28/02/2016

Que palabra é?

Xa levaba unha chea de tempo sen dedicar unha entrada aos enigmas. Hoxe, un do trinque cento por cento ludolingüístico. 

 
Que palabra é?
Máxima Incógnita, experta en enigmística e xogos de palabras de sona internacional, faleceu de morte natural. O seu viúvo, Renato, aos poucos días de lle dar sepultura, decidiu poñer algo de orde nos papeis de Máxima, pois o certo é que a erudita era bastante desleixada. 
Entre libros e cadernos, o home topou unha nota algo engurrada co seguinte texto:
Esta é una palabra de 4 letras
que ten 3, decote leva 6
raramente consta de 9 e
endexamais se escribe con 10.
Aínda que Renato era afeccionado aos enredos de enxeño, non daba descuberto de que palabra se trataba. Outros amigos tamén versados en enigmística intentaron, sen éxito, dar coa resposta. Finalmente, decidiron publicar a adiviña postuma de Máxima Incógnita na prestixiosa revista internacional de enigmística Sphinx Review. Hoxe a solución está aínda por aparecer. 
Poderías ti atopala?

Solución ao enigma «As pitas da señora Remedios» (6-10-15):
A señora Remedios vendéralle só seis galiñas: tres cegas de todo e tres cos dous ollos perfectamente sans.

24/02/2016

Bo día de Rosalía!



O día 24 de febreiro de 1837 nacía Rosalía de Castro, figura nuclear das nosas letras e, para orgullo de todos nós, autora de recoñecemento universal. Hoxe súmome ás celebracións deste aniversario divulgando, sen máis, dous magníficos recursos audiovisuais que xa teñen un tempo.

Encabezando a entrada, a fermosísima animación do clásico poema rosaliano «A xustiza pola man». Peza creada polo alumnado de Debuxo Artístico de 2º de Bacharelato do IES As Barxas (Moaña) e gañadora do Festival de Audiovisual Escolar «Olloboi» na súa edición do 2015.

E pechándoa, se premes aquí ou na imaxe, tedes a unidade didáctica «Xogando con Rosalía», elaborada no 2012 pola biblioteca do CEIP Alexandre Bóveda de Chapela (Redondela). Unha proposta chea de xogos e actividades interactivas para nos aproximar á vida e á obra da poeta galega.

http://www.chiscos.net/xestor/chs/ninivarela/xogando_con_rosali_a/xogando_con_rosali_a.html

Bo día de Rosalía!

20/02/2016

Eu son teu pai



E seguimos coa nosa particular saga de Star Wars. Desta vez, cunha homenaxe á frase máis famosa do cine: «I’m your father». Ou polo menos iso afirmaban hai anos en Wikinoticia, á luz dunha enquisa feita entre 1500 internautas para a web Lovefilm.com.

Como vemos arriba, nós escoitamos «Eu son teu pai» na voz de Tacho González, o magnífico dobrador galego de Darth Vader. Un enunciado que pasou a engrosar a listaxe de oracións míticas que se fixeron populares nos anos dourados da nosa TVG, coma estoutras tiradas do sempre imprescindible Pelisdobradasaogalego.

 

 

 

Por certo, coñecedes Engale? Évos o recurso ideal para gozardes dos mellores filmes galegos e internacionais dobrados ao galego, on line e de balde.

E para lle poñer o ramo, aquí queda unha mostra multilingüística da transcendencia da paternal frase de Darth Vader: a súa versión dobrada en 20 linguas diferentes. Cales son as que máis bos gustan?

16/02/2016

Cuarto aniversario!

 

Tal día como hoxe, hai catro anos, botaba a andar Xogosdelingua.

E para celebralo aquí deixo este vídeo
da versión musicada do poema «Conto de medo» de Manuel María,
do seu xa clásico As rúas do vento ceibe (1979).
O seu autor, Manuel R. Crespo (que xa pasou por aquí con «Un ratiño pequeniño»).
Unha peza ben acaída para este 2016.



Graciñas pola fidelidade!

14/02/2016

«Reading the ABCs from Space»


Grazas á Churrusqueira, descubrín este incrible alfabeto. O complemento perfecto para aqueloutro de Jesse Vig formado por edificacións humanas vistas desde centos de quilómetros de altura.

Fedellando un chisco na rede souben que foi unha columna de fume en forma de «V» a que lle deu a Adam Voiland, do Observatorio da Terra da Nasa, a idea de recompilar un alfabeto con imaxes capturadas enteiramente desde o espazo.

«E coa axuda de lectores e colegas comencei a recompilar imaxes de elementos efémeros como nubes, florecementos de fitoplancton e nubes de po que creaban formas que lembraban letras», comenta Voiland.

Do vasto arquivo de imaxes do que dispón este Observatorio, tomadas por telescopios, satélites e astronautas, foron xurdindo todas as grafías do abecedario (inglés) ata lle dar forma a Reading the ABCs from Space. Polo visto as que lle resultaron máis difíciles de atopar foron o «A», o «B» e o «R».

Velaí vai unha selección das que máis me gustaron. Quen se anima a buscar a través de Google Earth e sobre a xeografía galega as 23 letras do noso alfabeto? Se cadra, con tempo, algunha vogal ou consoante pode aparecer por aquí.

