28/10/2013

O dothraki de David J. Peterson


 
Esa estraña fala do tipo hipermusculado, Drogo (para os que coñecedes Xogo de Tronos), é dothraki, o idioma dunha tribo de guerreiros nómades da serie de culto de HBO, que axiña estreará a súa cuarta tempada. Como ben saben os seus millóns de seguidores en todo o mundo, a serie baséase na saga literaria de fantasía épica A Song of Ice and Fire (Unha canción de xeo e lume) de George R. R. Martin.

O produtores intuían que a presenza dunha lingua de ficción (como sucedeu co klingon ou coas linguas élficas) contribuiría a lle dar maior credibilidade á serie. Por iso contactaron coa Language Creation Society, centro especializado no desenvolvemento de novos idiomas. Despois de analizaren diversas propostas dos seus conlangers (expertos que, por pasatempo, se dedican á creación de novas linguas), a iniciativa de David J. Peterson foi a seleccionada.

Peterson, de 34 anos e formado en Lingüística na Universidade de California, prestou atención á descrición que o propio George R. R. Martin fixera desa linguaxe imaxinaria. O lingüista tomou cousas de aquí e de acolá: inspirouse no hawaiano para achegarse á organización semántica propia dunha cultura preindustrial; gustoulle o árabe e o castelán para a base sonora pola forza dos seus sons guturais e uvulares; estableceu un sistema de casos (nominativo, acusativo, xenitivo...) semellante aos do latín ou do ruso. Ao cabo, entregoulles aos produtores un informe de 180 páxinas coa descrición gramatical, un audio para a fonética e un vocabulario con máis de 1800 palabras.

E iso só foi o comezo. Hoxe a febre dothraki, alimentada pola serie de éxito, esténdese sen freo. O fenómeno geek fai que na arañeira aparezan cursos de dothraki, descricións gramaticais ou mesmo dicionarios. Tal é o magnetismo deste idioma de ficción que no ano 2012 o nome de Khaleesi foi dado a 146 nenas nos Estados Unidos. Khalessi (que significa ‘princesa’) é o alcume que recibe a personaxe de Daenerys Targaryen, princesa herdeira dunha das familias que se disputan o Trono de Ferro.

En fin... Hajas! (voz dothraki que significa ‘sé forte!’ e seica é o máis semellante ao noso «Adeus!»)


Solución ás voces de «galinglish» (22-10-13): lesgou ‘imos aló’ (< let’s go); quichimporta ‘mozo de cociña’ (< kitchen porter); guachimán ‘vixilante’ (< watchman); cagharrón ‘calabozo’ (< cage room)



25/10/2013

Monovocalismo animado



Un poema do portugués Manuel Tojal de Meneses. Poesía visual e animada na nosa era dixital. Este é o seu texto completo (e estático).
Castrar as balas,
rasgar as lanças,
apagar as chamas,
lavar as manchas 
da palma das granadas, afagar caras amargas,
cavalgar as manhãs claras
nas asas das batardas
atrás das palavras brancas
bastará para calar as armas?
Unha fermosa declaración antibelicista que combina a forza sonora do texto monovocálico en «a» co impacto visual da tipografía animada.

O «a» omnipresente tamén serviu de base para aquel marabilloso poemario de Elvira Riveiro titulado Palabras brancas. Lembrades? 

A tipografía animada ou cinética é unha técnica de animación de textos que mestura palabra escrita, animación, fotografías, gráficos, vídeo, música ou voces en off coa intención de evocar unha idea o unha emoción. O texto adoita ser presentado exactamente no momento en que se di ou se canta, co que a mensaxe audiovisual resulta máis efectiva.

Unha técnica que, pola súa forza, é utilizada en videos musicais, en anuncios publicitarios, en créditos de filmes... Aquí ou aquí podedes atopar magníficas escolmas tipografía cinética. A gozar!

22/10/2013

Do you speak «galinglish»?

