29/06/2014

Nomear é ser e posuír



Nós somos nós polo xeito en que nomeamos o mundo. É mediante a nosa lingua que categorizamos e organizamos a realidade que nos rodea. Daquela, onde hai unha lingua, hai un pobo e unha cultura orixinais.

Pensando nisto lembrei unhas palabras de Álvaro Cunqueiro, que expresan está idea de forma ben luminosa e poética:
Ninguén me ensiñaba a fala, que eu adeprendía cos labregos e cos homes dos oficios, cos cazoleiros e cos ferreiros, no forno de cocer o pan e nas feiras. E vía o mundo coa miña fala, e facíame dono del, da abidueira e do merlo, dos escuros montes que pechan o meu val natío, e da claridade que se abre por onde eles mesmo o fan pra que poida entrar á terra o vento mareiro.
Esta idea de que coa fala aprendemos a pensar o mundo tívoa moi presente o alumnado do IES Chano Piñeiro de Forcarei e o do IES Pintor Colmeiro de Silleda ao elaborar o vídeo inicial. A chuvia, as partes do carro e os apeiros de labranza, tres campos semánticos que ilustran ben a riqueza semántica do galego e o xeito en que este nos vincula ao mundo.

De novo, vía Carta Xeométrica.

Solucións xogos enigmísticos (26-6-2014): Anagrama: un astro - Saturno. Palíndromo: Oh, palabra, acaba! - Ai, verba, abrevia! Enigma: semáforo.

26/06/2014

Unha curiosa novela enigmística


O reino ideal (2007), de Miguel Anxo Mouriño, é unha desas obras que non podía faltar na nosa «bibliografía ludolingüística básica». Esta novela de aventuras para lectores mozos está protagonizada por Antía, unha nena que sofre un drástico cambio vital ao se separaren os seus pais. Á súa chegada a un novo centro de estudos agárdana numerosas sorpresas que, aos poucos, irán mergullándoa no fascinante mundo da enigmística.

Unha obra que permite a quen a le unha aproximación creativa e atraente aos xogos de palabras: charadas, anagramas, bifrontes, palíndromos, enigmas... Estes enredos acompañan coherentemente o relato e converten a súa lectura nun delicioso xogo de enxeño.

En paralelo ao libro, o autor creou o blog A páxina de Buli, a través do cal os lectores poden participar de forma activa e colaborativa na resolución dos xogos enigmísticos. E no blog tamén podemos atopar un valiosísimo Manual de Enigmística que nos permite coñecer mellor este mundo de creatividade, enxeño e amor polas palabras.

E para facer algo de sa ximnasia mental aquí van uns cantos xogos d’O reino ideal.
Anagrama (reordena as letras para formar un novo enunciado):
Un astro
Palíndromo (crea un enunciado sinónimo do seguinte que teña forma de palíndromo):
Oh, palabra, acaba!
Enigma (descubre o concepto encuberto neste poema cheo de dobres sentidos):
MITIN DOS VERDES
Se florece a esperanza, camiñamos
sen medo do futuro,
por iso os verdes son os máis seguros;
porque se a flor vermella
dos teus pasos errantes se apodera
ou o centro impreciso e dubidoso,
verás, ansioso, 
o progreso que buscas, en espera.

23/06/2014

Un monstro de 189.819 letras


Lembrades as palabras estarricadas? Nos dicionarios galegos podemos atopar longos vocábulos como interdisciplinariedade (22 letras), en obras literarias daremos con xenialidades como republicorrevo-luciosocialsindicalagroanarquicomunista (53 letras) e nalgún atlas descubriremos insólitos topónimos como Taumatawhakatangihangakoauauotamateaturipukakapikimaungahoronukupokaiwhenuakita... (88 letras).

Con todo, todas elas xuntas son un lixo ao lado da Goliat do sesquipedalismo, un descomunal monstro de 189.819 letras. Falo do nome químico da titina, unha proteína esencial para a elasticidade dos músculos (a máis grande identificada ata o momento).

A dimensión deste termo científico é tal que pronuncialo correctamente a un ritmo normal leva 3 horas e media. Case nada! Iso sí, poucos se aventuran nesa misión case suicida. Mais como hai xente para todo, deseguido tedes un tolo disposto. Un consello lóxico: avanzade a saltos no vídeo observando con atención a face do suxeito e o estado da flor. Ha! Ha!

