29/05/2013

Taumatawhakatangihangakoauauotamateatu...


Taumatawhakatangihangakoauauotamateaturipukakapikimaungahoronukupokaiwhenuakitanatahu

Non, non é que puxese os dedos a pasear ao chou polo teclado. Esa morea de letras sen sentido aparente forman, segundo o famoso Libro Guiness, o topónimo máis longo do mundo. A lingua maorí é a que nos brinda este prodixio de 85 letras. Unha delicia para os amantes da toponimia e do sesquipedalismo. O termo designa un outeiro de Nova Zelandia duns 305 metros de altura e que podería traducirse así: «O cume do outeiro, onde Tamatea, o home cos xeonllos grandes, coñecido como “o devorador de terra", baixou, subiu e enguliu as montañas, mentres tocaba a frauta para a súa amada». Iso si, para evitar colapsos respiratorios, ten unha forma abreviada: Taumata.

Llanfairpwllgwyngyllgogerychwyrndrobwllllantysiliogogogoch

O anterior topónimo ocupa o segundo lugar nesta clasificación. É unha pequena localidade da illa de Anglesey, en Gales, máis coñecida como Llanfair PG. Unha voz céltica de 58 letras que significa algo como «Igrexa de Santa María no oco da abeleira branca preto dun turbillón rápido e a igrexa de San Tisilo preto da gruta vermella».

Chargoggagoggmanchauggagoggchaubunagungamaugg

Polo visto o anterior nome de 45 letras corresponde ao terceiro clasificado. É un lago en Webster, Massachusetts, nos Estados Unidos, tamén coñecido coñecido Lago Webster. Esta voz, orixinaria da lingua dos indios nipmuck, significa «Ingleses no territorio dos Manchaug, no lugar de pesca da fronteira».

Cousas das linguas polisintéticas, que nunha mesma palabra poden combinar un gran número de morfemas, léxicos e gramaticais, ata o punto de poder equivaler a unha longa oración do noso idioma.

O galego, lingua flexiva, non dá para estarricar e estarricar as palabras dese xeito. Con todo, aí vos vai unha proposta:

Emprendamos a procura dos nosos hipertopónimos. Cal credes que é o topónimo galego máis longo dunha soa palabra? E cal sería o máis longo formado por unha frase? Ollo! Valen os de grandes localidades ou tamén microtopónimos.

Como axuda, para quen teña tempo e ganas, aquí deixo dous buscadores de topónimos: este da Xunta de Galicia e estoutro da Universidade de Vigo.

26/05/2013

«Música ligera» en ambigramas


Enigmáticos retratos, non si? Cunha rotación de 180º pasamos do rapaz sorrinte e imberbe ao vello serio e barbudo.

Dun xeito semellante funcionan os ambigramas. Esas palabras ou frases escritas de tal modo que admiten cando menos dúas lecturas diferentes despois de xiralas. Poden ser simples ou dobres:
Simples: ofrecen unha nova lectura da mesma palabra ao rotala 180º.
Dobres: de maior complexidade, xa que, mediante o mesmo deseño, ofrecen a lectura dunha palabra nunha posición e a doutra diferente despois da rotación de 180º.

En fin, exemplos do que poderiamos chamar tipografía lúdica. Por se queres descubrir que ambigramas pode incluír o teu nome ou outras voces, aquí vai a ligazón do xerador ambigram.matic, en liña e de balde.

Por certo, lembras aqueles marabillosos exemplos do deseñador venezolano John Moore? Pois hai xa uns anos o grupo arxentino Soda Stereo encargoulle a Moore un vídeo musical para a súa canción «Música ligera». E aquí deixo o abraiante resultado, un video feito enteiramente con ambigramas que representan a letra completa da canción. Por certo, «Música ligera» é considerado un dos temas máis populares e emblemáticos do rock latinoamericano. A gozar!

23/05/2013

A arte caligramática de Manuel Antonio


A obra Foulas (1993), de Manuel Antonio, é unha das primeiras mostras do vangardismo poético galego. Este poemario, composto entre 1922 e 1925, non chegou a ser publicado en vida do autor, mais nel xa se anticipaba a vontade rupturista da súa obra mestra: De catro a catro (1928).

Aquí deixo un dos poemas de Foulas titulado «Excelsior». Unha peza que sintetiza á perfección os trazos creacionistas da poética de Manuel Antonio: escaso emprego dos signos de puntuación, ruptura da orde normal da lectura, orixinais disposicións gráficas, ausencia de ritmo e musicalidade, vocación cosmopolita...


