29/09/2016

Ludolingüística en «quadrinhos»






Antonio Eder, ilustrador e humorista gráfico brasileiro, é autor d’O breve verbo, un dos meus blogs ludolingüísticos de cabeceira. Mágoa que nos últimos anos non estea moi activo.

Entre as xoias que se poden atopar nel están as tiras gráficas que encabezan a entrada, deseñadas polo propio Eder. Lipogramas, palíndromos, esopías e outros xogos de palabras explicados de forma visual, amena e sinxela.  Nas súas palabras:
Há um tempo atrás desenhei mais de 90 páginas de HQ sobre jogos verbais. Não saiu por editora alguma, ta lá na gaveta. Formatei o projeto e começo de um formato mais «light». [...] O BREVE VERBO em tiras tem a pretenção de ser aquilo que é: um punhado de curiosidades sobre a PALAVRA, essa unidade mágica que possibilita infinitas interpretações. 
O certo é que esas 90 páxinas de «Historias en Quadrinhos» que non daban atopado editora, por sorte, acabaron vendo a luz en papel: O breve verbo (2012). Unha pequena marabilla bibliográfica que combina dúas das miñas paixóns: os xogos verbais e o humor gráfico. Quen tivera a arte de Antonio Eder!



25/09/2016

Tipografía emocional



Como vimos hai tempo, non é a primeira vez que o corpo humano se emprega como lenzo para xerar unha nova tipografía. Desta volta, a ilustradora e directora parisiense Béatrix de Gevigney decidiu ir un chisco máis aló co seu proxecto Human Type.

Primeiro pintou sobre o rostro de vinte e seis persoas cadansúa letra. Despois asignoulle a cada modelo un estado ou emoción que comezase pola súa letra, por exemplo: A de ahuri (aparvado), D de dubitatif (dubitativo), F de fatigué (canso), R es de rageur (rabioso), S de suprise (sorprendido)... Deseguido os «actores e actrices» interpretaron ese concepto e, clic!, unha foto (ou varias). Así, só restou escoller imaxe máis acaída. «Cando o suxeito cobra vida, a letra prégase á expresión da súa faciana», explica Béatrix. Todo conta: cellas arqueadas, boca entreaberta, ollos regalados... 


Aquí vedes unhas mostras en detalle. Unha tipografía emocional ideal, tamén, para practicardes o campo semántico dos sentimentos en francés.






Visto en unapalabra.


21/09/2016

Perdido na tradución



A xente de Babel preparou este vídeo para presentar algunhas desas palabras que só existen nunha lingua. No mundo fálanse uns 6.000 idiomas e todos eles describen con amplitude e riqueza da vida humana. Con todo, quen xa tivo a oportunidade de viaxar ou de aprender unha nova lingua sabe que existen certas palabras que non conseguimos traducir con exactitude. Para non perder na tradución, cómpre explicalas con frases.

Como xa vimos aló atrás, a estrutura da nosa propia lingua afecta os nosos procesos cognitivos e a maneira en como racionalizamos e articulamos as ideas. Por iso, sempre resulta fascinante dar cunha desas voces que amosan unha forma distinta e orixinal de contemplar o mundo.

Iso mesmo deberon pensar a rusa Maria Tiurina e a neocelandesa Anjana Iyer cando decidiron empregar a súa arte para ilustrar algunhas desas xoias lingüísticas (visto en unapalabra).

MARÍA TIURINA


cafuné (portugués do Brasil) ‘acto de aloumiñar alguén pasando os dedos entre os seus cabelos’



gufra (árabe) ‘cantidade de auga que se pode apañar nunha man’



baku-shan (xaponés) ‘muller fermosa, mais só vista polas costas’

ANJANA IYER



ilunga (tshiluba) ‘persoa capaz de perdoar e esquecer unha ofensa unha primeira vez, tolerala unha segunda vez, mais nunca unha terceira vez’


hanyauku (kwangali) ‘acto de andar na puntiña dos pés sobre area quente’


schadenfreude (alemán) ‘pracer que senten algunhas persoas ao ver o sufrimento dos outros’

17/09/2016

Pola rúa e... zas, foto! [2]


Aquí tedes o fermoso ambigrama que serve de logotipo a unha tenda de decoración no centro da Coruña. O palíndromo «Anna» convértese en ambigrama só con xirar 180 graos o segundo «A». Como xa sucedera tempo atrás, foi ver o deseño e... zas, foto! 

A imaxe quedou gardada á espera de dar con outras semellantes. Por sorte, non tiven que agardar moito. Este mes de agosto, en Lisboa, de visita pola Fundação José Saramago, reparei neste azulexo.


Axiña me decatei de que se trataba do logo da Fundación. Outro logrado desenho ambigramático. O «S» de Saramago formado con dous «J» de José. Mesmo se diría que tamén ten forma de «F» de Fundação. Pódese conseguir máis con menos? Realmente brillante!


Por certo, de irdes por Lisboa, é unha visita que non podedes perder. Está situada na Casa dos Bicos, un antigo palacete totalmente restaurado na parte baixa do barrio de Alfama. Acolle unha ampla exposición permanente dedicada á vida e á obra do Premio Nobel portugués, titulada «A semente e os frutos», e tamén outras actividades culturais como presentacións de libros, representacións teatrais, conferencias e coloquios.

13/09/2016

Do papel á pantalla


Na sala de cine, cando comeza a proxección do filme, as máis das veces non presto atención ao nome do director ou directora, nin ao dos actores ou actrices. Non é por desinterese. Ocorre, sen máis, que só teño ollos para a tipografía dos títulos iniciais: o seu deseño, a súa disposición, os seus movementos... Toda unha arte que busca asociar eses textos á esencia mesma da fita, anticipar a súa temática, provocar determinadas sensacións.

