25 de dec. de 2016

Nadal anagramático



De novo a publicidade a tirar do teto da ludolingüística. E ademais, coa arte dos da axencia madrileña Lola, verdadeiros mestres dos xogos de palabras, como non podía ser menos nun anuncio para Scrabble. Xa o comprobamos aló atrás con estoutra marabilla anagramática

Desta vez, con Anagram Christmas, á parte do xogo de mesa, véndese a cara amable do Nadal. Enxeñosos anagramas que van transformando:

Violence (‘violencia’) en Nice love (‘amor bonito’)
Silent (‘silencioso/a, calado/a)’ en Listen (‘escoitar’)
Monster (‘monstro’) en Mentors (‘mentores’)
Fluster (‘poñer nervioso/a’) en Restful (‘relaxado/a’)
Misfortune (‘desgraza’) en It's more fun (‘é máis divertido’)
Untied (‘solto/a, desvinculado/a’) en United (‘unido/a’).  

Por certo, agora que todos os seguidores de xogosdelingua estades xa iniciados no shyriiwook, aquí vos deixo o noso amigo Chewbacca a cantarnos o vilancico «Silent night» (con subtítulos e todo!).



Felices Festas! Os mellores desexos para o 2017!

21 de dec. de 2016

Dous agasallos musicais





E seguimos cos agasallos natalicios. Grazas, outra vez, a Carta Xeométrica, decubrín estas dúas pezas que acrecentan o fondo musical do noso karaoke. Seguro que nestas semanas atoparemos ocasión para cantar estas e outras cancións, especialmente ideadas para os máis pequenos.

A primeira, «Peixiños do mar», de Magin Blanco, é un complemento do libro Os peixes e outra fauna mariña. Este proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística forma parte dunha serie máis ampla que busca achegarlles aos nenos o noso léxico patrimonial. Neste caso, a fauna mariña (peixes, crustáceos, moluscos...). 

A segunda, «A horta de Balbina», é un anticipo do novo libro-CD dos fabulosos María Fumaça, Aire, que estes días están a piques de presentar. Unha canción ideal, tamén, para traballar o vocabulario dos produtos da horta.

Boa mestura chea de vitaminas: xureliños, verzas, ameixas, cebolas, bacallaus, allos, castañetas, leitugas, camaróns, tomates, linguados, xudías, nécoras, cenorias... Ingredientes ideais para unha gorentosa caldeirada coa que aprender e normalizar cantando.

Bo proveito!

17 de dec. de 2016

Palíndromos ilustrados [14]


Achégase a febre consumista do Nadal. Ollo! A tomalo con calma! Non nos deixemos levar por antollos propios e alleos. Como o do palíndromo ilustrado de hoxe.

E como obsequio ludolingüístico, moito máis acaído, dúas adiviñas tiradas da nosa Biblia das adiviñas: ¿Que cousa é cousa...?, de Paco Martín.

No seu capítulo final, o volume recolle unha manda destes xogos de enxeño que amigos de aquí e acolá crearon para a ocasión. Nas palabras do propio Paco Martín:
Oitenta e catro autores galegos ofrecen eiquí 206 adiviñas orixinais que, estamos certos, pasarán a formar parte da cultura popular o que nos ha satisfacer a todos.
Neste caso, seleccionei dous doados enigmas relacionados co tempo no que andamos. Seguro que os dades resolto
A todo lle pon coroa,
alisa montes e chaos.
Ás veces voa,
ás veces queda, inerte.
Auguiña pra ter nas maos,
auguiña que non se verte.

                    Uxío Novoneyra
Porque teño cereixas bonitiñas
que no monte me comen as pitas
no Nadal me queren coller para adorniños me poñer
e foden as maus coas agullas das miñas follas verdeoscuras.

                    Ramón Reimunde

13 de dec. de 2016

O shyriiwook de Bern Burtt



Ao parecer, aló por 1976, Bern Burtt era estudiante da escola de cine da University of Southern California cando os produtores do primeiro flme de Star Wars contactaron con el pola súa habilidade como técnico de son. 

