28/02/2014

Días de ideas

ascensor

 
bigota

 
nubres

 
té-rrorífico

Agudos xogos de palabras ilustrados, cunha chea de humor e de creatividade. Así é thehaydiasblog, un espazo que recomento ferventemente visitar. O seu autor é o deseñador gráfico malagueño Álvaro Fernández Maldonado, coñecido tamén polo alcume de Un buen tipo.

Ao ler as palabras que presentan o seu blog, non podo deixar de me identificar con elas.
Días de ideas. Hai días nos que se che ocorre algo enxeñoso e o apuntas nun anaco de papel. Pode ser nun post-it, nun caderno cotroso ou mesmo nunha flamante Moleskine. Na maioría dos casos estas ideas acaban esquecidas e nunca chegan a se desenvolver. Ás veces, ao reencontrarse o autor con elas, estas chegan a resultarlle totalmente indescifrables. thehaydiasblog loita contra ese esquecemento.
Mire, pense e (se o cre conveniente) ría.

25/02/2014

Fraseoloxía audiovisual



Este vídeo encheume o ollo nada máis dar con el. Unha proposta didáctica do Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de Santiago de Compostela que busca revitalizar a nosa fraseoloxía. Co apoio dunhas imaxes e dunha música suxestivas, vanse ofrecendo frases feitas de noso, acompañadas doutras expresións equivalentes e mesmo de formas incorrectas (castelanismos) que cómpre evitar.

Un magnífico recurso audiovisual co que difundirmos as posibilidades expresivas do galego.

Como complemento, aquí deixo unha sinxela actividade en liña que tamén permite traballar de xeito lúdico as nosas frases feitas. Adiante con ela!

Ah! E para rematar, a segunda parte de «fraseoloxía visual». Bo proveito!

22/02/2014

A arte retratista de Paulo Freixinho








Paulo Freixinho é autor de «palavras cruzadas» para diversas publicacións periódicas portuguesas: Caras, Público ou Jornal de Notícias entre outros. Un dos ludolingüistas máis importantes de Portugal ao que, sen dúbida, lle dedicaremos máis entradas.

Hoxe, como acabades de comprobar, toca unha das súas facetas máis orixinais: a de retratista en grellas de encrucillados. Aí están as faces «pixeladas» de John Lennon, Caetano Veloso, Spock, Fernando Pessoa, Ana Frank, Nelson Mandela, Marilyn Monroe e... o Ecce Homo de Borja.  Unhas pezas que o autor chamou «Rostos em grelhas de Palavras Cruzadas» e que non podo deixar de asociar coa arte pop de Warhol. Brillante!

Así explicou Freixinho como xurdiu a idea:
As Palavras Cruzadas com Arte reflectem o meu lado mais artístico [...] Fui desenhador gráfico, artesão e sempre gostei de pintar. [...] Achei que seria interessante e original passar a temática das Palavras Cruzadas para as telas.
Artes plásticas e encrucillados, unha combinación xenial!

19/02/2014

Aquelas merendas co Xabarín



«Longas merendas», unha marabilla a ritmo de ragga (mestura de reagge e rap) a cargo de Xenderal, o beatboxer anteriormente coñecido como Gendebeat. Tiven a sorte de gozar desta canción ao vivo o pasado mes de agosto na Feira do Cómic da Coruña.

Como sucedía co tema «Bocata e futbolín» de Iván Ferreiro, con «Longas merendas» temos unha sentida homenaxe musical a toda a xeración marcada polas peripecias de Son Goku, de Beakman, do Capitán Planeta ou de Carmiña Vacaloura. Que tempos aqueles! Cunha TVG convertida en efervescente promotora do galego entre a nosa rapazada. O mesmiño que agora!

