27/04/2014

Relatos, misterios e criptogramas

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un novo reloxo. Van soando as badaladas que deben anunciar as doce da noite: unha, dúas, tres... Entón sucede algo extraordinario: soan dez, once, doce... e trece!
Un grupo de cinco rapaces curiosos son os únicos decididos a aclarar algo tan estraño. Pescudarán ata encontrar a explicación. Para conseguilo, deben ir resolvendo, unha a unha, as pistas que un misterioso personaxe lles vai presentando en forma de xogos de enxeño e mensaxes cifradas.
Aquí tedes unha delas, baseada na técnica da superposición.

Este é o fío argumental d’O misterio das badaladas (1986), do admirado Xabier P. DoCampo. Unha narración cualificada polos nosos críticos como «O misterio galego por excelencia» e que inaugurou nas nosas letras a novela dedutiva (tamén coñecida como novela de detectives). Un xénero creado, a mediados do século XIX, por outro gran mestre, Edgard Allan Poe, con relatos como O escaravello de ouro

O señor William Legrand é quen de atopar o fabuloso tesouro do capitán Kidd, pirata estarrecedor, grazas a que descifrou un complexo criptograma. 

Aplicando o método de «análise de frecuencias» das letras (neste caso, do inglés), o protagonista consegue revelar a mensaxe cifrada.
Dúas obras coa mesma esencia: o pracer e a emoción que lle produce ao lector/a seguir en primeira persoa o desenvolvemento das pescudas, a resolución dos problemas, mediante o xogo dedutivo e de lóxica.

Se non as lestes aínda, a por elas! Outros dous títulos imprescindibles na nosa «bibliografía ludolingüística básica».

23/04/2014

Un xogo para o Día do Libro


Aló atrás, en O breve verbo, dei con este orixinal xogo de creación literaria, para conmemorar o Día do Libro. Gardadiño quedou para aproveitalo tal día como hoxe. A idea, como podemos ler, é ben sinxela: asociando as primeiras palabras atopadas en cada sopa de letras hai que compoñer unha historia.

Picade na imaxe para vela ampliada e mergulládevos nas sopas. Neses percorridos horizontais, verticais e diagonais axiña daredes coas palabras que servirán de punto de partida para o voso relato. Despois só resta poñer en marcha a imaxinación para lle tirar proveito ás ideas que esas voces poden suxerir:

eu vou para...
(... )
eu vou con...
(...)
derrotar...
(...)

Ah, e tamén co gallo da celebración do Día do Libro velaquí deixo un vídeo de promoción do novo dispositivo de coñecemento bioóptico organizado: BOOK. Unha verdadeira revolución!

21/04/2014

Enche a vida de cor e de palabras!



Lembrades aquela chamativa intervención artística de Boa Mistura nos arrabaldes máis humildes da cidade de São Paulo? Desta volta traemos, como vedes na imaxes superiores, outra peza de arte urbana non menos espectacular: a colorista rehabilitación do emblemático Mercado da Cebada de Madrid.

Hai só uns meses, baixo o lema «Llena la vida de color», este colectivo artístico madrileño encheu de cores vivas as características cúpulas do mercado creando un mural de 6000 m2. Medidas que converteron este espazo nunha maiores obras de arte urbana do mundo.

E de novo, como sucedera no Brasil, volven a xogar coa anamorfose para situar sobre estas cúpulas a palabra COLOR. Lembrade que esta técnica fai que para o espectador só sexa posible observar o elemento deseñado, de forma proporcionada e clara, desde un determinado punto. Espectacular!

E como vemos nestoutras imaxes, traballiño custou.


 

18/04/2014

Un encrucillado bilingüe de Paulo Freixinho


Xa coñecimos aló atrás a Paulo Freixinho, un dos autores de encrucillados máis prolíficos de Portugal. Tamén é seu o encrucillado bilingüe galego - portugués que encabeza esta entrada. As definicións do encrucillado están en galego e as correspondentes solucións deben escribirse en portugués. Adiante con el! É doado!

Unha idea que lle xurdiu despois de ler no diario Público unha noticia sobre a aprobación no Parlamento galego, por unanimidade, da Iniciativa Lexislativa Popular Valentín Paz Andrade, que obriga a fomentar o portugués no ensino do noso país e a estreitar lazos cos países da lusofonía. Esta é a «telegráfica» información da TVG.

 
Ah!, e para coñecerdes mellor a Paulo Freixinho aquí vos deixo un vídeo no que explica como comezou a súa paixón polos encrucillados.

