30/12/2013

O estímulo creativo do alfabeto



Xa vimos outras veces como o alfabeto serviu de estímulo creativo a deseñadores de todo tipo: Johann David Steingrüber, Anthon Beeke, Marion Bataille...

Desta vez, a fermosa peza que encabeza a entrada é froito da xenialidade de Alessandro Novelli, Andrea Gendusa e Víctor Pérez, os membros do estudio italiano de deseño N9VE.

Todas as letras do alfabeto inglés presentadas das formas máis creativas, desde o «A» de anamorphosis ata o «Z» de zero. Xogando con diferentes técnicas e materiais, os deseñadores buscaron aproveitar cada letra para expresar visualmente o significado da propia palabra. E sempre coas proporcións da fonte Helvetica.

Engaiolante! Seguro que, despois de vela, volverás darlle ao play! Un pequeno presente para lle dar a benvida ao 2014! Os mellores desexos para o ano novo!

27/12/2013

«Let’s play word games!»

Wordgames é unha web imprescidible. Centos de xogos de palabras en liña e de balde; en inglés, iso si. Hainos de todos os tipos: encrucillados, sopas de letras, distintas variedades do aforcado, xogos de habilidade co teclado e moitos outros. Aí van só catro:

 
Letter Scramble
As letras van aparecendo ao chou e sen parar. Se non es rápido, acabarás cunhas cen letras amoreadas por todo o taboleiro. Para ir eliminándoas, debes crear palabras con elas. Cantas máis letras conteñan eses termos, máis puntos consegues.


 

Zombie Typocalypse
Chegou a apocalipse zombi! É a hora de demostrar a túa habelencia co teclado para poder sobrevivir. O bo é que para deixar fritos os zombis só tes que escribir a palabra que hai sobre eles. Iso si, faino antes de que te alcancen eles a ti.

 

Hangman
Unha nova e mellorada versión do clásico aforcado, ideal para ampliar e reforzar o vocabulario. Escolle unha categoría (animais, froitas, partes do corpo...) e comeza a premer nas letras do teclado ata descubrir de que palabra se trata. Se o aforcado acaba por pendurar completo, perdiches.

 

Canufit
Un orixinal crebacabezas no que cómpre empregar a lóxica, a atención e a intuición para encaixar letras de palabras dentro de imaxes. Espreme os miolos: xira e move as letras ata conseguir situalas correctamente. Un xogo a medio camiño entre o enredo coa tipografía e a arte abstracta. Xenial!

24/12/2013

Escola de escritura con Xabarín


Foi unha das grandes novidades do último Culturgal: a «Escola de escritura co Xabarín». Un xogo en galego para a aprendizaxe da lectoescritura con divertidas actividades guiadas polo célebre porco bravo. Inclúe catro encerados plastificados, un crebacabezas, dous rotuladores borrables e un caderno con actividades educativas.

Hai cousa dun ano a empresa luguesa Galileo Nenos comezou, con «A cidade do Cenorio», a aventura de entrar no mercado do xoguete educativo apostando pola nosa lingua. Estas son as palabras da súa propia páxina web.
Os xoguetes poden ser máis ou menos caros, estar feitos de cartón ou de plástico, ter luces ou cancións, pero sempre lles transmiten aos nenos algo do mundo dos seus pais. E falan o mesmo idioma dos seus pais.
Sexa alemán, inglés, castelán ou portugués, todos os xoguetes lle falan ao neno na lingua da súa casa. Deste xeito, os xoguetes entran a facer parte do fogar onde se cría o neno, xunto coa súa familia, o seu leitiño e as súas pequenas cousiñas, que ata entón son todo o seu mundo. Fóra espérao un mundo moito máis difícil, quizais feito doutros idiomas e doutros pobos, pero o neno sempre saberá recoñecer o seu fogar pola lingua coa que os seus pais o agarimaban e lle cantaban no berce.
Por esa razón, cando nos demos de conta de que os nenos de Galicia non tiñan xoguetes que lles falasen en galego, decidimos crealos!
Parabéns para Galileo Nenos e, asemade, parabéns para todos nós. Un boa nova e un bo agasallo para estas datas! Por fin!

21/12/2013

O primeiro encrucillado fai 100 anos


Lin por algures que resolver encrucillados é como dar solución a un crime perfecto. Tamén ten algo de xadrez, polo exercicio mental e por ese taboleiro de cadros brancos e negros. Nestes anos de crise, este xogo resulta máis útil ca cen libros de autoaxuda e, abofé, unha forma ben asequible de matar o tempo. Claro que máis entretén aínda crear o encrucillado: esquecer eses programas que automatizan o proceso e xogar a ser cesteiro que entretece palabras ata dar coa malla perfecta.

Hai xa tempo faláravos de Victor Orville e a orixe dos encrucillados? Unha historia que me engaiolou pola súa beleza, mais completamente apócrifa. O certo é que, á hora de se atribuír o mérito da invención deste pasatempo, o señor Orville pouco ten que facer ao lado de Arthur Wynne. Sexa cal for a fonte que se consulte, Wynne é o verdadeiro creador do primeiro encrucillado, aínda que a súa historia sexa moito menos «interesante». 

