cifras e letras poñendo a proba o noso enxeño e o noso coñecemento da lingua.


05/04/2013

A mente ludolingüista de Jon Agee




Jon Agee é un recoñecido escritor e ilustrador de libros para nenos estadounidense. Algunhas das súas obras de máis éxito son The Incredible Painting of Felix Clousseau (1990), The Return of Freddy Legrand (1994) ou My Rhinoceros (2011), por desgraza, que eu saiba, sen traducir nin ao galego, nin ao castelán, nin ao portugués.

Ademais destes volumes narrativos, a fascinación de Agee pola linguaxe levouno a crear unha singular serie de libros baseados no xogo coas palabras (palíndromos, anagramas, trabalinguas...). Desta vez, como é lóxico, totalmente intraducibles.

Estes son só algúns deles:
«Go Hang a Salami! I'm a Lasagna Hog!» and Other Palindromes (1994), «So Many Dynamos!» and Other Palindromes (1997), «Sit on a Potato Pan, Otis!»: More Palindromes (1999) recollen orixinais palíndromos coa súa correspondente ilustración cómica. Coma o seguinte: Mr. Owl ate my metal worm, que poderiamos traducir como «O señor Bufo comeu o meu verme de metal».
«Elvis Lives!»: and Other Anagrams (2004) é unha colección de sorprendentes anagramas cheos de humor, cada un acompañado tamén por unha das ilustracións de Agee.
«Orangutan Tongs»: Poems to Tangle Your Tongue (2009) é un libro de poemas-trabalinguas cos que o lector ou lectora pode divertirse poñendo a proba a súa habilidade verbal.
En suma, Jon Agee, unha abraiante mente que ferve a cachón regalándonos a cada pouco marabillosas pezas de enxeño verbal. Libros cos que gozar mesmo sen termos un gran nivel de inglés.

02/04/2013

«María Fumaça» arrasa por onde pasa



Por aí lin (ou escotei) este slogan: «María Fumaça arrasa por onde pasa» que, ademais de sonoro e brillante, resulta totalmente certo. María Fumaça é un fantástico proxecto musical que nos agasalla con libro-CD, karaoke, videoclips, xira de concertos... A canción anterior, «O mercado», é unha das pezas deste volume editado por Galaxia no 2012. 

Con todo, a locomotora de María Fumaça xa botara a andar moito antes. Inicialmente xurdiu a xeito de obsequio de Uxía Senlle para Rui, un afillado seu cunha forte discapacidade. Dende hai anos, polo Nadal, Uxía e outros artistas amigos xuntábanse na casa de Rui para agasallalo con cancións cheas de alegría e vitalismo.

No coidado produto final participa unha presa dos mellores músicos e actores do país: Uxía Senlle, Sérgio Tannus, Magín Blanco, Carlos Blanco, Quico Cadaval… e o propio Rui. Un tren festeiro que desexamos sexa de «longo percorrido» e que siga arrasando polas nosas escolas, auditorios e teatros.

E volvendo á canción inicial, velaí queda outro tema para o noso karaoke particular, que ademais permite traballarmos o campo semántico das partes do corpo (, cu, man, orellas, nariz) e dos produtos do mercado (café, xampú, azafrán, lentellas, regaliz). A cantar!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...