Logo de ler o guión orixinal, Burtt comezou cunha das tarefas para a cal o buscaran: crear a linguaxe falada por Chewbacca, o fiel compañeiro de Han Solo. Dediciu utilizar como base a voz dun oso negro dun zoo californiano chamado Tarik. Despois sincronizou os seus ruxidos cos sons dunha morsa, dun león e dun teixugo. Nacía así o shyriiwook, o idioma do wookies.

No universo de ficción d’A Guerra das Galaxias, o shyriiwook é a lingua principal destes xigantes peludos. Case imposible de pronunciar para os non-wookies, mais doada de comprender.

Na vida real, durante as filmacións, Peter Mayhew, o actor que sempre interpretou a «Chewie», falaba en perfecto inglés para facilitar o diálogo con Ford e lograr boas escenas. Así o vemos neste vídeo da rodaxe, co seu audio orixinal.



Feitas estas filmacións, Burtt retomaba o seu traballo e, no estudio de gravación, incorporaba á banda sonora os ruxidos máis axeitados ao diálogo e ao ton emocional: agarimoso, anoxado, riseiro...

E como o universo geek está cheo de caralláns, aquí ou aquí podedes atopar tradutores automáticos de shyriiwook! Unha vantaxe inestimable poder interpretar voces básicas como «huurh», «aarrragghuuhw» ou «uughguughhhghghghhhgh» no noso próximo encontro con wookies!

A dous días da estrea de Rogue One, aquí queda outra curiosidade máis sobre esta saga galáctica que non para de se expandir.

9 de dec. de 2016

Os artistas de Grafar





E máis humor gráfico de fondo ludolingüístico! Xogos de palabras e visuais para nos debuxar un sorriso na cara. Unha boa forma de facer máis agradable o día a día. 

Desta vez, de paseo pola rede, apareceu o blog Tinta China, inactivo xa hai tempo. Un recuncho onde unha serie de caricaturistas, ilustradores e humoristas gráficos do estado brasileiro de Río Grande do Sul, asociados baixo o nome de Grafar, ían recollendo boa parte do seu traballo. Coa etiqueta de «trocadilhos gráficos» podemos atopar ocorrentes pezas como as que vemos ao comezo. O calembur, a polisemia ou a paronimia a facer de novo das súas.

Como quen fai unha viaxe sen destino definido, convidovos a seguir a pescuda pola obra gráfica e ludolingüística de artistas como Koostela, Uberti, Vecente, Kayser e doutros «grafarianos». Adiante! A debuxar un sorriso no voso autorretrato!

5 de dec. de 2016

O problema de Antía

Préstavos un pequeno enredo coas matemáticas como tema de fondo? Aquí queda, para acrecentar a nosa colección de enigmas.

O problema de Antía
Na clase de Matemáticas de 5º de Primaria levaban varias semanas a traballar as operacións básicas: a suma, a resta, a multiplicación e a división. De cando en vez, Mónica, a mestra, adoitaba propoñer divertidos enigmas matemáticos.
Un dos que máis lles gustou aos rapaces foi este:
«Dous pastores falaban:
—Por que non me dás unha das túas ovellas? Así teremos a mesma cantidade.
A isto o seu amigo respondeulle:
—Mellor entrégame unha das túas e así eu terei o dobre de ovellas ca ti.
Cantas ovellas tiña cada un?»
Antía, unha das alumnas que máis gozaba con eses enredos, foi a que deu a solución: un pastor tiña 5 ovellas e o outro 7.
Nada máis dar a resposta ao problema dos pastores, a pequena Antía propúxolle o seguinte enigma á súa profesora:
«Como facemos para que, engadíndolle un a vinte, nos dea dezanove?»
Mónica, a aplicada mestra, aínda está agora a darlle voltas e voltas ao breve problema da nena, completamente correcto. E ti, podes dar coa solución?

Solución ao enigma «Theodoros, o viaxeiro» (9-9-2016): Theodoros nacera no ano 2055 antes de Cristo. Visitou por fin as pirámides de Exipto 70 anos despois, no ano 1985 a. C.