No ano 1913, o xornalista Arthur Wynne recibiu o encargo de deseñar un crebacabezas para a edición de Nadal do Fun, suplemento infantil semanal do periódico New York World. Wynne sabía que debía renovar a oferta lúdica do suplemento, así que repescou da súa memoria un xogo tradicional denominado «cadros máxicos»: o resultado foi a grella en forma de diamante da esquerda (publicada o 21 de decembro). O crebacabezas, como é lóxico, tamén contaba coas instrucións para solucionalo: «Enche os cadros con palabras que estean de acordo coas seguintes definicións». 

E así foi como naceu, de xeito oficial, o primeiro encrucillado. Un pasatempo que de inmediato se fixo popular e que, en poucos anos, se estendeu pola prensa de todas as latitudes adoptando novas formas e estilos. 

Poñede a proba o voso nivel de inglés e animádevos a resolver este encrucillado. Neste enlace podedes dar cunha edición clara del (e tamén da súa solución). Un entrañable xogo de palabras que xustiño hoxe fai 100 anos de vida!

16/12/2013

Unha lingua para xogar



Un video cheo de forza e de imaxinación que nos amosa, ben ás claras, o poder da vertente lúdica do idioma. Os xogos verbais, máis alá do entretemento, son un dos mellores síntomas da vitalidade dunha lingua e, tamén, unha ferramenta privilexiada para a súa dinamización. Algo que, polo que vemos no vídeo, saben ben na Direcció General de Política Lingüística do Gobern catalán. Este é o texto oficial que acompaña o vídeo.
O catalán dispón dunha ampla oferta de xogos lingüísticos: desde os pasatempos para xornais (sopas de letras, encrucillados), pasando por xogos como de mesa como Scrabble ou o Intelect, ata concursos televisivos como El Gran Dictat ou Picalletres. A dimensión lúdica da lingua catalá, ben enraizada e popular, arrínca da cultura tradicional e proxéctase con forza ao mundo dixital, con versións en catalán de aplicacións tan exitosas como Apalabrados, entre outros. Este potencial creativo do catalán sintetízase nun video que foi presentado na cerimonia de clausura do «Centenari de les Normes Ortogràfiques» e que amosamos deseguido. Animámosvos a compartilo nas redes sociais! Catalán, unha lingua para xogar!
Como outras veces, grazas mil ao blog amigo de Carta Xeométrica por nos dar a coñecer este vídeo. Non podo estar máis de acordo co seu lúcido comentario: mágoa non termos nada semellante no anémico panorama das nosas iniciativas oficiais a prol da lingua.

En todo caso, fagamos nosa a apaixonante andaina da letra «ç» e teimemos en xogar coa lingua!

13/12/2013

Sopas de reciclaxe



Un taboleiro de madeira, unhas tampas de refrescos, parafusos, cola adhesiva, unhas gomas elásticas e pouco máis. Con estes elementos cotiáns podemos crear, seguindo os pasos que acabamos de ver, un orixinal xogo de sopa de letras. Un divertimento con elementos reciclados que, ademais, non precisa de enchufes!

No caso que se nos ofrece no vídeo, a sopa é silábica. Mais, trocando os papeis do interior das tampas, podemos poñer letras do alfabeto en lugar de sílabas; e tamén, por suposto, variar á vontade os temas do pasatempo.

Un divertida proba de que, cun chisco de creatividade, é posible darlle un uso lúdico a case todo o que teñamos pola casa. Como xa vimos aló atrás, o mellor xoguete pode ser, ás veces, unha sinxela caixa de cartón.

10/12/2013

Tes arte en xuntar letras?


Vía Código Cero, souben do Mezcladitos. Sinxelo, dinámico e adictivo, así é o novo xogo de palabras da empresa arxentina Etermax. Igual que Apalabrados, o seu predecesor, estaba inspirado no clásico Scrabble; este Mezcladitos é unha versión do Boggle.

Os xogadores contan cun taboeiro de 16 letras (4x4) aleatorias. Cada un ten tres quendas de dous minutos para formar o máximo número posible de palabras. Para isto, pódense enlazar as letras en calquera sentido: horizontal, vertical ou diagonal.

Está dispoñible para iOS, Android e Facebook en castelán, francés, inglés, italiano, catalán, portugués, noruegués, éuscaro, holandés, alemán, inglés, sueco e... galego! Isto grazas aos amigos da empresa compostelá Cilenis, que xa participara na versión galega do Apalabrados.

Así que, cando queiras, a xogar co noso «Mesturadiños».

