29/01/2014

A cantar adiviñas



O dúo Migallas sacou novo libro-disco, «Pan de millo», e as súas cancións xa se espallan coma virus musical entre os máis pequenos. Desta vez temos os cativos do CEP Celso Emilio Ferreiro de Vigo a cantar a fermosa «Que cousa, cousiña é?» no seu Festival da Tradición Oral.
Que cousa, cousiña é?
Que cousa, cousiña é?
Atende ao que eu che digo
se ti o queres queres saber.
Na canción, por catro veces este refrán introduce unha adiviña popular. Un enredo verbal e de enxeño que converte a peza nun divertido xogo. Outra xoia máis deste incansable dúo que enche de alegría e creatividade o universo musical dos nosos pequenos. Parabéns!

Solución ao encrucillado 1 (26-1-2014): Hortizontais: 1.- U. Verticais: 1.- U. Solución ao encrucillado 2 (26-1-2014): Hortizontais: 1.- S. Verticais: 1.- S.

26/01/2014

O encrucillado máis pequeno



Aí vos queda un encrucillado minúsculo da miña colleita. Récord do encrucillado en galego máis pequeno? Quen sabe! Con todo, antes de andar con fachendosas especulacións, convén que coñezades a curiosa historia do encrucillado máis pequeno do mundo.

Agustín Fonseca, arquitecto e deseñador de enigmas, ideou o xenial encrucillado en castelán que vos presento deseguido. Un pasatempo dun só cadriño publicado en 1987 na revista Muy Interesante.


O famoso Libro Guinness non tardou en recollelo como o encrucillado máis pequeno do mundo. Mais o caso é que, poucos meses despois, este rexistro foi eliminado do libro ao consideraren os seus responsables que ía en contra da súa filosofía: era un récord «imbatible». Abofé que si!

Así e todo, aventurádesvos a ofrecer a letra que resolve candanseu encrucillado?

23/01/2014

O jabberwocky de Lewis Carroll



Fermosa recitación de «Jabberwocky», o poema máis coñecido de Lewis Carroll (1832-1898), que aparece ao inicio de Alicia do outro lado do espello (1872). A protagonista, Alicia, atopa este poema nun libro, mais co texto invertido. Só pode lerse ao enfrontalo a un espello.


A peza conta a historia dun mozo enviado a matar unha temible criatura coñecida como Jabberwocky. Aquí podedes atopar a peza orixinal completa acompañada da súa versión en galego. A maior parte do texto contén unha linguaxe sen sentido, cunhas palabras froito da fusión de voces reais (frumious: fuming ‘fumegante’ e furious ‘furioso’) e con outras totalmente inventadas (brillig, tulgey...). Con todo, o curioso é que, como sucedía co gíglico de Cortazar, a súa liña narrativa é doada de seguir.

Hoxe o «Jabberwocky» é utilizado no ensino primario e secundario como ferramenta didáctica na aprendizaxe da lingua inglesa: o uso das contraccións, a morfoloxía verbal e nominal...

Un poema extraordinario de Carroll, ludolingüista impenitente, que nos permite ampliar a nosa escolma de idiomas de ficción.

20/01/2014

O gato surfeiro e os logos ludolingüísticos



Con todos vós, o gato surfeiro de Becker. Disque a cousa comezou como unha lenda urbana... 

Imaxínome algún ocioso bebedor de cervexa, se cadra xa afectado polo alcohol, descubrindo nas primeiras letras da marca Becker un gato a surfear sobre unha onda. Aí estaban a cabeza, os brazos, as pernas, a táboa e mesmo a onda mariña. 

E, como non, os publicistas da marca chilena de cervexa crearon o anuncio de televisión para lle dar ás ao mito do gato surfeiro. Brillante!

E todo isto fíxome lembrar algúns logos célebres deseñados co mesmo espírito ludolingüístico. Moito enxeño que xoga coa forma e coa posición das letras para crear «imaxes ocultas».


Velaí a festa dos amigos a gozar duns nachos mexicanos! Que fame!


FedEx: un clásico. A frecha entre o «e» e o «x» achega idea de movemento e precisión.


O esforzado ciclista do Tour de France. Que duro o Alpe d'Huez!


Algo menos coñecido, o logo da LSO (London Symphony Orchestra). 
Mais... vedes o director da orquestra?

