30/06/2015

A obra da misteriosa Amelia


Hoxe quero a dar conta dun feito estraño, mais completamente certo.

Hai unhas semanas apareceu na miña caixa do correo un CD ao meu nome e cunha remitente feminina descoñecida (adianto só o nome de pía: Amelia). Sen máis datos, non me decidía a introducir o CD no ordenador. A curiosidade finalmente venceu a prudencia e aló foi, dereitiño á rañura do portátil. O contido era un documento en PDF nomeado Elucidario. Máis nada.

Ao abrilo, descubrín dúas pequenas marabillas: un Elucidario (ao xeito da obra maxistral de Gonzalo Navaza) e un breve poemario co título de Cada palabra.

O Elucidario (do latín elucidarĭum, ‘libro que esclarece ou explica cousas escuras o difíciles de entender’) ofrece un abano alfabético de voces raras, ocorrentes e cheas de sentido do humor. Como sucedía coa obra homónima de Navaza, a orixe formal dos termos é moi variada: o calembur, a homonimia, a adición de letras (prótese, epéntese, paragoxe), a subtracción de letras (aférese, síncope, apócope) ou os trocos na súa posición (metátese).

Cada palabra ofrece unha presa de textos dominados tamén por un vizoso espírito ludolingüístico. Pezas cheas de creatividade que enredan co monovocalismo, co calembur, coa homonimia... Unha brillante homenaxe poética ao xogo coas palabras.

Ata o de agora, non souben máis da misteriosa autora. Para que me enviou ese orixinal? Despois de dubidar que facer durante días, non se me ocorreu nada mellor que contribuír a divulgar, neste modesto blog, o seu traballo. Co teu permiso, Amelia, aquí deixo un fragmento dun poema narrativo monovocálico en «a» de Cada palabra.
«A rapaza da balada amarga»
A chaparrada marzal acalmaba, a bafarada amansaba,
aclaraba a mañá. Na praza, a algarada aplacaba:
paraban as gargalladas, as argalladas, as ñáñaras,
as chácharas. As charlatanas das patacas, das mazás,
das castañas asadas, das laranxas, das fabas, calaban
tras as canastras, canda ás calandras da fraga, á par
das ras da braña. As cámaras saltaban a garda para
gravar a rapaza avanzar cara á bancada: alta, fraca,
lanzal, abrancazada, fantasmal, cansa, afastada, sacaba
a arpa da gastada arca alaranxada para cantar ata
alagar a praza. [...]
E tamén unha breve escolma alfabética dos centos de palabras do teu Elucidario.
Agradecemento.- Antiga extensión de cultivo afectada pola crecente urbanización.
Biodesagradable.- Substancia noxenta que se descompón de maneira natural.
Cotrasinal.- Marca de roña que serve de clave de acceso a algún lugar.
Chachachá.- Terra sen a máis mínima ondulación.
Desafiador.- Persoa que vai estragando o traballo dos afiadores, o que constitúe toda unha provocación.
Errosión.- Desgaste que produce equivocarse continuamente.
Funesto.- Individuo triste e sombrizo que sempre está a falar do seu pasado.
Granada.- Antigamente, froito que se lanzaba como proxectil para protexer a Alhambra.
Hamburguesarse.- Ir comer sempre ao McDonald’s por comodidade. Os que piden Happy Meal denomínanse pequenohamburgueses.
Independentista.- Odontólogo ao que lle gusta facer as cousas ao seu xeito.
Lemos.- Comarca lucense, cuxo nome vén dado polo seu alto grao de alfabetización.
Mornografía.- Representación que busca a excitación sexual do espectador, pero que non acaba de poñelo quente de todo.
Nobelista.- Escritor que nas súas obras enreda en exceso o fío argumental.
Ontedito.- Que xa foi dito con anterioridade, concretamente o día anterior.
Polivalente.- Axente destemido, e que vale para todo.
Quinteto.- Ubre cunha mamadeira de máis. Obs. Hai tamén sextetos e septetos; para os octetos ver Ubre dobre.
Raíña.- Pequeno anfibio que goberna a poza na que reside. Obs. Distínguese por unha pequena raia no lombo.
Segmentar.- Plantar a semente na terra, pero por zonas. Obs. Esta actividade é orixe da coñecida cantiga Segmentar, segmentarei, loguiño de clarear...
Textosterona.- Hormona propia dos escritores moi virís.
Trebón.- Trono de grande qualité.
Universo.- Poema dunha soa liña.
Vehementemente.- Paixón polos adverbios.
Xaolín.- Mestre oriental apaixonado pola literatura.
Zaragoza.- Repartición de beneficios en Inditex.
Parabéns, Amelia, polos teus textos cheos de inspiración, de humor e de afán lúdico!