1 de dec. de 2016

Caligrafía a vasoirazos





Quen ía imaxinar que se podería crear a máis fermosa caligrafía cunha vasoira. Pois abofé que si. Aí tedes a Pokras Lampas, hai cousa dun ano, na azotea dunha antiga fábrica de Moscova (hoxe a Red October Gallery) a crear maior deseño caligráfico xamais feito. 

Impresionante o resultado e tamén o proceso de creación! Dúas vasoiras, 730 litros de pintura branca, 1625 metros cadrados de superficie e dous días de traballo. 

Todo un reto superado de forma brillante por este calígrafo e artista ruso que realiza proxectos multidisciplinares de todo tipo: instalacións, eventos publicitarios, interiorismo, body art...  Unha obra de récord, para ver desde o espazo, que mestura a arte caligráfica co streetart dos mellores graffiteiros. 

27 de nov. de 2016

Versos que enredan coa lingua


Gonzalo Navaza volve á nosa «bibliografía ludolingüística básica». Despois de Elucidario e d’A torre da derrota, hoxe, con todos vós, Libra (2000), obra coa que Navaza gañou o premio Premio Martín Codax e o Premio da Crítica Española. Trinta e seis poemas de carácter heteroxéneo no temático e no formal entre os que podemos atopar pequenas alfaias ludolingüísticas. Só tres exemplos: 

En «Vocálicas», atopamos un coidado xogo fónico consistente en versos monovocálicos, de tamaño decrecente, que se suceden seguindo a orde estrita «a - e - i - o - u».
Vocálicas
Cada palabra ar-
de, breve
iris
no
sur.
A palabra amaga
sempre
finxin-
do
luz.
En «Anagramática (trocas de Rosalía)», Navaza demostra a súa destreza elaborando un fermoso poema dedicado a Rosalía de Castro cuxos versos son anagramas do nome da nosa escritora máis universal.
Anagramática 
(trocas de Rosalía)
Claro Sar, doíaste.
Calor da rosa es ti,
correa das loitas,
crótalo das eiras.
Toda cal roseiras
traes ar do social.
Arda así certo sol.
Solta Corsaria,
claror de ti a soas.
Trae ríos calados
ó acerto das liras.
E, por último, «De obrigada melodía (solfa do fado)», uns dos meus preferidos pois nel o autor enreda a construír os seus enunciados combinando os nomes das notas musicais, como se adoita facer tamén nos xeróglifos.
De obrigada melodía
(solfa do fado)

A neve na noite cae
e fala do sol durmido.
Folerpa a folerpa mido
o azul do seu dondo don.
Fala do sol sumido
sobre o lar desolado
en que resido
coma se fose a idade
a caer.
Eu mido,
só no sollado,
a lena cadencia mol
desa neve, la do sol.
La con que mido o latexo
do meu tempo esfarelado.
O ton do alén, o son calado
da música que vén
do lado do fado.
Como vemos, poemas de miolo lúdico que non son simple artificio baleiro. Explícao ben aquí, Luciano Rodríguez:
As segundas intencións, os xogos de palabras, a procura de significados ocultos son aspectos que o autor de Libra manexa con habelencia. Mais isto en ningún momento debe facernos pensar que considera a creación literaria como un xogo ou un pasatempo. Todos estes recursos, así como outros artificios do verso ou da prosa, teñen en Gonzalo Navaza un dos máis hábiles executores na literatura galega actual, pero sempre están en función dos contidos e non como simples recursos que só manifestarían destreza e habilidade. 
E en Libra aínda hai máis. Anímase alguén a crear novos poemas seguindo estes tres modelos?

23 de nov. de 2016

Es quen de ver os dous lados?





Recoñeces George W. Bush, Osama bin Laden, Sadam HusseinFidel Castro ou Lula da Silva? De novo os endiañados deseñadores publicitarios a xogar coas letras; e, desta vez, para facer retratos. Hai xa uns anos a revista Veja, unha das de maior tiraxe do Brasil, lanzou esta fascinante campaña. O seu creador foi Roberto Fernández, que daquela traballaba para a axencia brasileira AlmapBBDO. 

