27 de abr. de 2014

Relatos, misterios e criptogramas

No campanario da igrexa de Eiranova acaban de instalar un novo reloxo. Van soando as badaladas que deben anunciar as doce da noite: unha, dúas, tres... Entón sucede algo extraordinario: soan dez, once, doce... e trece!
Un grupo de cinco rapaces curiosos son os únicos decididos a aclarar algo tan estraño. Pescudarán ata encontrar a explicación. Para conseguilo, deben ir resolvendo, unha a unha, as pistas que un misterioso personaxe lles vai presentando en forma de xogos de enxeño e mensaxes cifradas.
Aquí tedes unha delas, baseada na técnica da superposición.

Este é o fío argumental d’O misterio das badaladas (1986), do admirado Xabier P. DoCampo. Unha narración cualificada polos nosos críticos como «O misterio galego por excelencia» e que inaugurou nas nosas letras a novela dedutiva (tamén coñecida como novela de detectives). Un xénero creado, a mediados do século XIX, por outro gran mestre, Edgard Allan Poe, con relatos como O escaravello de ouro

O señor William Legrand é quen de atopar o fabuloso tesouro do capitán Kidd, pirata estarrecedor, grazas a que descifrou un complexo criptograma. 

Aplicando o método de «análise de frecuencias» das letras (neste caso, do inglés), o protagonista consegue revelar a mensaxe cifrada.
Dúas obras coa mesma esencia: o pracer e a emoción que lle produce ao lector/a seguir en primeira persoa o desenvolvemento das pescudas, a resolución dos problemas, mediante o xogo dedutivo e de lóxica.

Se non as lestes aínda, a por elas! Outros dous títulos imprescindibles na nosa «bibliografía ludolingüística básica».

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...