31/01/2017

Os palíndromos tamén venden

Os nomes comerciais e os deseños de logotipos non adoitan crearse ao chou. A mente sempre fervente dos publicistas sérvese decote da ludolingüística para inspirar as súas creacións. Xa temos visto marcas monogramáticasambigramáticas e monovocálicas

Hoxe, unha listaxe de nomes comerciais palindrómicos, é dicir, que tanto se len do dereito como do revés. Designacións que resultan eufónicas ao oído e brillantes á vista. Outro exemplo máis do enxeño creativo na publicidade. E a orde? Pois sinxelo, dos máis breves aos máis longos. Aí van:

Para moi nostálxicos, deterxente ESE

Máis deterxentes: OMO

Arroz valenciano SOS

Pegamento alemán UHU

Buscador para as vacacións KAJAK

Asistencia sanitaria ASISA


Caramelos suízos SUGUS 

Clara de ovo pasteurizada OVONOVO

Colectivo de deseño internacional OVONOVO

OROBORO, produtora audiovisual compostelá


Marabilla palindrómica e ambigramática
(desenho de logotipo.pt):
OROBORO, bixutería artesanal

27/01/2017

Este queixo, queixolán


Se da nenez hai un recitado que me quedou gravado de forma indeleble, ese foi «Este queixo, queixolán», cos seus acenos incluídos.
Este queixo, queixolán.
Esta boca pide pan.
Este naris, narisete.
Este ollo, pispirete.
Este outro é seu irmán.
Tira polo peluxán.
Así é a versión que aprendín. Outras moitas do mesmo recitado podédelas atopar en orellapendella. Diferente tamén é a que vemos encabezando a entrada. Trátase da Banda dos Cueiros, en Gondomar, nunha iniciativa da asociación Espazo Lectura, proxecto asociativo para o fomento e a animación á lectura en lingua galega.

Lembrei esta peza popular ao ver, en cartaxeométrica, o vídeo no que o polbo Po e unha chea de pequenos nos axudan a aprender, xogando, as partes do corpo. Outro marabilloso proxecto normalizador da xente de Apego (de novo por aquí).


Teño un piollo e próeme..., o bandullo!
Teño un piollo e próeme..., o cu!
Teño un piollo e próeme..., o xeonllo!
Dúas fantásticas formas para traballarmos o campo semántico do corpo humano.


Xogo e aprendizaxe da man! Sempre dá gusto axudar a divulgar proxectos tan necesarios e atraentes!

23/01/2017

Otero Pedrayo, ludolingüista

O espírito lúdico dos nosos escritores e escritoras xa ten pasado por Xogosdelingua unha chea de veces. Por exemplo, en forma de acrósticos. Xa sabedes, esas composicións poéticas que amosan unha palabra ou frase ao lermos en vertical as letras iniciais, medias ou finais dos versos. Desde Lois Pereiro a Xoán Manuel Pintos, de Xosé Amancio Liñares a Afonso X o Sabio

Quen nos ía dicir que a lista ía ampliarse nada menos que con... Ramón Otero Pedrayo?!

Ramón Otero Pedrayo

Hai pouco, grazas ao blog El toupo que fuza, do profesor Suso F. Acevedo, souben dun acróstico aparecido nunha carta enviada por Otero Pedrayo ao polígrafo ribadense Dionisio Gamallo. Ao parecer, os dous amigos carteáronse con frecuencia desde os anos 30 ata a morte do ourensán en 1976. Aló por agosto de 1940, o autor de Arredor de si homenaxeou a Gamallo compoñendo e enviándolle un soneto cuxas quince letras iniciais formaban o seu nome e o seu apelido. 

Dionisio Gamallo


Diulle ó ser a dozura mariñeira
I a cume do Mondigo, azul vixía
Onde tecen as fadas da neboeira
Namorouno da estrofa largasía.
Ispindo o curazón car’á senlleira
Soedá dos fortes, n’il se ll’a acendía
Ise arelar da roita ventureira
Ofercida aos eleititos da armunía


Galán de troba, pouco a abogadeira
A ambizou o tentou ¡Tiña outra guía!
Moralejo, prosaico da silveira


Arredouno de nós. Hoxe maquía
Lluitando no roquedo da canteira
Obradoiros faiscantes de poesía.


