28/12/2014

O tempo en palabras



Para rematar o ano, unha idea para agasallo: dous reloxos de parede que non representan as horas con números, senón con palabras, estratexicamente situadas. Un deseño ideal para afeccionados aos encrucillados e ás sopas de letras. Os primeiros non poderán evitar a tentación de encher os ocos con palabras cruzadas. Os segundos enredarán á busca de catorce termos ocultos, todos do campo semántico do tempo: morning, bedtime, happy hour... Medir o tempo nunca foi tan divertido!


Mais o aparello que verdadeiramente alcanza o ideal do «tempo en palabras» é, sen dúbida, o Qlocktwo. Unha marabilla, de deseño alemán, que rompe coa concepción tradicional do reloxo e en lugar de amosar a hora por medio da rotación de agullas ou de díxitos, o que fai e escribila con palabras. Nunha grella que lembra un encrucillado ou unha sopa de letras, o enxeño vai iluminando as letras axeitadas, con intervalos de cinco minutos.

O Qlocktwo ten versións como espertador de mesa e como reloxo de pulso. Está dispoñible en varias linguas (alemán, inglés, francés...); por desgraza, non en galego. Un agasallo ideal para geeks con paixón polos xogos de palabras.

20/12/2014

«Palindrom», de Jens Nagels



O fotógrafo e videocreador alemán Jens Nagels tamén sucumbiu ao engaiolante poder dos palíndromos. Vémolo neste vídeo que combina populares textos reversibles alemáns, imaxes desprazadas en sentidos opostos e sons de fondo que ilustran cada idea.

Con «Palindrom», Nagels fai unha fermosa homenaxe audiovisual aos enunciados simétricos e ás singulares mensaxes que transmiten.

Anna, Otto, SMS, SOS... son voces ben recoñecibles, mais para comprender os outros palíndromos recorrín aos perigosos tradutores automáticos. Estes son os que dei traducido:
reittier (‘cabalgadura’)
nie setzt es ein (‘nunca o usa’)
nette betten (‘boas camas’)
eine hure ruhe nie (‘unha prostituta nunca descansa’)
lesen esel (‘o burro que le’)
lagerregal (‘estante de almacenaxe’)
Se atopades algún erro, avisade!

15/12/2014

Quero... te!


Made in Galiza (2007), de Séchu Sende, un dos grandes éxitos da nosa literatura máis recente: hoxe, todo un clásico das aulas (e tamén de fóra delas). 42 textos breves que ofrecen outras tantas reveladoras aproximacións á nosa situación sociolingüística. Aproximacións poéticas, comprometidas, pedagóxicas... 

Mais tamén son relatos que rebordan sentido do humor e espírito ludolingüístico. Por exemplo, o enredo onomatopéico de «SSSSSH» ou o calembur sobre o que se constrúe «UF».
UF
 Entrou na cafetería, prendeuse naqueles ollos, asombrouse e soubo que atopara algo…Fixo uf e comezou a…, mirouna outra vez e comezou a amala, a querela, pensou, e sentou á mesa máis achegada á cafeteira e sentiu…, uf, que comezaba a…
—Ola —dixo ela—, que queres? 
—Quero… macela.
Ao día seguinte entrou á mesma hora e ela seguía alí e sentiu que, uf, que a quería, en serio, pensou. —Ola —dixo ela—, que queres? 
—Quero… tila.
Ao terceiro día continuaba queréndoa e comezou a imaxinar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estaba, que ela estivese, comezando a sentir iso tamén, uf. 
—Ola, que queres? 
—Quero… menta.
Ao cuarto día sentiu que xa non podía máis, que tiña que dicirllo. Teño que dicirllo, pensou, uf. 
—Ola, que queres? -dixo ela. 
—Quero... te —dixo el.
Ela abriu os ollos preguntando Como? e el dixo outra vez en baixiño Quero… te. E dixo Quero… te ao día seguinte e Quero… te ao seguinte e ao cuarto día tamén dixo Quero te e entón ela díxolle cos ollos Eu tamén.
Unha obra de transcendencia mesmo fóra de Galicia como demostran as súas traducións ao éuscaro ou ao curdo.

Para gozardes de Made in Galiza ao cento por cento, podedes visitar a magnífica guía de lectura interactiva elaborada por Pilar Ponte. E tamén podedes botarlle unha ollada ás adaptacións audiovisuais dalgúns dos seus textos: «Instrucciones para aprender a hablar gallego», «Na oficina de obxectos perdidos» ou «Falar»

E pechamos co microrrelato que representa a esencia mesma desta nova xoia da nosa «bibliografía ludolingüística básica»:
Eu nunca serei yo.

