19 de feb. de 2014

Aquelas merendas co Xabarín



«Longas merendas», unha marabilla a ritmo de ragga (mestura de reagge e rap) a cargo de Xenderal, o beatboxer anteriormente coñecido como Gendebeat. Tiven a sorte de gozar desta canción ao vivo o pasado mes de agosto na Feira do Cómic da Coruña.

Como sucedía co tema «Bocata e futbolín» de Iván Ferreiro, con «Longas merendas» temos unha sentida homenaxe musical a toda a xeración marcada polas peripecias de Son Goku, de Beakman, do Capitán Planeta ou de Carmiña Vacaloura. Que tempos aqueles! Cunha TVG convertida en efervescente promotora do galego entre a nosa rapazada. O mesmiño que agora!

Esta peza, que levanta o ánimo e serve para engordar o noso karaoke, foi escollida para celebrar o nacemento de Oink!, a revista do Xabarín Club. Con estas palabras é presentada na súa web:
Hai preto de 200.000 rapaces e rapazas na nosa terra entre os seis e quince anos de idade que non contan cunha revista que lles fale desde a súa mesma realidade e na súa lingua.
Oink! vai máis aló dunha revista infantil-xuvenil convencional, é unha porta á curiosidade, á imaxinación e ao espírito creativo dos máis novos da casa.
Sabemos que os nenos e nenas son capaces de pensar, imaxinar, idear e deseñar cousas incribles. Só fai falla tratalos como persoas que son e darlles os recursos que precisan para sacar todo ese potencial.
Se queredes apoiar a continuidade de Oink!, visitade esta ligazón de Verkami. Por moi pouquiño podedes facervos cunha subscripción para os próximos 6 números da revista. Necesitan asegurar un total de 1200 subscritores. 

Adiante! Por fuciños, por cacheiras! Longa vida ao noso porco bravo!

Solucións á análise dos chistes de Santy Gutiérrez (10-2-2014): Eufemismo (axustes = recortes/ Paronimia (en serie - en siria) / Polisemia (letra ‘signo do alfabeto - ‘documento polo que unha persoa se compromete a pagar’) / Frase feita (nada de nada).

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...