E para rematar, como xa fixera no seu día coa obra de Navaza, aquí deixo unha sinxela actividade. Sodes quen de definir de forma ocorrente e humorística estas voces da colleita de Amelia?

Angorafobia - Circoncisión - Embarcanción - Respirada - Sornalista

26/06/2015

¡Qué ben, que a bomba vén co seu rebombio!



Este vídeo do artista xaponés Isao Hashimoto, que amosa cunha beleza arrepiante as explosións atómicas no noso planeta desde 1945 a 1998, pareceume a introdución máis acaída para falar dun dos mellores poemas da nosa literatura: «Poema nuclear», de Celso Emilio Ferreiro, publicado n’O soño sulagado (1954). Non imaxinaba o celanovés que pola altura daquel ano, para desgraza de todos, só estouraran 72 bombas das máis de 2000 que se suman ao final do vídeo.
Poema nuclear
¡Qué ben, que a bomba vén do seu rebombio!
A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo
A bomba con aramios, con formigas,
con fornos pra asar meniños loiros.
A bomba ten lombrices, bombardinos,
vermes de luz, bombillas fluorescentes,
peixes de chumbo, vómitos, anémonas,
estrelas de plutonio plutocrático,
esterco de cobalto hidroxenado,
martelos, ferraduras, matarratos.
A bomba, bong, A bomba, bon amigo
Con átomos que estoupan en cadeia
e creban as cadeias que nos atan:
Os outos edificios
Os outos funcionarios
Os outos financeiros
Os outos ideais
¡Todo será borralla radioaitiva!
As estúpidas nais que paren fillos
polvo serán, mais polvo namorado.
Os estúpidos pais, as prostitutas,
as grandes damas de beneficencia,
magnates e mangantes, grandes cruces,
altezas, excelencias, eminencias,
cabaleiros cubertos, descubertos,
nada serán meu ben, si a bomba vén,
nada o amor, e nada a morte morta
con bendiciós e plenas indulxencias.
¡Qué ben, que a bomba vén! Nun instantiño
a amable primavera faise cinza
de vagos isótopos placentarios,
de letales surrisas derretidas
baixo un arco de átomos triunfaes.
A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo
de setas e volutas abombadas
axiña vén, vela ahí vén, bon amigo.
¡Estanos ben! ¡Está ben! ¡Está bon!
¡¡¡¡BOOOONG!!!!
De sempre, esta foi unha das pezas de Celso Emilio que máis me engaiolou. Non só polo forte sarcasmo co que presenta a devastación definitiva da bomba nuclear; senón, tamén, polas súas conquistas expresivas. Especialmente as do nivel fonoestilístico. 
Aliteracion ou fonosimbolismo. Dominio en moitos versos dos fonemas bilabiais (/b/, /p/, /m/) e nasais (/m/, /n/), evocadores da explosión: ¡Qué ben, que a bomba ven co seu rebombio / A bomba, ¡bong!, a bomba, bon amigo.
Onomatopea. Imitación fónica de sons reais: ¡¡¡¡BOOOONG!!!!
Paronimia. Colocación próxima de palabras fonicamente semellantes: ¡bong! - bon / magnates - mangantes / bomba - bombo.
Unhas escollas nada casuais que axudan a que a bomba resoe case en cada verso. Un xogo fónico tan do gusto de Celso Emilio.

