28/02/2015

Canto ollo tes para o «kerning»?

Xa vimos aquí ou aquí como de divertidos poden resultar os distintos tipos de letras. Na arañeira hai unha chea de xogos en liña de balde que explotan esa faceta lúdica da tipografía. Hoxe presentámosche un deles: Kern Type.


En tipografía, denomínase kerning ao axuste do espazo entre letras para mellorar a aparencia dun texto e facilitar a súa lectura. En galego poderiamos chamalo interletraxe. O xogo Kern Type, do deseñador Mark MacKay, pon a proba a túa habilidade para determinar este espazo correcto entre letras. Debes facelo con dez palabras compostas por cadansúa fonte. Cada intento será comparado coa solución correcta. Dependendo da túa precisión, conseguirás máis ou menos puntos.

Ideal para deseñadores ociosos, para friquis amantes da tipografía e para calquera que se enganche aos xogos só para bater as propias marcas.

Ah!, e prometo volver com máis tipografía lúdica.

24/02/2015

«Los putos amos»


Velaí o tedes, o mesmísimo Enrique Iglesias en Carboeiro, a gravar o seu último videoclip. Coa friaxe que ía eses días e o pobriño sen roupa de abrigo.

E posto a falar por non estar calado, o primeiro que quero dicir é que os 302.500 euros (250.000 mais IVE) que a Xunta lle aboará ao neto de «Papuchi» non me parecen tantos. Que Enrique Iglesias promocione o noso país e a nosa cultura co video da súa canción «Noche y de día» é sinxelamente... IMPAGABLE. Para que desperdiciar eses cartos en «mamandurrias» de titiriteiros e sopragaitas autóctonos cos que nunca chegaremos a ningures?

Claro que «de tal pano, tal saia». Ou non lembramos o tamén IMPAGABLE labor do seu pai como embaixador do Xacobeo (1993) e da Comunidade Valenciana (1997), polos que cobrou as modestas cifras de 300 millóns e 990 millóns das antigas pesetas, respectivamente? Quen non recoñece hoxe o ben empregados que estiveron aqueles cartos?

Non é de estrañar que tan altruístas esforzos de Julio Iglesias, de fondas raíces galaicas, merezan todo tipo de homenaxes, como o nomeamento como Fillo Predilecto da cidade de Madrid, por parte de Ana Botella, ou tamén o tributo ludolingüístico en forma de acróstico aparecido hai uns días no diario La Razón (co acaído lema de «Julio, eres el puto amo»). 


Estanme a entrar as ganas de deseñar outro acróstico na honra do pobre o Enrique, o raparigo non vai ser menos. Agora mesmiño me poño. Porque, Julio, Enrique, sodes «los putos amos», abofé!

20/02/2015

Hoxe... todo vai ser fútbol!







Xa esta aquí o clásico Dépor-Celta. Aproveitando a ocasión e revirando á célebre frase do raposo de Arteixo, no comentario de hoxe... todo vai ser fútbol.

Para comezar, as lucidas imaxes de Pelisdobradasaogalego, con frases instaladas xa nosa memoria audiovisual grazas ás retransmisións da TVG. Daquela, axiña nos afixemos a que non había *largueros senón longueiros, a que non tiñamos *camillas senón padiolas... O galego convertíase na lingua do maior medio de comunicación audiovisual do país e o efecto normalizador foi fulminante. Que gloriosos aqueles anos 80 en que todo parecía posible!

Na rede podemos atopar varios recursos para traballarmos o léxico do fútbol. Aquí tedes unha interesante sección futboleira do Portal das Palabras e aquí un glosario un chisco desactualizado mais ben amplo sobre este deporte.

E para rematar, un par de pasatempos para poñerdes en práctica todo ese vocabulario: un encrucillado e unha sopa de letras, xentileza de wikibooks.

16/02/2015

Terceiro aniversario!


Un aniño máis. E xa van tres!
Para celebralo, un agasallo.

