30/07/2014

Con Ok Go, ata setembro.



Chegou o descanso! E para despedirme por unhas semanas, unha das miñas coñecidas debilidades: OK Go, os mestres dos videos musicais dunha soa toma. Desta vez, con «The Writing’s on the Wall» («Os escritos sobre a parede»), unha peza chea de efectos visuais e xogos anamórficos que lembran as obras de Maurits C. Escher, de Markus Raetz, de Felice Varini ou do grupo Boa Mistura.

Xa gozamos cos seu incrible baile sobre cintas de correr ou coa súa abraiante máquina de Rube Goldberg, e agora, nun único plano secuencia, unha coreografía medida paso a paso cargadiña de alucinantes ilusións ópticas. Olliño, non pestanexedes!

Ata setembro!

27/07/2014

Currículum encrucillado



O pasado 23 de decembro, Eva Suárez Mougán publicou en youtube este videocurrículum, de orixinal feitura ludolingüística. Certamente ten mérito entretecer nun só encrucillado todo o conxunto de experiencias persoais (educativas, laborais, vivenciais...) que queres dar a coñecer. Só boto en falta, Eviña, algún dato de contacto!

A cousa está difícil e na procura de traballo resulta cada vez máis importante destacar, chamar a atención dos posibles empregadores. A creatividade pode marcar a diferenza! E a nosa protagonista dediciuse por condensar nunha peza audiovisual todo o que como persoa e como profesional pode ofrecer. Así, poderiamos darlle unha volta ao famoso dito: «un vídeo con encrucillado vale máis ca mil palabras». Parabéns pola idea!

Atoparía xa Eva traballo? Oxalá!

24/07/2014

Na busca da tipografía universal



Como é sabido, poucas cousas hai tan persoais como a caligrafía. Con todo, a compañía BIC (si, a dos bolígrafos) vén de poñer en marcha un asombroso experimento, The Universal Typeface, co cal pretenden obter, nas súas palabras, «a unificación da escrita a man do mundo nun tipo de letra universal».

Trátase dun proxecto colaborativo a partir das contribucións escritas dos usuarios da rede. Cadaquén, desde un dispositivo con pantalla táctil, pode engadir as súas propias grafías. Todas as mostras son analizadas polo programa ata xerar un trazo promedio que vai determinando como é a «forma universal» de cada letra.

O proxecto estará activo ata este mes de agosto, momento en que lanzarán a tipografía definitiva. A día de hoxe, levan recollidas 1.444.506 mostras de máis de 124 países. Case nada!

Convídovos a aproveitar estes últimos días e participar na web. En Contribute, podedes engadir as vosas propias letras ao proxecto. En Explore, podedes curiosear e pescudar como son as letras resultantes de diversos filtros: por país, por idade, por profesión, por sexo ou por man dominante na escrita.



Xa me tarda coñecer o resultado final!

21/07/2014

«Strč prst skrz krk»


Olliño cunha lingua que conta con doce fonemas vocálicos e é capaz de construír frases prescindindo de todos eles. Así é o checo, ese endemoñado idioma eslavo que pode chegar a prexudicar seriamente o aparello fonador.

O caso é que o exemplo clásico deste curioso trazo da lingua checa é o trabalinguas Strč prst skrz krk, que significa algo como ‘mete o dedo pola gorxa’. Se queredes escoitalo, aí vai. Quen se arrisca a pronuncialo?


strč: P2 do imperativo do verbo strčit /strchit/ (‘meter’).
prst: substantivo en singular (‘dedo’).
skrz: preposición (‘a través de; mediante’).
krk: substantivo en singular (‘pescozo, gorxa’).
E isto é posible porque, en checo, as letras «r» e «l» poden entrar en combinación con outras consoantes actuando como núcleo silábico, igual que fan nosas vogais. Abraiante!

Como agasallo final, unha video-performance da artista multimedia checa Anna Friedlaender inspirada nesta impronunciable frase.