Nel atopamos ademais un dos primeiros e máis coñecidos caligramas da nosa literatura: unha rosa dos ventos con esa frase «EU SON» apuntando a cada punto cardinal: ao oeste en francés, ao sur en inglés, ao leste en latín e ao norte en galego. Unha imaxe chea de forza que, por unha parte, subliña a idea de individualismo do poeta rianxeiro e, por outra, simboliza o seu compromiso galeguista: o seu norte (o noso tamén) é a lingua galega, xurdida do latín e compañeira de idiomas internacionais como o inglés ou o francés.  

Un novo título para a nosa Bibliografía Ludolingüística Básica. Ah!, é para ampliardes información aquí vos deixo algúns recursos:
Unha fantástica unidade didáctica de Pilar Ponte sobre as vangardas.
Esta entrada de Lingua de Alcaian (blog de Mercedes Queixas) con imaxes da Casa Museo de Manuel Antonio.
E aquí vai a ligazón de typedrawing, web que permite deseñar caligramas en liña.

20/05/2013

Videopalíndromos



Félix Pérez-Hita, realizador e guionista barcelonés, é o autor destes «videopalíndromos». Unha demostración tan sinxela como efectiva do carácter reversible dos palíndromos. Un grupo de amigos di, con pronuncia alta e clara, oito palíndromos clásicos do castelán:
Sé verla al revés.
¿Somos o no somos?
Salta Lenin el atlas.
Odio la luz azul al oído.
A ti no, bonita.
No deseo yo ese don.
La moral, claro, mal.
Nos ideó Edison.
Tras cada un deles, o realizador editou a mesma secuencia co efecto de «retroceso» ou «marcha a atrás». O resultado: o enunciado pode oírse de novo (con algúns pequenos cambios que non alteran no esencial a secuencia de fomenas), é dicir, palíndromos orais perfectamente simétricos.

Se manexades cun chisco de habilidade programas de edición de vídeo, animádesvos a facer algo semellante con outros palíndromos galegos? Aquí deixo algúns da miña colleita:
A un avión a noiva núa.
Sedaba o tío oito abades.
Oirás orar a Rosario.
Ou, mellor aínda, por que non facelo con recitacións en voz alta dos magníficos poemas de Gonzalo Navaza en A torre da derrota? Seguro que resulta divertido.

17/05/2013

«Eu tiña un ratiño»



Xa vimos aló atrás a utilidade das cancións acumulativas: esas pezas con textos que medran e medran engadindo de cada vez novos elementos. Divertidos xogos musicais que poñen a proba a nosa memoria e tamén... a nosa capacidade pulmonar!

Desta volta presentamos unha nova canción deste tipo. Trátase de «Eu tiña un ratiño», composta por Manuel R. Crespo, profesor de Música do CEIP O Sello, de Cabral (Vigo). Aí vai a letra (no comezo do vídeo tamén podemos atopar a partitura):
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou.
E veu o gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu o can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu o lume
que queimou o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ó gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou. 
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu a auga 
que apagou o lume
que queimou o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou. 
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou
E veu a vaca
que se bebeu a auga 
que apagou o lume
que queimou o pau
que lle pegou ao can
que lle mordeu ao gato
que se comeu o rato
que na feira meu pai me comprou. 
E veu o home
que *ordeñou a vaca
e fixo queixo manteiga e iogur.
Eu tiña un ratiño pequeniño
que na feira meu pai me comprou.
O propio Manuel R. Crespo comenta na ligazón onde topei o vídeo que se trata dunha versión da canción infantil italiana «Alla Fiera Dell'est», de Angelo Branduardi. Para poderdes comparar, aquí deixo estoutro vídeo coa versión italiana en forma de animación. A gozar! Ah, e a practicar coa vosa memoria!


14/05/2013

Labios de Babel


Un fermoso anuncio publicitario dirixido pola fotógrafa Ella Muliarchyk para o portal de moda Motilo.com. Lips of Babel (Labios de Babel) é unha celebración da diversidade lingüística. Ella explica: «Inspireime na incrible diversidade de idiomas que a industria da moda, especialmente as modelos, traen á cidade de Nova York. Filmei 50 modelos de todo o mundo dicindo 50 trabalinguas diferentes orixinarios das súas culturas». Unha atípica e fresca visión das modelos allea aos peores estereotipos.