15/04/2014

Relatos mnemónicos de π [2]


Algúns comentarios nunca serán abondo agradecidos. Neste caso, o de Cibrán, a cabeciña detrás de cartaxeométrica. Por el souben da existencia do II Concurso de Esopías convocado pola asociación Agapema e pola Fundación Barrie a través do seu mateblog

Unha esopía (anagrama de poesía) é o nome dado a un deses textos (relato, comentario, poema...) dos que falamos na entrada anterior: un enunciado onde cada palabra leva un número de letras igual ás sucesivas cifras do número π. Aquí podedes conxultar as bases do concurso e aquí podedes ler (e votar) unha chea de esopías xa presentadas ao certame. Hai categorías para todas as idades e o prazo está aberto ata o vindeiro 22 de abril. 

Adiante amantes da literatura de espírito lúdico e matemático!

Relatos mnemónicos de π [1]

 
Nas miñas viaxes pola arañeira á procura de valiosos achados ludolingüísticos dei cunha curiosa entrada en microsiervos. Daba conta do primeiro Concurso de Relatos Mnemónicos de π. Un certame literario cun requisito básico: cada microrrelato debía formarse cunha secuencia de palabras cuxo número de letras fose determinado polas primeiras vinte cifras do número pi

3,1415926535897932384


Isto é, a primeira palabra tería 3 letras, a segunda 1, a terceira 4, a cuarta 1... e así ata completar, se é posible, as vinte primeras cifras desa célebre constante matemática

Os organizadores difundiron este texto como exemplo de tan peculiar norma:
«Oía a Sara y Julia conversar de camino hacia sus casas. Mientras observaba entendí, conmovida, que al fin lograban amar».
Foi a Universidade de Alcacante a promotora desta iniciativa, que ademais contaba cun lema magnífico: «A matemática é a poesía da ciencia». Fermoso!

Eu aventuro este inicio para algún outro microrrelato en galego:
«Viu o lobo e fuxiu. Escoitaba as poutas...»
Queredes continualo? Ou preferides crear algún outro desde o comezo?

12/04/2014

Bertsolarismo, arte ludolingüística





Arriba tedes o documental piloto (en dúas partes) do que despois sería a longametraxe Bertsolari (2011), dirixida por Asier Altuna. Cando o vin, non puiden deixar de sentir unha mestura de emoción e de envexa sa. Catorce mil persoas, nun silencio respectuoso e admirado, contemplando unha competición de bertsolaris, orgullosos do propio. Xente de toda condición: homes e mulleres, anciáns e rapaces, aldeáns e urbanitas... a gozar desta sublime arte ludolingüística. Unha multitude que, como di John Miles Folley, o experto estadounidense en tradición oral, «sentía que debía estar alí»: o bertsolarismo como marca de identidade, como instrumento de unión do grupo. 

E así vai o documental esfollando esta irmá vasca da nosa regueifa: a súa relación con outras manifestacións de arte improvisada (poetry slam, jazz..), o exercicio de axilidade mental que supón, o caracter amigable da competición...

Unha peza fantástica na que ben podedes inverter un minutos. Paga a pena!

09/04/2014

Éncheo todo coas túas palabras!






Hoxe, unha simple brincadeira. De paseo por InnovArte Educación Infantil (moi recomendable), dei cun divertido xerador de textos en imaxes. Un enredo en liña que, como vemos arriba, permite incluír as palabras que desexemos nos lugares máis insólitos. Cortesía de RedKid.net.

Aí vai tamén o seu comentario:
RedKid.net é un espazo dedicado ao entretemento educativo. Aí atopamos un xerador de palabras en sitios como un prato de sopa de letras, nos encerados do menú do día, en sinalizacións das estradas, etc, e vímoslle grandes posibilidades de traballo coa lingua escrita, en especial co propio nome.
Adiante! A chantar palabras por todas partes! Seguro que vós tamén lle atopades unha chea de posibilidades.

06/04/2014

A mallar no polbo


En sesión solemne, e tras deixar transcorrer un tempo prudencial para que arrefriase a polémica relativa á denominación do noso cefalópodo máis popular, o egrexio consello consultivo de Xogosdelingua debateu a fondo tan escorregadiza cuestión e decidiu facer público o seguinte comunicado:
Non podemos aceptar, nin aceptaremos, que se admita a validez da parella léxica polbo - pulpo. Esta solución dual non só resulta ruín e contraria ao espírito globalizador imperante, senón tamén inútil fronte á inevitable deriva que leva ao peixe grande a papar o pequeno (e quen di peixe podería dicir polbo). 
Xa que logo, propoñemos unha solución moito máis acaída aos nosos tempos: instamos á Real Academia Galega a aceptar nos seus dicionarios e vocabularios, con rango de oficialidade, o trío polbo - pulpo - octopus.
Unha medida que, de se estender ao conxunto do corpus léxico do galego, encaixaría á perfección no noso sistema educativo, dotado desa inmellorable repartición equilibrada ao 33 % de galego, castelán e inglés. Iso sen contar coa harmonía sonora que lle achegaría á nosa fala unha base léxica trilingüe. E como proba, aquí queda a inesquecible versión que Celso Álvarez Cácamo fixo hai uns anos, en galecastenglish, do noso clásico «Deitado frente ao mar», de Celso Emilio Ferreiro.