Usando a técnica dos pinacogramas, o anuncio é, sen máis, palabras en negro sobre fondo amarelo. Iso si, deseñadas de xeito que reproducen o rostro de persoeiros internacionais. O aquel das pezas reside tanto na antítese entre os termos (guerra - pazameaza - pretextomorto - vivo; esquerda - direita), como en saber que domina a que: a palabra imponse á imaxe?, ou é ao revés?

Unha campaña multipremiada internacionalmente aló polo 2003 e 2004 que podemos atopar tamén en inglés.





Mensaxes sinxelas e directas relacionadas co contexto histórico daqueles anos e que se fan aínda máis efectivas acompañadas co lema da campaña: Quen le Veja entende os dois lados. Isto é, con Veja sempre podes observar a realidade desde diferentes puntos de vista. 

E o deseñador brasileiro fixo tamén unha versión da campaña sen faces, só con palabras inseridas dentro dos seus antónimos. Un verdadeiro xenio este Roberto Fernández. Es quen de ver os dous lados?



19 de nov. de 2016

Ata sempre, Narf



Se tivese que poñerlle sintonía a Xogosdelingua, eu escollería, sen dúbida, «O noso son», con letra de Pepe Sendón e música de Fran Pérez, Narf. Arriba escoitamos a peza nunha actuación a dúo do propio Narf co percusionista bahiano Paulo Silva. Un verdadeiro himno ludolingüístico que di tanto de nós, e só cunha vogal (ou máis ben con dúas), como xa explicamos aquí.
No soño non somos nós
Nós sós
Só nós
Cos nosos ósos
Co noso son
Non
Non somos nós os donos do noso son
Todos os nosos soños son con vós
Co voso cosmos
Co voso don
Non
Non somos nós os donos do noso son
Son tolo por vós
O noso son
Tolo por vós
Son son
Tolo por vós
O noso son
Tolo por vós
Non
Non somos nós os donos do noso son
Son son
Só soño con vós.
morte de Fran Pérez, con só 48 anos, foi realmente inesperada. Canta música por facer! Canta da que gozar! Que mágoa!

Se queredes coñecer algo mellor este referente imprescindible do panorama musical do noso país, velaquí vai a entrevista que lle fixeron os alumnos do IES de Curtis hai só un par de anos.



15 de nov. de 2016

Dúas paixóns unidas: maxia e encrucillados



David Kwong, mago e creador de encrucillados para o The New York Times, xa pasou por Xogosdelingua hai tempo
Creo que a maxia e os encrucillados son o mesmo, porque ambas as dúas cousas son a chave dun dos máis importantes impulsos humanos: a urxencia por solucionar. Os seres humanos estamos programados para poñer orde no caos.
Así comeza David Kwong a súa charla nun evento TED (Tecnología, Entretemento e Deseño). Para quen non o sabia, TED é unha organización sen ánimo de lucro cuxa misión é difundir ideas que pagan a pena. Pensadores e creadores de todo mundo son convidados para dar charlas en 18 minutos ou menos. Estas conferencias son desenvolvidas tamén a nivel local e son compartidas de balde (tradúcense e subtitúlanse a través dunha rede global de voluntarios). 

Gozade desta conferencia, que á vez é un abraiante espectáculo de maxia. Non perdades detalle, non pestanexedes e acabaredes coa boca aberta diante do incrible talento de David Kwong!

11 de nov. de 2016

As «locurrencias» do «Equivocablo»



Convosco o madrileño Daniel Montero Galán, unha das mentes ludolingüistas máis retortas e brillantes que coñezo. Desbordante na imaxinación e no sentido do humor. Con este vídeo promocionaba o seu Equivocablo (Tropiezones silábicos) (2013), un libro imprescindible para calquera amante dos xogos de palabras. 

