28 de mar. de 2015

As marabillosas palabras sen tradución


Sempre me resultou especialmente atraente a hipótese Sapir-Whorf, aquela segundo a cal non é o mundo o que condiciona a nosa linguaxe, senón a nosa linguaxe a que moldea o mundo que nos arrodea. Os seus exóticos e abraiantes exemplos deixábanme pampo: os falantes de esquimó (no Ártico) que teñen dezanove palabras distintas para se referir ao que nós coñecemos simplemente como «neve», ou os falantes de akan (en Ghana) que posúen unha paleta de só tres cores: «negra», «branca» e «vermella».

Tendo en conta isto, resulta difícil suxerir que o noso, ou calquera outro idioma, ten a riqueza suficiente para expresar toda a realidade e a experiencia humana. Sería unha suposición simplista e, con certeza, fachendosa. Por iso, cada vez que descubro algún concepto para o que a nosa lingua quedou muda e para o que outra atopou a palabra exacta, teño unha razón máis para defender con paixón o ecolingüismo.

A palabra da ilustración do inicio é, penso, a miña primeira achega a esas voces galegas sen tradución: «xerfa» (voz ben enxebre de preciosa sonoridade e significado). Ocórrensevos máis destas voces galegas sen tradución? Seguro que algunha aparece.

E hai moitas outras dos idiomas máis dispares. Aquí van unhas cantas destas xoias abraiantes.

komorebi (xaponés): maneira como as follas das árbores
filtran a luz do Sol, formando figuras de sombras e de luz no chan
.


culaccino (italiano): pegada que deixa sobre a mesa un vaso ou unha copa fría.


pochemuchka (ruso): persoa que fai moitas preguntas,
cunha curiosidade desmesurada
.


mangata (sueco): camiño que deixa no mar a luz reflectida pola lúa.


E neste impagable documental de Redes algunhas máis.

24 de mar. de 2015

O galego contraataca



Aló polo ano 2009, Lucas Arcodavella, Pailán Vader e a princesa Olaia percorreron a xeografía galega presentándonos a peza «O galego contraataca». Nela, ese triángulo familiar intergaláctico ofrecía unha visión humorística do noso tan peculiar autoodio diglósico. «Pero no ves que si no hablas castellano no tienes futuro, carallo!»: e aí, traizoado pola súa lingua orixinal, Pailán Vader comezou a volver onda nós. Unha peza feita na casa e realmente xenial!

Cos anos, viñeron decretazos desgaleguizadores, publicáronse novos datos que confirman o progreso dese autodesprezo, anunciáronse novos capítulos a saga Star Wars e o grupo Chévere... recibiu o Premio Nacional de Teatro 2014.

Parabéns para a lexión de friquis seguidores das aventuras da familia Skywalker e, sobre todo, para a xente de Chévere por un premio estatal que recoñece tantos anos de esforzo, compromiso e coherencia. Para todos os demais, por desgraza, pouco hai que felicitar. Agardemos que o espírito rebelde de Lucas Arcodavella sirva de exemplo e poidamos con el arredarnos para sempre do lado escuro da forza.

E lembra, hai un galego en ti!

20 de mar. de 2015

«En el vergel del Edén»



De levantaren a cabeza os nosos amigos Raymond Queneau ou George Perec, quedarían marabillados, de seguro, con esta pequena xoia do monovocalismo en lingua castelá: «En el vergel del Edén», de Mamá Ladilla. E xa vimos outras, como a da charanga gaditana Los Vocales ou a do arxentimo León Gieco.

O grupo de punk-rock madrileño Mamá Ladilla é coñecido polas súas letras irreverentes, cheas de humor e de xogos de palabras. Basta con dar un paseo pola súa web oficial para recoñecer ese espírito ludolingüístico: enredos paronímicos, ensaladas de palíndromos, cancións feitas só con latinismos...


«En el vergel del Edén» é o tema que pecha o CD Analfabada (2002), o sexto traballo deste «grupúsculo», como lles gusta denominarse. Un texto non apto para menores e que encerra unha denuncia social: é unha condena, ao xeito oulipense, do acoso sexual e laboral ás mulleres.
EN EL VERGEL DEL EDÉN
En el vergel del Edén, embébese Esther del leve mecer del relente:
—Excelente, vegeté tres meses en el éter... ¡fetén!
De repente Pepe, ese mequetrefe que es el gerente de Mercedes Benz, se yergue de entre el verde césped, emergente el repelente pene.
Esther se estremece:
—Behj, ¡qué peste! ¿Qué pesebre es este? ¿Es que repeles el gel? ¿Crees que este pene es decente?
Enternécese Pepe:
—Es que dejé que el semen que eyecté se reseque. Pensé: «Que estrene Esther este presente». Te reservé merengue de trece meses. ¡Bebe, bebe!
—¿Beber? ¿Beber de ese enclenque esqueje? ¿Crees que me embelesé? ¡Que te den! ¡Qué cerdete eres! Que te enteres: mereces fenecer en el retrete, entre heces que defeque Peret. Enfermé de verte, ¡vete, vete! ¡Métete el pene en el bebes! ¡Entretente este semestre en extender ese repelente semen en el eje del Mercedes Benz!
—Esther...
—¡Que me dejes! Beberé té en el tenderete. Que te bese el membrete el bedel.
—Es que, Esther... Pepe es el jefe. Pepe es el que te debe extender el cheque de este mes. Bebe, Esther.
Conclusión:
Es menester que Esther cercene el pene de Pepe*, ese pelele de jefe que cree que merece peerse en el vergel del Edén.

