26 de abr. de 2013

O alfabeto arquitectónico de Steingrüber





Cando vin estas fabulosas edificacións, imaxinei os ditadores das máis variadas épocas e lugares a encher o seu ego erguendo suntuosos palacios coa planta das súas iniciais: o S de Stalin, o H de Hitler, o M de Mugabe...

Mais o certo é que estes deseños do arquitecto alemán Johann David Steingrüber, publicados en 1773, constitúen un dos máis curiosos xogos de lingua dos que teño noticia. Trátase do coñecido como «alfabeto arquitectónico de Steingrüber», unha serie de trinta plantas de edificios coa forma exterior das letras do alfabeto. Proxectos nunca realizados que son un simple exercicio de virtuosismo no deseño. Esta mestura de arquitectura e tipografía é un fascinante exemplo das posibilidades da imaxinación humana.

Máis alá das funcións egocéntricas das que falaba ao comezo, se cadra, tamén podemos imaxinar enxeñosos urbanistas utilizando estes planos para idear cidades-texto lexibles ao percorrer rúas e prazas. Quen non andaría a fedellar decote no google maps sobre esta utópica urbe na procura das súas mensaxes?

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...