Fedellando neses «perigosos» tradutores automáticos e co paso intermedio polo inglés, aventurei a tradución dalgúns destes trabaliguas:
Mon père est maire, mon frère est masseur. Meu pai é alcalde, meu irmán é masaxista. (Francés / Canadá)
Der plappernde Kaplan pappt peppige Papp-Plakate an die klappernde Kapell'-Wand. O capelán balbucinte pega carteis de cartón na ruidosa parede da capela. (Alemán / Alemaña)
Als apen apen na-apen apen apen apen na. Cando os monos imitan os monos, os monos imitan os monos. (Neerlandés / Holanda)
Zeven zwarte zwanen zwommen in de zilte Zuiderzee. Sete cisnes negros nadan no Mar do Sur. (Neerlandés / Bélxica)
Døde røde rødøjede rådne røgede ørreder med fløde. Troitas afumadas con ovos mexidos e mermelada vermella con crema. (Danés / Dinamarca)
Nwanyi n'akwa akwa, ina-akwa akwa na okuko yili akwa nenu akwa ikwalakwa di nenu akwa? Señora modista, está vostede chorando porque a galiña puxo un ovo sobre o vestido que fixera e que estaba tendido na cama? (Ibo / Nigeria)
Nama mugi, nama gome, nama. Trigo cru, arroz cru e ovo cru. (Xaponés / Xapón)
E para os amantes dos trabalinguas e da diversidade lingüística aquí deixo esta ligazón con centos de trabalinguas achegados, de forma cooperativa, desde todos os recunchos do mundo. Mágoa que só uns poucos conten con versión en audio!
Solución ás «mensaxes ocultas na táboa periódica» (8-5-2013): fósforo - ouro - lantano - nobelio - neon - fluor - radio - carbono (Paula non é fraca: P Au La No Ne F Ra Ca) / einstenio - tantalio - sodio - argon - xenon - nitróxeno - titanio - sodio (Está na Arxentina: Es Ta Na Ar Xe N Ti Na) / prata - osíxeno - radio - titanio - einstenio - osíxeno - xenon - ferro (Agora ti es o xefe: Ag O Ra Ti Es O Xe Fe).

11/05/2013

As mensaxes ocultas na táboa periódica


europio - litio - nitróxeno - cerio - nitróxeno - litio - bromo - osmio

Non é unha fórmula química. É unha mensaxe en clave. Descifrala non é difícil. Probade a substituír cada elemento polo seu símbolo abreviado.

Eu - Li - N - Ce - N - Li - Br - Os

E agora agrupade estas letras de xeito que formen palabras e frases.

Eu lin cen libros.

E xa está, unha sinxela técnica criptográfica que ademais de servir como xogo, tamén é un bo recurso para memorizar os símbolos dos elementos químicos. 

A maioría destes símbolos, de valor universal, son derivados das letras do nome do elemento. A primeira letra é maiúscula e a segunda (se a hai) é minúscula: carbono, C; hidróxeno, H; magnesio, Mg; aluminio, Al. Iso si, os símbolos dalgúns elementos coñecidos desde a antigüidade normalmente derivan do seu nome latino: cuprum, Cu (cobre); aurum, Au (ouro)...
 
Diante da táboa periódica, esa que organiza os elementos químicos segundo as súas propiedades e características, as ideas para creardes novas mensaxes seguro han xurdir. De momento, se queredes, probade a descifrar estas tres:

fósforo - ouro - lantano - nobelio - neon - fluor - radio - carbono
einstenio - tantalio - sodio - argon - xenon - nitróxeno - titanio - sodio
prata - osíxeno - radio - titanio - einstenio - osíxeno - xenon - ferro
 
Despois escribide as vosas propias mensaxes. De o facerdes en parellas ou grupos, podedes xogar a competir entre vós como iniciados nesta nova «linguaxe química».

Ah!, e por último, a xeito de peche, un vídeo de Redes que nos explica, de forma clara e asequible, a orixe da táboa periódica.