Así o describe o autor:
Este bocavolario está cargado de locurrencias que atentan contra la RAE y hacen temblar hasta a los mejores logopedas. Repleto de contra-dicciones dispares y disparatadas, dispara palabrejas, ya sean de estrújulas, llamas o amudas, pues las sílabas son descolocadas a su antojo para formar nuevas definiciones. Alucinarás en colores, bueno, realmente solo en tres, con este maravilloso método para aprender a deshablar en siete días cualquier lengua.
Daniel Montero é un verdadeiro malabarista do calembur, da polisemia, da epéntese... Recursos cos que estarrica, retorce, divide, encolle e revira os vocábulos igual que un prestidixitador manexa ao seu antollo un xogo de naipes. Outro ludolingüista (lembra este ou estoutro) que, desde o castelán, demostra unha abraiante habilidade coas palabras... e co lapis! A gozar! 









7 de nov. de 2016

Cal é o propósito da linguaxe?


John Keating: A man is not «very tired». He is «exhausted». Don't use «very sad». Use... come on Mr. Overstreet!
Knox: «Morose»?
John Keating: Exactly, «morose». Language was developed for one endeavor, and that is... Mr. Anderson? Come on, are you a man or an amoeba? Mr. Perry?
Neil: To communicate.
John Keating: No! To woo women! 
John Keating: Un home non está «moi canso». Está está «exhausto». Non digan que está «moi triste», digan… Sr. Overstreet?
Knox: «Desfeito»?
John Keating: Exactamente, «desfeito». A linguaxe desenvolveuse por unha razón, e esa é... Sr. Anderson? Vamos, é vostede un home ou unha ameba? Sr. Perry?
Neil: Para a comunicación.
John Keating: Non. Para impresionar as mulleres.
O pouco convencional o profesor Keating subliñaba deste xeito, en Dead Poets Society (1989), a importancia de escoller as palabras axeitadas para cada momento. Porque todos sabemos que non é o mesmo «moi grande» ca «inmenso», nin «moi pequeno» ca «minúsculo», nin «moi limpo» ca «inmaculado»...


A noticia do suicidio de Robin Williams hai un par de anos deixoume fondamente conmovido. Un actor de enorme talento que admiraba pola credibilidade que daba a personaxes tan dispares como o excéntrico locutor de radio de Good Morning Vietnam! (1987), o loitador pai divorciado de Mrs. Doubtfire (1993) ou o solitario psicólogo de Good Will Hunting (1997).

En Dead Poets Society, filme coñecido entre nós como O Club dos Poetas Mortos, Robin Williams interpreta o inesquecible John Keating, un vitalista e inspirador profesor de literatura da conservadora academia Welton. Todo un Mestre, con maiúsculas, que incentiva nos seus alumnos o espírito inconformista e crítico e tamén o amor polas palabras. A través da poesía, busca demostrar o verdadeiro poder da linguaxe.
John Keating: Na miña clase aprenderán a pensar por vostedes mesmos. Aprenderán a saborear a palabra e a linguaxe. Porque, a pesar do que lles digan, a palabra e as ideas poden cambiar o mundo.

3 de nov. de 2016

Palíndromos ilustrados [13]


TU QUOQUE, FILI MI (‘tamén ti, meu fillo’), seica dixo Xulio César (100-44 a. C.) ao ver entre os traidores que o asasinaban o seu propio sobriño, Bruto, ao que amaba como un fillo.

De Pedro Sánchez falar galego, ben poderiamos pensar que esta frase reversible foi a última que pronunciou, antes de dimitir como deputado, ao se despedir, por exemplo, do seu estimado compañeiro Antonio Hernando.

Só hai sete días do último palíndromo ilustrado, mais, co cadáver político de Pedro Sánchez aínda quente, urxía dar saída a esta nova peza. Porque xa se sabe, que cando «non» deixa de ser «non», a «abstención» pasa a ser «si».


Tradución:
¡Oye! ¡No es no! ¡Lo es!
Hey! No means no! It is!