17/01/2014

Rimas que engalanan o alfabeto


Hoxe, un clásico da nosa literatura infantil e xuvenil: Rimas con letra (1991), de Gloria Sánchez. Nestas últimas décadas, poucos libros tiveron tan boa acollida entre os nosos lectores máis novos. Unha manda de orixinais poemas que fan un percorrido lúdico e tamén didáctico polo alfabeto galego. Aí vos vai un exemplo, a peza que representa a letra «d»:
Ten un dente e chama pola xente.
Din-don, din-dan,
Badaladas, que dirán?
Nada din.
Nada dan.
Din-don, din-dan.
De comezo, unha adiviña popular coa que espertar o enxeño e, logo, a xeito de pista, o poema ateigado de des e ese xogo de palabras que tira partido da homonimia entre a onomatopea «din-dan» e os verbos «din» e «dan». Unha pequena xoia ludolingüística chea de ritmo, beleza e imaxinación.

Nesta ligazón podedes atopar un proposta didáctica que ofrece diferentes posibilidades de aproveitamento do poemario. E a nosa «bibliografía ludolingüística básica», a medrar!

Solución sopa de letras (14-1-2014):

14/01/2014

Axúdasme a atopar o can?


De visita por unaracnidounacamiseta, un dos mellores recantos ludolingüísticos que coñezo, dei con esta sopa de letras. Ao comezo non lle prestara moita atención, mais acabei por reparar nalgo estraño: só contiña as letras D, G e O. Lin entón o sucinto encabezado: Pode unha sopa de letras na que hai que atopar só unha palabra de tres letras ser difícil?

E xa non o puiden resistir: mergulleime na sopa na busca dese «can» (DOG), que tamén podía ser a busca dun «deus» (GOD), a súa voz bifronte inglesa.

Ao cabo, teimudo, dei con ela. Tempo levou!

Alguén se atreve a intentalo? Mergulládevos tamén na sopa, mais non esquezades saír de cando en vez a respirar! Ollo, nos vos desanimedes por eses GOOD, DOO, BOD, OGO... que aparecerán decontino! E, de os necesitardes, lembrade os consellos que dera aló atrás.

11/01/2014

O «resistible» engado da nova tecnoloxía


Aínda que no fondo son un nostálxico defensor da educación «presencial e analóxica» (Mediterráneo redescuberto, para ben, pola pedagoxía Waldorf –nós sempre no rabo do peixe–), día tras día quedo abraiado coas novas ferramentas tecnolóxicas aplicables no ámbito pedagóxico. Velaí van dous exemplos.

Primeiro, unha magnífica recitación do poema «Ás miñas costa calada» de Ramón Cabanillas (No desterro, 1911). Un audio gravado en PodOmatic por Joanna, unha alumna de 4º da ESO do IES do Porto do Son. PodoOmatic é un servizo en liña de publicación de podcast, de balde ata os primeiros 500 MB.


Ás miñas costas calada,
chegas nas puntas dos pés,
e coas mans tápasme os ollos
preguntando: quen son eu?
Pola música da vos
e as mans que tanto biquei,
polo cheiro a rosas frescas
que te envolve, seino ben;
sei que está detrás de min
o adorado corpo teu,
mais non abonda con sabelo
pra poderche responder.
As tempestás que te axitan,
o misterio que ti es,
o que gardas alá dentro...
nin o soupen nin o sei.
                 Ramón Cabanillas, No desterro
E deseguido, unha presentación de Miguel Calvillo en Prezi, editor gratuíto de presentacións flash, do poema «Como un toro» de Miguel Hernández. Unha marabilla para amantes da tipografía animada e da boa poesía.

08/01/2014

Uns poetas da hostia


Desde hai tempo tiña pendente esta entrada e, por fin, aquí están: os Poetas da hostia. Porque unha chea de poetas-púxiles a baterse en singular loita desde o verán do 2011 ben o merece. Porque unha experiencia que trae onda nós a tradición combativa das tenzóns entre trobadores e xograres medievais e dos poetry slams actuais ben o merece. Porque a poesía convertida en espectáculo lírico cheo de forza, improvisación e interacción co público, ben o merece.

