26 de nov. de 2015

En que se parece un corvo a un escritorio?


Hai 150 anos, tal día como hoxe, 26 de novembro, Lewis Carroll publicaba Alicia no país das marabillas. Esta obra mestra da literatura inglesa, traducida ao galego desde 1985, rompeu, como xa vimos, cos estreitos moldes didáctico-moralistas das obras infantís da época. Un canto á liberdade, á imaxinación e ao espírito lúdico, con múltiples lecturas, que incomodou a ríxida sociedade inglesa do momento e abriu novos camiños literarios.

En Alicia no país das marabillas abundan eses xogos verbais e de enxeño que tanto nos gustan. Hoxe, que incorporamos este clásico á nosa «bibliografía ludolingüística básica», centrarémonos nun dos seus enigmas máis coñecidos e arrevesados. No seu capítulo 7, Alicia está a tomar o té co Sombreireiro Tolo. Este preséntalle á nena a seguinte adiviña:

—Why is a raven like a writing desk?
(—En que se parece un corvo a un escritorio?)
Despois de divagar durante uns intres, o Sombreireiro pregunta:
—Have you guessed the riddle yet? —the Hatter said, turning to Alice again. 
—No, I give it up —Alice replied—. What's the answer? 
—I haven't the slightest idea —said the Hatter. 
(—Atopaches xa a solución ao enigma? —dixo o Sombreireiro, dirixíndose de novo a Alicia.
—Non. Doume por vencida. —replicou Alicia—. Cal é solución?
—Non teño a menor idea —dixo o Sombreireiro.)
Deste xeito, o enigma quedou sen resposta no libro. Desde entón, foron propostas centos de posibles conclusións. O propio Carroll recoñeceu, no prólogo da edición de 1896, que inicialmente non pensara en lle dar solución, mais o enigma se fixo tan coñecido que finalmente decidiu ofrecer esta:
Because it can produce very few notes, though they are very flat; and it is nevar [sic] put with the wrong end in front.
Porque ambos os dous poden producir unhas cantas notas, aínda que moi deprimentes. E nunca está coa parte de atrás cara a adiante). 
Unha tradución ben difícil polos seus xogos de palabras: o valor polisémico de notes (‘escritas’ e ‘musicais’) e flat (‘chan, liso’ e ‘desafinado’); e a paronimia entre never e nevar, inversión de raven (‘corvo’).

Máis alá desta proposta do propio Carroll, desenlear o enigma converteuse nun popular pasatempo para afeccionados e eruditos. Estas son só algunhas das respostas máis creativas e lúdicas:

Aldous Huxley, recorrendo tamén ao xogo de palabras, ideou esta resposta, con dobre sentido:
Because there is a «b» in both, and because there is an «n» in neither.
(Porque hai un «b» en ambos, e un «n» en ningún).
A David B. Jodrey, Jr. ocorréusellle esta:
Because both have quills dipped in ink.
(Porque os dous teñen plumas tinguidas de negro).
Con todo, a que máis me gusta é estoutra de Sam Loyd, dunha ocorrente ambigüidade motivada pola polisemia de on (‘sobre’).
Because Poe wrote on both.
(Porque Poe escribiu sobre ambos os dous).  
E certamente Edgard Allan Poe escribiu «sobre» un corvo: o famoso poema The Raven (1845). Mais... onde o escribiu? Pois «sobre» un escritorio!

Para rematar, dous agasallos: unha interesante entrada do Portal das Palabras dedicada ao libro de Alicia e un fermoso vídeo coa escena do té (con adiviña incluída) do filme animado Alice in Wonderland (1951) redeseñada por Gene Kogan co estilo de diferentes pintores clásicos (Pablo Picasso, Frida Khalo, Vincent van Gogh, Edvard Munch...). A gozar!


Solución aos xeróglifos literarios (24-11-15): A rosa de cen follas, Os dous de sempre, Os biosbardos, A fiestra baldeira, Cambio en tres, O paxaro na boca, Sombra do aire na herba.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...