A admiración por este poema levou tamén a rapaces e rapazas de toda Galicia a crear fermosos traballos sobre el. Como esta recitación de Pablo e Adrián.



Ou este videopoema de Marcos Carro.



E a vós? Que vos inspira a vós o «Poema nuclear»? Un dato: en poucas semanas cumpriranse 70 anos do bombardeo atómico sobre Hiroshima e Nagasaki.

22/06/2015

O poder máxico dos palíndromos


Na antiga cidade de Nea Paphos, no suroeste de Chipre, foi descuberto no 2011 (e dado a coñecer neste ano) un amuleto de 1500 anos de antigüidade. Nunha das súas caras leva unha inscrición de 59 letras en forma de palíndromo. A mensaxe, en grego antigo, di: 

ΙΑΕW ΒΑΦΡΕΝΕΜ ΟΥΝΟΘΙΛΑΡΙ ΚΝΙΦΙΑΕΥΕ ΑΙΦΙΝΚΙΡΑΛ ΙΘΟΝΥΟΜΕ ΝΕΡΦΑΒW ΕΑΙ
Que se traduciría como ‘Iahweh é o portador do nome secreto, o león de Re seguro no seu santuario’. Do outro lado hai varias imaxes, incluíndo unha momia deitada nun barco, que probablemente representa o deus exipcio Osiris.

O descubrimento apoia a crenza de que en Chipre se practicaron crenzas politeístas (mestura de relixións cristiá e pagá) durante un longo período de tempo. Segundo esta idea, os amuletos e gravados palindrómicos eran creados para protexer do mal fado portadores e lugares. Era o que sucedía coa coñecida fórmula Sator e tamén se manifesta, por exemplo, co palíndromo que os gregos bizantinos adoitaban gravar a carón das pías bautismais: 

ΝΙΨΟΝ ΑΝΟΜΗΜΑΤΑ ΜΗ ΜΟΝΑΝ ΟΨΙΝ
Algo así como ‘Lavado dos pecados, no só do rostro’.

O poder máxico aos palíndromos xa desde a antigüidade.

18/06/2015

Hai maxia nas palabras!



Unha historia de amor marcada polos anagramas. Así é este marabilloso anuncio de Scrabble (outro máis) creado pola axencia de publicidade madrileña Lola. Os protagonistas son un mozo (SANTIAGO) e unha moza (AGOSTINA) algo infelices e destinados a encontrarse pola forza combinatoria das letras. Ocorreu nunha festa de disfraces: ela ía de pastel de mazá (AN APPLE PIE) e el de ananás (A PINEAPPLE). Xenial!

Aí van os anagramas en inglés e o lema final:
TOKYO - KYOTO
CAB DRIVER - CRAB DIVER
FOREVER ALONE - A VENEER FLOOR
WARM VOICE - MICROWAVE
STUNNING BRA - BURNING ANTS
KOYSHIRO - O'YORKISH
DOLLY DYLAN - LYNDA LLOYD 
AN APPLE PIE - A PINEAPPLE
NASTY OLD TRAIN - TINY SLANT ROAD
NEGOTIATE MOTHS - SOMETHING TO EAT
AGOSTINA - SANTIAGO
Scrabble
There's magic in words.
E tanto!!!!

14/06/2015

Deseñadores a liberar estrés


Os deseñadores gráficos, bechos raros por definición, teñen as súas manías. Por exemplo, unha das tipografías máis odiadas entre os profesionais do gremio é a Comic Sans. Moitos tamén senten especial aversión polas fontes con serifa (ese trazo ornamental nos extremos das letras).

Deseguido, dous xogos en liña ideados para descargar, a base de tiros, a tensión acumulada (por estas fobias ou por calquera outra cousa). Tan sinxelos que case non necesitan explicación. Dúas pezas máis para a nosa tipografía lúdica. 