16 de mar. de 2015

Prohibidos os xogos de palabras

Débese facer un bo uso da linguaxe de forma estandarizada. Non se poden cambiar os significados dos refráns populares para fins comerciais, nin se poden usar palabras que proveñan de Internet ou que sexan adoptadas de linguas estranxeiras, nin tampouco se poden facer xogos de palabras. 
Así de rotundo atallou o goberno chinés o perigoso caos producido polos xogos de palabras nos medios de comunicación. Segundo el, estes enredos só serven para producir desinformación e confusión, especialmente entre os máis novos.

O primeiro albo desta férrea directriz foi a campaña de promoción da provincia de Shanxi (onde se atopan os milenarios guerreiros de terracota), cuxas autoridades tomaran un vello refrán, 尽善尽美 Jin shan jin mei (‘Todo moi bo, todo moi bonito’), e trocaran o carácter 尽, que significa ‘todo’, por 晋, que representa o diminutivo da rexión. E como os dous se pronuncian jin, quedara: ‘Shanxi é moi boa, Shanxi é moi bonita’.


Deste xeito, en defensa da saúde mental do seus cidadáns, o goberno chinés prohibiu os xogos de palabras, tanto orais como escritos, en libros, prensa, radio, cine, televisión...

Menos mal que algunhas normas teñen a mesma consistencia que as liñas trazadas sobre a superficie da auga. Como ben sabemos aquí, os xogos verbais e a cultura tradicional aliméntanse mutuamente desde o comezo dos tempos. E máis nunha lingua como a chinesa, con abundancia de vocábulos homófonos que só poden ser interpretados polo contexto e que, daquela, xeran constantes dobres sentidos e xogos de palabras. 

E se non, que llo pregunten ao bo de Zhao Yuanren. Pobriño del hoxe en día!

12 de mar. de 2015

A derradeira vontade de Romualdo Muíños

Hoxe toca outra doa para a nosa serie de enigmas. Desta vez, un deses clásicos enredos que xogan cos signos de puntuación. Papel, lapis e adiante!

A derradeira vontade de Romualdo Muíños
Romualdo Muíños, un rico comerciante, sentía que xa non lle quedaba moito tempo de vida. Por iso escribiu o seu testamento ás presas, sen coidar a puntuación: 
«Deixo canto teño á minha irmá non ao meu sobriño xamais será paga a conta do alfaiate nada para os pobres».
E o caso é que, ao pouco de facer esta descoidada redacción do documento, Romualdo Muíños faleceu.
O día en que, perante notario, se intentou resolver o problema, a cousa non foi doada. Quen cres ti que herdou, finalmente, todos os bens do rico comerciante?

Solución ao enigma «O presente de Lewis Carroll» (5-1-2015): 
Trátase dun libro. Posiblemente o manuscrito de Phantasmagoria (un logo poema dividido en sete cantos e publicado en 1869). As «finas películas» son as follas e as «marcas» son o texto.

8 de mar. de 2015

O na’vi de Paul Frommer


A lingua na'vi é falada polo pobo alieníxena nativo da lúa Pandora, no filme Avatar (2009) de James Cameron. Foi creada por Paul Frommer (na imaxe superior), profesor de Lingüística na USC (University of Southern California). Frommer foi recrutado por Cameron para deseñar un idioma de ficción para eses grandes xigantes azuis: debía ser pronunciable polos actores e actrices do filme, mais non debía asemellarse a ningunha lingua humana en concreto.



Despois do lanzamento de Avatar, os fans interesados en aprender na'vi medrou e medrou (igual que sucedeu con outras linguas de ficción como o klingon, o dothraki...). Foi por iso que Frammer comezou a expandir a súa creación (vocabulario, gramática, fonética...) no seu blog, learnnavi.org. E a lingua segue a crecer cos novos termos achegados polos seus fieis e que reciben a aprobación do autor.

Podedes atopar na rede todo un universo geek do na'vi: cursos, tradutores automáticos... Como diría un bo na'vi: Zéne fko n‹iv›úme nì-txán (‘sempre hai moito que aprender’).

Kìyeváme (‘deica logo’).

4 de mar. de 2015

«Batmacumba»



Brillante videopoema de «Batmacumba», tema composto por Gilberto Gil e Caetano Veloso. Unha canción icónica, síntese perfecta entre poesía concreta e tropicalismo. Nela xógase cunha letra que se contrae e que se expande, nunha mestura de ideas de gran densidade suxestiva: «ba» (‘berro tribal’), «Batman» (‘personaxe de cómic’), ieiê (algo así como ‘rockeiro’) e «macumba» (desde ‘rito relixioso ou maxia’ a ‘instrumentro de percusión’).

Outro exemplo máis, musical e festivo, do gusto polo xogo verbal destes xeniais brasileiros.

Aquí deixo un vídeo da versión orixinal d’Os Mutantes (1969) e outra máis recente (1999) dos propios autores xunto con Rita Lee e Tom Zé. Cal vos gusta máis?



Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...