«Poetas do proletariado vs. Poetas da pequena burguesía», «Poetas carnívoros vs. Poetas veganos», «Poetas románticos vs. Poetas realistas», «Neofalantes vs. Paleofalantes», «Aliens Vs. Predators», estes son só algúns dos duelos sen tregua disputados entre feroces poetas como María Lado, Lucía Aldao, Ledicia Costas, Daniel Landesa, Nolim González, Xabier Xil Xardón, Estíbaliz Espinosa, Cesáreo Sánchez Iglesias, Eduardo Estévez, Lorena Souto, Samuel L. Paris...

Así, ao xeito de Mendiño, explicaron, nunha entrevista publicada en La Voz de Galicia, como xurdiu a idea d’A hostia en verso. Sentido humor e espírito lúdico ao servizo da poesía viva!
Sedíame eu nun museo, no balcón
e cercáronme uns poetas que eran dous.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
Estando no museo, ante o bar,
cercáronme os poetas sen publicar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
E cercáronme uns poetas sen editar:
—Isto é un tostón, non se pode aguantar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
Cercáronme os poetas para brindar,
tivemos unha idea para gozar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?
Tivemos unha idea! Ímola probar
de non morrer hoxe neste trobar.
E nós atendendo a un recital! De quen era?

05/01/2014

A roda de Jefferson


Velaí vai unha nova entrada ao gusto dos amantes dos códigos secretos. Desta vez toca unha das primeiras máquinas criptográficas: a roda de Jefferson. Foi deseñada por Thomas Jefferson en 1790, antes de se converter en presidente dos Estados Unidos. O seu funcionamento é sinxelo:

O aparello está formado por unha serie de discos que rotan sobre un eixe común. Cada un dos discos ten no seu bordo exterior todas as letras do alfabeto dispostas de forma aleatoria en diferentes ordes. Cada disco ten tamén, nunha das caras interiores, un número que marca a súa orde na serie.

O emisor xira os discos ata poñer aliñadas as letras da súa mensaxe. Logo, anota as letras da liña inferior, por exemplo, e envíalle este texto cifrado ao destinatario.

O receptor debe posuír a mesma máquina de cifrado e coñecer a orde correcta dos discos. Unha vez recibida a mensaxe, non ten máis que aliñar esas letras na mesma orde e deseguido buscar a liña con sentido. Aí ten a súa mensaxe.

Nesta ligazón podedes atopar un simulador automático da roda de Jefferson.

Un método criptográfico que polo visto non tivo moito éxito na súa época, mais que debeu de inspirar a Dan Brown cando ideou o seu cryptex, un cilindro que, a xeito de pequena caixa forte, ocultaba algúns dos secretos do best-seller O código Da Vinci.

02/01/2014

«De sed», canción-palíndromo

Xa sabedes que os palindromistas son eses estraños seres capaces de ler palabras do dereito e do revés coma quen lle dá a volta a un calcetín. Os seu logros non me deixan de sorprender. Desta vez «De sed», unha canción-palíndromo composta polo mexicano Gerardo Pacheco. Imaxínomo, coitadiño, a combinar letra tras letra en simetría perfecta ata armar o texto palindrómico completo. Uf, súo só de pensalo!
En todo caso aquí vai o audio e a letra. Reparade nas estrofas: a derradeira é a primeira invertida e as demais, palíndromos en por si. Unha peza realmente abraiante! Ánimo, gozade da canción e... poñede un palíndromo na vosa vida!


DE SED (Canción palíndromo)
Letra e música, Gerardo Pacheco.
Harás el babor,
pares ramo de sed,
laud la salada mar.
Baladas olas al sonido
de su trama jabonosa
dan la ruta norte,
mora brama azul
o recoveco, río.
Somos las olas, Sarah.
Sarah sed y Sarah sol:
arde y alza pero,
muralla de sed, allá,
rumore paz la yedra.
Los harás y desharás.
Harás de sólo sed:
reúma de sed,
rueca y atlas de sed,
apocada como crío de sed.
Oír cómo cada copa de sed
salta,
yace,
urde,
seda,
muerde.
Sólo sed, Sarah.
Sarah sed y Sarah sol:
arde y alza pero,
muralla de sed, allá,
rumore paz la yedra.
Los harás y desharás.
Harás sal o sal somos.
Oí roce, vocero luz:
a amar (barómetro natural)
nada sonó.
Bajamar tu sed o dinos
la sal osada,
la bramada.
La sal dual de sed o mar
será probable, Sarah.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...