30/10/2016

Aristófanes, sesquipedalista


Vaia elemento este Aristófanes (444-385 a.C.)! Todo un xenio do humor da Grecia clásica, co atrevemento dun verdadeiro revolucionario. A súa comedia Asamblearias (ou A asemblea de mulleres) arrinca con Blépiro, o marido da protagonista Praxágora, intentando defecar na rúa, sen éxito, mentres debería estar votando na asemblea de cidadáns. Unha obstrución rectal que vén representar, de forma cómica e escatolóxica, a incapacidade dos varóns para o bo goberno. De feito, o asunto desta obra xira arredor dun grupo de mulleres, liderado por Praxágora, que pretende salvar Atenas mediante unha dobre revolución: o goberno das mulleres (o matriarcado) e a comunidade de bens (un anticipo do comunismo). 

En Asamblearias atopamos ademais a arte ludolingüística de Aristófanes: xogos de palabras que deron lugar, por exemplo, á que é considerada a palabra máis longa da literatura universal (con 171 letras no grego clásico orixinal). Así son os seis versos e medio que ocupa este termo:
λοπαδοτεμαχοσελαχογαλεο-
κρανιολειψανοδριμυποτριμματο-
σιλφιολιπαρομελιτοκατακεχυμενο-
κιχλεπικοσσυφοφαττοπεριστερα-
λεκτρυονοπτοπιφαλλιδοκιγκλοπε-
λειολαγῳοσιραιοϐαφητραγα-
νοπτερυγών.
En grego actual:
Lopado­temajo­selajo­galeo­kranio­leipsano­drim­ipo­trimmato­silfio­karabo­melito­katakeji­meno­kijl­epi­kossifo­fato­perister­alektrion­opte­kefalio­kinklo­peleio­lagoio­siraio­bafe­tragano­pterigón.
Afortunadamente atopei a súa tradución aquí:
Cazolada de toros de peixe, raia, zapata, cachos de cabeza con prebe picante salpresada con silfio, aceite e mel, estorniños, merlos, pombiños, pombas torcaces, galos, lavercas asadas, muxes, pombiños, lebres cocidas en viño coas súas ás.

Con esta descomunal e hilarante voz composta noméase o prato do banquete que pecha a obra. As mulleres cociñan esa «delicatessen» de peixes, carnes e mollos variados como representación da aspiración á paridade: para intentar satisfacer os gustos de todos.

Un colosal exemplo de palabra estarricada que me lembra aqueloutra marabilla do sesquipedalismo literario galego, de Vicente Risco:
republicorrevoluciosocialsindicalagroanarquicomunista (53 letras). 

26/10/2016

Palíndromos ilustrados [12]


Un novo palíndromo ilustrado feito na casa. Desta volta, de contido gandeiro. Unha vaca ben xeniúda enlamada case ata as orellas. Un palíndromo, ademais, monovocálico!

E como complemento, a canción «Animais» de Luar na Lubre, pertencente ao seu CD Camiños da fin da terra (2007). Coa súa vaca, co seu boi, co seu caracol e co resto dos bechos, ideal para traballar cantando o campo semántico dos animais.
Os animais
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Os animais de dous en dous
u-ah!, u-ah!
Van subindo á Arca de dous en dous
O boi, a vaca e o caracol
E soben cando chove e cando fai calor
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Os animais de tres en tres
u-ah!, u-ah!
Van subindo á nave de tres en tres
A garza farta e o cempés
Din adeus coa súa patiña, andando do revés

Os animais de catro en catro
u-ah!, u-ah!
Os animais de catro en catro
u-ah!, u-ah!
Van de catro en catro os animais
E o saltón saltou de máis
Quere pillalo un home que filma documentais

Os animais de cinco en cinco
u-ah!, u-ah!
Os animais de cinco en cinco
u-ah!, u-ah!
E se van marchando en procesión
O lince, a ovella e o leirón
Ao afundirse a Terra, acaba esta canción
Cando se afunda a Terra, acaba esta canción
Trátase dunha melodí­a de orixe irlandés, que coa emigración acabou popularizada en América, variándoa con diferentes letras. A versión de Luar na Lubre é unha adaptación de Xabier Cordal dunha das letras tradicionais, que, segundo explican na súa web, ten unha posible orixe bí­blica.