«Ir a todo filispín»
«Limpar o chan co bruso»
«Xarape!» 
«Ser un bichicoma»... 
É posible que a moitos lles resulten incomprensibles estas expresións. Para os que nos criamos na costa galega poden ser tan familiares e tan enxebres como dorna ou berberecho. Con todo, todas elas xorden da influencia anglófona na nosa vida naval e mariñeira: os enxeñeiros ingleses que instruían os traballadores dos asteleiros, os homes que regresaban dos mercantes ou das plataformas do Mar do Norte...

Velaí vai a súa versión en «galego común»:
«Ir a toda velocidade» (filispín < full speed ‘velocidade máxima das máquinas dun barco’)
«Limpar o chan co cepillo» (bruso < brush ‘cepillo grande’)
«Cala!» (xarape < shut up ‘cala’)
«Ser un voitre, un aproveitado» (bichicoma < beachcomber ‘individuo que se dedica a apañar os restos de naufraxios ou a roubar o peixe nos peiraos’).
Sempre me andou pola cabeza a idea de recompilar estes singulares anglicismos xa que, agás algunhas excepcións (como choio < job), non tiñan entrada nos nosos dicionarios.

Ao cabo, dei cun fermoso artigo de Xosé Luís Méndez Ferrín que me aforrou... o choio.

E hai pouco tamén descubrín na rede este Wikidicionario de Galinglish, unha brillante idea dos amigos de galegoenlondres.blogspot.com. Nas súas palabras:
Un dicionario de palabras e expresións que usamos ou que escoitamos algunha vez os galegos que vivimos en Londres e que reflicten o contacto desas dúas linguas: o galego e o inglés.
Nel aparecen os préstamos do comezo e moitos outros. Algúns, tan insólitos como ocorrentes. Reparade nestas perlas:
lanchós ‘costeletas de año’ (< lamb chops)
oranllús ‘zume de laranxa’ (< orange juice)
vacunar ‘pasar a aspiradora’ (< vacuum cleaner)
tráfico de luces ‘semáforo’ (< traffic lights)
Para rematar, un xogo: Aventurádesvos a dar o significado destoutros termos de «galinglish»? (Sen ollar o wikidicionario, claro)

lesgou - .......................
quichimporta - .......................
guachimán - .......................
cagharrón - .......................

19/10/2013

Caligrama con gusto a albariño


Hoxe, a curiosa historia dun dos caligramas máis fermosos da nosa literatura, obra de Álvaro Cunqueiro. O mindoninense, autor polifacético (narrador, dramaturgo, poeta...), posuía un talento singular e unha vasta cultura. O seu saber alcanzaba todos os ámbitos e, entre eles, o dos praceres do viño. Mesmo chegou a dicir: «Eu podía darlle unha volta ao país coa taza cunca do meu apelido na man».

Atraído pola relación entre literatura e viño, Cunqueiro descubriu o poeta francés Charles-François Panard (1694-1765) que recreara, a base de versos de diferente medida, a imaxe dunha copa de viño. En 1969, Cunqueiro escribiu:
Un poeta francés do séc. XVII, Panard, amaba tanto o viño que os máis dos seus poemas escribíaos medindo os versos de tal xeito que a peza tivese forma de copa, de vaso, de botella. Cando iba morrer, en forma de xentil copa despediuse dos amigos e do mundo. Á súa maneira, vai hoxe iste laude do viño albariño. En galego, i-a seu carón, i-en homenaxe ás vellas cepas de Modela, nais profundas do albariño precioso, o adeus de Panard en fala francesa.
E deseguido publicou o caligrama orixinal francés e, a carón, a súa propia versión. Velaquí están estas dúas copas, francesa e galega, nun brinde de gabanza ao viño.


Ah!, e para saberdes máis sobre os caligramas aquí queda tamén esta fantástica presentación elaborada por Claudia Herrón Mullet, alumna de 2º ESO do IES David Buján, de Cambre (A Coruña).

16/10/2013

O chintófano alfabético



A solución ao eterno dilema do movemento perpetuo. Trátase de Alphabet Contraption (algo así como «chintófano alfabético»), unha engaiolante animación de finais dos anos 60 do século pasado. Nela, unha desas máquinas Rube Goldberg que tanto me gustan desvela completiño o abecedario inglés: o «a» que se acende dentro dunha lámpada, o «f» que se eleva nunha burbulla, o «r» que sae dun reloxo de cuco...