30 de out. de 2016

Aristófanes, sesquipedalista


Vaia elemento este Aristófanes (444-385 a.C.)! Todo un xenio do humor da Grecia clásica, co atrevemento dun verdadeiro revolucionario. A súa comedia Asamblearias (ou A asemblea de mulleres) arrinca con Blépiro, o marido da protagonista Praxágora, intentando defecar na rúa, sen éxito, mentres debería estar votando na asemblea de cidadáns. Unha obstrución rectal que vén representar, de forma cómica e escatolóxica, a incapacidade dos varóns para o bo goberno. De feito, o asunto desta obra xira arredor dun grupo de mulleres, liderado por Praxágora, que pretende salvar Atenas mediante unha dobre revolución: o goberno das mulleres (o matriarcado) e a comunidade de bens (un anticipo do comunismo). 

En Asamblearias atopamos ademais a arte ludolingüística de Aristófanes: xogos de palabras que deron lugar, por exemplo, á que é considerada a palabra máis longa da literatura universal (con 171 letras no grego clásico orixinal). Así son os seis versos e medio que ocupa este termo:
λοπαδοτεμαχοσελαχογαλεο-
κρανιολειψανοδριμυποτριμματο-
σιλφιολιπαρομελιτοκατακεχυμενο-
κιχλεπικοσσυφοφαττοπεριστερα-
λεκτρυονοπτοπιφαλλιδοκιγκλοπε-
λειολαγῳοσιραιοϐαφητραγα-
νοπτερυγών.
En grego actual:
Lopado­temajo­selajo­galeo­kranio­leipsano­drim­ipo­trimmato­silfio­karabo­melito­katakeji­meno­kijl­epi­kossifo­fato­perister­alektrion­opte­kefalio­kinklo­peleio­lagoio­siraio­bafe­tragano­pterigón.
Afortunadamente atopei a súa tradución aquí:
Cazolada de toros de peixe, raia, zapata, cachos de cabeza con prebe picante salpresada con silfio, aceite e mel, estorniños, merlos, pombiños, pombas torcaces, galos, lavercas asadas, muxes, pombiños, lebres cocidas en viño coas súas ás.

Con esta descomunal e hilarante voz composta noméase o prato do banquete que pecha a obra. As mulleres cociñan esa «delicatessen» de peixes, carnes e mollos variados como representación da aspiración á paridade: para intentar satisfacer os gustos de todos.

Un colosal exemplo de palabra estarricada que me lembra aqueloutra marabilla do sesquipedalismo literario galego, de Vicente Risco:
republicorrevoluciosocialsindicalagroanarquicomunista (53 letras). 

26 de out. de 2016

Palíndromos ilustrados [12]


Un novo palíndromo ilustrado feito na casa. Desta volta, de contido gandeiro. Unha vaca ben xeniúda enlamada case ata as orellas. Un palíndromo, ademais, monovocálico!

E como complemento, a canción «Animais» de Luar na Lubre, pertencente ao seu CD Camiños da fin da terra (2007). Coa súa vaca, co seu boi, co seu caracol e co resto dos bechos, ideal para traballar cantando o campo semántico dos animais.
Os animais
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Van subindo á Arca de dous en dous
O boi, a vaca e o caracol
E soben cando chove e cando fai calor
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Van subindo á nave de tres en tres
A garza farta e o cempés
Din adeus coa súa patiña, andando do revés

Os animais de catro en catro
u-ah!, u-ah!
Os animais de catro en catro
u-ah!, u-ah!
Van de catro en catro os animais
E o saltón saltou de máis
Quere pillalo un home que filma documentais

Os animais de cinco en cinco
u-ah!, u-ah!
Os animais de cinco en cinco
u-ah!, u-ah!
E se van marchando en procesión
O lince, a ovella e o leirón
Ao afundirse a Terra, acaba esta canción
Cando se afunda a Terra, acaba esta canción
Trátase dunha melodí­a de orixe irlandés, que coa emigración acabou popularizada en América, variándoa con diferentes letras. A versión de Luar na Lubre é unha adaptación de Xabier Cordal dunha das letras tradicionais, que, segundo explican na súa web, ten unha posible orixe bí­blica.