Tradución:
La vaca mala en el barro cava.
The bad cow digs in the mud.

22/10/2016

Os «Conta6» da Churrusqueira

Sempre resulta gratificante saber que as propostas que un lanza á arañeira teñen certa acollida e utilidade. No comentario de hoxe recollo un exemplo da forza da rede para mellorar e expandir unha idea. 






Velaí unha escolma de cinco magníficos microrrelatos ilustrados da amiga Churrusqueira, publicados no seu Zarampagalegando baixo o epígrafe Conta6. Animouse a deseñalos, conta ela, a raíz da divulgación aquí, en Xogosdelingua, da lenda urbana segundo a cal Hemingway escribira a súa coñecida novela de seis palabras «For sale: Baby shoes. Never worn.» para gañar unha aposta. 

E a amiga Churrusqueira aló foi, de cabeza. Unha imaxinación privilexiada a súa, da que xermolaron todas esas historias xigantes condensadas en só seis palabras, que contan tanto polo que din como polo que calan. Ah! E coa forza da imaxe e da tipografía para pechar o círculo!

Parabéns, Churrus, e graciñas mil!

18/10/2016

Unha tipografía a flor de pel


JC Debroize é o director creativo do estudo de deseño gráfico francés Kerozen. A xeito de brincadeira decidiu, un bo día, crear unha tipografía inspirada no seu equipo que deseñadores. De nome púxolle Human Type, como a que vimos hai pouco.

O primeiro foi crear as formas das letras con plastilina. Logo, todo o demais. Así o explicou:
Empregamos imaxes das caras do equipo de deseño, logo fixemos un mapeo de texturas da pel e colocámolo en cada letra con Photoshop. Despois engadimos o cabelo e os ollos. Non foi un problema mostrar unha imaxe pouco favorecedora de nós, rimos a escachar facéndoo.
Pouco custa imaxinar as risadas ao contemplaren o resultado final. Impactante! Entre cómico e perturbador! Unhas letras de hiperrealista aparencia humana: pel, ollos, pestanas, lunares, cabelos, engurras... Case parece sentirse a transpiración.


Mágoa que JC Debroize non fixese un alfabeto completo e se limitase a sete deseños: un por cada letra do nome da marca, que coinciden tamén co seu número de compañeiros.

Outra marabillosa doa para a nosa colección de tipografías lúdicas e creativas.

14/10/2016

2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos


Vaia zoupada! Un deses gifs de poder hipnótico co cómico trompazo dun malabarista do ioió. Non sei se perdeu os dentes. En todo caso, mesmo sen dentame, o protagonista podería participar perfectamente no noso 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos.

Como vemos en Cotovía, un marabilloso recurso do IES Aquis Celenis (Caldas de Reis), o galego posúe un rico sistema vocálico. De feito, o curioso é que na nosa lingua resulta doado darmos con enunciados compostos só por vogais. Hai un ano, tal día como hoxe, 14 de outubro, lanzabamos aquí a proposta de crear relatos mínimos cunha única condición: que carecesen por completo de sons consonánticos. Houbo brillantes achegas. Hoxe, 365 días despois, propoñémosvos de novo o reto. Aquí vai un de colleita propia.


Queda aberto, daquela, o 2º Certame de Microrrelatos Aconsonánticos. Fagan xogo!

11/10/2016

O calembur de Espe



Quen diría que o calembur, isto é, o xogo de variar a división dunha ou de varias palabras (centolas - cen tolas) podería ter tanto rendemento lúdico e humorístico. De seguirdes con máis ou menos frecuencia Xogosdelingua, saberedes da enorme produtividade deste recurso: xeróglifos, humor gráfico, adiviñas...

Resulta ademais curioso o misterio da súa etimoloxía. Uns dicionarios sosteñen que «calembur» procede do italiano calamo burlare (algo así como ‘burlar coa pluma’). Outras fontes falan dun étimo árabe kalembusu (‘palabra equívoca’). E tamén se fala por algures da curiosa historia do conde de Kalemburg, que o poeta francés Georges de Bièvre fixo famoso ao lle dedicar varios poemas satíricos. Neles empregaba este xogo de palabras para parodiar os continuos erros do nobre alemán, embaixador de Westfalia na corte de Luis XVI, ao falar francés.