Unha das curtas máis vistas en Sesame Street, o programa educativo para público infantil coñecido polo mundo adiante con diferentes nomes: Vila Sésamo (no Brasil), Rua Sésamo (en Portugal), Barrio Sésamo (en España), Parque Sésamo (en México)... Fogar dos inseparables Epi e Blas, da ra Gustavo ou da porquiña Peggy.

Dálle ao play, entra no bucle e aprenderás enteiriño o alfabeto inglés! Ánimo!

13/10/2013

O estraño encrucillado anticipatorio



Que desenlace fatal detrás dese xogo de parónimos (sorte/morte)! Estrañas coincidencias ou un pasatempo premonitorio? Olliño ao resolverdes o próximo encrucillado, non vaia ser que cada palabra que incluades nel anticipe o voso futuro inmediato.

Esta curiosa curtametraxe, titulada El cuarto poder (2009), foi creada polo alumnado do Taller de Cinema da localidade barcelonesa de Gavà. Co nome de Taller de Cinema coñécese unha rede de obradoiros implantada en diversas localidades catalás. Os seus participantes fórmanse na creación audiovisual ata elaborar unha curtametraxe, en todas as súas fases: escrita do guión, rodaxe e posterior montaxe.

Por certo, un argumento, o do encrucillado anticipatorio, que dá moito xogo. Comprobádeo, se queredes, aquí ou aquí.

10/10/2013

Podes ler esta pabrala? E estoutra P4L48R4?


É curioso como traballa o cerebro. Durante o proceso da lectura, o noso hemisferio esquerdo analiza e le as letras (que forman palabras) mentres que o dereito ve o conxunto das letras (as palabras) como unha imaxe visual. Mais ambos os dous hemisferios colaboran constantemente entre eles.

Os científicos conseguiron demostrar que os cerebros dos lectores con certo nivel de experiencia e de destreza, cando se poñen a ler, non activan tanto o hemisferio esquerdo (máis lóxico), senón que, para aforrar tempo e esforzo, se apoian máis na aparencia da palabra e no seu contexto, é dicir, no hemisferio dereito (máis visual). Así, cando lemos metaitámcas, o noso cerebro activa automaticamente o concepto abstracto matemáticas.

De aorcdo con itso, non ipomtra en que odren etsaen as lrteas dhuna plrabaa, a úncio iprotmatne é que a piremria e útmlia lrteas eteasn na pisocóin cocrrtea. Andía que o rseto sxea un ttaol baullro, a lceruta pdoe farcese sen pobrlmea.

0 M35M0 5UC3D3 C4ND0 U54M05 4LGÚN5 NÚM3R05 3N LUG4R D3 L37R45. 4P4R3N73M3N73, 4 L3C7UR4 D35735 3NUNC14DO5 4P3N45 4C71V4 45 4R345 C3R38R415 QU3 C0RR35P0ND3N 4 1N73RPR374C10N D05 D1X1705. 3S74 F0RM4 D3 3SCRI8IR CH4M4S3 4LF48370 L337.

Incrible! Non si?

Xogade a intercambiar SMS con calquera destas opcións. Cun chisco de práctica, évos ben doado.

07/10/2013

Dados con historia



Aos que devecemos polos xogos que estimulan a imaxinación e a expresión oral, non nos debería faltar o Story Cubes (eu acabo de facerme con eles). Aí vai a descrición oficial deste magnífico xogo de mesa:
Story Cubes é un xogo moi divertido que aguza a túa intelixencia e a túa imaxinación. As imaxes foron deseñadas por Rory O'Connor, un irlandés especializado no adestramento da creatividade e na resolución creativa de problemas. [...] Cada dado ten seis imaxes ou iconas, un total de 54 ideas mesturadas que pode xerar máis de 10 millóns de combinacións.
O seu funcionamento é tan sinxelo como efectivo: lánzanse os dados, repárase nas imaxes e invéntase unha historia que as involucre a todas.

A partir desta idea básica, hai múltiplas posibilidades: pode ser un xogo individual (foméntase a creatividade no relato oral), pode xogarse en grupo con quendas de imaxe en imaxe (refórzase o traballo colaborativo), pode marcarse un límite de tempo (para estimular o enxeño e a capacidade de improvisación), poden encadearse varias tiradas (creando unha «historia interminable»)...

