25/07/2015

Con Lois Pereiro, ata setembro


Ao dar con este graffiti nese cofre dos tesouros que é Zarampagalegando, lembrei o fermoso texto «Que é Galicia?», de Lois Pereiro. Unha emocionante descrición alfabética e tautogramática do noso país que aínda non tivera a súa entrada en Xogosdelingua. Imperdoable!

Aí vai o texto orixinal completo:
QUÉ É GALICIA?. Por Lois Pereiro.
Galicia... data Run...
A. Auga. Aire. A Amnesia do vencido, a Atracción do Abismo, a Árbore xunta á Árbore, e a alegría do espazo circundante. A alma é o Atlántico e é o cantil o corpo da súa chamada Atroz.
B. Barroco: a Beleza usual feita materia en pedra no Bordo do Bosque omnipresente.
C. Calma. Castelao, Curros, Cunqueiro, Cultura, Celebración e Culpa: unha conciencia Céltica do Cosmos.
D. Difícil definir esa Dor, Dobregar o Destino, conseguir que o Desexo nos siga sendo útil. (Diluvia)
E. Espiral no Espazo Esférico. Emigración: Estímulo do noso Exilio interior que nos leva polo leste cara a Europa, polo mar cara ao Éxito e cara á Enfermidade, e sempre cara ao Eterno Extrañamento do Espírito.
F. Fogo de Fogar. Fantasía. Fábricas, Febre e Formas do Futuro, Figuras do pasado. O Fenómeno atmosférico da Felicidade, e todas as Festas do mañá…
G. Gráficas do Granito, auga e silencio, onde transborda a alma da Gulfstream. O xemir das Gaitas, e no carácter esa amable presenza da Graxa.
H. Historia: Herbicida o esquecemento. A Humidade, o “Horror vacui” e a Humildade impídennos converter a Historia en Heroísmo. Nosa Herdade adestrada na fuxida, coa sabedoría das feridas vellas, por nosas propias mans soamente vencidos.
I. Ironía: arte de converter o Inferno nun conto de Inverno.
J. Son oriental. Rotundidade sureña.
K. Kilowatios por terra mergullada.
L. Loito: manchas na paisaxe, bólas negras sobre o tapete verde.
M. Lega Mortos o Misterio da Música, pero o Miño vaise levando ese Misterio ao Mar.
N. Norte. Noite. Néboa. Negro: materia poética Nacional.
Ñ. Nh/ gn/ ñ.
O. Oeste: “Galicia atende e obedece á chamada do Oeste” (R. Otero Pedrayo). Tantos séculos de Ofensas e de Esquecemento crean anticorpos no Organismo dun pobo, e esa continua Ofensa da historia xerará no Orgullo deste pobo apracible o destrutivo Osíxeno do Odio, a Obsesión do fracaso e da culpa.
P. Poesía. Patria. Paixón. Perigo de extinción, perdidos en nosa propia Pureza, da necesidade de ser un Pobo. A nosa indiferenza alimentará o Proceso de autoxenocidio que vivimos. Paisaxes dispersas, aliñados entre os Perfís do Pasado, coa Presenza dunha vexetal sensación de eternidade. Paixón e Poses “punk”, reflexos Postmodernos e altas horas nos diques urbáns da noite.
Q. Química da dor Quintaesencia do medo. Aí, pegado a min, quen ri?
R. Río: o Rumor da vida, a Relixión das augas. As Risas xorden sempre onde Reina a calma, na quietud profunda de quen coñece o Risco e domínao. Rural: corre sangue Rural por estas veas; e se algunha vez a Razón opón Resistencia, recoñécese o galego na terra, na lenta vitalidade da árbore, na invencible Resignación da herba.
S. O Son da Soidade e o Silencio. O Salvaxe Sarcasmo dos Soños do presente, e a Silente atracción polo Suicidio: o Sil. O Miño é o noso Sangue, o Sil a súa Sombra. Serenos e Sombríos, finalmente transcende o Sorriso astuto.
T. Terra. E o Tempo, e o Trastorno e as súas Tebras. A Tradición dunha triste Tenrura.
A Terra é o principio, e todo existe nela e para ela.
U. Utopía: compaxinar o desexo e a necesidade dos nosos soños.
V. Vacas en Vales mollados, e a férrea Vontade dos Vellos encadeados á terra, co Vicio do seu fatalismo escéptico. Verde. Verde e máis Verde sobre outros Verdes, e por detrás: Verde.
W. Whisky: noite urbana. Galicia é Wagneriana, ou é máis ben un Wolfgang Amadeus enfermo de paisaxe, soñando con Sibelius?
X. 25 de Xull
Y. e
Z. Fin
Trátase dun guión de Pereiro para un espazo emitido pola TVG o 25 de xullo de 1988, é dicir, cumpre hoxe 27 anos. Unha definición de espírito ludolingüístico que gañou gran difusión coa celebración do Día das Letras Galegas do ano 2011. Velaquí dúas pequenas mostras:

Unha montaxe audiovisual do texto elaborada polo Centro Cultural Rueiro de Vigo (2011).