08/05/2013

«Charabia», de Charles Chaplin



En Tempos modernos (1935), Charles Chaplin ofrece a súa visión traxicómica dos convulsos tempos da Gran Depresión: desemprego, fame, inxustiza social... (moi recomendable revela hoxe!). Nunha das súas escenas, Chaplin canta, nun idioma incomprensible, a que se coñece como «Charabia», unha versión do clásico «Je cherche après Titine» de Leo Daniderff. É a súa achega ao mundo das linguas de ficción. Así naceu:

Charlot entra a traballar como camareiro e cantante nun restaurante con animación musical. A estrela do cine mudo non fala, mais debe interpretar unha canción cuxa letra non dá aprendido. Solución? A súa compañeira, Gamin (Paulette Goddard), escríbelle o texto no puño da camisa. Cando Charlot sae á escena e comeza a bailar, o puño sae voando. Non lembra a canción! Non ten a letra! Que facer? Gamin bérralle: «Canta!! Non importan as palabras» (gran sentenza para un filme a cabalo entre o cine mudo e o sonoro). E así, por primeira e derradeira vez, escoitamos a voz de Charlot na gran pantalla. Canta nun idioma inventado que mestura elementos do francés, do italiano e do ruso con palabras totalmente inexistentes. Velaí vai a letra (aviso: inútil o uso de tradutores automáticos!):
Se Bella ciu satore, je notre so cafore
Je notre si cavore, je la tu, la ti, la tua
La spinach o la busho, cigaretto porta bello
Ce rakish spagaletto, si la tu, la ti, la tua 
Senora Pilasina, voulez vous le taximeter, 
Le zionta sous la sita, tu la tu, la tu, la ua 
Se muntya si la moora, la sontya so gravora
La zontya comme sora, Je la poose a ti la tua
Je notre so la mina, je notre so cosina
Je le se tro savita, je la tuss a vi la tua
Se motra so la sonta, chi vossa la travonta
Les zosha si katonta, tra la la la, la la la
Les de, le ce, pawnbroka, lee de ce peu how mucha
Lee ze contess e kroke, punka wa la, punka ua
Unha brillante ocorrencia ludolingüística dun xenio que sobre a limitación da comunicación verbal chegou a dicir: «As palabras son escasas. O máis grande que podes dicir con elas é elefante». Se cadra é por iso que só con ver a súa peculiar coreografía case comprendemos á perfección o que canta.

05/05/2013

Rap e regueifa, tan lonxe, tan cerca



«Cando os americanos chegaron ao rap, aquí xa había retranca, picardía, enxeño», ten declarado Pinto d'Herbón nunha defensa orgullosa das nosas regueifas tradicionais. Rap e regueifa, dous estilos separados por tanto tempo e tanto espazo: tradición e modernidade, mundo rural e mundo urbano, galego e inglés. Con todo, estilos tamén tan próximos: dúas formas de versificación improvisada cheas de espírito lúdico e irreverente.

E por todo iso dan tanto xogo como inciativa de dinamización lingüística: obradoiros, concertos, documentais... De feito, no capítulo anterior de Ben falado temos o rapeiro García, de Dios ke te crew (coa súa versión de «Deitado frente ao mar» de Celso Emilio Ferreiro), e mais os regueifeiros Pinto D’Herbón e Luís «O Caruncho» compartindo o seu saber cun grupo de mozos.

Para rapeiros e regueifeiros que ensaian as súas primeiras rimas improvisadas, aquí deixo, de novo, un rimador automático que pode ser de moita axuda. E para cantalas, se cadra, tamén pode axudar esta base musical e rítmica.

02/05/2013

Letroca: para xogar sen parar



Para os amigos dos xogos de palabras, preséntovos o Letroca, un enredo en liña tan sinxelo como adictivo. Por desgraza, só coñezo a versión orixinal en portugués. Con todo, non é difícil aproveitalo para poñermos en práctica a nosa axilidade mental e os nosos recursos léxicos.

O xogo, que lembra a proba de lingua do popular Cifras e letras, consiste en formar cantas palabras se poida coas letras dispoñibles. A maior número de vocábulos, máis puntos. Iso si, só valen as palabras listadas en cada fase. Cantas palabras poderías formar con esta serie de letras: A - R - A - D - I - S? Vexamos: asa, dar, día, saír, saia, saída, adiar, risada... e aínda quedan moitas máis.

Hai dúas opcións, xogar cada fase nun tempo de tres minutos ou facelo sen límite de tempo. Ademais, se se consegue acertar o anagrama co máximo de letras, pódese pasar directamente á seguinte fase.

En fin, un xogo para comezar e non parar que permite mellorar o noso portugués e, á vez, o noso galego.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...