31/10/2015

Os pinacogramas de GEF







Xa vimos aquí ou aquí que para facer bos retratos basta con situar estratexicamente diferentes letras e en diferentes posicións. É o que denominamos pinacogramas. 

Hoxe preséntovos a Gilles Esposito-Farese, físico teórico no Institut d'Astro-physique de París e fervoroso ludolingüística no seu tempo de lecer. Na súa páxina persoal podemos ver anagramas, ambigramas ou pangramas da súa colleita. Mais o que me deixou marabillado foron pinacogramas como os anteriores, froito da súa paixón por explorar as posibilidades gráficas do alfabeto. 

Como vemos, Esposito-Farese ten predilección nos seus retratos por grandes nomes da literatura e da ludolingüística. O singular destas pezas é, sobre todo, que o autor «debuxa» unicamente coas letras do propio nome de cada persoeiro. Unhas grafías que adapta en tamaño e forma segundo as necesidades.

Unha curiosidade para rematar: reparade na animación da dereita. Nela, o físico e deseñador francés forma o seu autorretrato coas iniciais do seu propio nome (GEF). Pois a mesma correspondencia entre letras e rostros podédela descubrir noutras dúas animacións ao facerdes clic nestas ligazóns: Georges Perec e Eugene Ionesco. Unha proeza abraiante!

Ah! E se vos presta, podedes practicar a arte dos pinacogramas utilizando estes dous xeradores automáticos: robotype e superveloz. Adiante!

27/10/2015

Para espías e corruptos desactualizados


Son tempos de trinzadoras de papel a botar fume. Facturas falsas, contabilidades «b» e demais documentos «comprometedores» pasan a cada pouco por esas máquinas que reducen cada folla de papel a unha morea de tiras finas como espaguetes. Con todo, como tamén vemos a cada pouco, máis lles valera a moitos usuarios das trinzadoras facer unha boa fogueira con todo o papelame!

O primeiro que me veu á cabeza cando souben das últimas noticias sobre documentos trinzados e despois reconstruídos foi unha escena de Argo (2012). Baseado en feitos reais, o filme conta como uns funcionarios da embaixada estadounidense de Teherán, durante a convulsa revolución islámica de 1979, conseguen fuxir e refuxiarse «noutro lugar». Por mor das présas só teñen tempo de destruír parte da documentación «sensible» utilizando unhas trituradoras de papel. Para poder identificar os fuxidos, os iranianos poñen un grupo de nenos a traballar na titánica tarefa de reconstruír o crebacabezas. Non direi máis para non destripar a película. Só que, finalmente, os cativos conseguen o seu obxectivo.


Polo visto, o dato histórico é que os verdadeiros protagonistas da recomposición desa montaña de papeliños foron uns pacientes e metódicos tecedores de alfombras, convocados para a ocasión. Tamén se sabe que tardaron bastante máis do que se tardou na película.

En todo caso, hogano non serían precisos nin nenos, nin tecedores de alfombras persas, nin palilleiras de Camariñas para refacer eses textos trinzados. Xa existen programas informáticos que o fan. O primeiro paso é o laborioso alisado e escaneado de cada fragmento. Despois o programa xera un ficheiro para cada un e rexistra automaticamente información de todo tipo: os matices de cor do papel, as contornas das roturas, o tipo de letra ou de tinta, os rastros de texto escrito...


E con toda esa información principia o traballo duro do programa, que vai comparando a toda velocidade os distintos anaquiños ata que comezan a encaixar entre si. Ao cabo dun tempo, pouco ou moito, o crebacabezas acaba resolto.

En fin, ensinanza de hoxe para espías ou corruptos desactualizados: de quererdes destruír documentación de forma eficaz, unha boa cacharela ou, como alternativa, ensalada de papelame cunhas pingas de bo aceite (Abril, por exemplo).

