28/11/2013

Adiante cos abecegramas!


E a familia «-grama» segue a medrar. Hoxe toca o abecegrama: unha técnica que se encadraría no que podemos chamar «literatura lúdica».

En que consiste? Pois en crear un pequeno texto, narrativo ou lírico, con palabras cuxas iniciais se dispoñen por orde alfabética, é dicir, a primeira comeza por «A», a segunda por «B», a terceira por «C» e así sucesivamente ata rematar cun vocábulo iniciado por «Z».

Escribir un texto con esta restrición non é doado. Con todo, resulta un divertido desafío para o noso enxeño e para a nosa creatividade. Case un pasatempo.

Velaí vai un abecegrama da miña colleita:


E aquí e aquí tedes outros abecegramas en galego pendurados na rede.

Animádesvos a crear un?

25/11/2013

«World games» ou «Word games»?



Xa vimos outras veces que a ortografía ten o seu aquel de mala uva: unha letra pode cambialo todo. Non é o mesmo «Aquilo acabou co seu matrimonio» que «Aquilo acabou co seu patrimonio». E tampouco é igual «Esa adición dálle problemas» que «Esa adicción dálle problemas».

Como demostra o vídeo inicial, tampouco é o mesmo ser campión dos «World Games» que selo dos «Word Games». Iso sábeno ata os loitadores de sumo.

Ah! E a aquí vos deixo a historia completa deste traxicómico erro nas medallas dos «World Games 2013» de Cali.



O escritor alemán Erich Kästner dixo unha vez: «Os erros posúen o seu valor. Non todo o mundo que viaxa á India descobre América». Canta verdade! Por iso, eu diríalles a todos eses perplexos deportistas que tampouco está tan mal ser campión de xogos de palabras. Arriba o orgullo ludolingüístico!!!

22/11/2013

O encrucillado de «Para mariñeiros, nós!»

.
Na costa galega dise «Para mariñeiros, nós!» co mesmo sentido de orgullo autóctono con que en toda Galicia se di «Terra, a nosa!». Un título acaído, abofé, para a fachenda mariñeira Pinto (Suso Lista) e Cobiñas (Manuel Castro), os protagonistas da serie de humor que cada semana podemos ver en V Televisión.
A idea orixinal é do propio Suso Lista, que, ademais de actor, é guionista da serie. A súa gran vantaxe é coñecer ben a materia prima dos argumentos, pois no seu día foi percebeiro (actividade que acabou deixando por un problema de saúde).
Historias breves, unha particular visión do mundo e moita retranca: ingredientes básicos da caldeirada de «Para mariñeiros, nós!». Iso sen contar a riqueza do seu galego: gheada, seseo, fraseoloxía mariñeira... Todo un tesouro!
Como vemos capítulo anterior, antes de saír ao mar en días de treboada, sempre é mellor quedar na taberna a facer encrucillados e beber anís. E máis na Costa da Morte!

19/11/2013

Unha letra, mil debuxos


Es quen de ver nun «A» o chapeu dun pallaso? Nun «B», o fociño dun porco? Nun «F», unha bandeira ao vento? Nun «L», as agullas do reloxo? Ou nun «W», os cairos dun vampiro? Nas imaxes anteriores podes atopar estas posibilidades e moitas máis. Un xogo sinxelo, para grandes e pequenos, cun único requisito: deixar voar a imaxinación.

Aprender o alfabeto, practicar as habilidades no debuxo e mesmo mellorar a agudeza visual son só algunhas das posibilidades didácticas desta técnica, que lembra moito aquel xogo dos pinacogramas.

E para verdes como se poden crear, paso a paso, algúns destes dexeños, aquí van dous vídeos: un con letras e outro con números. Ánimo: papel, lapis e... creatividade!

16/11/2013

Vinícius de Moraes: ludolingüista


En pé! Soa... «A tonga da mironga do kabuletê», dos mestres de Vinícius de Moraes e Toquinho.

