25/12/2016

Nadal anagramático



De novo a publicidade a tirar do teto da ludolingüística. E ademais, coa arte dos da axencia madrileña Lola, verdadeiros mestres dos xogos de palabras, como non podía ser menos nun anuncio para Scrabble. Xa o comprobamos aló atrás con estoutra marabilla anagramática

Desta vez, con Anagram Christmas, á parte do xogo de mesa, véndese a cara amable do Nadal. Enxeñosos anagramas que van transformando:

Violence (‘violencia’) en Nice love (‘amor bonito’)
Silent (‘silencioso/a, calado/a)’ en Listen (‘escoitar’)
Monster (‘monstro’) en Mentors (‘mentores’)
Fluster (‘poñer nervioso/a’) en Restful (‘relaxado/a’)
Misfortune (‘desgraza’) en It's more fun (‘é máis divertido’)
Untied (‘solto/a, desvinculado/a’) en United (‘unido/a’).  

Por certo, agora que todos os seguidores de xogosdelingua estades xa iniciados no shyriiwook, aquí vos deixo o noso amigo Chewbacca a cantarnos o vilancico «Silent night» (con subtítulos e todo!).



Felices Festas! Os mellores desexos para o 2017!

21/12/2016

Dous agasallos musicais





E seguimos cos agasallos natalicios. Grazas, outra vez, a Carta Xeométrica, decubrín estas dúas pezas que acrecentan o fondo musical do noso karaoke. Seguro que nestas semanas atoparemos ocasión para cantar estas e outras cancións, especialmente ideadas para os máis pequenos.

A primeira, «Peixiños do mar», de Magin Blanco, é un complemento do libro Os peixes e outra fauna mariña. Este proxecto da Mesa pola Normalización Lingüística forma parte dunha serie máis ampla que busca achegarlles aos nenos o noso léxico patrimonial. Neste caso, a fauna mariña (peixes, crustáceos, moluscos...). 

A segunda, «A horta de Balbina», é un anticipo do novo libro-CD dos fabulosos María Fumaça, Aire, que estes días están a piques de presentar. Unha canción ideal, tamén, para traballar o vocabulario dos produtos da horta.

Boa mestura chea de vitaminas: xureliños, verzas, ameixas, cebolas, bacallaus, allos, castañetas, leitugas, camaróns, tomates, linguados, xudías, nécoras, cenorias... Ingredientes ideais para unha gorentosa caldeirada coa que aprender e normalizar cantando.

Bo proveito!

17/12/2016

Palíndromos ilustrados [14]


Achégase a febre consumista do Nadal. Ollo! A tomalo con calma! Non nos deixemos levar por antollos propios e alleos. Como o do palíndromo ilustrado de hoxe.

E como obsequio ludolingüístico, moito máis acaído, dúas adiviñas tiradas da nosa Biblia das adiviñas: ¿Que cousa é cousa...?, de Paco Martín.

No seu capítulo final, o volume recolle unha manda destes xogos de enxeño que amigos de aquí e acolá crearon para a ocasión. Nas palabras do propio Paco Martín:
Oitenta e catro autores galegos ofrecen eiquí 206 adiviñas orixinais que, estamos certos, pasarán a formar parte da cultura popular o que nos ha satisfacer a todos.
Neste caso, seleccionei dous doados enigmas relacionados co tempo no que andamos. Seguro que os dades resolto
A todo lle pon coroa,
alisa montes e chaos.
Ás veces voa,
ás veces queda, inerte.
Auguiña pra ter nas maos,
auguiña que non se verte.

                    Uxío Novoneyra
Porque teño cereixas bonitiñas
que no monte me comen as pitas
no Nadal me queren coller para adorniños me poñer
e foden as maus coas agullas das miñas follas verdeoscuras.

                    Ramón Reimunde
Tradución:
A Papá Noel: león a papá.
For Santa: a lion for dad.

13/12/2016

O shyriiwook de Bern Burtt



Ao parecer, aló por 1976, Bern Burtt era estudiante da escola de cine da University of Southern California cando os produtores do primeiro flme de Star Wars contactaron con el pola súa habilidade como técnico de son. 

Logo de ler o guión orixinal, Burtt comezou cunha das tarefas para a cal o buscaran: crear a linguaxe falada por Chewbacca, o fiel compañeiro de Han Solo. Dediciu utilizar como base a voz dun oso negro dun zoo californiano chamado Tarik. Despois sincronizou os seus ruxidos cos sons dunha morsa, dun león e dun teixugo. Nacía así o shyriiwook, o idioma do wookies.