23/10/2015

Palíndromos ilustrados [4]


Dous teimudos ditadores discuten sobre cal deles ten máis dereito (ou máis capacidade) para oprimir o seu pobo. Mugabe, Salazar, Pinochet, Pol Pot ou Stalin, tanto ten. Calquera deles ben puido berrar, co seu correspondente ton autoritario, a frase reversible que encabeza a entrada. 

Un novo palíndromo ilustrado que publicamos hoxe, 23 de outubro, ao se cumpriren 75 anos da sinistra entrevista en Hendaia doutros dous ditadores que coñecemos ben: Franco e Hitler.

Non hai confirmación histórica de que tal cousa dixesen naquel encontro, mais... quen sabe?!
Tradución:
Sólo nosotros sometemos. Sólo nosotros!
Only we subdue. Only we!

19/10/2015

O pársel de Francis Nolan



Nas novelas da saga Harry Potter, a lingua pársel é a lingua das cobras, falada por Salazar Slytherin e os seus descendentes, incluíndo Milord Voldemort. Tamén o propio Harry Potter é quen de falala e isto débese, segundo se conta en Harry Potter e a Cámara Secreta, a que Voldemort lle transmitiu algunhas das súas habilidades a noite que intentou matalo cun meigallo.

Aínda que nas súas novelas J. K. Rowling xa presenta o pársel como unha fala bisbante (que soa como un leve asubío), foi o lingüista Francis Nolan, profesor de Fonética na Universidade de Cambridge, quen desenvolveu unha versión do pársel para que os filmes. Un idioma cunha sintaxe baseada na orde SOV (Suxeito + Obxecto + Verbo) e cunha alta frecuencia de consoantes fricativas e farínxeas que intentan aproximalo acusticamente ao son das serpes.

Como sucede con outras linguas de ficción, o pársel xa gañou unha chea de fieis na rede. Malia que carece de forma escrita, para a súa descrición en texto adopta unha forma romanizada. Aquí podedes atopar unha completa descrición da súa fonética e da súa gramática. E aquí un curioso tradutor automático que ofrece os audios das voces en pársel. Probádeo!


14/10/2015

1º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos

Hai un tempo falamos do checo, ese diabólico idioma capaz de crear frases enteiras, como «Strč prst skrz krk», sen empregar unha soa vogal. Un verdadeiro desafío para a gorxa e para a lingua de calquera.

O caso é que sempre me fascinou a facilidade do galego xusto para o contrario: para formar enunciados sen que ningún tipo de obstáculo entorpeza a saída dos sons pola cavidade bucal, é dicir, sen consoantes e unicamente con vogais. Os sons ceibos das sete vogais galegas adoitan entrar en combinación para formar unha chea de palabras e enunciados: «Oíao», «Aí ía eu»...


Unha idea que levaba un tempo a me rebulir na cabeciña e que acabou dando orixe ao seguinte texto, que poderiamos considerar un «microrrelato aconsonántico». Ou, se cadra, o primeiro trabalinguas que non traba lingua ningunha.


Seguro que calquera de vós pode atoparlle aínda máis rendemento ás nosas vogais. Daquela, queda oficialmente convocado o 1º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos en Lingua Galega. Quen se anima?

10/10/2015

Fascinantes casas alfabéticas









Deepblue Networks, axencia de comunicación alemá, tirou bo partido da creatividade do deseñador gráfico Florian Schommer. Fíxoo a través do proxecto Das Kreative Haus, unha preciosa serie de edificacións coa forma das oito letras do nome da axencia. Deseños ben fermosos, cheos de detalles e con vida propia grazas aos gifs que inclúen.

Outro abraiante alfabeto arquitectónico que se suma aos de Antonio Basoli, Jing Zhang e Johann D. Steingrübe.

Paga a pena dedicar uns minutos a cada peza, mestura de ilustración, tipografía, arquitectura e animación. Quen dá máis?!

06/10/2015

As pitas da señora Remedios

Velaí vai un novo enigma daqueles que apareceran en Sermos Galiza, hoxe de ambientación rural. Aínda que en aparencia teña algo de enredo matemático, realmente a solución dependerá dunha boa comprensión lectora e de evitar as suposicións precipitadas. Adiante, que non é difícil!