          R. OTERO PEDRAYO. Agosto, 1940
Toma soneto acróstico! Ademais inédito! Viva o espírito ludolingüístico! E grazas, don Ramón!

19/01/2017

«Palabrogramas» en Teis





Vese que no IES ROU (Vigo) gozan xogando coa forma gráfica das letras e das palabras. Polo que contan no seu blog, a raíz do deseño duns letreiros para os cultivos da súa horta, o alumnado de 1º da ESO descubriu «o gran potencial plástico das palabras escritas». Daquela, propuxéronse enredar co alfabeto para facer debuxos.

As imaxes deseñadas que vemos no encerado corresponden a abril do 2013. E o vídeo que vai deseguido a xuño do 2015.


Por aquí hai tipografada unha caléndula, por alá un café por acolá unha chave perdida, un pirata, un peixe pirateado, un submariño amarelo, un ovo cósmico que contén todo o sol, unha nube e un feixe de chuvia, un reloxo marcando unha hora bendita e moitas outras propostas.
Asi comentan a variedade de pezas creadas, que chamaron «palabrogramas», a medio camiño entre os pinacogramas e os caligramas. Parabéns para toda a rapazada deste instituto de Teis pola súa creatividade ludolingüística!

Solución ás pezas de humor gráfico (15-1-17): Polisemia: Programa ‘cada unha das unidades emitidas pola radio ou a televisión, que tratan dun tema determinado’ / ‘conxunto de instrucións que fai que unha máquina ou aparello realice determinadas operacións’. Carne ‘parte mol dos animais mamíferos e aves, particularmente a comestible das reses’ / ‘parte material do home, por oposición co espírito, inclinada ao sensual e á luxuria’. Móbil ‘aparello telefónico automático e de pequenas dimensións, que permite realizar e recibir chamadas desde calquera punto dentro da súa cobertura. / ‘aquilo que impulsa a realizar certa acción’. Atracar ‘atacar con armas co propósito de roubar’ / ‘arrimarse unha embarcación e quedar amarrada a terra’. 

15/01/2017

Polisemia, humor e prexuízos





O xogo de palabras é unha das ferramentas básicas dos humoristas gráficos, como xa temos visto. De cando en cando propoñemos aquí unha breve reflexión lingüística para descubrir eses mecanismos verbais que xeran a comicidade. 

Un dos recursos máis habituais é a polisemia. O maxín humano, que anda a enredar a cada pouco, axuda a aproveitarmos palabras que xa posuímos para designar novos elementos: gañan así novos significados. Por exemplo, para nomear a ‘peza móbil que pode pulsarse’ das primeiras máquinas de escribir, alguén decidiu usar a mesma voz «tecla» dos instrumentos musicais. Ou cando alguén visualizou unha «araña» nun tipo de ‘lámpada con brazos’, decidiu nomeala co nome do becho.

Moitos chistes baséanse na capacidade destas palabras con diversos significados para producir interpretacións ambiguas e sorprendentes. Desa confusión e desa sorpresa xorde a hilaridade. 

Arriba tedes catro pezas gráficas de grandes debuxantes galegos: Luís Davila, Sabela Arias, Xosé Lois e María José MosqueraPodedes explicar como actúa en cada unha a polisemia como recurso humorístico? Lembrade que un bo dicionario, como o da RAG, pode axudar.

E, por certo, coñecedes o novo calendario do 2017 da Universidade de Vigo con pezas de Luís Davila? Un almanaque (aquí en PDF) editado desde a Área de Normalización Lingüística baixo o lema «Na Universidade, en galego sen prexuízos» con doce deseños de Davila que convidan á reflexión, con humor, sobre os prexuízos lingüísticos. Nas súas palabras:
A idea principal que pretendo transmitir é a autoestima e que aprendamos a valorar máis o que temos e que falemos galego con orgullo.