18/07/2014

Produto galego, etiqueta en galego


Hai tempo que, cando toca encher a neveira, merco, se podo, produto galego. Consulto devagar as etiquetas e opto, se hai oferta, por produtos do país: auga mineral, leite, patacas, mel... O que dá traballiño é atopar produtos de noso que, ademais, conten coa etiquetaxe en galego. Este é só un pequeno xesto de complicidade e compromiso coa lingua e co país, máis alá dos céntimos arriba (ou abaixo) no prezo final.

Por iso, súmome de bo grao á tarefa de espallar esta campaña oficial a prol dos produtos etiquetados na nosa lingua. Así a presentan na rede (Vía Carta Xeométrica).
Facer viables as industrias de tranformación do agro galego e normalizar o uso da lingua galega na publicidade e etiquetas dos seus produtos, velaí os obxectivos desta campaña de publicidade dirixida aos consumidores galegos. Chamamos ao consumo responsable e solidario coas marcas comerciais que se identifican co noso idioma. Que isto sexa posible depende de todos nós.
Por certo, un anuncio propagandístico que ben vale como recurso para presentarmos e traballarmos o campo semántico dos alimentos dun xeito diferente e creativo.

15/07/2014

«Quand notre coeur fait boum»


Álbum Tintín no país do ouro negro (1939). Hernández e Fernández (en francés Dupont et Dupond) están a cantar unha canción e... bum!

Trátase dunha chiscadela de Hergé, o creador de Tintín, a unha das figuras musicais da súa época: Charles Trenet. Entre as dúas grandes guerras do século pasado, Charles Trenet (coñecido entre nós polo clásico «Le mer») erixiuse como brillante estrela da chanson francesa. En 1938 publicou «Boum!», unha canción que, entre onomatopea e onomatopea, logra contaxiar a alegría de vivir: fala dun home namorado que sente o seu corazón a piques de estourar e comeza a ver o mundo dunha forma diferente. A gozar dela!



Un marabilloso xogo de onomatopeas que fai desta peza unha pequena obra mestra da ludolingüística mundial. Aí vai a letra en francés, coa súa tradución ao galego. Fantastique!
Boum! [francés]
La pendule fait tic-tac-tic-tic
Les oiseaux du lac pic-pac-pic-pic
Glou-glou-glou font tous les dindons
Et la jolie cloche ding-dang-dong
Mais... boum!
Quand notre coeur fait boum
Tout avec lui dit boum
Et c'est l'amour qui s'éveille
Boum!
Il chante «Love in Bloom»
Au rythme de ce boum
Qui redit boum à l'oreille
Tout a changé depuis hier et la rue
A des yeux qui regardent aux fenêtres
Y'a du lilas et y'a des mains tendues
Sur la mer le soleil va paraître
Boum!
L'astre du jour fait boum
Tout avec lui dit boum
Quand notre coeur fait boum-boum
Le vent dans les bois fait hou-hou
La biche aux abois fait mê-ê-ê
La vaisselle cassée fait fric-fric-frac
Et les pieds mouillés font flic-flic-flac
Mais... boum!
Quand notre coeur fait boum
Tout avec lui dit boum
L'oiseau dit boum, c'est l'orage
Boum!
L'éclair qui, lui, fait boum
Et le bon Dieu dit boum
Dans son fauteuil de nuages
Car mon amour est plus vif que l'éclair
Plus léger qu'un oiseau, qu'une abeille
Et s'il fait boum, s'il se met en colère
Il entraîne avec lui des merveilles
Boum!
Le monde entier fait boum
Tout avec lui dit boum
Quand notre coeur fait boum-boum
Bum! [galego]
O péndulo fai tic-tac-tic-tic
Os paxaros do lago pic-pac-pic-pic
Glú-glú-glú fan todos os pavos
E a bonita campá ding-dang-dong
Máis… bum!
Cando o noso corazón fai bum
Todo con el di bum
E esperta o amor
Bum!
Canta «Love in Bloom»
Ao ritmo deste bum
Que repite bum ao oído
Desde onte todo cambiou e a rúa
Ten ollos que miran ás fiestras
Hai lilas e hai mans tendidas
O sol vai aparecer sobre o mar
Bum!
O astro do día fai bum
Todo con el di bum
Cando o noso corazón fai bum-bum
O vento nos bosques fai huu-huu
A cerva acurralada fai meee
A louza rota fai fric-fric-frac
E os pés mollados fan flic-flic-flac
Mais… ¡bum!
Cando o noso corazón fai bum
Todo con el di bum
O paxaro di bum, e cae a tormenta
Bum!
O lóstrego que fai bum
E o bo Deus di bum
No seu sofá de nubes
Pois o meu amor é máis intenso ca o lóstrego
Máis lixeiro ca un paxaro, ca unha abella
E se fai bum, se se alporiza,
Trae consigo marabillas
Bum!
O mundo enteiro fai bum
Todo con el di bum
Cando o noso corazón fai bum-bum

