29/01/2015

Novoneyra: poesía a pulso


Conservo os Poemas caligráficos (1979) de Uxío Novoneyra como unha das miñas posesións máis valiosas. Con edición de Xosé Manuel Pereiro e con ilustracións e prólogo de Raimundo Patiño, este poemario debe ocupar un lugar de honra na nosa «bibliografía ludolingüística básica».

En primeiro lugar, por recoller o monumental «Vietnam canto». Poema «oral e visivo», en palabras do propio autor, que lanza un berro sobrecolledor contra a Guerra do Vietnam (fora composto aló por 1967) e contra todas as guerras.  Bo é escotalo da propia voz de Novoneyra, hoxe, véspera do Día da Paz.



En segundo lugar, pola presenza desas pezas de poesía manuscrita sen equivalente na nosa literatura e que dan título ao volume. Uns poemas que estalan ceibos desde o propio pulso de Novoneyra e adquiren así un valor máis persoal, máis expresivo e máis sincero. En palabras de Antón Patiño: «o poeta ten un sismógrafo interior para rexistrar o devalar da natureza e do ser humano». Prodixioso!


Unha proposta lúdica: Animádesvos, como expertos calígrafos, a identificar o texto destoutros poemas caligráficos?



25/01/2015

«Alphabet Grand Central»



Pois si, de novo a voltas coas letras dispersas polos recunchos máis inverosímiles. E desta vez da man da deseñadora de Taiwan Tien-Min Liao: si, aquela das «máxicas mans tipográficas». Hai cousa dun ano editou unha pequena alfaia titulada Alphabet Grand Central, un libriño que recompila unha serie de fotografías tomadas na centenaria Grand Central Estation de Nova York. En cada imaxe a autora descobre, campante, unha letra do abecedario inglés.

Construída no 1913 e situada no Midtown Manhattan, a Grand Central Estation é a estación de trens máis grande do mundo en número de plataformas: 44. Unha marabilla arquitectónica convertida nun de tantos símbolos da cidade dos rañaceos.

Velaquí algunhas destas letras, descubertas polos prodixiosos ollos-radar de Tien-Min Liao. Creo que mañá mesmo comezarei a deambular polas rúas á esculca destas grafías semiocultas.




21/01/2015

Os relatos de Fredric Brown

Dá gusto mergullarse de cando en vez en [...mmm...], o delicioso blog de Estíbaliz Espinosa. Exquisito no deseño e no contido. Hai pouco descubrín nel un singular texto de Fredric Brown, novelista de misterio e de ficción científica estadounidense que eu só coñecía polo seu «Knock» (1948), un dos microrrelatos máis brillantes da literatura en lingua inglesa:
The last man on Earth sat alone in a room. There was a knock on  the door…

Poderiamos traducilo así:
O derradeiro home na Terra sentou só nun cuarto. Houbo unha petada na porta...
Pois ben, ese relato do que falaba ao comezo titúlase «The End» (1961) e posúe unha curiosa estrutura palindrómica. Esta é a tradución da propia Estíbaliz:
O final
O profesor Jones traballara na teoría do tempo ao longo de moitos anos.
«E atopei a ecuación chave», dixo un bo día á súa filla.
«O tempo é un campo. A máquina que fabriquei pode manipular e mesmo inverter ese campo».
Premendo un botón mentres falaba, dixo: «Isto fará retroceder o tempo
o retroceder fará isto» dixo, falaba mentres botón un premendo.
Campo ese invertir mesmo e manipular pode fabriquei que máquina a. Campo un é tempo
o filla a súa á día bo un dixo. «Chave ecuación a atopei e».
Anos moitos de longo ao tempo do teoría na traballara Jones profesor o.
Final o

E este é o texto orixinal:
The End
Professor Jones had been working on time theory for many years.
«And I have found the key equation», he told his daughter one day. 
«Time is a field. This machine I have made can manipulate, even reverse, that field».
Pushing a button as he spoke, he said, «This should make time run backward 
backward run time make should this», said he, spoke he as button a pushing.
«Field that, reverse even, manipulate can amde have I machine this. Field is a time». 
Day one daughter his told he, «Equation key the found have I and».
«Years many for theory time on working been had Jones Professor».
End The
Como ben di Estíbaliz co seu blog, unha perfecta conxunción entre fondo e forma. Un brincadeira literaria que reflicte, ás claras, ese paradoxo da viaxe atrás no tempo. Ou non?

