18 de xan. de 2016

Se chove, deixa chover



Despois dun outono sen auga, a chegada da choiva pareceu reverdecer non só o país, senón tamén o blogomillo. Así, xurdiu a brillante iniciativa de poñer en marcha un padrón dos recunchos blogueiros de noso. E tamén a propia choiva abrollou como tema central de interesantes comentarios aquí e acola. Traio hoxe só dúas mostras ben acaídas para Xogosdelingua.

Vía Carta Xeométrica, descubrín, en formato karaoke, a fermosa versión que Pablo Díaz fixo do poema «Chove en Galiza» de Xosé María Díaz Castro. Procedía da canle de Youtube «Cancións en galego». Por aquí, onde reloucamos por estes vídeos musicais subtitulados, dar con esta canle tan cargadiña de pezas listas para seren cantadas foi toda unha alegría.

Só uns días antes, en Caderno de Lingua, foi publicada unha entrada verdadeiramente monumental, chea de información, ligazóns e recursos arredor do noso case infindo universo léxico da choiva. Un tema que asocio sempre coa hipótese Sapir-Whorf da que falamos aló atrás. Lembrades? Aquela teoría segundo a cal a relación entre lingua e pensamento é tan estreita que a nosa fala condiciona o xeito de vermos o mundo. Esa teoría é a que explica, por exemplo, que o galego posúa unhas 100 palabras para nos referir á choiva. En función de diversos factores (o estado da auga, a súa cantidade ou intensidade, a presenza de vento...) a nosa lingua desenvolveu un amplo abano de termos dunha precisión extrema. Ademais da choiva (ou chuvia), chuvisca ou chuviña (do latín PLUVIA), temos: treboada, trebón ou torbón (do latín TURBO ‘movemento circular’); poalla, poalleira ou poallada (do latín PULVIS ‘pó en suspensión’); ballón ou balloada (do latín BULLIO ’ebulición’) e moitos, moitos outros (orballo, dioivo, cifra, mera, arroiada...).

É posible apreciar toda esta riqueza expresiva nun magnífico traballo publicado na rede polos profesores Anxo González e Victoria Ogando.

E para rematar, a proposta lúdica: se queredes poñer a proba os vosos coñecementos sobre o campo semántico dos ‘fenómenos atmosféricos’, xogade a resolver estes dous encrucillados (1 e 2).

Solución á mensaxe encriptada co código dos bailaríns (14-1-2016): Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma (Castelao)

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...