28/06/2013

O humor de Xosé Lois


En Lingua de Alcaián dei con esta peza de humor gráfico de Xosé Lois. É do ano 1995 mais, por desgraza, ten plena actualidade. Un berro de carraxe en triple versión dialectal. Xenial!

Xosé Lois, como xa vimos hai tempo, é o pai do Carrabouxo, ese popular personaxe alto e fraco que non se despega da súa boina nin da súa cabicha. A súa percepción do mundo, lúcida e mordaz, sempre é capaz de espertar en nós un sorriso. Podedes gozar do humor do Carrabouxo nas páxinas de La Región ou na súa web oficial. E aquí tedes tamén unha entrevista a Xosé Lois para sabermos máis do seu fillo, que xa fixo 30 anos.



E para rematar, unha proposta: descubride a arte ludolingüística de Xosé Lois identificando nas seguintes pezas estes recursos: polisemia, paronimia, homonimia e calembur.




25/06/2013

Vincent en galego

A primeira obra cinematográfica de Tim Burton foi Vincent (1982), unha deliciosa curtametraxe de animación en stop motion. Nela, o director californiano cóntanos a historia de Vincent Malloy, un neno de 7 anos que, como lle sucedera ao Quixote, comeza a perder o siso por causa das obras de ficción. No caso de Vincent non son novelas de cabaleiría senón historias de terror: as dos relatos de Edgar Allan Poe e as dos filmes protagonizados por Vincent Price.

Así, Vincent Malloy acaba por sucumbir ao poder da súa imaxinación creando un mundo novo no que mestura o plano da realidade (familia, mascotas...) e da fantasía (monstros, arañas, vampiros...).

Na curtametraxe, en branco e negro e cunha coidada estética gótica, a historia é narrada mediante un fermoso poema composto polo propio Tim Burton (aquí vos deixo a peza completa) e coa escura voz en off de Vincent Price en persoa.

Pois ben, hai uns días dei cunha versión desta curtametraxe dobrada ao galego. Os protagonistas desta fantástica iniciativa son os membros do club de lectura As catro esquinas do quinto do IES Xesús Ferro Couselo (Ourense). Un traballo, primeiro de tradución e logo de lectura dramatizada e locución, que lembra outras valiosas iniciativas escolares.

Aquí vos deixo, para gozardes delas, a versión orixinal de Burton (con subtítulos en inglés) e logo a feita na nosa lingua.




22/06/2013

De «lama má» a «la mamá»


Vía Carta Xeométrica coñecín este estraño indicador que andará por algunha estrada ou camiño do concello ourensán de Baños de Molgas. Acaso algún castelanfalante bautizou así un Vilariño do lugar na honra da súa queridiña nai? Pois abofé que non: a ignorancia, o afán castelanizador e o traveso calembur obraron o milagre! De Vilariño de Lama Má (con ese , variante de mala) pasamos a Vilariño de la Mamá (e por que non Villarito de la Mamá?).

Outra peza máis nese mosaico do disparate que é a nosa toponimia deturpada: desde o mítico Niño de la Guía (Niñodaguia) do franquismo, ao máis recente de Desván de los Monjes (Sobrado dos Monxes).

Ocorrencias que resultarían graciosas e mesmo co seu aquel ludolingüístico de non seren, trinta anos despois da aprobación da Lei de Normalización Lingüística, todo un síntoma do máis lamentable desprezo pola nosa lingua, pola nosa cultura e pola nosa identidade.

Como indican tamén no mesmo blog, a imaxe procede de Prolingua, onde dispoñemos dun mapa no que engadir máis fotodenuncias coma esta.

Parabéns por tan fabulosa iniciativa! Andaremos atentos coa cámara!

19/06/2013

Karaoke para a fin de curso


Ramata o curso! Festa rachada! Para celebralo, engadimos dúas pezas máis ao repertorio do noso karaoke. Dúas cancións que reivindican, con ritmo, alegría e forza, o uso do galego.