12/07/2014

De Cicerón a Paco Martín


De non haber probas fotográficas, calquera diría que a anécdota que ocupa a entrada de hoxe puido ser froito do maxín do seu protagonista, Paco Martín. Mais o caso é que a imaxe aí está, para dar fiel testemuño do ocorrido hai agora tres anos.

Nun solleiro día de xullo do 2011, o escritor lucense Paco Martín foi homenaxeado na súa cidade pola Asociación de Escritores en Lingua Galega. O acto central desta homenaxe era o descubrimento dun monolito conmemorativo. Nel debía aparecer un fragmento dun clásico de Martín, Das cousas de Ramón Lamote, mais no seu lugar estaba gravado o «Lorem ipsum», texto orixinalmente escrito por Ciceron e que se emprega como recheo en probas tipográficas e de edición.

Así se describe o acontecido na propia web da AELG:
Javier Hita e David Soengas, traballadores da pedra ou, dito doutro xeito, escultores e artesáns, recibiron a encarga de preparar un monolito en homenaxe ao escritor Paco Martín. Botando a vista ao procedemento que seguiron, os artistas explican que nun principio lles resultou estraño que un escritor galego contemporáneo acudise ao latín para escribir. [...] David di: «Home, eu cando o vin dixen ‘mira ti para os escritores galegos’, porque non cría que Das cousas de Ramón Lamote estivese escrito en galego...». E a Javier soáballe de algo o de «Lorem ipsum» pero non traballou máis esa sensación pasaxeira. Incluso durante o proceso de gravado chanceaban entre eles dicindo «mira que ben o fago eu, sabemos latín e todo».
Chegou o día da homenaxe en vida ao escritor. A pedra foi colocada no seu sitio e cuberta cunha lona e a bandeira galega. No momento de retirar a lona que cubría a peza de solemnidade todo o mundo quedou moi sorprendido. [...] Non houbo asubíos, nin reproches, nin malos xestos, nin malos modos porque todos acudiron ao sentido do humor para xustificar a equivocación. O primeiro foi Paco Martín e logo o resto dos seus compañeiros que non pararon un minuto de facer chanzas coa gran equivocación e o escritor homenaxeado foi quen deu as grazas ao público congregado. 

O propio presidente da Asociación de Escritores en Lingua Galega, Cesáreo Sánchez, explicou ao Xornal de Galicia que «foi unha simple anécdota» e recordou que no momento da inauguración ao ver o monolito explicou: «Isto foi cousa de Ramón Lamote, que en compañía e coa complicidade do canteiro decidiu facer esa trasnada, algo propio de Lamote». Para o escritor «foi un detalle simpático e co que nos rimos todos».
Unha feliz conxunción a de Cicerón e Paco Martín a través dese estraño texto que é usado desde o século XV como modelo para simular espazos escritos na edición tradicional en papel, e hoxe tamén na edición dixital. O curioso é que o texto latino hoxe difundido non é o orixinal xa que foi sufrindo unha chea de supresións, trocos e alteracións. Tanto, que nin sequera ten sentido. Nin falta que lle fai!

Iso si, como podemos ver aquí ou aquí, a do monolito non foi a única vez que alguén esqueceu eliminar este texto provisional.

Ah!, e para encherdes de texto ficticio os vosos escritos, aquí deixo a ligazón dun xerador de «Lorem ipsum» en varias linguas (latín, grego, árabe, hebreo, hindi, quenya...) e mesmo en código morse.