No universo de ficción d’A Guerra das Galaxias, o shyriiwook é a lingua principal destes xigantes peludos. Case imposible de pronunciar para os non-wookies, mais doada de comprender.

Na vida real, durante as filmacións, Peter Mayhew, o actor que sempre interpretou a «Chewie», falaba en perfecto inglés para facilitar o diálogo con Ford e lograr boas escenas. Así o vemos neste vídeo da rodaxe, co seu audio orixinal.



Feitas estas filmacións, Burtt retomaba o seu traballo e, no estudio de gravación, incorporaba á banda sonora os ruxidos máis axeitados ao diálogo e ao ton emocional: agarimoso, anoxado, riseiro...

E como o universo geek está cheo de caralláns, aquí ou aquí podedes atopar tradutores automáticos de shyriiwook! Unha vantaxe inestimable poder interpretar voces básicas como «huurh», «aarrragghuuhw» ou «uughguughhhghghghhhgh» no noso próximo encontro con wookies!

A dous días da estrea de Rogue One, aquí queda outra curiosidade máis sobre esta saga galáctica que non para de se expandir.

09/12/2016

Os artistas de Grafar





E máis humor gráfico de fondo ludolingüístico! Xogos de palabras e visuais para nos debuxar un sorriso na cara. Unha boa forma de facer máis agradable o día a día. 

Desta vez, de paseo pola rede, apareceu o blog Tinta China, inactivo xa hai tempo. Un recuncho onde unha serie de caricaturistas, ilustradores e humoristas gráficos do estado brasileiro de Río Grande do Sul, asociados baixo o nome de Grafar, ían recollendo boa parte do seu traballo. Coa etiqueta de «trocadilhos gráficos» podemos atopar ocorrentes pezas como as que vemos ao comezo. O calembur, a polisemia ou a paronimia a facer de novo das súas.

Como quen fai unha viaxe sen destino definido, convidovos a seguir a pescuda pola obra gráfica e ludolingüística de artistas como Koostela, Uberti, Vecente, Kayser e doutros «grafarianos». Adiante! A debuxar un sorriso no voso autorretrato!

05/12/2016

O problema de Antía

Préstavos un pequeno enredo coas matemáticas como tema de fondo? Aquí queda, para acrecentar a nosa colección de enigmas.

O problema de Antía
Na clase de Matemáticas de 5º de Primaria levaban varias semanas a traballar as operacións básicas: a suma, a resta, a multiplicación e a división. De cando en vez, Mónica, a mestra, adoitaba propoñer divertidos enigmas matemáticos.
Un dos que máis lles gustou aos rapaces foi este:
«Dous pastores falaban:
—Por que non me dás unha das túas ovellas? Así teremos a mesma cantidade.
A isto o seu amigo respondeulle:
—Mellor entrégame unha das túas e así eu terei o dobre de ovellas ca ti.
Cantas ovellas tiña cada un?»
Antía, unha das alumnas que máis gozaba con eses enredos, foi a que deu a solución: un pastor tiña 5 ovellas e o outro 7.
Nada máis dar a resposta ao problema dos pastores, a pequena Antía propúxolle o seguinte enigma á súa profesora:
«Como facemos para que, engadíndolle un a vinte, nos dea dezanove?»
Mónica, a aplicada mestra, aínda está agora a darlle voltas e voltas ao breve problema da nena, completamente correcto. E ti, podes dar coa solución?

Solución ao enigma «Theodoros, o viaxeiro» (9-9-2016): Theodoros nacera no ano 2055 antes de Cristo. Visitou por fin as pirámides de Exipto 70 anos despois, no ano 1985 a. C.

01/12/2016

Caligrafía a vasoirazos





Quen ía imaxinar que se podería crear a máis fermosa caligrafía cunha vasoira. Pois abofé que si. Aí tedes a Pokras Lampas, hai cousa dun ano, na azotea dunha antiga fábrica de Moscova (hoxe a Red October Gallery) a crear maior deseño caligráfico xamais feito. 

Impresionante o resultado e tamén o proceso de creación! Dúas vasoiras, 730 litros de pintura branca, 1625 metros cadrados de superficie e dous días de traballo. 

Todo un reto superado de forma brillante por este calígrafo e artista ruso que realiza proxectos multidisciplinares de todo tipo: instalacións, eventos publicitarios, interiorismo, body art...  Unha obra de récord, para ver desde o espazo, que mestura a arte caligráfica co streetart dos mellores graffiteiros. 

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...