30 de mar. de 2016

Os 10 mellores logos ambigramáticos

Para facer un logotipo que sobresaia dos demais, os deseñadores deben espremer ben os miolos e tirar todo o proveito da súa creatividade. Unha das técnicas máis efectivas neses deseños é o ambrigama. Xa sabedes, un texto que pode ser lido na posición normal e tamén cando a imaxe xira 180 graos.

Hai tempo trouxemos por aquí o que posiblemente foi o primeiro logo ambigramático: o dos mistos Chump, que vemos á dereita, publicado en 1908.

Pescudando na arañeira, é posible dar cunha boa cantidade de ambigramas que serven de distintivo a todo tipo de marcas. De entre eles, seleccionei os dez que máis me gustaron. De non concordardes coa miña escolla, podedes facer visitar, por exemplo, a galería de Logopond e elaborar as vosas propias listaxes.

10. Oysho
 

 

8. Odigo
 

 

6. Pig
  

 

4. Dynamo 
 

3. New man
  

2. Be bop
 

26 de mar. de 2016

O mundo está cheo de sons

 

De novo a voltas coa apaixonante ciencia da onomatopea. Engaiolado sempre (como podes comprobar aquí ou aquí) pola incrible diversidade de voces que un son pode xerar segundo a cultura que o interprete.

Ese mesmo estraño feitizo caeu sobre ilustrador James Chapman, creador de Soundimals, un recuncho de Tumbir cheo de marabillosas láminas coas onomatopeas xurdidas en diferentes linguas para un mesmo son (o ladrido dun can, o chío dun paxariño ou mesmo... un peido).



 

E outra engaiolada polo asombroso poder da onomatopea é Arika Okrent, experta en psicolingüística e linguaxes artificiciais. Ela é a autora do instrutivo vídeo que pecha a entrada. Nel explícanos, en inglés, por que no mundo temos diferentes onomatopeas para un mesmo son animal. Non deixedes de visitar a súa canle de Youtube, chea doutros fantásticos vídeos sobre lingüística («Como comezou a linguaxe?», «Por que é tan estraña a ortografía do inglés?»...)


23 de mar. de 2016

Parellas imposibles e falsos amigos


 


 

 

Non, a entrada de hoxe non trata das difíciles relacións interpersoais. As imaxes iniciais amósannos outra brillante proposta de Zarampagalegando para aprendermos lingua de forma visual. Unha mostra ben amena de que unha imaxe, se non vale exactamente mil palabras, si pode aclarar mil dúbidas.

Neste caso, coa idea feliz das «parellas imposibles», a Churrusqueira fainos ver, de forma ilustrada, cales son os falsos amigos que cómpre evitar en bo galego. A Wikipedia define falso amigo como «unha palabra doutros idiomas que se parece (na escritura ou na pronunciación) a unha palabra na lingua materna do falante, mais que ten un significado diferente». Esa similitude formal (homonimia ou paronimia) provoca unha chea de interferencias; no noso caso, especialmente, co castelán.

Por exemplo: o caso da vela galega e da vela castelá. Os galegos temos de noso velapeza de tecido resistente que, ao recibir o impulso do vento, fai avanzar unha embarcación’ e candeaobxecto cilíndrico de cera que leva unha torcida no seu interior e serve para alumar’. Como ben sabemos, o castelán vela, que posúe nese idioma ambos os dous significados anteriores, tornou en falso amigo que favoreceu a interferencia dunha vela foránea que despraza a nosa lexítima candea.

Graciñas, Churrusqueira, por botar luz ao tema!

18 de mar. de 2016

Palíndromos ilustrados [7]

 

Non me prestan nadiña eses «Días de...» con notorio espírito comercial. Un deles, o Día do Pai. Mais o caso é que, con este relocente palíndromo acabado de saír do forno, non se me ocorreu ocasión máis propicia para publicalo. Aí queda, ben clariña, a inexorable influencia de fillos sobre pais.

E, con todo, se para mañá, día 19, alguén busca un agasallo orixinal, dei na arañeira con Ozocogz.com, outro espazo de deseñadores de camisolas que ben paga a pena. O ano pasado, como vedes deseguido, lanzaron por estas datas unha campaña ben xeitosa. Ou non?!

 

 



Tradución:
El ánimo del niño lo domina.
The mood of the child dominates him.

14 de mar. de 2016

O incrible encrucillado preditivo

 

Pode un encrucillado predicir con total seguridade quen gañará unhas eleccións políticas? Grazas a Un arácnido unha camiseta, podo dicir que a resposta é... si!

O 5 de novembro de 1996 celebrábanse as eleccións presidenciais nos EUA con dous candidatos favoritos: o demócrata Bill Clinton e o republicano Bob Dole. Esa mañá, The New York Times publicou un encrucillado de Jeremiah Farrell que prognosticaba o gañador. A predición, realmente infalible, non se baseaba nos poderes vaticinadores de Farrell, senón no seu enxeño ludolingüístico.

