29/05/2015

Palíndromos ilustrados [1]



Mágoa non saber antes desta fermosa campaña de Prolingua. Fermosa pola mensaxe que transmite e pola participación diversa e multitudinaria. Como ben explican no seu portal, a intención é aproveitar os 25 anos das fermosas palabras de Cunqueiro, para espallalas aos catro ventos convertidas en lema do noso compromiso individual e colectivo co futuro da lingua.

Aquí van aquelas verbas do gran fabulador de Mondoñedo.
As miñas invencións e as miñas maxias teñen, nembargantes, un senso máis fondo: por riba e por baixo do que eu fago, eu quixen e quero que a fala galega durase e continuase, porque a duración da fala é a única posibilidade de que nós duremos como pobo. (...) Se de min algún día, despois de morto, se quixese facer un eloxio, e eu estivese dando herba na terra nosa, podería dicir a miña lápida: «aquí xace alguén que coa súa obra fixo que Galicia durase mil primaveras máis».
(Palabras pronunciadas por Álvaro Cunqueiro na homenaxe que se lle rendeu en Vigo o 25 de abril de 1980)
E, para rematar, velaí vai outra modesta declaración de amor e compromiso co idioma: un palíndromo ilustrado de colleita propia, acaído para este mes das flores e das letras. Se cadra, podería ser o primeiro dunha serie de palíndromos ilustrados. Quen sabe?


Tradución:
El sonido! Amo idioma nuestro!
The sound! I love our language!

25/05/2015

«Palindrotiras», outra xoia palindrómica






Para dar cun tesouro, ás veces non é preciso levar mapa. Basta navegar sen rumbo e ter o ollos ben abertos. É o que me sucedeu coas «Palindrotiras», do malagueño José Pablo García.

Este ilustrador e debuxante «de mente reversible» deu a coñecer estas magníficas pezas palindrómicas, polas que devezo, en «La croqueta», revista virtual que «se inspira en el objeto comestible homónimo y pretende albergar en su interior todo tipo de exquisiteces creativas, como si fueran trocitos de pollo, jamón, boletus o roquefort».

Historias cómicas e surrealistas gobernadas pola inflexible trama do texto capicua. 

Unha relación entre palíndromo e cómic que xa tivo o seu espazo en Xogosdelingua e que, de seguro, volverá merecer outras entradas.

21/05/2015

Que tipo es ti?


Esquece os horóscopos e outras trangalladas. Queres saber realmente que clase de persoa es? Pois acode a un método moito máis fiable e rigoroso: «What type are you?»

A finais do 2009, a compañía internacional de deseño Pentagram abriu a «consulta virtual dun psicanalista tipográfico», un orixinal recurso para saber non tanto como es, senón máis ben que tipografía é a que mellor te representa. Co seu inglés de pechado acento austríaco-freudiano, o profesional dinos:
Responda catro sinxelas preguntas que lle permitirán beber da fonte do autocoñecemento, plantar cara á verdade e descubrir de que tipo é vostede.
Logo vai facéndonos ese test de catro sinxelas preguntas (Es racional ou emocional? Es reservado ou vehemente? Es tradicional ou progresista? Es relaxado ou disciplinado?) ata que, finalmente, determina, consonte as nosas respostas, cal é esa fonte vinculada ao máis íntimo da nosa personalidade.

Polo visto, a miña fonte e... Universal.

E a túa?

Solucións ao humor gráfico de Xaquín Marín (11-5-2015): polisemia («pegada» ‘colada, adherida’ - ‘sinal, marca’; «colgar» ‘pendurar’ - ‘interromper a comunicación), homonimia («dura» ‘difícil de romper ou deformar’ - «dura» ‘de «durar»’), antonimia («preto» - «lonxe»), frases feitas («ter paxaros na cabeza).

17/05/2015

Todas as letras de festa!