Tradución:
La vaca mala en el barro cava.
The bad cow digs in the mud.

22 de out. de 2016

Os «Conta6» da Churrusqueira

Sempre resulta gratificante saber que as propostas que un lanza á arañeira teñen certa acollida e utilidade. No comentario de hoxe recollo un exemplo da forza da rede para mellorar e expandir unha idea. 






Velaí unha escolma de cinco magníficos microrrelatos ilustrados da amiga Churrusqueira, publicados no seu Zarampagalegando baixo o epígrafe Conta6. Animouse a deseñalos, conta ela, a raíz da divulgación aquí, en Xogosdelingua, da lenda urbana segundo a cal Hemingway escribira a súa coñecida novela de seis palabras «For sale: Baby shoes. Never worn.» para gañar unha aposta. 

E a amiga Churrusqueira aló foi, de cabeza. Unha imaxinación privilexiada a súa, da que xermolaron todas esas historias xigantes condensadas en só seis palabras, que contan tanto polo que din como polo que calan. Ah! E coa forza da imaxe e da tipografía para pechar o círculo!

Parabéns, Churrus, e graciñas mil!

18 de out. de 2016

Unha tipografía a flor de pel


JC Debroize é o director creativo do estudo de deseño gráfico francés Kerozen. A xeito de brincadeira decidiu, un bo día, crear unha tipografía inspirada no seu equipo que deseñadores. De nome púxolle Human Type, como a que vimos hai pouco.

O primeiro foi crear as formas das letras con plastilina. Logo, todo o demais. Así o explicou:
Empregamos imaxes das caras do equipo de deseño, logo fixemos un mapeo de texturas da pel e colocámolo en cada letra con Photoshop. Despois engadimos o cabelo e os ollos. Non foi un problema mostrar unha imaxe pouco favorecedora de nós, rimos a escachar facéndoo.
Pouco custa imaxinar as risadas ao contemplaren o resultado final. Impactante! Entre cómico e perturbador! Unhas letras de hiperrealista aparencia humana: pel, ollos, pestanas, lunares, cabelos, engurras... Case parece sentirse a transpiración.


Mágoa que JC Debroize non fixese un alfabeto completo e se limitase a sete deseños: un por cada letra do nome da marca, que coinciden tamén co seu número de compañeiros.

Outra marabillosa doa para a nosa colección de tipografías lúdicas e creativas.

14 de out. de 2016

2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos


Vaia zoupada! Un deses gifs de poder hipnótico co cómico trompazo dun malabarista do ioió. Non sei se perdeu os dentes. En todo caso, mesmo sen dentame, o protagonista podería participar perfectamente no noso 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos.

Como vemos en Cotovía, un marabilloso recurso do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o galego posúe un rico sistema vocálico. De feito, o curioso é que na nosa lingua resulta doado darmos con enunciados compostos só por vogais. Hai un ano, tal día como hoxe, 14 de outubro, lanzabamos aquí a proposta de crear relatos mínimos cunha única condición: que carecesen por completo de sons consonánticos. Houbo brillantes achegas. Hoxe, 365 días despois, propoñémosvos de novo o reto. Aquí vai un de colleita propia.


Queda aberto, daquela, o 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos. Fagan xogo!

11 de out. de 2016

O calembur de Espe



Quen diría que o calembur, isto é, o xogo de variar a división dunha ou de varias palabras (centolas - cen tolas) podería ter tanto rendemento lúdico e humorístico. De seguirdes con máis ou menos frecuencia Xogosdelingua, saberedes da enorme produtividade deste recurso: xeróglifos, humor gráfico, adiviñas...

Resulta ademais curioso o misterio da súa etimoloxía. Uns dicionarios sosteñen que «calembur» procede do italiano calamo burlare (algo así como ‘burlar coa pluma’). Outras fontes falan dun étimo árabe kalembusu (‘palabra equívoca’). E tamén se fala por algures da curiosa historia do conde de Kalemburg, que o poeta francés Georges de Bièvre fixo famoso ao lle dedicar varios poemas satíricos. Neles empregaba este xogo de palabras para parodiar os continuos erros do nobre alemán, embaixador de Westfalia na corte de Luis XVI, ao falar francés.