07/12/2013

«100 palavras»



Hai pouco dei en youtube con este canal «100 palavras». En cada un dos seus vídeos atopamos unha restra de cen palabras que se refiren a un mesmo concepto, adoito do ámbito léxico do obsceno ou do escatolóxico. Son sinónimos xurdidos mediante o recurso do eufemismo. No vídeo anterior temos, por exemplo, un cento de expresións que en portugués equivalen a morrer, moitas delas tamén nosas: finar, falecer, expirar, pasar a mellor vida, ir para outro mundo, ir para a cova, entregar a alma a Deus...

Aló atrás xa vimos como o discurso político tira un gran rendemento do eufemismo. En relación con isto, sempre me vén a cabeza unha frase feita moi enxebre e, por desgraza, totalmente vixente: «Mexan por nós e temos que dicir que chove».

Con ela ilústrase, á perfección, o funcionamento deste recurso da lingua: por mor da necesidade de «suavizar» un determinado concepto, evitamos o termo que o designa (tabú) e substituímolo por outro (eufemismo). Bendito saber popular!

04/12/2013

Foto-haikus


O pasado mes de maio, a compostelá Asociación Cultural Gentalha do Pichel organizou o concurso de foto-haikus «A minha língua quero na tua boca». Unha proposta lúdica e creativa de grande aceptación e que deu orixe a pezas cheas de forza visual e verbal. A imaxe que encabeza a entrada foi o foto-haiku gañador.

Lembraredes, porque xa o vimos aló atrás, que o haiku é ese poema de orixe xaponesa que só ten tres versos, de 5, 7 e 5 sílabas. Un enunciado hiperbreve que busca trasmitir emoción a partir escenas da natureza ou da vida cotiá.

De todas as definicións de poeta, unha das que máis me atrae é esta de Jorge Luís Borges (por certo, en forma de tanka, o irmán maior do haiku): 
No haber caído,
como otros de mi sangre,
en la batalla.
Ser en la vana noche
el que cuenta las sílabas.

        [Jorge Luís Borges, El oro de los tigres]
Ben se ve que entre nós hai abondos «contadores de sílabas» dispostos a dicir o máximo co mínimo. E vós? Animádevos a crear os vosos propios foto-haikus?

01/12/2013

O cityspeak de Philip K. Dick

No inicio do século XXI, a Tyrell Corporation desenvolveu un novo tipo de robot chamado Nexus, un ser virtualmente idéntico a un ser humano e coñecido como replicante.
Os replicantes Nexus 6 eran superiores en forza e axilidade, e polo menos iguais en intelixencia, aos enxeñeiros xenéticos que os crearon.
No espazo exterior, os replicantes foron usados ​​como man de obra escrava, na arriscada exploración e colonización doutros planetas.
Tras a sanguenta rebelión dun grupo de combate Nexus 6 nunha colonia sideral, os replicantes foron declarados ilegais na Terra, so pena de morte.
Brigadas de policías especiais chamados blade runners tiñan ordes de disparar a matar a calquera replicante invasor.
A isto non se lle chamou execución, senón «retiro».
Con este relato arrinca o filme Blade Runner (1982), dirixido por Ridley Scott e baseado na novela de Philip K. Dick Soñan os androides con ovellas eléctricas? (1968).

Os Ánxeles, 2019 (a unha carreiriña de can): superpoboación, contaminación, corporacións todopoderosas, intelixencia artificial, manipulación xenética, hibridismo cultural... Un mundo cambiante, cada vez máis familiar, que só ofrece un futuro incerto. En correspondencia con este ambiente, a lingua máis falada nesas áreas urbanas é o cityspeak: unha especie de argot da rúa que mestura trazos de inglés, castelán, italiano, coreano, húngaro... Outra peza máis no noso mosaico de linguas de ficción.



Na escena anterior o axente Gaff (Edward James Olmos) aborda o blade runner Deckard (Harrinson Ford) nun restaurante de sushi e pídelle, en cityspeak, que o acompañe. Seica o propio Olmos, de ascendencia húngara, decidiu incorporar moitas expresións deste peculiar idioma urálico nos seus diálogos. A falta de subtítulos, velaí vai a conversa con tradución incluída:
Gaff: Monsieur, azonnal kövessen engem, bitte! («Señor, por favor, veña comigo!»)
Cociñeiro: He say you under arrest, Mister Deckard. («Di que está vostede arrestado, señor Deckart»)
Deckard: Got the wrong guy, pal. («Equivócaste de home, meu»)
Gaff: Lófaszt! Nehogy már! Te vagy a Blade, Blade Runner!
(«Merda! De ningún xeito, vostede é un blade runner!»).
Cociñeiro: He say you blade runner. («Di que é vostede un blade runner»).
Deckard: Tell him I’m eating.
(«Dille que estou a comer»)
Gaff: Captain Bryant toka. Meni-o mae-yo.
(«É o capitán Bryant. Ordenoume levalo onda el»)
Deckard: Bryant, huh? («Bryant, eh?»)
E para rematar (non o puiden resistir) o monólogo final do replicante Roy Batty: un dos intres máis épicos e poéticos da historia do cine.


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...