Unha interpretación a ritmo de hip hop no I Poetry Slam de Vigo (2012) a cargo de Malvares de Moscoso.


Ata setembro!

22/07/2015

Historia da tipografía



Un gran vídeo de Adriano Oliveira que nos aproxima, en menos de 10 minutos, á historia da tipografía. O nacemento da lingua escrita asociada ao sedentarismo, o primeiro sistema gráfico cuneiforme dos sumerios, a escrita xeroglífica dos exipcios, a aparición do papiro, a imprenta de Gutemberg... E así, paso a paso, ata o boom expresivo das formas tipográficas actuais da man dos ordenadores.

E cada época ilustrada, como non podía ser doutro xeito, con tipografía animada e con xeniais pinacogramas (debuxos feitos unicamente con letras e outros signos gráficos): 
Un T, uns cantos L e un U invertido: forman un home.
Un R e un P invertidos, cun I e cun A: forman unha vaca.
....
Paga a pena asistir a esta amena clase de tipografía. Por certo, aquí deixo tamén un bo recurso para comprender un dos períodos máis interesantes do vídeo: a evolución dos alfabetos, desde o fenicio ata o actual, pasando polo grego, polo latino... Realmente bo!

19/07/2015

Gran Premio de Mónaco, 1984

Os enigmas son, en moitas ocasións, unha ferramenta privilexiada para potenciar a lectura comprensiva. A resolución do problema que se propón pode depender dunha lectura pausada e atenta, que non deixe pasar os detalles importantes, que evite caer nas suposicións falsas...

Compróbao co seguinte enigma, un sinxelo enredo, como se adoita dicir, baseado en feitos reais. 

Gran Premio de Mónaco, 1984
Celebrábase o Gran Premio de Mónaco de 1984. A carreira, coma sempre neste circuíto, concitaba a expectación de todos os afeccionados á Fórmula 1. Grandes estrelas como Nigel Mansell, Alain Prost ou Niki Lauda mantiñan unha dura loita.
Un dos homes que viña adiantando vehículos con máis habilidade era un novato brasileiro do equipo Toleman-Hart chamado Ayrton Senna, para quen o circuíto era totalmente descoñecido.
Desde a primeira hora da mañá, non parara de chover no Principado e, nesas condicións, Senna era moi superior á maioría dos seus rivais. O novato, volta tras volta, ía sobrepasando os coches que o precedían.
De feito, no treito final da carreira, conseguiu achegarse ao piloto que ía en segunda posición, o francés René Arnoux. Despois dunha dura pugna, Senna deu adiantado por fin a Arnoux pola parte externa da derradeira curva e cruzou a meta. Con todo, a pesar de adiantar no último momento ao segundo clasificado, Senna non foi o gañador da carreira.
Por que?
Solución ao enigma «Os reloxos de Breguet» (7-5-2015):
O reloxo con maior número de partes móbiles é... o reloxo de area.

15/07/2015

Palíndromos ilustrados [2]


Ao dar con este palíndromo (que reclama a corrección lingüística con ton imperativo), o primeiro que me veu á cabeza foi a escena do graffiti no mítico filme A vida de Brian, dos Monty Python. Situémonos: 