09/07/2014

Historia Universal en palabras mínimas

De cando en cando adoito mergullarme en Juegos de ingenio. É como rebuscar nun vello baúl ateigado de sorpresas e tesouros. Desta vez dei coa «Historia Universal en palabras de cuatro letras o menos», unha curiosa iniciativa que respondía ao reto de contar algún episodio da Historia en parágrafos formados unicamente por palabras de catro letras ou menos. Polo visto, a idea xurdiu dun texto, en inglés, que explica, coa mesma restrición, a Teoría da Relatividade de Einstein.

Deseguido dúas destas auténticas proezas de palabras mínimas, en castelán.

Unha curiosa versión da orixe do mundo, de Iván Skvarca:

Era la nada, y era Dios. Dios dijo: «Que sea la luz». Y la luz fue. Dios la vio y dijo «Esto está muy bien», y fue por más. Creó de tal modo al pez y al mar, al sol y al ave. Dijo Dios el día seis: «Haré un ser como yo». Tomó lodo y con él creó a Adán. Pero como lo vio solo, de su lado hizo a Eva.«Alto ahí», dirá uno. «Yo no creo en Dios, soy ateo». Pues para él digo otra cosa. En la hora cero, fue el Big Bang...
E o relato da creación da bomba atómica, Marcos Donnantuoni.

Por esa era, EEUU hizo un arma muy mala, en la que la masa se hace luz, y con eso mató como a cien mil de una vez, allá en el este. Su capo dijo que eso era para que una gran lid cese, pero no era así. Ni él se lo cree. Eso fue muy malo. Hoy ese arma casi todo país la hace. Un día de esos, un loco hace algo mal con un dedo y ¡pum! todo de cero. Bah, tal vez eso no sea malo, a ver si el alga hace todo bien esta vez…

05/07/2014

Abanca xa avanza?



Rematou a historia das Caixas de Aforro galegas e da súa posterior e efémera reencarnación, Novagalicia Banco (RIP). O pasado 18 de decembro do 2013 culminou o seu proceso de privatización coa venda do 88,33% das súas accións ao grupo venezolano Banesco. 

E estes días foi presentada a súa nova imaxe corporativa, que busca salientar a imaxe de galeguidade do proxecto, especialmente a través do nome: Abanca. Todo un logro a asociación entre a frase galega «A banca» e a paronimia con «avanza», unha idea de movemento e progresión reforzada por esa especie de liñas cinéticas iniciais. O caso é que alguén xa detectou certos «parecidos razonables» co logo de Alpine! 

Ese nome comercial monovocálico en «a» espertou o meu espíritu lúdico e púxenme a lembrar outras marcas de vogal única. E aquí tedes o resultado. Seguro que coa vosa colaboración aínda aparecerán moitas máis. Quen se anima?

Nova entidade bancaria: monovocalismo en «a»

Telecomunicación galega: monovocalismo en «e»

Roupa interior italiana: monovocalismo en «i»

Deterxente: monovocalismo en «o»

Populares caramelos: monovocalismo en «u»

E como peche, non deixedes de ler en Tempos Galegos esta nova sobre unha proposta de cambio de nome da nova corporación bancaria. Non ten perda, ha, ha!

02/07/2014

Un autodefinido de récord



Hoxe, unha nova algo atrasada mais que paga a pena. Aló polo 2007, o Libro Guinness dos Récords recollía unha prodixiosa marca ludolingüística. A revista Coquetel, que xa pasou hai tempo por aquí, instalara na 19ª Bienal do Libro de São Paulo do ano anterior un enorme panel de 3,45 m de largura por 1,30 m de altura. E nel, o maior autodefinido (palavra cruzada direta) do mundo: 16.000 cadriños e aproximadamente unhas 3.000 definicións.

Unha obra magna dos pasatempos ludolingüísticos que aos poucos foi resolvida, como vemos no vídeo, polo animoso público da Bienal.

Un dato de interese: o Brasil é o cuarto mercado de revistas de pasatempos do mundo, despois dos Estados Unidos, Italia e Francia. Non resulta estraño que a revista Coquetel teña unha tiraxe mensual de... 2 millóns de exemplares. Case nada!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...