Hoxe, encabezando este comentario, o vídeo dunha campaña de promoción de Telemadrid do ano 2007. Inicialmente nada estraño nela. Nada estraño ata que algún atento ollo ludolingüista descubriu a mensaxe subliminal, o calembur oculto: «Telemadrid. Espejo de lo que somos» pasa a ser «Telemadrid. Espe jode lo que somos», co hipocorístíco de Esperanza Aguirre, daquela presidenta da Comunidade de Madrid.




En poucos días, a brincadeira difundiuse de forma viral. Blanca Gomará, a creativa responsable da empresa que deseñou a campaña, asegurou que ninguén reparara inicialmente no xogo de palabras. Mesmo explicou no seu momento que o primeiro lema proposto, «Telemadrid. Reflejo de lo que somos», fora modificado pola propia dirección do ente público. 

O caso é que axiña se revelou, de forma intencionada ou non, a alusión a Esperanza Aguirre. Todo un logro do enxeño verbal no contexto das loitas políticas durante o mandato da ex-presidenta madrileña.

7 de out. de 2016

«Quid est veritas?»


Como xa vimos aquí, o anagrama é un artificio lingüístico practicado desde os tempos antigos.

No Evanxeo de San Xoán, durante o xuízo a Xesús, Poncio Pilatos di: QUID EST VERITAS? («Que é a verdade?») (Xoán. 18:38). Os eruditos afirman que con esta pregunta Pilatos cuestiona, a xeito de burla, a afirmación previa de Xesús de que el é «o testemuño de verdade». En realidade, Pilatos non preguntou en latín, senón en grego vulgar, koiné, e Xesucristo non respondeu nada. 

Con todo, os cristiáns de espírito ludolingüístico ben poderían considerar que Xesús calou porque a resposta se atopaba na propia pregunta, en forma de anagrama:
QUID EST VERITAS? («Que é a verdade?»)
EST VIR QUI ADEST. («É o home que está en fronte túa»)

Algúns atribúen este abraiante xogo de palabras a San Xerome. Outros a Don Anacleto Bendazzi, sacerdote italiano, profesor de latín de Xoán XXIII e grande afeccionado aos anagramas e aos palíndromos. Contan que o seu epitafio consta de tres parellas de anagramas: «Lepida-Lapide», «Putredine-D'un Prete», «Storico di-Cristo Dio». Súa é tamén a asombrosa obra Vita di Cristo in mile anagrammi

Un novo exemplo da maxia dos anagramas. Amén.

3 de out. de 2016

O chinés, un chisco máis fácil





O chinés é un bo exemplo de lingua analítica ou illante. Neste tipo de idiomas os elementos semánticos e gramaticais, a diferenza do que sucede no noso, permanecen separados e constitúen palabras distintas. Debido a isto, nas linguas illantes as palabras adoitan ser monosilábicas e non amosan ningún tipo de variación formal. 

Daquela, os que queiran aprender chinés non terán que complicarse con regras de flexión de xénero ou número, con variacións de tempo e modo verbais, con complexas declinacións... Iso si, estes principiantes xa poden ter en boa forma a súa memoria pois, para expresar todos os conceptos do chinés, terán que aprender uns 40.000 símbolos gráficos ou kanjis (como xa vimos noutras entradas).

Para resolver esta dificultade xurdiu o proxecto Chineasy, un sistema de ensinanza-aprendizaxe do chinés baseado na asignación de imaxes aos caracteres (como arriba) co que se fai así máis doado o seu recoñecemento. Unha idea que me recorda un divertido xogo de deseñar debuxos a partir de letras que vimos hai tempo.

No seguinte vídeo, a creadora Chineasy, ShaoLan Hsueh, preséntanos o seu método. Por certo, totalmente gratuíto, aínda que solicitan a colaboración do público vía crowdfounding para continuar o seu desenvolvemento.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...