Andaba eu a buscar un vídeo en que os seus autores interpretasen o tema e só dei con esta versión de 1971, en italiano e para o público da RAI. Un documento impagable que ben merece encabezar a entrada (olliño co presentador ás costas!). E se quixerdes a canción co audio en portugués da versión orixinal, aquí vai.

«A tonga da mironga do kabuletê» ten a súa curiosa historia ludolingüística: 

Hai quen afirma que o enunciado que lle dá título é unha especie de insulto ou comentario desprezativo na lingua iorubá ou nagô (xingando em nagô) ao xeito do noso «Vai muxir as galiñas!», «Vai capar o grilo!», «Vai rañala!» ou «Vai ao carallo!». Segundo esta teoría, a expresión tomouna Vinícius desa lingua africana cunha intención criptográfica: protestar sen que os militares, que impoñían a ditadura no Brasil daqueles anos, comprendesen o que estaban a dicir.

Outros sosteñen que toda a explicación anterior é unha simple brincadeira do Vinicíus e que este tomou os africanismos só pola súa sonoridade e poder suxestivo. Así encadeou tonga (do quicongo), ‘forza, poder’; mironga (do quimbundo), ‘misterio, segredo, feitizo’; kabuletê (de orixe incerta), ‘individuo desprezable’. Un enunciado sen valor semántico que, debido ao éxito da canción, acabou por se converter nunha expresión de uso popular.

En calquera dos casos, velaí vai a letra desta peza marabillosa.
A tonga da mironga do kabuletê
Eu caio de bossa
Eu sou quem eu sou
Eu saio da fossa
Xingando em nagô
Você que ouve e não fala
Você que olha e não vê
Eu vou lhe dar uma pala
Você vai ter que aprender
A tonga da mironga do kabuletê
A tonga da mironga do kabuletê
A tonga da mironga do kabuletê
Você que lê e não sabe
Você que reza e não crê
Você que entra e não cabe
Você vai ter que viver
Na tonga da mironga do kabuletê
Na tonga da mironga do kabuletê
Na tonga da mironga do kabuletê
Você que fuma e não traga
E que não paga pra ver
Vou lhe rogar uma praga
Eu vou é mandar você
Pra tonga da mironga do kabuletê
Pra tonga da mironga do kabuletê
Pra tonga da mironga do kabuletê
Animádesvos a cantala con este karaoke? Por que non?


13/11/2013

Taxonomía ludolingüística

Despois de que un primeiro entomólogo (Sturtevant, 1942) bautizase un tipo de mosca co nome de Dorsilopha, anagrama da súa subespecie (Drosophila), outros colegas foron sucesivamente dando novos nomes a outras moscas emparentadas empregando o mesmo recurso ludolingüístico: Phloridosa (Sturtevant, 1942), Siphlodora (Patterson & Mainland, 1944), Lordiphosa (Basden, 1961) e Psilodorha (Okada, 1968). Outro entomólogo (Erwin, 2002) decidiu darlle o nome de Agra Schwarzeneggeri a un escaravello con grosas patas semellantes aos xigantescos bíceps de Arnold Schwarzenegger. Que caralláns!

Cada ano, toda clase de biólogos nomea 15 mil novas especies animais descubertas, das máis de 30 millóns que se cre que quedan por atopar e catalogar. A Comisión Internacional de Nomenclatura Zoolóxica ten uns códigos ben relaxados: mentres non resulten ofensivas, as novidades taxonómicas non teñen límite, todo depende da imaxinación, do humor e do enxeño ludolingüístico do científico en cuestión.

Aí van máis exemplos:
Anagramas 
Pitnus, Niptus e Tipnus, tres tipos diferentes de coleópteros.
Palinurus, Linuparus, Panilurus e Palurinus, diferentes variedades de crustáceos.
Palíndromos
Afgoiogfa, un tipo de molusco.
Orizabus subaziro, tamén un coleóptero.
Sesquipedalismo
Cancelloidokytodermogammarus, crustáceo de 28 letras.
Kimmeridgebrachypteraeschnidium, cabaliño do demo fósil de 31 letras.
Homenaxes antroponímicos
Gaga germanotta, fento dedicado a Lady Gaga.
Arthurdactylus conandoylensis, dinosauro do Brasil na honra de Arthur Conan Doyle.