As pitas da señora Remedios
A señora Remedios decidiu ir á feira de Monterroso para vender alí todas as súas galiñas. Tratábase dunha anciá ben arteira que por cartos era quen de enganar a calquera.
O seu posto na feira era unha especie de curraliño, mais non era posible ver as galiñas, só se escoitaba o seu cacarexar, pois estaban tapadas por unha gran lona. A quen se interesaba polas pitas dicíalle asi:
—As miñas galiñas sonlle ben poñedoras, mais ás pobres non lles convén a luz do sol porque andan mal da vista: tres non poden ver co ollo dereito e tres non poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver co dereito e tres poden ver co ollo esquerdo; tres poden ver cos dous ollos e outras tres teñen ambos os dous ollos cegados.
Un dos primeiros clientes, ao escoitar a explicación da señora Remedios e os cartos que pedía por elas, pensou: «Por este diñeiro fago ben en levar as dezaoito galiñas». Pagou e marchou coas pitas, sen levantar a lona para non as prexudicar.
Cando por fin chegou á súa casa e descubriu a lona, o comprador arrenegou do negocio porque o número de galiñas se reducira ao mínimo respecto do que el imaxinaba. Iso si, a señora Remedios non lle mentira.
Cantas galiñas lle vendera?

Solución ao enigma «Gran Premio de Mónaco, 1984» (19-7-2015)
É completamente lóxico que Senna non fose o gañador. Se no último intre adiantou o coche que ía en segunda posición, foi el quen rematou en segundo lugar. O gañador da carreira, que xa cruzara a meta uns segundos antes, foi o francés Alain Prost. De feito, o resultado deste Gran Premio de Mónaco de 1984 é completamente verídico: primeiro Alain Prost, segundo Ayrton Senna e terceiro René Arnoux.


02/10/2015

«Iroha», poema-pangrama xaponés


O poema tradicional nipón Iroha (いろは歌), atribuído ao monxe budista Kobo Daishi (774-835) (空海), recolle nos seus oito versos, sen repetición ningunha, todos os sons do xaponés. Este pangrama milenario, que podedes escoitar aquí, é empregado no Xapón como silabario para a aprendizaxe da súa lingua.

Velaquí o texto coa caligrafía arcaica hiragana:
いろはにほへと
ちりぬるを
わかよたれそ
つねならむ
うゐのおくやま
けふこえて
あさきゆめみし
ゑひもせす
Transcrición (e tradución aproximada):
I-ro-ha-ni-ho-he-to (Incluso as flores que florecen)
Chi-ri-nu-ru-wo (tarde ou cedo se esvaecerán.)
Wa-ka-yo-ta-re-so (Que hai neste mundo)
Tsu-ne-na-ra-mu (que podería durar eternamente?)
U-i-no-o-ku-ya-ma (As montañas profundas da vaidade)
Ke-fu-ko-e-te (nós cruzámolas hoxe.)
A-sa-ki-yu-me-mi-shi (Eu non verei máis soños superficiais)
E-hi-mo-se-su-n' (nin me deixarei enganar por eles.)
Na imaxe inicial vemos o poema en forma de mural-puzzle cerámico decorando un monolito da Praza do Pendón en Cabana de Bergantiños. Un monumento erixido aló por marzo de 2013 en solidariedade co pobo nipón ao se facer dous anos do sismo e da posterior catástrofe nuclear de Fukushima.


Esta obra é froito da colaboración entre o alumnado de bacharelato do IES Adormideras da Coruña e a Escola de Cerámica de Sargadelos. O proceso de fabricación foi laborioso: moldear as 429 pezas do crebacabezas, pasalas polo forno a 700 graos, pintar as letras, darlles un baño de esmalte e cocelas de novo a 1430 graos.

Un mosaico único, no esteiro do río Anllóns, que tamén homenaxea, en último termo, o espírito ludolingüista dun monxe do Xapón medieval.
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...