Letra D. Illa Akimiski. Bahía James (Canadá)

Letra E. Florecemento de fitoplancton (Nova Zelandia)

Letra P. Delta do río Mackenzie (Canadá).

Letra Q. Cráter Lonar (India)

Letra S. Formacións nebulosas sobre o océano Atlántico.

Solucións ás pezas de humor gráfico de Sesé (10-2-16): sufixación (vendedor, nadador, aspirador...), antonimia (alegre - cabreada), calembur (chovendo - cho vendo), polisemia (chourizo embutido’ / chourizo ‘ladrón’), campo semántico (profesións: cociñeira, chofer, enfermeira, policía...), frase feita («mexan por nós e temos que dicir que chove»).

10/02/2016

O humor de Sesé







Que tal un chisco de humor? Lembrades como as pezas de Xosé Lois, de Luís Davila, de Xaquín Marín, de Xoán Andrade, de Sabela Arias e doutros artistas gráficos galegos nos demostraron a produtividade dos xogos de palabras para xerar comicidade?

Hoxe é a quenda de María José Mosquera Beceiro, máis coñecida como Sesé ou Sex. Esta mestra, ilustradora e humorista gráfica amósanos periodicamente a súa visión cómica dos problemas cotiás da xente de a pé na edición ferrolá de La Voz de Galicia. Podes seguir as súas historias no blog Humordesese.

As pezas anteriores basean o seu humor ludolingüístico na sufixación, na antonimia, no calembur, na polisemia, no campo semántico e na frase feita. Poderías identificar en cales?

06/02/2016

Unha fantástica máquina expendedora

 

Hai anos, de viaxe por Noruega, quedei sorprendido ao ver polas rúas de Bergen máquinas expendedoras de paraugas. Con todo, máis alá da novidade daquel artefacto, o que non deixaba de me dar voltas na cabeciña era unha cuestión: Como demo nunca tal vira en Compostela? Ou na Coruña? Ou en Vigo? Mesmo hoxe, uns cantos anos despois, aínda me sigo a facer esa pregunta.

O certo é que, cunha pequena andaina pola arañeira, calquera pode descubrir o asombroso e vasto universo destes aparellos de venda polo miúdo: flores, roupa interior, centolas vivas, coches smart...

A medalla de ouro dos dispensadores insólitos corresponde, na miña opinión, ás máquinas que desde hai uns meses se poden atopar en Grenoble, a capital dos Alpes franceses. Vía papelenblanco, souben que en certos espazos públicos desta cidade onde é obrigado esperar (oficina de turismo, paradas de autobús...) foron situados dispensadores de... microrrelatos! E do mellor modo posible: de balde!

Neses intres de espera, en lugar de botar man ao móbil, de xeito automático e case patolóxico, con estoutros aparellos é posible premer un simple botón e gozar duns minutos de boa lectura. Corrixo, realmente son tres botóns, segundo o tempo de lectura que che preste: 1, 3 ou 5 minutos. De teres máis tempo, podes ler historias sen parar. O formato é unha tira de papel continuo de 8 cm de ancho e de longo variable en función dos minutos. Os textos son orixinais achegados pola comunidade de editores e autores de Short Edition, a pequena empresa emerxente local na que se ideou o proxecto. Unha iniciativa fantástica que se fixo posible grazas tamén á colaboración de Eric Piolle, alcalde de Grenoble do partido ecoloxista.


Se cadra, en calquera momento, ao dobrar unha rúa, petarei cun destes artefactos e premendo sen máis un botón poderei ler algunha pequena xoia de Raymond Carver, Alexander Solyenitzin, Haruki Murakami, Augusto Monterroso, Jorge L. Borges, Suso de Toro, Sechu Sende...

Ou, se cadra, darei cun espendedor de paraugas. Quen sabe?!

Aquí tes a nova toda explicadiña... en francés. 


02/02/2016

O menor «slam» do mundo



Os poetry slams, ou batallas de poesía falada, están de moda (1, 2, 3, 4...). O que me engaiolou do slam que encabeza a entrada, celebrado en São Paulo hai un par de anos, foi a busca da condensación extrema, con tres modalidades na mesma noite: o MENOR SLAM DO MUNDO (poemas de ata 10 segundos), o MINIMENOR SLAM DO MUNDO (poemas de ata 3 segundos) e o NANOSLAM DO MUNDO (poemas de 1 segundo).

As regras básicas dos poetry slams son:
1) Un poema (ou texto) por vez, debendo ser de autoría do/a poeta (poden ser lidos).
2) Sen accesorios, sen disfraces, sen acompañamento musical.
3) Os poemas deben axustarse ao límite de tempo.
4) Un xurado formado por varias persoas (5 ou 7), sorteadas entre o público, debe valorar as actuacións tendo en conta a forma e o contido, a expresividade e a inspiracion poética.
5) Os membros do xurado conceden candansúa nota despois dos poemas. A nota máis alta e a máis baixa non se teñen en conta.
Despois das roldas estipuladas, só un dos participantes é proclamado gañador ou gañadora. Os poetry slams convértense así na modalidade lúdico-deportiva da poesía falada. 


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...