Na definición 39 horizontal do pasatempo podía lerse: Lead story in tomorow's newspaper (algo así como ‘O protagonista dos titulares da prensa de mañá’). E, efectivamente, alí estaba o resultado cunhas horas de antelación: CLINTON ELECTED. A chave do enredo residía en que as definicións das voces verticais que achegaban as sete letras de CLINTON tamén podían achegar as sete de BOBDOLE. É dicir, neses espazos, as definicións verticais tiñan dúas solucións correctas: a 39 vertical dicía «Animal negro de Halloween» (podía ser cat ‘gato’ ou tamén bat ‘morcego’), a 40 vertical era «Palabra do francés básico» (servía lui ‘el’ mais tamén oui ‘si’) e así sucesivamente. Daquela temos dúas solucións alternativas (CLINTON e BOBDOLE) igualmente válidas. O erro era imposible!

 

O crucigramista Jeremiah Farrell creou así o que se coñece como un encrucillado de Schrödinger, na honra do físico austriaco Erwin Schrödinger e do seu paradoxo do gato, que serve para explicar o mundo cuántico, onde poden coexistir varios estados ao mesmo tempo. Fascinante!

10 de mar. de 2016

«Xersee esesene»


Chega á «bibliografía ludolingüística básica» Polaroid (1986), de Suso de Toro. Un verdadeiro best seller de noso grazas a súa gran difusión como lectura en centros de ensino nas últimas tres décadas. Pola súa ambientación urbana, polo seu ton irónico e pola vontade experimental, este conxunto de relatos breves supuxo, con certeza, un cambio de rumbo respecto dos moldes narrativos daqueles anos.

De entre os seus contos (algúns míticos como «Colacao», «Manifesto Kamizaze» ou «Galicia, esa merda»), seleccionei este «Xersee esesene», o máis acaído para Xogosdelingua.
XERSEE ESESENE
Ecebe de mercer en xersee cheléseme. Peguee es peles pere estee contente. Veene peñer egere mesme. E ver, e ver. Que chelede. Emes ver que tel quede cee cemese.
¡Mecenede! ¡Quede ceme en geente! ¡E que ben se exeste! ¡Cerelle, perece que eperte en peece! ¡Esté epertende! ¡Cede vez eperte mées! ¡Ne gerxe, nen me deexe resperer! ¡Eeegg...! ¡En xersee esesene! !Eeeeeggg...!
Como vemos, igual que nese xogo infantil en que só se pode falar cunha vogal, en «Xersee esesene» todas as palabras aparecen alteradas de xeito que posúen unicamente a vogal «e». Con todo, este trazo non é un enredo superfluo, senón a esencia da historia. Claro que, para descubrilo, cómpre ler repoñendo as vogais orixinais en cada voz. Só así se desvelan as poliédricas calidades da peza: co seu aquel de texto humorístico, de enigma criptográfico, de relato de terror e de proposta ludolingüística. Brillante!

Así que, xa sabedes, de non coñecerdes aínda o relato, enfrontádevos devagar á lectura de «Xersee esesene».

6 de mar. de 2016

Un palíndromo accidental de Caetano Veloso



Hoxe, a historia dun palíndromo accidental: «Irene ri», da canción «Irene» de Caetano Veloso. Xa vimos varias demostracións do xenio ludolingüístico do músico baiano, mais desta vez, ao parecer, o enunciado simétrico non xurdiu á mantenta. Estando no cárcere, pouco antes do seu exilio forzoso en Londres, a Caetano xurdiulle a imaxe liberadora da súa irmá pequena Irene a rir e, de aí, naceu a canción. Uns versos que revelan saudade e un evidente desexo de liberdade.

«Irene ri» gaña valor, ademais, por se converter no propio retrouso da peza.
Eu quero ir, minha gente, eu não sou daqui
Eu não tenho nada, quero ver Irene rir
Quero ver Irene dar sua risada. (bis)
Irene ri, Irene ri, Irene
Irene ri, Irene ri, Irene
Quero ver Irene dar sua risada
Hai outra versión clásica deste tema: a interpretada por Toquinho, Vinicius de Moraes e Maria Creuza no mítico primeiro álbum dos gravados ao vivo na sala La Fusa de Bos Aires. Con todo, no vídeo que encabeza a entrada tedes unha adaptación que o propio Caetano fixo nun concerto do 2011 da canción orixinal do seu Álbum branco (1969).

2 de mar. de 2016

«Me morías de África»

 
«Hipo y Condrias» son dous doutores, doutos en varias materias que nos explican a diferenza entre a hipocondría e o hipopótamo (supoñendo que esta diferenza exista). Departen sobre humores humanos, iniciativas iniciais e ocasos ocasionais…
O non.
Así se presenta o dúo cómico «Hipo y Condrias» na súa web. Afincados en Ermua (Biscaia), levan en activo desde o ano 2011. Nos seus espectáculos, os médicos Hipo (Markus Gimeno, que xa coñecemos como poeta palindrómico) e Condrias (Juanma Rodríguez) falan sobre enfermidades, sobre tratamentos e sobre o que faga falta, sempre co enredo coas palabras como ferramenta fundamental. Uns ludolingüistas consumados que, ao xeito doutros que xa vimos aquí ou aquí, fan exhibición da súa arte ao vivo sobre un escenario.

Deseguido, unha mostra realmente brillante: o sketch «Me morías de África», un exemplo esmendrellante do rendemento do calembur, da polisemia e da paronimia en combinación co sentido do humor e coa creatividade. E todiño sustentado sobre topónimos africanos!

Ollo! Se cadra tedes que darlle ao play dúas veces para pillar todos os xogos de palabras.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...