E para celebrar as Letras Galegas, nada mellor que cantalas! Os que visitades de cando en vez Xogosdelingua sabedes da miña debilidade polos abecedarios (ilustrados, fotografados, animados...). Por iso, esta peza de Magín Blanco é unha verdadeira bendición.
O A abre un Agasallo, 
o B é Bolboretiña, 
o C colle unha Cenoria, 
o D dálle a unha Doniña...
O alfabeto galego en pleno... de festa!

O abecedario, ten forma de libro e foi impulsado pola Mesa e o Concello de Pontevedra. Só é o primeiro volume dunha colección dirixida aos máis pequenos e que contará con obras centradas en diferentes campos semánticos («as cores», «o tempo», «o corpo», «a roupa»...). Nelas irán colaborando ilustradores como Carlos Silvar, Marina Seoane, Kiko da Silva, Miguelanxo Prado, Jacobo Fernández ou David Pintor, entre outros.

Un proxecto ambicioso e admirable (deses que tanta falta fan).

15/05/2015

«Adiós ríos, adiós fontes» en pictogramas

Rodeábanos a desolada estepa. Só aló, ao fondo, o vello Guadarrama, en cuxo cume branqueaba a neve... Contemplando esta imaxe e recordando en presenza de tal esterilidade a exuberancia dos campos de Galicia, a nosa escritora sentiu a necesidade de escribir e publicar un libro que reflectise en toda a súa poesía e pureza, as paisaxes e a vida enteira da xente do noso país... E aquela mesma noite, presa a alma das profundas tristezas de quen, sen tocar nos seus vinte e catro anos, se cría cun pé na cova; sospeitando que xa non volvería ver o ceo da triste Compostela, baixo o cal a agardaban, trazou, con man rápida e coa brevidade da improvisación, aqueles versos tan tristes e tan fermosos que levan por glosa a canción popular máis en consonancia co estado do seu espírito, «Adiós ríos, adiós fontes».
Manuel Murguía, Los precursores (1866)
Así conta Murguía como, en 1861, unha Rosalía de Castro que deixaba Galicia atrás compoñía os seus primeiros versos en galego. Un impulso vital que acabaría por dar orixe, dous anos despois, a Cantares gallegos, o libro fundacional do noso Rexurdimento.

Nun par de días, o 17 de maio, conmemoramos o 152º aniversario daquela publicación. E para celebralo, velaí vai este vídeo: o poema «Adiós ríos, adiós fontes», interpretado por Amancio Prada e con pictogramas deseñados para persoas con difcultades na comunicación e na fala (transtornos do espectro autista, afasia, parálise cerebral...).



Símbolos pictográficos propiedade de CATEDU (Centro Aragonés de Tecnologías para la Educación) baixo licenza Creative Commons e incorporados a este vídeo polo CEIP Anxo da Garda, da Coruña. E non é o único, como podedes ver aquí. Parabéns polo esforzo inclusivo!

11/05/2015

O humor de Xaquín Marín






Aló polo 1975, Xaquín Marín Formoso publicou, xunto co desaparecido Reimundo Patiño, 2 viaxes, considerada a obra inaugural do cómic galego. Logo virían moitas outras: Ratas (1977), o inesquecible Gaspariño (1978), Dos pés á testa (1986)... Como humorista gráfico colaborou en diversas revistas especializadas: La Codorniz, Can sen dono, Sapoconcho ou Retranca. Tamén foi fundador e, durante moitos anos, director do magnífico Museo do Humor de Fene.

Desde 1988 ata a actualidade, tamén publica as súas pezas en La Voz de Galicia. É unha honra compartir a diario a páxina de pasatempos do xornal con esta figura emblemática do humor gráfico galego.

As súas viñetas retratan a nosa sociedade con grandes doses de retranca e de compromiso, decote achegándose case á reflexión filosófica. E, de cando en vez, Xaquín Marín deixa florecer nos seus textos o enredo coas palabras. Os de arriba son algúns exemplos dese humor ludolingüístico. Podes identificar en cal deles se empregan os recursos da polisemia, da homonimia, da antonimia e das frases feitas?