Para todos os amantes da tipografía e do cine deixo deseguido a curtametraxe titulada From Paper to Screen, do deseñador francés Thibault de Fournas. Foi o seu traballo final de graduación e dividiuna en dúas partes: na primeira fálanos das regras básicas da composición tipográfica e na segunda aborda a evolución da tipografía no cine. 



Claro que de quererdes ir máis aló e gozar devagar dos títulos iniciais de Saul Bass, Fritz Freleng, Kyle Cooper ou Garson Yu, podedes visitar The Movie Title Stills Collection, web que conta cunha voluminosa colección de fotogramas da cabeceira de filmes desde 1920 ata a actualidade. Este titánico proxecto debémosllo agradecer ao deseñador Christian Annyas, que recompilou todas esas pezas ata conformar un fantástico percorrido tipográfico pola historia do cine.


E para rematar, a miña lista das cinco mellores secuencias de títulos iniciais. Claro que, se non vos convencen, teño outras cinco diferentes. Cales son as vosas?

Psycho (1960), deseñador Saul Bass


The Pink Panther (1963), deseñador Friz Freleng



Barbarella (1975), deseñador Maurice Binder



Seven (1995), deseñador Kyle Cooper



Watchmen (2009)deseñador Garson Yu


Solución ao palíndromo gráfico (5-9-2016): olla gota gato gallo.

09/09/2016

Theodoros, o viaxeiro

Hoxe toca poñer o enxeño a traballar coa curiosa historia dun viaxeiro grego. Seguro que non será moi difícil dar coa solución.  

Theodoros, o viaxeiro
Aló polo ano 1990, Theodoros facía 65 anos. Este grego, mestre de profesión, era un verdadeiro apaixonado das viaxes. Sabedor de que xa entraba na derradeira etapa da súa vida, sentiu a necesidade de visitar por primeira vez Exipto e ver en persoa as grandes pirámides e outras reliquias da antigüidade. Para poder realizar esta desexada viaxe, decidiu aforrar durante cinco anos. Estaría en Exipto polo seu aniversario número 70.
Xusto cinco anos despois, Theodoros atopábase, por fin, perante a gran pirámide de Giza, en Exipto. Marabillado polo magnífico monumento, decidiu gravar na pedra cun coitelo o seu nome, xunto aos dos outros turistas que se podían ler na pedra.
Curiosamente, isto aconteceu no ano 1985... 
Como é posible?

Solución ao enigma «A cea do gobernador» (5-6-2016): A resposta é 1 persoa. Imaxinemos que Fiz é o gobernador de Kgovjni. Como vemos coas frechas de cores do seguinte gráfico, cun único convidado poden cumprirse todas as relacións de parentesco expresadas no enigma. (1): O cuñado do seu pai. (2): O sogro do seu irmán. (3): O pai do seu cuñado. Así, o único convidado sería o seu tío Brais.

 

05/09/2016

Un novo recuncho ludolingüístico!



Todos os que, coma min, devezades polos xogos de palabras non podedes perder unapalabra, o meu último descubrimento na rede. Trátase dun espazo ludolingüístico creado polo deseñador gráfico mexicano Ivan W. Jiménez.

Ivan é un deses deseñadores fascinados pola palabra en todas as súas dimensións: semántica, formal e gráfica. Un bo día, despois de andar de parola cun amigo universitario, descubriu o concepto de metagrafo (neoloxismo referido á alteración gráfica dunha palabra que dá lugar a unha nova interpretación, moitas veces, cargada de humor). De volta á casa, a súa cabeciña non parou ata crear o seu primeiro metagrafo (que lembra algúns poemas visuais que xa pasaron por aquí). Así o explica:
Foi así que, a partir dunha emoticona nace unapalabra, dun momento feliz representado por dous puntos «:» e un «D» maiúsculo; mesma letra incluída na palabra «felicidad». Entón, a través dunha pseudo-epéntese (adición dun fonema ou máis no interior dunha palabra) integro outro signo –alleo á palabra– para pretender simpatía: FELICIDA:D
En unapalabra Ivan recolle unha chea de xogos verbais de creación propia. Os xa mencionados metagrafos.


Calembures. Algún, coma o seguinte, con seu abraiante deseño ambigramático!


Palíndromos ilustrados.


Ou mesmo propostas lúdicas como esta, a medio camiño entre o palíndromo e a adiviña gráfica. Seguro que o dades resolto: é doado!


01/09/2016

Palíndromos ilustrados [11]


De volta á actividade! E agora que na RAE están a piques de lle ofrecer unhas butacas aos redefinidores da palabra «corrupción», aí vai un palíndromo retranqueiro dedicado ao discurso político. A razón, sinxela: porque o primeiro que me trouxo á cabeza este enunciado reversible foi o hilarante episodio das explicacións da señora Cospedal, secretaria xeral do PP, sobre o pagamento en diferido do finiquito do seu ex-tesoureiro Luís Bárcenas. 



O dicionario da Real Academia Galega define verborrea como ‘abundancia ou exceso de palabras, xeralmente inútiles ou baleiras de contido’. Provén do latín verbum ‘palabra, verba’ e do elemento de orixe grega -rrea 'fluxo', 'acción de manar' (como en seborrea, diarrea ou gonorrea). Unha voz ben acaída para describir a «habilidade» de María Dolores para converter en incomprensible o inexplicable. Claro que xa temos visto noutras ocasións como o discurso político é propicio para esa cháchara baleira e sen sentido.

Como agasallo final, os xenuínos mestres da arte da verborrea cómica, os irmáns Marx na escena clásica da «parte contratante da primeira parte», de Sopa de ganso (1933). Políticos de aquí e de acola, tomade boa nota!


Tradución:

A error, breve verborrea.
For error, short verbiage.

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...