O protagonista é Brian, un mozo xudeu que naceu en Belén o mesmo día que Xesucristo. Unha noite, Brian ten que facer unha pintada na fachada do palacio de Herodes. Mentres está a escribir, é sorprendido por un centurión romano. Este, desalmado e cruel, decide darlle unha lección...  de latín!
Centurión: Que é iso? Romanes eunt domus? Xente chamada romanos ir a casa?
Brian: (explicando a súa pintada) Di: «Romanos marchade á casa».
Centurión: De ningún xeito. Como se di «romano», en latín? Vamos, vamos!
Brian: (con medo) Romanus.
Centurión: E é flexionado como...
Brian: -anus.
Centurión: O plural de vocativo -anus é...
Brian: -ani?
Centurión: (corrixe o erro) Romani. Eunt... Que é eunt?
Brian: «Ir».
Centurión: Conxuga o verbo «ir».
Brian: Eh... Ire. Eh...  Eo, is, it, imus, itis, eunt.
Centurión: Daquela eunt é...
Brian: Terceira persoa do plural do presente indicativo, «eles van».
Centurión: Pero «Romanos marchade» é unha orde, entón tes que usar... (retorce a orella de Brian).
Brian: (coa voz aguda pola dor) O imperativo...
Centurión: Que é...
Brian: Eh, eh... It!
Centurión: Cantos romanos?
Brian: Plural, plural! Ite, ite!
Centurión: Ite. (Corrixe novo) Domus en nominativo? «Ir» indica movemento. Non si, rapaz? Asi que domus vai en…?
Brian: Dativo? Non, non, non. Acusativo? (O centurión achega a súa espada ao pescozo de Brian)
Centurión: Domus vai en...
Brian: Locativo!
Centurión: Que é...
Brian: Domum!
Centurión: Domum! Domum! (Escríbeo) Entendiches?
Brian: Si, señor!
Centurión: Escríbeo cen veces.
Brian: Si, señor! Grazas, Señor! Ave, César!
Centurión: Ave, César! Se non está escrito no amencer, córtoche os collóns!
Deseguido, o vídeo da escena completa coa dobraxe en castelán (e aquí en portugués). Sen dúbida, un exemplo do mellor humor ludolingüístico da historia do cine. Irrepetibles, Monty Python!



Tradución:
Ahí palabra abrevia.
There word you abbreviate.

11/07/2015

O «Alfabeto pittorico» de Basoli



Antonio Basoli (1774-1848), pintor, gravador e escenógrafo italiano, publicou en 1839 un fantástico conxunto de litografías para o seu libro Alfabeto pittorico. Trátase de vinte e catro elaborados debuxos arquitectónicos, tanto en estilos clásicos e como orientais, que integran cadansúa letra do alfabeto. Escenas realizadas cunha imaxinación desbordante, cheas de detalles e que permiten imaxinar, a través desas vinte e catro grafías, outros tantos universos reais ou imaxinarios.

Un novo alfabeto arquitectónico que a moitos vos lembrará aqueloutro de Steingrüber no que cada letra formaba a planta dun edificio.

Deseguido deixo unha selección desas litografías e aquí unha ligazón para poderdes gozar de todas elas.







07/07/2015

Círculos con historia



Con todos vós, o «circum relator», un sinxelo aparello ideal para impulsar a creación literaria, con textos de todo tipo: ben orais, ben escritos; ben narrativos, ben poéticos...

Consiste nunha serie de círculos concéntricos superpostos de xeito que é posible o xiro independente de cada un deles. Os círculos están divididos nun número igual de seccións que conteñen palabras. Unha posible secuencia sería, por exemplo, suxeito + verbo + complemento 1 + complemento 2. Como podedes ver arriba, hainos comercializados (en inglés) como xogo de mesa, mais tamén poden ser artesanais.


A idea é facer rodar os círculos, de forma aleatoria ou buscando á mantenta unha asociación de palabras que nos guste. Logo, a partir do poder evocador dese enunciado, cómpre poñer en marcha toda a nosa creatividade. Un técnica básica e efectiva que, polo seu espírito lúdico, recorda os fantásticos Story Cubes.

A probalo! Ideal para xogar en grupos! 

Solución ás voces do Elucidario de Amelia (30-6-2015): Angorafobia: medo irracional aos gatos persas orixinais. / Circoncisión: espectáculo circense consistente en cortarlle [de forma acrobática] o prepucio a un dos artistas. / Embarcanción: karaoke flotante. / Respirada: vaca tola. / Sornalista: periodista con moita retranca.

03/07/2015

«Ave se va», canción-palíndromo



Que arte ludolingüística a destes arxentinos! Les Luthiers, León Gieco, Juan Pablo Sáez... Unha restra de mestres do xogo verbal á que agora vou engadir un novo nome: Pablo Nemirovsky, un oriúndo de Bos Aires que se move como peixe polas augas da música e do palíndromo.

Boa proba é este vídeo do seu último proxecto musical: Hindustango. Interpretan a palindrómica «Ave se va». Música e texto compostos por Nemirovsky, ao bandoneón. A evocadora letra, de oído, sería algo así:
Ave sería, las alas al aire, se va.
Luz aroma ese amor azul.
Ave sería, las alas al aire, se va.
Unha mostra máis do fascinante magnetismo destes textos reversibles dos que o propio Nemirovsky dixo: «A palindromía, a escrita simétrica ou capicúa, está a medio camiño entre a arte e o deporte, un pouco como o xadrez».
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...