20/06/2014

«Nuair 'tá mé imithe»



Deille ao play e quedei pampo! Coñecía a canción, mais resultoume abraiante esa coreografía de 600 vasos convertidos en instrumentos de percusión! Os intérpretes, outros tantos estudantes dun instituto irlandés e a vocalista de dezaseis anos Laoise Nolan. A peza, cantada en gaélico, titúlase «Nuair 'tá mé imithe», versión da orixinal inglesa «When I’m gone» («Cando eu marche»), tamén coñecida como «The Cup Game».

Este incrible exercicio de coordinación lembroume aqueloutra marabilla do «Escatumbararibê» brasileiro, mais esta vez co engado da lingua gaélica, un idioma minorizado que tanto ten en común co noso. Emocionante a implicación de toda esa rapazada coa súa lingua!

Aquí tedes a letra en gaélico e en inglés.
[gaélico]
Tá an ticéad a'am don bhealach fada
Dhá bhuidéal uisce don thuras
Is ba bhreá liom cara a bheith in éindí liom
Mé ag fágáil amárach, mbeidh tú liom?
Nuair 'tá mé imithe
Nuair 'tá mé imithe
Aireoidh tú uait mé 's gan mé ann
Aireoidh tú uait mé 's mo aoibh
Aireoidh tú uait mé 'chuile thaobh
Ó, aireoidh tú uait mé 's gan mé ann
Tá an ticéad 'am don bhealach fada
Tá an saol mór ag fanacht liom
Measc na sléibhte, taobh na habhann
Ait a bhíonn an t-aer breá úr
Beidh sé i bhfad níos fearr leat a stóir
Nuair 'tá mé imithe
Nuair 'tá mé imithe
Aireoidh tú uait mé 's gan mé ann
Aireoidh tú uait mé 's me ag caint
Aireoidh tú uait mé 's mé ag seinnt
Ó, aireoidh tú uait mé 's gan mé ann
[inglés]
I got my ticket for the long way 'round
Two bottle whiskey for the way
And I sure would like some sweet company
And I'm leaving tomorrow, what-do-ya say?
When I'm gone
When I'm gone
You're gonna miss me when I'm gone
You're gonna miss me by my hair
You're gonna miss me everywhere, oh
You're gonna miss me when I'm gone
I've got my ticket for the long way 'round
The one with the prettiest view
It's got mountains, it's got rivers,
It's got woods that give you shivers
But it sure would be prettier with you
When I'm gone
When I'm gone
You're gonna miss me when I'm gone
You're gonna miss me by my walk
You'll miss me by my talk, oh
You're gonna miss me when I'm gone
Un xogo de vasos que se espalla día tras día. Deseguido, un grupo de nenos e nenas de 6º de EP do CEIP Coutada de Beade a interpretar, no Día das Letras deste ano, unha versión en galego desta mesma peza. Mágoa a pouca calidade do vídeo, mais en todo caso... fantástico!


Ah!, e se vos apetece probar, velaí vai un titorial co que aprender esta coreografía. A por un vaso!

17/06/2014

Viva a diversidade!



Os meus alumnos de 1º de Bacharelato do Fogar de Santa Margarida animáronse a realizar un traballo sobre a diversidade lingüística partindo da realidade do propio centro. Eu faleilles de Lips of Babel, ese anuncio publicitario cos beizos das modelos en primeirísimo plano a pronunciar trabalinguas de todo o mundo. E puxéronse mans á obra, materia prima tiñan abondo: chinés, árabe, alemán, xaponés, francés, portugués, inglés, caboverdiano, guaraní...

O resultado dese esforzo é este vídeo estreado xa no noso blog de Lingua: A chave e o mundo. Un alegato a prol do ecolingüismo e do respecto pola diversidade.

Aquí quedan algúns destes trabalinguas internacionais coa súa tradución:
Piriri parãrã kavara opopo ojupi oguejy ikupy oipiro. Charamuscas, ruído de lata: a cabra salta, sobe, baixa, pela a pata. (guaraní)
Un chasseur sachant chasser doit savoir chasser sans son chien. Un bo cazador debe saber cazar sen o seu can. (francés)
Fischers Fritze fischt frische Fische. Frische Fische fischt Fischers Fritze. O pescador Fritz pesca peixe fresco. O peixe fresco é pescado polo pescador Fritze. (alemán)
I scream, you scream, we all scream for ice cream! Eu berro, ti berras, todos berramos por xeado! (inglés)
Basu gasu bakuhatsu. Explosión de gas nun autobús. (xaponés)
Como ben din nos créditos finais, parabéns ás familias por preservar ese prezado tesouro que é a diversidade lingüística!