10/11/2013

Unha palabra, varios significados



The same words can have different meaning («As mesmas palabras poden ter significados diferentes»). O slogan queda demostrado por estas impactantes imaxes. Un efectivo exercicio publicitario que xoga co valor polisémico das palabras e consegue transmitirnos a forza da súa mensaxe.

Aquí vai o seu texto cunha pequena explicación dos xogos polisémicos.
a wave (onda do mar) / a wave (onda do público)
an encounter (choque) / an encounter (encontro)
an impulse (impulso ou desexo forte) / an impulse (impulsión ou empurrón)
a souvenir (recordo dun lugar) / a souvenir (recordo dunha época)
a silence (silencio por medo) / a silence (silencio por admiración)
a fight (pelexa ou combate) / a fight (loita ou superación)
balls (bólas) / balls (coraxe ou valor)
a cry (berro ou laio) / a cry (choro)
a shock (golpe) / a shock (conmoción ou abraio)
Este fermoso anuncio do 2009, para unha compañía de telecomunicacións, titúlase «Words» e é obra do multipremiado director francés Philippe André. Paga a pena fedellar na ligazón anterior e gozar das súas creacións.

07/11/2013

Cinco anos de orellapendella



Orellapendella acaba de facer cinco anos. Un lustro xa deste verdadeiro tesouro virtual que tanto leva feito por recoller e difundir a nosa literatura infantil de tradición oral. Xogos, trabalinguas, acumulativos, recitados, cancións e moitas outras mostras de enorme valor lúdico e didáctico, que ademais van ampliandose con achegas dos seus seguidores.

Aló polo outono do 2008, Carlos Yus (responsable de contidos) e Kiko Fernández (responsable técnico) decidiron poñer en marcha este proxecto. Axudaban así a encher un triste baleiro neste tipo de recursos.

Por sorte, a semente botou raices, medrou e hoxe orellapendella florece como unha ferramenta imprescindible para estudantes, profesores e pais.

Aquí deixo un vídeo que demostra ás claras o seu éxito. Grazas aos amigos de galegoenlondres, podemos ver un grupo de alumnos e alumnas de Educación Primaria do IE Cañada Blanch de Londres amosando os seus avances en galego con distintas formas de botar as sortes. Todas elas tomadas de... Orellapendella.



Parabéns e longa vida!

04/11/2013

Supercampionato de palíndromos


Recoiro co duelo de palindromistas! Así é, a ollos do Ricardo Yoshio Okama Tokumoto, un supercampionato de palíndromos.

A un «Anilina!», respóndese cun «Sopapos!».

A un «Livre do poder vil!», retrúcase cun «A mala nada na lama!».

E así in crescendo ata que se alza o brazo do vencedor.

Unha singular peza de humor palindrómico, como outras que xa vimos hai tempo.

Ricardo Yoshio Okama Tokumoto (ou Ryot) é un ilustrador, caricaturista e humorista gráfico brasileiro. Desde o ano 2007, publica as súas tiras cómicas na moi recomendable web ryotiras.com. Visitádea e gozade a pracer do seu humor lúcido e intelixente.

01/11/2013

Chocolata, chocolata...



Habíavos unha chea de tempo que non se sumaba unha nova canción ao noso karaoke. E por fin chegou... «Chocolata», unha canción infantil chea de engado que conta a historia do hipopótamo femia Chocolata e do seu baño diario.

Esta peza musical, xunto con outras once, forma parte Contos en cantos, un libro CD-DVD de Almudena Janeiro que mestura contos e música e que foi coeditado aló polo 2008 por PAI Música coa editorial OQO.

A idea partiu da propia Almudena Janeiro, que compuxo doce cancións que recrean libremente outras doce as historias dos libros de OQO. A editorial aceptou o proxecto e ben que se agradece!

Pois veña, a cantar! E ollo con ese refrán con aire de trabalinguas!
Chocolata, chocolata, chocolata, choco, choco, la.
Chocolata, chocolata, chocolata, choco, choco, la.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...