17/01/2015

A túa nave: a letra «A» helvética



De novo atrapoume un aquel nostálxico (terei que facermo mirar!). Foi ver este videoxogo chamado Vetica e retrocedín ata os primeiros 80 do século pasado. Daquela toda a rapazada quedara coa boca aberta ao enredar cos videoxogos por primeira vez. Que marabilla aqueles Atari! As súas máquinas de marcianiños convertéronse decontado nas raíñas dos salóns recreativos. Seguía a entreter o futbolín ou as pinball, mais o primeiro que buscabamos sempre era a partida no Pacman, no Space Invaders, no Donkey Kong... Os mellores naqueles xogos espertaban auténtica admiración: pequenos heroes Jedi locais.

Se algunha vez vivín algo próximo a unha ludopatía, penso que foi daquela: as moedas de cinco pesos axiña voaban pola ansia de remexer no joystick e machucar nos botóns.

 

Este Vetica está pensado precisamente para geeks nostálxicos coma min e para xente nova con predilección polos «retro-xogos». Co aliciente engadido de ter só letras como protagonistas. Nun xogo de batallas espaciais a medio camiño entre o Space Invaders e o Asteroids, o teu «Falcón Milenario» é unha simple letra «A» helvética. As demais letras do alfabeto e outros símbolos tipográficos (tamén da mesma fonte helvética) intentan acabar contigo. Debes destruílos ti antes, abrirte camiño a través de 13 niveis e acumular a maior cantidade de puntos.

Contas con 12 armas diferentes, a posibilidade de minorar a velocidade, de recuperar vidas... En fin, misión doada! Adiante, que a forza da letra «A» helvética te acompañe!

Polo que vin, só dispoñible en App Store.

13/01/2015

De Sótades a Charlie Hebdo

A traxedia do Charlie Hebdo deixoume fondamente conmovido. Quen coñeza Xogosdelingua sabe da miña predilección pola arte do humor gráfico. Con todo, non tiña pensado facer anotación ningunha sobre o tema. Hai pouco dei na rede con varios deses textos que proclaman «Eu non son Charlie» e mudei de idea. E fíxeno, en parte, ao lembrar a triste historia do primeiro palindromista, Sótades de Maronea, un poeta da Grecia clásica, da época do rei Ptolomeo II Filadelfo, contra o século III a. C.


Cóntase que Sótades tivo a ocorrencia de compoñer uns versos palindrómicos nos que satirizaba sobre as relacións incestuosas do rei coa sua irmá, Arsínoe II. «Metes o teu aguillón nun burato impío», seica dicía un dos seus versos.

O sensible Ptolomeo non soubo encaixar ben estas chanzas e mandou que apresasen o poeta. Aínda que inicialmente conseguiu escapar e refuxiarse nunha illa do Exeo, Sótades foi de novo capturado e o rei, aínda ofendido, ordenou executalo de forma cruel: metérono nunha caixa de chumbo que logo guindaron ao mar. Este foi o tráxico destino do primeiro palindromista coñecido, vítima da falta de sentido do humor.

Con certeza hai quen pode considerar moi duras e mesmo ofensivas as bromas dos debuxantes franceses sobre as crenzas de millóns de persoas. Tamén é posible que alguén interprete certo ton racista nalgunhas bromas do semanario. Porén, nun mundo civilizado, a única alternativa válida ante esta «provocación» é ignorala ou responder no mesmo plano: debuxando, escribindo... Mais neste caso, o salto cualitativo é tan obvio como inhumano: ao debuxo ofensivo respondeuse con disparos asasinos.

Só por iso: «Eu tamén son Sótades», «Eu tamén son Charlie».