07/05/2015

Os reloxos de Breguet

Hoxe, outro enigma para lle dar á cabeciña, daqueles que no seu día foran publicados en Sermos Galiza. Desta volta o relato non ten relación con xogos lingüísticos. É máis ben un enredo de «pensamento lateral», case unha adiviña. Toca buscar unha solución imaxinativa!
Os reloxos de Breguet
Abraham-Louis Breguet (1747-1823) é considerado o mellor reloxeiro de todos os tempos. Aínda que naceu en Suíza, desde novo viviu en París. A sona da súa mestría facendo reloxos axiña chegou ata a corte; de feito, toda a nobreza parisiense quería fachendear de posuír un Breguet.
Nos convulsos meses previos á Revolución Francesa, o reloxeiro ía recibir un dos encargos máis difíciles da súa vida. A excéntrica raíña María Antonieta convidouno a unha das súas célebres festas no palacio de Versalles.
—Estimado Breguet —falou a raíña, ante todos os asistentes—, quero que me fagas o reloxo máis luxoso e complexo de cantos fabricaches ata hoxe. Con todo, antes quero que me respondas esta pregunta: cal é o reloxo con menor número de partes móbiles?
—A resposta é doada maxestade —dixo Breguet—, trátase do reloxo de sol, que non ten ningún elemento móbil, só unha agulla vertical que marca coa súa sombra o movemento aparente do sol.
—Moi ben. Agora unha segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?
Breguet quedou cavilando uns intres ata que deu coa resposta correcta.
Meses despois, o reloxeiro xa tiña rematado o encargo de María Antonieta, mais esta, decapitada na guillotina, nunca chegaría a recibilo.
En todo caso, cal é a resposta á súa segunda pregunta: cal é o reloxo con maior número de partes móbiles?

Solución ao enigma «A derradeira vontade de Romualdo Muíños» (12-3-2015)
A irmá de Romualdo Muíños puntuou así o documento:
«Deixo canto teño á minha irmá. Non ao meu sobriño. Xamais será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
O sobriño puntuou despois destoutro xeito:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non, ao meu sobriño. Xamais será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
O alfaiate tamén estaba presente e puntuou:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non. Ao meu sobriño? Xamais. Será paga a conta do alfaiate. Nada para os pobres».
Para sorpresa de todos apareceu alí unha moza, pobre mais instruída, que algunha vez traballara para o comerciante. Chegara ás súas mans unha copia do testamento, que puntuara así:
«Deixo canto teño á minha irmá? Non. Ao meu sobriño? Xamais. Será paga a conta do alfaiate? Nada. Para os pobres!»

03/05/2015

Palabras cruzadas no pavimento


Ás veces, un libro marca para sempre. Calquera bo lector ou boa lectora podería citar cando menos unha desas obras. Algo así debeu ocorrerlle a David Azpurgua, profesor de Diseño de Produto na ESDIR (Escuela Superior de Diseño de La Rioja). No seu caso, ese texto foi Fragmentos dun discurso amoroso (1977) de Roland Barthes, considerado título de culto da literatura francesa do século XX.

A súa fascinación por esa obra foi tal que decidiu renderlle unha homenaxe no Festival de Arquitectura e Deseño de Logroño, coñecido tamén polo nome de Concéntrico. A súa instalación consistiu en deseñar un inmenso encrucillado sobre o patio da sede da Policía Local de Logroño empregando nel un puñado de palabras clave tomadas do vocabulario da tradución ao castelán da obra de Barthes: «lágrimas», «sincronía», «devoción»... Voces que denotan e proxectan todo un universo afectivo.


Non é a primeira vez que por aquí pasan encrucillados xigantes. Desta vez, sen dúbida, toda unha peza artística que como o propio Azpurgua di, «está atada a un lugar e feita ex profeso para el». 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...