Sempre me marabillaron as cantigas de amigo do noso Martín Codax
O seu xogo constante entre repetición e variación (paralelismo, refrán, leixaprén)
convérteas en verdadeiras pezas de encaixe ludolingüista.


E de todas as versións musicadas das súas pezas que circulan pola rede,
esta de «Quantas sabedes amar amigo» é unha das miñas predilectas.
Unha xoia de Owain Phyfe, intérprete especialista en música medieval,
gravada no 2010 na Twig Renaissance Faire, aló por... Minnesota!



14/02/2015

Celso Emilio e os encrucillados crípticos

Adeprender a vida é tan difícil
ou máis que resolver un crucigrama.

           Celso Emilio Ferreiro, «A leución», Viaxe ao país dos ananos
E digo eu... Que tal se lle darían os encrucillados a Celso Emilio Ferreiro? Postos a poñer sobre a mesa as dificultades de aprender a vida e de resolver palabras cruzadas, non fago máis que imaxinar o poeta de Celanova espremendo os miolos cos encrucillados de solución máis arrevesada: os crípticos.

Os encrucillados crípticos, como xa indicamos hai tempo, teñen unha gran tradición no Reino Unido. Son ben máis complicados ca os «comúns». Cada idea desenvolta nas súas definicións é un enigma en si, isto é, cada pista contén algún tipo de xogo de palabras que cómpre resolver: anagramas, calembures, dobres definicións... Hai pouco dei con El críptico, un recuncho (en castelán) ideal para iniciarse deste tipo de pasatempos. Ánimo, non hai mellor ximnasia mental.

E, falando de exercicio mental, lembro agora unha curiosa historia. Aló polo 1986 un tal David Snowdon, neurólogo, decidiu iniciar unha investigación nunha comunidade de 678 monxas do convento de Notre Dame en Mankato, Minnesota. Elixiunas por constituiren un campo de estudo perfecto: ademáis de compartiren un mesmo espazo, bastante illado de influencias externas, tiñan estilos de vida e hábitos moi similares. Despois de quince anos de traballo, Snowdon descubriu que as irmás que mantiñan unha actividade mental constante (as afeccionadas aos encrucillados, as que escribían diarios...) vivían de promedio catro anos anos máis ca as outras. Os seus cerebros amosaban un 40 % máis de sinapses e unha membrana de mielina notablemente máis grosa, vital para a saúde cerebral.


Daquela, xa está claro, para vivirmos catro aniños máis co cerebro perfectamente san, dereitiños a un convento ou a un mosteiro cunha chea de encrucillados crípticos. Ben... Se cadra, non pasa nada por vivir algo menos.

10/02/2015

A medida da creatividade


As estritas regras da métrica, lonxe de ser un obstáculo para os ludolingüistas, convértense no mellor estímulo da súa creatividade. Xa o vimos cos centóns de Raymond Queneau ou co anagrama de Alberto Pimenta. Agora, un novo exemplo da man de Pedro Poitevin.

Pedro Poitevin defínese así: «Lóxico dubitativo. Poeta resignado. Profesor de matemáticas en Salem State University, en Massachusetts, EUA». De novo, ludolingüística e matemáticas.

Despois de dar na rede con este autor de orixe guatemalteca, da súa obra literaria, en castelán, destaco estas dúas prodixiosas pezas palindrómicas, axustadas ao molde clásico do soneto e da décima. Quen mellor ca un matemático para medir con precisión a simetría do palíndromo!
Alba Habla
Alba honda de los álamos ahora
lava ese azul adagio a lisa yedra;
la usa y se va, se eleva, ya no medra,
ya ve un aval, se aviva, es ala. Ora,
rima y ora. Lavar a lava, Alba.
Ida la diva, será mar. Es río.
A blasonar azul — a ese frío —,
ojo, oír fe, sé aluzaranos Alba.
Oír: será mar, es ávida la diabla,
avalar, avalar, o ya mirar,
o ala se aviva, es lava nueva, y arde
mona: ya vele, es aves ya su alarde
y así la oiga, da luz a ese avalar.
¡Oh! Asoma la soledad. No habla.
A mí ceda la décima
¡Ay! Ya lo sé, la sonora
risa loca le doy yo,
diva. Y a mí —¡se peló!—
me mola, ¡ay! Ya mi sene ora
perpetra ese aroma a mora.
Ese arte preparo: ¡enésima
y ya! ¿Aló, me mole pésima?
Ya vi, doy yo de la cola
—sí, raro, no sale sola—,
¿y ya a mí ceda la décima?
De todos os xeitos, recomendo lerdes devagar o seu caderno literario Perplejidades. Gozade de todo o seu espírito lúdico e creativo.