Existen tres versións básicas: Original (con imaxes que representan obxectos máis ou menos cotiáns), Voyages (con imaxes máis «exóticas»: tesouros, elefantes, apócemas...) e Actions (con imaxes que representan os verbos de uso máis frecuente). Ademais tamén hai apps de Story Cubes para os sistemas iOS e Android.

Para rematar, unha proposta. Reparade nas imaxes desta tirada. Que historias se vos ocorren?
 

04/10/2013

Caligrafía hipnótica

Ninguén diría que as imaxes en plano de detalle dun tipo a escribir con pluma estilográfica puidesen ter moita aceptación na arañeira. Con todo, velaí vai un vídeo que hai cousa dun ano se converteu nun fenómeno viral con máis de 3 millóns de visitas. Dádelle ao play e a gozar do poder hipnótico da caligrafía.



O virtuoso en cuestión é John Mottishaw, un experto en plumas estilográficas que demostra a súa incrible destreza. E a pluma, unha Namiki Falcon Resin Fountain Pen modificada por el para lle dar un trazo máis fino e flexible.

As novas tecnoloxías están a reconfigurar o noso modo de concibir o mundo e a nosa forma de vivir. Para moitos de nós, escribir pulsando teclas xa se converteu nun acto tan cotiá como comer. Con todo, de cando en vez, sempre está ben recordar de onde vimos: recuperar o tacto entre os dedos dun deses «arcaicos» aparellos (pluma, lapis...) e comezar a trazar liñas sobre o papel. Unha arte, a da caligrafía, que ademais nos une a outras culturas (como a xaponesa, a árabe...).

01/10/2013

Cando hai cu, «haiku»


Ao andel da nosa «bibliografía ludolingüística básica» engádeselle hoxe un novo libro de poemas: Hai cu (2007) d’O Leo, tamén coñecido como Leo Fernández Campos, filólogo e artista punk polifacético (actor, poeta e compoñente d’O Leo i Arremecághona!).

Un libro que, antes de selo, agromou como poemas soltos no seu blog haicu.blogspot.com. O título xa nos dá todas as pistas do contido: 

Por un lado, o xogo homofónico remítenos ao haiku xaponés, poema breve de tres versos (5, 7 e 5 sílabas) que, nun exercicio máximo de síntese, busca captar un instante cotián que nos conmova. Así, O Leo enreda con breves pezas de tres versos ofrecendo a súa particular versión deste xénero oriental.

Por outro lado, o referente do cu e os seus «asociados». Unha temática escatolóxica e sexual tratada con humor e enxeño (nunca tal vira desde o maxistral Gracias y desgracias del ojo del culo de Francisco de Quevedo).

As palabras da contraportada dino todo:
Se a poesía quere intimidade e reflexión, tempo, un dos sitios que mellor lle acaen hoxe é o váter: Hai cu, e polo tanto tamén hai medo. Ser retraído quere tempo. Tempo abondo para facer (de ventre) unha breve e(va)cuación. Tempo que se inviste, por exemplo, en faceren as súas pintadas os vates públicos nos váteres públicos. O váter reduto último do eu, do nós, do noso, do noxo. Un libro de poemas para colgar nun cordel no cravo en que espetamos as follas do xornal para nos limpar; de par da cadea da cisterna do váter. Mentres hai cu, hai esperanza.
E, ademais, esa ansia por enredar coa lingua, por tirarlle, en poucas palabras, todo o seu proveito lúdico (dobres sentidos, frases feitas, parodias poéticas...).

Aí van unhas pingas:
Fraseoloxía
@ que ten cu ten medo
pero @ que só mira para o seu cu
vai de cu e costa arriba
Negra sombra
Saír con roupa interior
sempre fresca da casa
por se te pilla un coche
Díxoo un de Xinzo
Isto non é vida
Isto é
un bidón
E a xeito de despedida, para os que non o coñezades aínda, o vídeo de «Eu nunca serei yo», un dos éxitos musicais do impagable O Leo.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...