A primeira, «Por que me sae do galego», é un rap de Gamy, alumno do IES Marco do Camballón de Vila de Cruces. A iniciativa xurdiu desde o equipo de Normalización Lingüística deste centro e a gravación e a realización correu a cargo de Tomás Lijó (membro d’Os da Ría) e de Natasha Lelenco.

A segunda, «Meu o mundo é!», é unha rebuldeira peza a ritmo de ska de Paco Nogueiras Folgar, músico e actor que leva creados unha chea de divertidos videoclips para todo tipo de celebracións escolares.

Daquela, non hai escusas, a cantar e a bailar, «porque nos sae do galego»!



16/06/2013

A máxica historia de Anina



Anina é unha nena de 10 años, intelixente, espelida e inqueda, que vive atormentada porque non lle gusta o seu nome, composto por tres palíndromos: Anina Yatay Salas. Ese triplo nome palindrómico é una carga: por mor del ten pesadelos e é obxecto das burlas doutros nenos. Un día ten unha pelexa coa súa compañeira Yisel, vista inicialmente como a antagonista, e ambas as dúas son castigadas: cada unha recibe un sobre que non deben abrir durante unha semana. Isto serve de punto de partida para unha historia que nos fala do proceso de crecemento e do poder máxico do palíndromo. Un poder que lle permite a Anina ver as cousas de ida e volta.

No inicio foi o libro: Anina Yatay Salas (2003), do uruguaio Sergio López Suárez. O ilustrador desta obra, Alfredo Sorderguit, decidiuse pouco despois a trasladar o relato á gran pantalla. E así naceu Anina, un filme de animación cheo de sensibilidade e de beleza plástica que recibiu este mesmo ano 2013 varios premios: Mellor Película Estranxeira do BAFICI (Buenos Aires Festival Internacional de Cine Independiente) ou Mellor Película e Mellor Director na sección «Colombia ao 100%» no Festival de Cine de Cartaxena de Indias (Colombia).

Dei con esta xoia desde o Movemento Rever. Quen sabe? Agardemos que Anina gañe aínda moitos máis premios internacionais para termos a unha pequena posibilidade de vela estreada en Galicia.

13/06/2013

«Fronkonstein» ou «Frankenstein»



Que difícil é iso de pronunciar linguas estranxeiras! E máis se falamos de nomes propios! Nesta escena do maxistral filme O novo Frankenstein (Young Frankenstein, 1974) temos un bo exemplo disto: «Frederick Fronkonstein» ou «Frodorick Frankenstein»? «Igor» ou «Aigor»? Ha, ha, que barullo!

E quen non lembra esta inesquecible versión do clásico «In the ghetto», de Elvis Presley, a cargo do Príncipe Xitano. Se non a coñeciades, sentade antes de escoitala, non vaia ser!



Pois xa temos outra perla para esta antoloxía cómica dos erros de pronuncia: o noso presidente, mr Núñez, e o seu intento de nomear o grupo folk irlandés The Chieftains: «Tis che tein», «Te chis tain», «Lin cheins tin», «Liechtenstein»... Uf! Velaquí tedes o «temazo» que inspirou este «descoido presidencial». Seica arrasa na arañeira.



Para todos eles, e para vós tamén, hai unha web ben xeitosa, forvo.com. Nada en Euskadi, hoxe é a guía de pronuncia máis grande do mundo. Se algunha vez vos preguntastes como se pronuncia unha palabra en calquera idioma, este é o lugar ideal para resolver a dúbida. Pedide axuda e alguén pronunciará esa voz para vós, e á vez vós tamén podedes axudar a outros da mesma forma. Unha iniciativa que ademais permite descubrir e escoitar, nunha mesma lingua, diferentes pronuncias dunha palabra (variedades dialectais). Un bo exemplo das vantaxes da cooperación na rede.