Lingua proletarian de mi people!
Eu hábloa because sí, porque I like it,
because me peta and quiero y dame a gana,
because me sae de inside, allá do bottom
de una sadness aceda que me encircles
al ver so many idiotas desleigados,
pequeños mequetrefes without roots,
que ao wearing la corbata xa don’t know
afirmarse in the love of devanceiros,
to speak a fala madre,
the speech of our abuelos we have mortos,
y ser, co face erguido,
mariñeiros, labriegos of the language,
oar and arado, bow y rella siempre.
Eu speak it porque yes, because me gusta,
e quero be with mine, coa people mía,
next to the homes good que suffer largo
una history told en otra lingua.
I don’t falo for soberbios,
non hablo para os vile and poderosos,
no speak for the finchados,
non hablo for the stupid,
yo non speak prós empty,
que hablo prós que endure reciamente
mentiras and injustice de cotío;
for those que sweat y choran
a llanto cotián de butterflies,
de fire y vento sobre os ojos naked.
Eu non can separar las miñas words
from todos los que suffer neste mundo.
Y you vives no world, tierra miña,
craddle de my estirpe,
Galicia, dulce mágoa of las Spains,
laying rente the sea, ise camino...
Saúde e terra! Salud y tierra! Health and land!

03/04/2014

Chico Buarque: ludolingüista [2]



Outro exemplo do engado das palabras esdrúxulas. Desta volta, «Construção» (1971) de Chico Buarque, considerada unha das mellores cancións brasileiras de todos os tempos. Unha letra memorable de 41 versos dodecasílabos rematados sempre nunha voz esdrúxula. Un mosaico de enunciados que se repiten practicamente iguais en sucesivas series coa única diferenza de variar de posición as palabras esdrúxulas.
Amou daquela vez como se fosse a última
Beijou sua mulher como se fosse a última
E cada filho seu como se fosse o único
E atravessou a rua com seu passo tímido
Subiu a construção como se fosse máquina
Ergueu no patamar quatro paredes sólidas
Tijolo com tijolo num desenho mágico
Seus olhos embotados de cimento e lágrima
Sentou pra descansar como se fosse sábado
Comeu feijão com arroz como se fosse um príncipe
Bebeu e soluçou como se fosse um náufrago
Dançou e gargalhou como se ouvisse música
E tropeçou no céu como se fosse um bêbado
E flutuou no ar como se fosse um pássaro
E se acabou no chão feito um pacote flácido
Agonizou no meio do passeio público
Morreu na contramão atrapalhando o tráfego
Amou daquela vez como se fosse o último
Beijou sua mulher como se fosse a única
E cada filho seu como se fosse o pródigo
E atravessou a rua com seu passo bêbado
Subiu a construção como se fosse sólido
Ergueu no patamar quatro paredes mágicas
Tijolo com tijolo num desenho lógico
Seus olhos embotados de cimento e tráfego
Sentou pra descansar como se fosse um príncipe
Comeu feijão com arroz como se fosse o máximo
Bebeu e soluçou como se fosse máquina
Dançou e gargalhou como se fosse o próximo
E tropeçou no céu como se ouvisse música
E flutuou no ar como se fosse sábado
E se acabou no chão feito um pacote tímido
Agonizou no meio do passeio náufrago
Morreu na contramão atrapalhando o público
Amou daquela vez como se fosse máquina
Beijou sua mulher como se fosse lógico
Ergueu no patamar quatro paredes flácidas
Sentou pra descansar como se fosse um pássaro
E flutuou no ar como se fosse um príncipe
E se acabou no chão feito um pacote bêbado
Morreu na contra-mão atrapalhando o sábado
A canción relata o derradeiro día na vida dun obreiro que falece ao caer dunha estada nun edificio en construción e supón unha denuncia da alienación do traballador na nosa sociedade contemporánea, que o reduce a un elemento mecánico.

Unha temática que me trae á cabeza o poema «Monólogo do vello traballador» (1962) de Celso Emilio Ferreiro. Aquí deixo un fermoso videopoema desta peza creado por Andrea Nunes, Lorena Souto e Mario Regueira.



Con todo, Chico Buarque declarou nunha entrevista, en 1973, que «Construção» non era para el unha simple canción de denuncia ou protesta: «Em "Construção", a emoção estava no jogo de palavras. Agora, se você coloca um ser humano dentro de um jogo de palavras, como se fosse... um tijolo, acaba mexendo com a emoção das pessoas».

De novo, para sorte de todos nós, o xenial Chico Buarque ludolingüista.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...