Hoxe, encabezando este comentario, o vídeo dunha campaña de promoción de Telemadrid do ano 2007. Inicialmente nada estraño nela. Nada estraño ata que algún atento ollo ludolingüista descubriu a mensaxe subliminal, o calembur oculto: «Telemadrid. Espejo de lo que somos» pasa a ser «Telemadrid. Espe jode lo que somos», co hipocorístíco de Esperanza Aguirre, daquela presidenta da Comunidade de Madrid.




En poucos días, a brincadeira difundiuse de forma viral. Blanca Gomará, a creativa responsable da empresa que deseñou a campaña, asegurou que ninguén reparara inicialmente no xogo de palabras. Mesmo explicou no seu momento que o primeiro lema proposto, «Telemadrid. Reflejo de lo que somos», fora modificado pola propia dirección do ente público. 

O caso é que axiña se revelou, de forma intencionada ou non, a alusión a Esperanza Aguirre. Todo un logro do enxeño verbal no contexto das loitas políticas durante o mandato da ex-presidenta madrileña.

07/10/2016

«Quid est veritas?»


Como xa vimos aquí, o anagrama é un artificio lingüístico practicado desde os tempos antigos.

No Evanxeo de San Xoán, durante o xuízo a Xesús, Poncio Pilatos di: QUID EST VERITAS? («Que é a verdade?») (Xoán. 18:38). Os eruditos afirman que con esta pregunta Pilatos cuestiona, a xeito de burla, a afirmación previa de Xesús de que el é «o testemuño de verdade». En realidade, Pilatos non preguntou en latín, senón en grego vulgar, koiné, e Xesucristo non respondeu nada. 

Con todo, os cristiáns de espírito ludolingüístico ben poderían considerar que Xesús calou porque a resposta se atopaba na propia pregunta, en forma de anagrama:
QUID EST VERITAS? («Que é a verdade?»)
EST VIR QUI ADEST. («É o home que está en fronte túa»)

Algúns atribúen este abraiante xogo de palabras a San Xerome. Outros a Don Anacleto Bendazzi, sacerdote italiano, profesor de latín de Xoán XXIII e grande afeccionado aos anagramas e aos palíndromos. Contan que o seu epitafio consta de tres parellas de anagramas: «Lepida-Lapide», «Putredine-D'un Prete», «Storico di-Cristo Dio». Súa é tamén a asombrosa obra Vita di Cristo in mile anagrammi

Un novo exemplo da maxia dos anagramas. Amén.

03/10/2016

O chinés, un chisco máis fácil





O chinés é un bo exemplo de lingua analítica ou illante. Neste tipo de idiomas os elementos semánticos e gramaticais, a diferenza do que sucede no noso, permanecen separados e constitúen palabras distintas. Debido a isto, nas linguas illantes as palabras adoitan ser monosilábicas e non amosan ningún tipo de variación formal. 

Daquela, os que queiran aprender chinés non terán que complicarse con regras de flexión de xénero ou número, con variacións de tempo e modo verbais, con complexas declinacións... Iso si, estes principiantes xa poden ter en boa forma a súa memoria pois, para expresar todos os conceptos do chinés, terán que aprender uns 40.000 símbolos gráficos ou kanjis (como xa vimos noutras entradas).

Para resolver esta dificultade xurdiu o proxecto Chineasy, un sistema de ensinanza-aprendizaxe do chinés baseado na asignación de imaxes aos caracteres (como arriba) co que se fai así máis doado o seu recoñecemento. Unha idea que me recorda un divertido xogo de deseñar debuxos a partir de letras que vimos hai tempo.

No seguinte vídeo, a creadora Chineasy, ShaoLan Hsueh, preséntanos o seu método. Por certo, totalmente gratuíto, aínda que solicitan a colaboración do público vía crowdfounding para continuar o seu desenvolvemento.





Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...