06/02/2015

«You can call me V»


V de Vendetta (2006), adaptación para a gran pantalla da novela gráfica homónima de Alan Moore. Evey está na gorida de V, o protagonista. Alí, ao limpar o po dun espello, descobre gravada a frase latina «Vi Veri Vniversvm Vivvs Vici», que se podería traducir como «Polo poder da verdade, eu, estando vivo, conquistei o universo». Un tautograma gráfico en «v» que leriamos «Vi Veri Universum Vivus Vici», pois o «u» tamén se representaba coa grafía «v» no alfabeto latino. Para V, ese vingativo antiheroe en loita contra a opresión fascista, todo un lema vital, supostamente tomado da peza teatral A tráxica historia do doutor Fausto de Christopher Marlowe.

Poucas veces unha única letra alcanza un valor tan relevante na trama dunha obra literaria ou fílmica: título, nome do protagonista, omnipresente símbolo gráfico da rebelión...


O colofón deste xogo lingüístico é o singular monólogo tautogramático con que V se presenta a Evey, por suposto, tamén en «v». 



Aquí deixo un fermoso vídeo co mesmo texto en tipografía animada. Ah!, e unha adaptación ao galego.


«Voilà!» Á primeira vista, un humilde veterano de «vodeville» presentado vicariamente no papel de vítima e vilán polas vicisitudes do destino. Esta visaxe, non simple verniz de vaidade, é ela vestixio da «vox populi», agora vacante, esvaecida, mentres a voz vital da verosimilitude agora venera aquilo que unha vez envileceran. Entretanto, esta valorosa visión dunha antiga vexación permanece vivificada e fixo voto de vencer o vil e virulento veleno desas víboras en vangarda que velan polos violentos viciosos e pola violación da vontade. O único veredicto é a vinganza, unha «vendetta», non en van, polo valor e veracidade dela un dia vingará os vixiantes e os virtuosos. Verdadeiramente, esta «vichysoisse» de vívida verbosidade estase a volver aínda máis verborrea, así que só vou engadir que é un verdadeiro pracer coñecerte, e podes chamarme V.

02/02/2015

O monograma alfabético

Monograma de casamento

Monograma de canteiro

Monograma comercial

Un monograma é un símbolo formado xeralmente por letras entrelazadas. Cóntase que os primeiros xurdiron na antigüidade clásica, cando a xente analfabeta recorría a eles para facer a rúbrica só coas letras iniciais do seu nome. O uso máis tradicional dos monogramas foi identificar o enxoval das vodas: bauis, roupa da cama ou panos da man adoitaban levar os correspondentes monogramas familiares. Algunhas marcas de canteiros son, de feito, verdadeiros monogramas. Por non falar dos logotipos actuais de moitas empresas.

O máximo expoñente deste enredo gráfico é o monograma alfabético, é dicir, o deseño que combina nas súas liñas entrecruzadas todas as letras do alfabeto. O exemplo clásico que amosamos deseguido (visto en obreveverbo) contén todas as letras do alfabeto inglés e os números de 0 a 9. Non perdades de vista as liñas vermellas. É case un xogo de agudeza visual!


Claro que hai quen leva ao extremo a admiración por estes «alfabetos compactos»!

Solución ás transcrición dos poemas caligráficos de U. Novoneyra (29-1-2015): «Din os sonos e os paxaros: A morte non é certo!», «Eu son esta cor de soidá».
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...