Esta peza, que levanta o ánimo e serve para engordar o noso karaoke, foi escollida para celebrar o nacemento de Oink!, a revista do Xabarín Club. Con estas palabras é presentada na súa web:
Hai preto de 200.000 rapaces e rapazas na nosa terra entre os seis e quince anos de idade que non contan cunha revista que lles fale desde a súa mesma realidade e na súa lingua.
Oink! vai máis aló dunha revista infantil-xuvenil convencional, é unha porta á curiosidade, á imaxinación e ao espírito creativo dos máis novos da casa.
Sabemos que os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos como persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial.
Se queredes apoiar a continuidade de Oink!, visitade esta ligazón de Verkami. Por moi pouquiño podedes facervos cunha subscripción para os próximos 6 números da revista. Necesitan asegurar un total de 1200 subscritores. 

Adiante! Por fuciños, por cacheiras! Longa vida ao noso porco bravo!

Solucións á análise dos chistes de Santy Gutiérrez (10-2-2014): Eufemismo (axustes = recortes/ Paronimia (en serie - en siria) / Polisemia (letra ‘signo do alfabeto - ‘documento polo que unha persoa se compromete a pagar’) / Frase feita (nada de nada).

16/02/2014

Segundo aniversario!


Aló van dous aniños! Parece que foi onte.
E para celebralo...
Un lema de cabeceira:


E un agasallo musical.
Un orixinal anuncio para gozardes do mestre J. S. Bach e do enxeño xaponés:



Apertas

13/02/2014

Para tolos polos palíndromos


Lembrades o curioso libro titulado Seres? Era aquel volume composto por tiras cómicas de texto palindrómico deseñado por Zaes Sáez. Pois por fin dei coa identidade agochada baixo ese pseudónimo: é o arxentino Juan Pablo Saéz Gil, membro do Club Palindromista Internacional.

Aquí o temos a dar unha amena charla sobre a súa paixón polos palíndromos. Desde o descubrimento marabillado dos primeiros enunciados simétricos, ata o máxico enredo de crealos. Desde un breve percorrido pola historia do palíndromo, ata unha útil guía sobre os seus beneficios para a nosa saúde mental. 12 minutos de ouro para os tolos polo engado dos palíndromos.

Ah!, e para rematar demostra como un palíndromo nos pode salvar a vida. Ollo!


10/02/2014

O humor de Santy Gutiérrez [2]


De novo por aquí unha de humor gráfico. E de novo tamén unha das miñas debilidades: Santy Gutiérrez, un dos máis prolíficos e brillantes debuxantes do país (co que tiven a sorte de colaborar). Ilustrador, autor de cómics, caricaturista e humorista gráfico con máis de 20 anos actividade profesional. Recoméndovos seguir os seus pasos na súa web santygutierrez.com ou gozar do seu humor na sección «A viñeta» de De Luns a Venres.

Ás veces pode resultar un misterio a orixe do riso (ou do sorriso). Con todo, como xa vimos outras veces, un dos recursos máis comúns do humor gráfico son os xogos de palabras. As catro pezas anteriores empregan esta técnica. Aí vai o reto: descubride en cada peza estes xogos de palabras. Onde está o eufemismo? E a paronimia? E a polisemia? E a frase feita?

07/02/2014

Convosco... a «poesía peitoral»!


Emociónavos a poesía dos nosos bardos de onte e de hoxe? Sentides orgullo da lingua de noso? Queredes, coma Curros, ser apóstolos que proclamen ese «Evanxeo» aos catro ventos? Daquela, o voso é... a «poesía peitoral»!

Ou, se non, como chamariades esta marabilla de camiseta de Tinta de Lura? Un texto d’O Leo que reborda beleza, enxeño e gusto polos xogos de palabras (xenial o enredo homofónico raíña - raíña). E non é a única peza de «poesía peitoral», tedes camisetas-poema de Carlos Negro, Estíbaliz Espinosa, Lupe Gómez, Lois Pereiro, Manuel Antonio e Rosalía de Castro. Iso si, seica todas esgotadas.

Non é primeira vez que temos por aquí camisetas con lemas que rachan a pana. Mais, desta volta, lírica para todos os gustos e para todos os torsos.

