16 de dec. de 2015

O yoda speak de George Lucas



Deste xeito coñecemos a Yoda nas salas de cine do país hai máis de 30 anos. E xa só restan dous días para a agardada estrea de The Force Awakens (A forza esperta), o novo filme da saga Star Wars. Un universo de ficción cheo de curiosidades lingüísticas: desde o peculiar idioma de Chewbacca (creado a base de gruñidos de animais), á asombrosa capacidade para a interpretación de C-3PO (que fala con fluidez máis de seis millóns de formas de comunicación). Mais hoxe dedicarei o comentario á fala do mestre Yoda: o yoda speak.

Certo é que, nos filmes orixinais, Yoda fala basicamente inglés. Con todo, recordo ler por algures que George Lucas, produtor, director e guionista, decidiu caracterizar o pequeno jedi dándolle á súa fala unha particular sintaxe. Así, Yoda adoita secuenciar as súas palabras na orde Obxecto + Suxeito + Verbo (abreviado: OSV). Quen sabe se se trata dunha interferencia da súa verdadeira lingua materna.
Found someone, you have, I would say. (Atopaches alguén, eu diría).
Hard to see, the dark side is. (Difícil de ver o lado escuro é).
Truly wonderful the mind of a child is. (Realmente marabillosa a mente dun neno é)
Your father he is, but defeat him you must. (Teu pai el é, mais derrotalo ti debes).

OSV é unha secuencia asociada a idiomas moi antigos, case primixenios, e moi, moi rara. Usada só por certas linguas amerindias e da África oriental. Se cadra, unha forma deliberada de acentuar ese aquel de sabedoría ancestral do personaxe.

Vexamos como se distribúen todas as combinacións sintácticas de Suxeito, Verbo e Obxecto nos diferentes idiomas do planeta, das máis comúns ás menos:
- SOV (Suxeito Obxecto Verbo) 45%: hindi, xaponés, persa, albanés...
- SVO (Suxeito Verbo Obxecto) 42%: galego, inglés, alemán, chinés...
- VSO (Verbo Suxeito Obxecto) 9%: galés, árabe, tuareg...
- VOS (Verbo Obxecto Suxeito) 3%: malgaxe, baure, fidxiano...
- OVS (Obxecto Verbo Suxeito) 1%: apalaí, hixkaryána...
- OSV (Obxecto Suxeito Verbo) 0%: warao, xavante...
http://www.yodaspeak.co.uk/index.php

Se sentes a chamada da forza, debes saber que dispós dun tradutor de yoda speak de balde na rede. Só tes que poñer as túas frases (en inglés, iso si), facer un clic e listo! Claro que para esa tradución tampouco fai falta un xerador, digo eu.

E lembra: Falar como Yoda ti podes!

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...