Por certo, aquí tedes as pronuncias que forvo.com ofrece de Frankenstein e de chieftain. Para aprender, nunca é tarde.

En todo caso, que non se me interprete mal. Viva o erro! Que impere o espírito ludolingüístico! Que sería do xogo sen erros? Que sería da aprendizaxe sen erros? Equivocarse é o primeiro paso! «Tropezando ao camiñar apréndese a non caer». Falantes do mundo (paleofalates, neofalantes...), errade sen medo! Mais falade!

10/06/2013

As linguas élficas de John R. R. Tolkien


Aragorn canta en quenya «O xuramento de Elendil». Despois de saír vitorioso da dura guerra contra Sauron, o novo Rei de Gondor, cumpridor das tradicións, comprométese co seu pobo por medio dun xuramento na súa coroación.
O xuramento de Elendil
Et Eärello Endorenna utúlien. (Do Grande Mar vin á Terra Media.)
Sinome maruvan ar Hildinyar (Neste lugar vou vivir, e tamén os meus herdeiros,)
tenn’ Ambar-metta! (ata a fin do mundo!)
No noso repertorio de linguas de ficción non podían faltar as linguas élficas de John Ronald Reuel Tolkien. As súas dúas principais variedades son o sindarin, propio dos Elfos Grises e inspirado polo galés, e o quenya, falado polos Altos Elfos e relacionado co finés.

Por certo, os incondicionais galegos de Tolkien e da saga d‘O señor dos aneis estivemos de festa rachada hai só un par de anos. O xornalista Xesús Fraga acababa de confirmar algo que xa se convertera nunha especie de mito das nosas letras: J. R. R. Tolkien posuíra na súa biblioteca persoal un dicionario de galego, concretamente o Diccionario Gallego-Castellano de Marcial Valladares. O volume, asinado e exquisitamente coidado, atopárao na biblioteca Taylorian de Oxford. A ela fora doado polos herdeiros de Tolkien despois de que estivese 50 anos nas mans do escritor: desde 1923, ata a súa morte, en 1973.

Tolkien era filólogo de formación e non hai nada estraño en que posuíse ou coleccionase este tipo de obras. Un dos seus maiores entretementos era deseñar linguas artificiais. De feito, hai quen sostén que toda súa literatura foi un simple pano de fondo para que estes idiomas tivesen unha «historia», cobrasen «vida». Quen sabe!, aínda que as súas principais fontes de inspiración foron as linguas célticas e nórdicas, resulta emocionante imaxinar que algunha vez Tolkien tamén procurou o «aquel élfico» da lingua galega.

07/06/2013

«Lingua do P», de Sérgio Augusto


Tem pipoca, paca, periquito
Pinga pura, porre
Puxa-puxa, pau peroba
Papagaio penga
Peixe pula pirapora
Pega pra capá
Pedro pega pipa
Põe no poste
Pega o pito e puxa
Passa o pente
Pega a pasta
Pro seu penteado
Para pra pensar
Tem pitanga pêra
Pé de pato
Pica-pau, picada
Pega pega, picnic
Pirulito, pique
Papo de peru pelado
Pinga pra pagá
Tem porteiro, pasto, carrapato
Pulga pula pega
Passa-passa
Patativa ponta de piorra
Pimba-pomba
Puxa vida neste pe a pá
O Pedro antes que eu me esqueça
Vá pra ponte do funil
O músico brasileiro Sérgio Augusto é o autor desta canción a ritmo de bossa nova na que xoga coa letra «p» e co fonema oclusivo bilabial xordo que representa (podes fedellar nesta recomendable páxina para ver e oír como se articula este son). Un texto case tautogramático ateigado de vocabulario popular e de expresións coloquiais.

O vídeo tamén xoga a presentar unha chea de variedades tipográficas da letra «p» e mesmo enreda, ao final, coa relación entre pe e , dúas palabras que só se distinguen polo timbre vocálico.