14/06/2014

A nómada mono, nómada mona


Vía Movemento Rever dei con esta peza de humor gráfico palindrómico: que curiosas relacións amorosas revelan estes enunciados simétricos! O seu autor, o palindromista mexicano Christian Díaz, defínese así no seu blog persoal:
Christian (DX) Anacoreta mexicano. Aficionado al humor, historietas, caricaturas y palíndromos. Casi todo lo de este blog es mío y muy personal.
De vos mergullardes un anaco na súa bitácora, poderedes atopar outras pezas palindrómicas e tamén unha sección con orixinais anagramas. Humor e enxeño ludolingüístico. Totalmente recomendable!

11/06/2014

Entre o «si» e o «non»


Abraiante gif dunha escultura do suízo Markus Raetz (1943), célebre por crear pezas que encerran paradoxos visuais. De todas elas, a que máis me gusta é esta YES / NO, que convida a reflexións filosóficas: Que distancia hai entre o «si» e o «non»? É a realidade un concepto absoluto ou vén dada polo noso punto de vista?

Convídovos a coñecer as enigmáticas ilusións ópticas deste artista conceptual. Verdadeiros ambigramas tridimensionais que, sen dúbida, provocan a perplexidade do espectador. Podedes comprobalo neste vídeo con varias pezas súas. Un agasallo para os ollos... e para a mente.


08/06/2014

«Say the same thing»



Seica os membros da banda indie OK Go, na busca de combater as tediosas viaxes entre concertos, comezaron a practicar un curioso enredo ludolingüístico. Dous deles dicían cadansúa palabra, unha calquera que lles viñese á cabeza. Deseguido buscaban unha conexión entre elas e volvían dicir cadansúa palabra, procurando coincidir nese termo medio. Se non o conseguían, tomaban as voces previas como pista e volvían intentalo. Así unha e outra vez ata pronunciaren ese concepto común. E cando daban con el, premio á complicidade: unha grande aperta!

Pode parecer unha brincadeira sen sentido, mais o certo é que «Say the same thing», que así se chama o xogo, reborda enxeño, creatividade e sentido do humor, como todo o que sae das cabeciñas desde reis de youtube. Un sinxelo recurso lúdico que explota o valor semántico das palabras e que, sobre todo, premia o espírito cooperativo fronte ao competitivo. Fantástico!

Acabaron dando un pasiño máis alá e, grazas a Andy Ross, guitarra do grupo e deseñador de apps, crearon unha versión electrónica do xogo, de balde e con versións, de momento, en inglés, en castelán e en portugués. Oxalá os amigos de Cilenis, que xa adaptaron ao galego o Apalabrados, se animen a facer o mesmo con esta aplicación.

E, como despedida, o vídeo «Here It Goes Again», que no seu día lanzou á fama a OK Go e xa conta con máis de 20 millóns visualizacións.

05/06/2014

As adiviñas dos máis pequenos


Unhas cantas adiviñas da tradición popular:
Capullo sobre capullo,
capullo do mesmo pano,
senón cho digo eu,
non acertas neste ano.
E unha chea delas da colleita dos nenos e nenas do CEP de Campolongo (Pontevedra). E coas súas correspondentes ilustracións.




Así é o magnífico traballo «Biblioenredos: adiviñas sobre alimentos», publicado no blog Enredamos deste centro de Pontevedra: unha nova iniciativa que achega os xogos de lingua da nosa tradición oral aos máis pequenos.

02/06/2014

Letras por aquí e acolá



Quen se entretería na busca de letras en canto recuncho hai ao noso arredor? Un «N» no marco dunha porta, un «O» na roda dun coche, un «L» no banco dun parque, o «E» nos madeiros dun valado... Pois alguén de alphaartdesigns propúxose poñer en práctica este xogo e comezou a fotografar letras, letras e máis letras.

A web comercial alphaartdesigns ofrece fotografías artísticas de letras formando palabras, e ademais enmarcadas. Escribes a túa palabra, ata un límite de oito letras, e despois só tes que decidir se che gusta o resultado ou prefires trocar algunhas das letras na súa ampla galería.

Para saberdes máis, velaquí o vídeo que promociona este sitio.


Solución aos chistes de Xoán Andrade (22-5-2014): antítese (pequenas - grandes), polisemia (dixitalrelativo ou pertencente aos dedos’ - dixitalque codifica os datos con números que se expresan co sistema binario’), paronimia (tensión - pensión), eufemismo (lavadura - residuos orgánicos).
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...