Kill Comic Sans (Do the world a favor)
Tes que ser ben rápido para mover o cursor e atinar no disparo. O nome Comic Sans, escrito na mesma fonte, móvese por toda a pantalla e dar no albo non é doado. 

http://www.tothepoint.co.uk/more/fun/shoot_the_serif/

I Shoot the Serif
Xenial título que parafrasea o clásico de Bob Marley. A idea é disparar, nun tempo límite, a todas as tipografías con serifa que atopes. O nivel de dificultade vai sendo cada vez maior.

Adiante! Proba o poder desestresante dos shooter games!

10/06/2015

Escribir coma os bois



Seguramente non entendiches nin papa do texto anterior, ou case. Proba agora a ler cada liña nun sentido, é dicir, a primeira da esquerda á dereita, a segunda da dereita á esquerda, e así sucesivamente. 


Agora mellor!

Este sistema de escritura, como acabas de ler, tivo a súa difusión hai miles de anos. De feito, algúns considérano unha etapa previa á fixación dun sentido de escritura definitivo: da dereita á esquerda (fenicio ou hebreo) ou da esquerda á dereita (grego ou latín). 

O seu nome, bustrófedon, procede do latín boustrophēdon, e este do grego βουστροφηδόν (de βοῦς, ‘boi’; στρέφειν, ‘dar a volta’, ‘virar’; e -δόν, ‘ao xeito de’). É dicir, unha escritura en zigzag ao xeito en que os arados van formando, un tras outro, novos regos na terra.

Anímaste a crear os teus propios textos en bustrófedon? Na rede podes atopar un xerador automático.

06/06/2015

O mestre dos anagramas

Nuno Fernandez Torneol
TEN UN SON LEDO NO REFRÁN
Pero de Ambroa
BO É PODER AMAR
Álvaro Cunqueiro Mora
QUERO IR AO VAL CUN AMOR
Rosalía de Castro
ASTRO, CELIDA ROSA
Manuel Antonio Pérez Sánchez
PENSA: NO MAR AZUL ENCHE O ZÉNIT
Se reparades nos nomes dos autores anteriores e nos enunciados que os seguen, veredes que posúen as mesmas letras, mais noutra distribución. Son só algúns dos anagramas que forman parte d’A mensaxe secreta dos nomes, de Xosé María Álvarez Blázquez. Este Pórtico da Gloria da «anagramática» galega permaneceu inédito, en forma de folios manuscritos, ata que no ano 2008 foi recollida nun volume especial do caderno Grial (con anotacións de Gonzalo Navaza). Un novo e valiosísimo título para a nosa «bibliografía ludolingüística básica».

Mediante a transposición de letras, Álvarez Blázquez, desvela o significado oculto de cada antropónimo: unha visión case adiviñatoria sobre o carácter ou o destino da persoa, sempre cun aquel irónico ou poético. É o que se coñece como onomancia.

Por sorte para todos, o gusto do escritor tudense polo xogo verbal foi transmitido, por vía de ADN, aos seus fillos Xosé María, Alfonso e Celso. A maior saga de ludolingüistas do noso país, abofé!

02/06/2015

O talento de Ikeda Yosuke



Vía El Espejo Lúdico descubrín este soprendente enxeño que converte a palabra open (‘abre’) no seu antónimo close (‘pecha’). Unha especie de ambigrama mecánico froito da imaxinación sen límites do artista, Ikeda Yosuke.

E este foi o meu segundo gran descubrimento, un mozo xaponés con abraiantes habilidades. Non sabería dicir se é mago, malabarista, músico ou enxeñeiro mecánico. Como mostra do seu incrible talento, aquí queda esta actuación na que Yosuke desenvolve o seu particular karaoke artesanal da canción, tamén antonímica, «Hello, Goodbye», de The Beatles. A gozar!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...