12/12/2014

Sara Marie, a pseudopolíglota



Se cadra, Sara Marie Fosberg, caixeira de supermercado de 19 anos é unha boa mostra da excelencia do sistema educativo finés. Mais a súa habilidade, por estraño que pareza, non é aprender idiomas, senón imitalos.

Hai uns meses, o seu vídeo, xurdido como simple brincadeira, foi unha desas sensacións virais de Youtube. Aló atrás vimos verdadeiros prodixios na aprendizaxe de idiomas e agora é a vez desta pseudopolíglota chea de descaro e sentido do humor.

Na entrevista, vemos como consegue expresarse con fluidez en inglés con distintos acentos: americano (coas súas variantes), británico, australiano... Mais o que deixa a un pampo é ver a soltura coa que «fala» o xaponés, o árabe, o sueco, o francés, o alemán, o portugués, o castelán, o hindi... Ás veces pode dicir algunha palabra ou algunha frase neses idiomas, máis a chave está en como modula a pronuncia, os acentos, os ritmos e mesmo a xestualidade... Non se pode negar que resulta bastante convincente (agás para os falantes nativos, supoño).

De onde lle veñen os extraordinarios dotes de papagaio a Sara Marie? De ser falante de finés, esa singular lingua urálica (por certo, con dicionario bilingüe en liña)? De xogar compulsivamente ao The Great Language Game? Dun sistema educativo que favorece falar mal unha chea de idiomas? Ignóroo.

Por certo, estes días de datos tristes, veume ao maxín unha idea traxicómica: Para cando un Decreto de Pseudopoliglotismo? Á luz do exemplo da amiga Sara Marie, a que agardan as nosas preclaras autoridades para converter dunha vez, nese camiño cara ao «cosmopalianismo», o noso sistema educativo nunha fábrica de pseudofalantes? Os primeiros pasos xa van aló.

08/12/2014

Como pintaría Picasso a letra P?

Como pintaría Matisse a letra D? Como pintaría Mondrian a letra H? Como pintaría Van Gogh a letra N? Como pintaría Picasso a letra P?... 

A ilustradora estadounidense Audree Rowe decidiu poñerse na pel destes artistas universais e doutros 21 máis e imaxinou como serían os seus cadros cunha letra do alfabeto como tema. Todo pintado á man, respectando as súas técnicas, as súas cores... Pezas que transmiten todo o xenio creativo deses pintores e que, en lugar dun espazo nun museo, ocupan as páxinas do libro Art in the Alphabet. Unha obra orixinal e fascinante para amantes da arte e tamén para amantes da lingua. 

Velaquí tedes o vídeo de promoción da obra, editado ademais a xeito de xogo. Canto sabes de pintura? Es que de adiviñar cal é o «autor» de cada cadro antes de que apareza o seu nome?

04/12/2014

Quen dixo medo!

Un home camiña pola rúa da cidade. Crúzase cunha rapaza descoñecida e pregúntalle:
—Desculpa, tes hora?
—Non.
—Aaaaaah! —berra o home, que retrocede ata o límite da beirarrúa.
A rapaza, ao ver como se achega perigosamente ao tránsito, intenta avisalo.
—Ollo!
—Aaaaaah! —volve gritar o home, que espantado recúa un paso máis.
Pasa un autobús e... Zas!
O microrrelato saíu algo macabro, abofé! Mais... Que lle pasou ao home? Por que recuou aterrado? Antes de seguir lendo, intenta dar resposta a esta pequena brincadeira... ludolingüística.


A solución do enigma é que o home padecía unha severa aibofobia, isto é, un medo irracional aos palíndromos. Xa sabedes, eses enunciados ou palabras, como «non» ou «ollo», que se escriben igual da esquerda para a dereita e da dereita para a esquerda.

O propio termo aibofobia é un palíndromo: cómico paradoxo xa que a palabra que nomea esa hipotética fobia causaría medo a toda persoa que a sufra. O neoloxismo, tomado do inglés aibohphobia, é un xogo lingüístico no que o prefixo «aibo-» non desenvolve papel semántico ningún, senón que serve como artificio para completar a simetría con «-fobia» (gr. -φοβία 'temor'). Por sorte, eu non padezo eses medos e gozo de cada perfecta voz reversible: unha ailifilia de manual, poderiamos dicir!

Por certo, a listaxe de insólitos temores que contribúe a designar o elemento léxico «-fobia» medra día a día (catisofobia 'medo a sentar'; metrofobia 'medo á poesía'; penterofobia 'medo á sogra'...). Con todo, podedes estar certos que volveremos sobre eles. Quen dixo medo!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...