09/01/2015

Para aprendermos frases feitas






«Cheirar a can», «Saír a fume de carozo», «Facer as beiras», «Poñer o carro diante dos bois», «Estar na berza»... Frases feitas de noso tiradas de filmes e chantadas sobre os seus fotogramas por xentileza de Pelisdobradasaogalego

A expresividade non se aprende en manuais, por iso resulta tan útil escoitar estas frases feitas no seu contexto. Desta volta, nas versións dobradas ao galego de filmes de grande éxito de público. Canto non teriamos avanzado no proceso de normalización de gozarmos dunha oferta digna de produtos audiovisuais na nosa lingua!
  
En todo caso, aquí deixo tamén unhas entretidas actividades interactivas para aprendermos e practicarmos algunhas das expresións coloquiais máis comúns do noso idioma. Un magnífico traballo de Félix Pimentel Tubío do CEP Pilar Maestú Sierra (A Pobra do Caramiñal).   

https://dl.dropboxusercontent.com/u/50994681/frases%20feitas/frases_feitas.html

05/01/2015

O presente de Lewis Carroll

Tempo de agasallos. Aquí vos deixo o meu. Préstavos un novo enigma para espremer un chisco os miolos? Desta volta ofrézovos a adaptación dun enredo do meu admirado Martin Gardner, ese divulgador científico con especial predilección, como vimos hai tempo, pola obra de Lewis Carroll.

O presente de Lewis Carroll (1)
O seguinte problema, obra do xenial filósofo e matemático Martin Gardner, disque relata un feito verídico, mais de non selo tanto ten, pois resulta tan brillante que… «Se non è vero, è ben trovato». O 11 de decembro de 1868 Charles Ludwige Dodgson, máis coñecido como Lewis Carrol, envioulle esta carta a unha nena amiga súa: Dolly Argles.
Miña querida Dolly:
[…] Vou enviarlle ao teu papá un pequeno presente de Nadal que, atreveríame a dicir, che gustará mirar. Consiste nalgunhas finas películas de materia vexetal que alguén atopou o xeito de preparar para que non se desarmen. Están marcadas con algún produto químico formando unha especie de padrón e suxeitas entre dúas placas de cartón para preservalas. Creo que este tipo de cousas non é unha invención nova, mais as marcas neste caso si que o son: fíxenas eu.
Polo momento, máis nada.
O teu amigo que te quere
C. L. Dodgson
Que agasallo lle estaba a enviar Carroll?
(1) adaptado de Perplexing Puzzles and Tantalizing Teasers, Martin Gardner

Solución ao enigma «O caso da espionaxe industrial» (26-11-14):
Xulia Xelmírez descubriu que a técnica coa que se encriptara a primeira mensaxe era o calembur, que consiste en segmentar de forma distinta as sílabas de varias palabras. Así, a mensaxe real dicía:
DINOS QUE MEDICAMENTO IDES SACAR E CANDO O FAREDES.
E tamén viu que na segunda mensaxe se aplicaba a mesma técnica do calembur, mais esta vez co texto orixinal escrito do revés. Dicía isto:
É UNHA NOVA VACINA CONTRA O ALZHÉIMER. SAE O VINDEIRO MES. 

01/01/2015

O gran reto «cinematotipográfico»


Para lle dar a benvida ao novo ano, un xogo! Cantas destas letras sodes quen de asociar a un filme?

Se vos gusta o cine e a tipografía, xa tedes o voso pasatempo ideal! Navegando pola rede dei con «The Empire Poster Quiz», un concurso (cuns aniños xa) que consiste en adiviñar os filmes de cuxos carteis foron tomadas unhas letras. A proposta ludolingüística xurdiu da revista Empire, a publicación especializada en cine máis vendida no Reino Unido.

Aló atrás xa vimos o rendemento lúdico desta combinación de tipografía e cine. Con todo, esta idea pareceume caralluda! Unhas letras resultan bastante fáciles e outras difíciles abondo. A vantaxe é que se pode comprobar directamente de que filme se trata. Iso si, de evitardes a tentación de acudir ás solucións, seguramente precisaredes mergullarvos en google para dar co título orixinal en inglés (todos son filmes de fala inglesa). Eu dei adiviñado uns 10 do total de 46.

Quen se anima? Seguro que tamén é divertido facelo en grupo.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...