24 de mar. de 2015

O galego contraataca



Aló polo ano 2009, Lucas Arcodavella, Pailán Vader e a princesa Olaia percorreron a xeografía galega presentándonos a peza «O galego contraataca». Nela, ese triángulo familiar intergaláctico ofrecía unha visión humorística do noso tan peculiar autoodio diglósico. «Pero no ves que si no hablas castellano no tienes futuro, carallo!»: e aí, traizoado pola súa lingua orixinal, Pailán Vader comezou a volver onda nós. Unha peza feita na casa e realmente xenial!

Cos anos, viñeron decretazos desgaleguizadores, publicáronse novos datos que confirman o progreso dese autodesprezo, anunciáronse novos capítulos a saga Star Wars e o grupo Chévere... recibiu o Premio Nacional de Teatro 2014.

Parabéns para a lexión de friquis seguidores das aventuras da familia Skywalker e, sobre todo, para a xente de Chévere por un premio estatal que recoñece tantos anos de esforzo, compromiso e coherencia. Para todos os demais, por desgraza, pouco hai que felicitar. Agardemos que o espírito rebelde de Lucas Arcodavella sirva de exemplo e poidamos con el arredarnos para sempre do lado escuro da forza.

E lembra, hai un galego en ti!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...