Outra fermosa peza musical chea de espírito ludolingüístico!


04/06/2013

Encrucillados para todos os gustos


‘Animal anfibio’, dúas letras. ‘Río galego’, tres letras... A quen non lle resultan familiares enunciados deste tipo? Quen non se enfrontou algunha vez ao reto de encher a grella dun encrucillado? Por algo este é, sen dúbida, o xogo de palabras máis popular do mundo.

Boa proba disto é a chea de variedades que podemos atopar. Máis alá do encrucillado convencional, hai palabras cruzadas para todos os gustos. E cada tipo, como xa nos anticipou nesta entrada Márius Serra, ten as orixes máis diversas. Aí vai unha breve clasificación:
Autodefinidos (Alemaña). Presenta definicións sintéticas dentro dos cadros negros da propia grella do encrucillado. Segundo Serra, resultado da «mentalidade práctica xermana», para evitar a molestia de ir abaixo na busca das definicións.
Silábicos (Xapón). En cada un dos cadros non se escriben letras senón sílabas. Nado no Xapón por ter a súa lingua un sistema de escritura silábico.
Brancos (Estados Unidos). Aparecen só cadros brancos na grella porque non se revela a posición dos cadros negros. Cómpre descubrilos a medida que se avanza na resolución. Froito da xenialidade Margaret Petherbridge Farrar, a primeira persoa que ocupou o cargo de editor de encrucillados e pasatempos do prestixioso The New York Times, entre 1942 e 1969.
Crípticos (Inglaterra). Cada definición é un xogo de enxeño en por si (adiviñas, enigmas, anagramas, xogos de palabras…). Moi populares no Reino Unido, onde destaca o encrucillado críptico de The Times.
Bilingües (Quebec). Inclúen palabras en dúas linguas distintas. Os primeiros xurdiron no Quebec, territorio francófono do Canadá. As palabras horizontais en francés e as verticais en inglés.
En fin, diversidade de encrucillados para un mundo diverso.

E, como outras veces, un agasallo final: aquí deixo a ligazón de crosswordlabs, un xerador de encrucillados en liña. Como eles mesmos din: de balde, rápido e doado. Pon un encrucillado na túa vida!
Solución (1-6-2013): Outros exemplos de paronimia: el lecho (‘o leito’) - helecho (‘fento’) - el hecho (‘o feito’).

01/06/2013

Les Luthiers, Shakespeare e a paronimia



Unha vez máis Les Luthiers e a súa habilidade para facernos escachar coa risa. A receita: moito sentido do humor, intelixencia, creatividade e... ludolingüística. Este grupo de músicos e cómicos arxentinos, que axiña fará 50 anos, agasállanos desta volta cunha hilarante explicación do argumento da obra teatral Otelo, de William Shakespeare, con esa insólita mestura de tramas (Otelo, Hamlet, Romeo e Xulieta... e, polo medio, Darwin!).

En todo caso, o que máis me chamou a atención do diálogo é o como se lle tirou rendemento cómico á paronimia. Xa sabedes, ese recurso que se basea na proximidade fonética de dúas palabras. Ao utilizar termos de son moi semellante e con significado moi distinto prodúcese un contraste de grande efectividade humorística.

Aí van unhas mostras: apócrifo (‘de autenticidade dubidosa’) - apóstrofe (‘signo gráfico’), etéreo (‘relativo ou pertencente ao ceo’) - estéreo (‘estereofónico’), tálamo (‘leito conxugal’) - álamo (‘árbore’).

Que? Animádesvos a identificar máis exemplos? Dádelle de novo ao play, gozade do humor de Les Luthiers e a buscar parónimos!

Solución (29-5-2013): Topónimo galego máis longo dunha frase (concellos): As Pontes de García Rodríguez (25 letras). Topónimo galego máis longo dunha palabra (concellos): Montederramo (12 letras), Pontecesures (12 letras)
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...