5 de xan. de 2015

O presente de Lewis Carroll

Tempo de agasallos. Aquí vos deixo o meu. Préstavos un novo enigma para espremer un chisco os miolos? Desta volta ofrézovos a adaptación dun enredo do meu admirado Martin Gardner, ese divulgador científico con especial predilección, como vimos hai tempo, pola obra de Lewis Carroll.

O presente de Lewis Carroll (1)
O seguinte problema, obra do xenial filósofo e matemático Martin Gardner, disque relata un feito verídico, mais de non selo tanto ten, pois resulta tan brillante que… «Se non è vero, è ben trovato». O 11 de decembro de 1868 Charles Ludwige Dodgson, máis coñecido como Lewis Carrol, envioulle esta carta a unha nena amiga súa: Dolly Argles.
Miña querida Dolly:
[…] Vou enviarlle ao teu papá un pequeno presente de Nadal que, atreveríame a dicir, che gustará mirar. Consiste nalgunhas finas películas de materia vexetal que alguén atopou o xeito de preparar para que non se desarmen. Están marcadas con algún produto químico formando unha especie de padrón e suxeitas entre dúas placas de cartón para preservalas. Creo que este tipo de cousas non é unha invención nova, mais as marcas neste caso si que o son: fíxenas eu.
Polo momento, máis nada.
O teu amigo que te quere
C. L. Dodgson
Que agasallo lle estaba a enviar Carroll?
(1) adaptado de Perplexing Puzzles and Tantalizing Teasers, Martin Gardner

Solución ao enigma «O caso da espionaxe industrial» (26-11-14):
Xulia Xelmírez descubriu que a técnica coa que se encriptara a primeira mensaxe era o calembur, que consiste en segmentar de forma distinta as sílabas de varias palabras. Así, a mensaxe real dicía:
DINOS QUE MEDICAMENTO IDES SACAR E CANDO O FAREDES.
E tamén viu que na segunda mensaxe se aplicaba a mesma técnica do calembur, mais esta vez co texto orixinal escrito do revés. Dicía isto:
É UNHA NOVA VACINA CONTRA O ALZHÉIMER. SAE O VINDEIRO MES. 

2 comentarios:

Breixo dixo...

Curiosa maneira de describir un libro, Alicia no País das marabillas, loxicamente. Parabéns por este blog.
Miguel Anxo Mouriño

Carlos L. Medrano dixo...

Moitas grazas!
Si, realmente orixinal. Por aí teño lido que se cama a técnica da "superdefinición". Xogo ao xeito oulipense.
Unha aperta

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...