04/02/2014

Chico Buarque: ludolingüista [1]



Quen imaxinaría a Caetano Veloso, Gilberto Gil, Chico Buarque e Roberto Carlos, entre outros, a competir nun concurso musical máis próximo a un espectáculo de pressing catch ca a un festival convencional? Pois tan insólito encontro foi real: 1967, III Festival de Música Popular Brasileira. Entre aplausos e apupos dun público apaixonado, soaron as pezas destes artistas únicos (uns mozos daquela). O gañador... Edu Lobo. Recomendo vivamente, de terdes un par de horiñas, gozar do documental «Uma noite en 67»

O vídeo do inicio corresponde á interpretación de «Roda viva», do xenial Chico Buarque. Un tema a ritmo de samba que, como vemos, cativou o público do festival. Velaí vai a letra completa:
Tem dias que a gente se sente
Como quem partiu ou morreu
A gente estancou de repente
Ou foi o mundo então que cresceu...
A gente quer ter voz ativa
No nosso destino mandar
Mas eis que chega a roda viva
E carrega o destino prá lá...
Roda mundo, roda gigante
Roda moinho, roda pião
O tempo rodou num instante
Nas voltas do meu coração...
A gente vai contra a corrente
Até não poder resistir
Na volta do barco é que sente
O quanto deixou de cumprir.
Faz tempo que a gente cultiva
A mais linda roseira que há
Mas eis que chega a roda viva
E carrega a roseira prá lá...
Roda mundo, roda gigante
Roda moinho, roda pião
O tempo rodou num instante
Nas voltas do meu coração...
A roda da saia mulata
Não quer mais rodar não senhor
Não posso fazer serenata
A roda de samba acabou...
A gente toma a iniciativa
Viola na rua a cantar
Mas eis que chega a roda viva
E carrega a viola prá lá...
Roda mundo, roda gigante
Roda moinho, roda pião
O tempo rodou num instante
Nas voltas do meu coração...
O samba, a viola, a roseira
Que um dia a fogueira queimou
Foi tudo ilusão passageira
Que a brisa primeira levou...
No peito a saudade cativa
Faz força pro tempo parar
Mas eis que chega a roda viva
E carrega a saudade prá lá...
Roda mundo, roda gigante
Roda moinho, roda pião
O tempo rodou num instante
Nas rodas do meu coração...
(4x)
Con este texto, Buarque conseguiu canear a censura da ditadura brasileira daquel tempo, pouco espelida polo que se ve, pois non deu recoñecido a metáfora da roda. Ante os desexos de liberdade («A gente quer ter voz ativa. / No nosso destino mandar»), esa «roda viva» representa o goberno militar da época, que unha e outra vez convertía en fracaso calquera tentativa de progreso («Mas eis que chega a roda viva / E carrega o destino prá lá»). E todo isto camuflado entre versos aparentemente inocentes e infantís («Roda mundo, roda gigante. / Roda moinho, roda pião»).

Un xogo de encriptación moi común en contextos de censura e represión. E a guinda... «Roda viva», que lida ao revés é «A viva dor», un bifronte que expresa á perfección o sufrimento e a carraxe ante a opresión. «Roda viva é a viva dor», aí queda o palíndromo do Buarque.

E diredes que desvarío, que ando a buscarlle tres pés ao gato. Podería ser, mais... sabedes que Chico Buarque é un dos mellores palindromistas en lingua portuguesa? Aquí vos deixo algúns dos seus enredos simétricos:
A miss é péssima!
Amora me tem aroma.
Acata o danado... e o danado ataca!
Assim, a sopa só mereceremos após a missa.
Até Reagan sibarita tira bisnaga ereta.
En fin, amante do palíndromo e da metáfora, dálle de novo ao play e... «adora a roda!».

01/02/2014

Letras que voan libres



Letras se saen dos seus sinais indicadores (ata o M do logo de McDonald‘s) e comezan a flotar no espazo. Liberadas da súa sumisa función sinalética, as letras voan en harmoniosa coreografía (coma os chirlomirlos). Cómpren as letras mais sobran as palabras. Só é precisa unha: float (flotar).

Así é Backspace FLOAT - Floating letters through the city (2006), unha fermosa curta do australiano Stephen Watkins. Un director de animación novo e cunha chea de premios especializado en traballos publicitarios. Podedes gozar doutras pezas súas na súa canle de youtube.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...