Un compromiso dos humoristas gráficos co noso idioma que vén de vello, como podemos ver neste especial preparado hai xa 20 anos no antigo Vieiros.

11/01/2017

De «Hollywood» a «Hollyweed»



A cidade dos Ánxeles acordou a rir no primeiro día do ano. O letreiro xigante na aba do monte Lee, visible desde boa parte de Hollywood, apareceu alterado, simplemente cuns grandes panos brancos e negros, mudando «HOLLYWOOD» en «HOLLYWEED» (‘herba sagrada’ ou máis ben ‘bendita marihuana’). Durante a noite, algún afouto ludolingüista decidiu transformar o dobre «o» en dobre «e», xerando unha das imaxes máis difundidas e comentadas na entrada do novo ano. Este valente celebraba así a legalización da marihuana no estado de California o pasado mes do novembro.

Mais o feito é que esta non era a primeira vez que se producía a brincadeira verbal. En idéntica noite de 1976, hai xustiño corenta e un anos, outro perigoso ludolingüista andaba solto: Daniel N. Finegood, un mozo estudante de arte, alterou do mesmo xeito as enormes letras para conmemorar a entrada en vigor dunha lei que despenalizaba a posesión de cánnabis en California.


Hoxe, xa se coñece a indentidade do misterioso maleante que fixo o cambio hai 10 días: o artista Zachary Cole Fernández, que vén de entregarse ás autoridades acompañado polo seu avogado. Parabéns Zachary!  Parabéns Daniel!

07/01/2017

«Nihil novum sub sole»


NIHIL NOVUM SUB SOLE («Nada novo baixo o sol») di un célebre proverbio latino. Unha frase chea de verdade. Quen pense que nós somos os pais de moitas das grandes ideas do noso tempo non ten máis que afondar un chisco na vasta cultura da Grecia e da Roma clásicas para recibir unha boa cura de humildade. Mesmo no eido dos xogos de palabras, os antigos gregos e romanos eran xa verdadeiros mestres e os seus enredos lingüísticos eran tan ricos e variados que, hoxe, moitos séculos despois, non podemos máis que recoñecer que todo (ou case todo) xa está inventado.

Aquí quedan, por exemplo, algunhas destas marabillas ludolingüísticas latinas:
Un dos primeiros pangramas
GAZA FREQUENS LYBICUM DUXIT KARTHAGO TRIUMPHUM
«A riqueza de Libia levou moitas veces a Cartago ao triunfo»
Dito popular cheo de maxia por efecto do calembur
PERSEVERA, PER SEVERA, PER SE VERA
«¡Persevera, a través das dificultades, por grandes que sexan!»
Un tautograma convertido en trabalinguas
O TITE TUTE TATI, TIBI TANTA, TYRANNE, TULISTI!
«Oh, Tito Tacio, Tirano, ti mismo atraíches cara a ti tantas desgrazas!»
Abraiante frase que explota a homonimia ao máximo
MALO MALO MALO MALO
«Preferiría estar nunha maceira antes que ser unha mala persoa na adversidade»
Trabalinguas atribuído a Aníbal á súa chegada ás portas de Roma
TE TE, RO RO, MA MA, NU NU, DA DA, TE TE, LA LA, TE TE!
(Que se transforma en TE TERO, ROMA, MANU NUDA, DATE TELA, LATETE!)
«A ti, Roma, voute destruír coas miñas propias mans, dádenos as armas e entregádevos»)

Fabuloso palíndromo-adiviña
IN GIRUM IMUS NOCTE ET CONSUMIMUR IGNI
«Damos voltas na noite e somos consumidos polo lume» (couza, traza ou rela)

03/01/2017

O alfabeto tráiler





Para comezar o ano, un afabeto realmente insólito, obra de Eric Tabuchi. Este fotógrafo francés goza elaborando series de imaxes que recollen variantes dun mesmo elemento. Unha especie de obsesión creativa baseada na acumulación de escenas equivalentes.

Unha mostra desta «pulsión coleccionista» son os abraiantes abecedarios que presentamos deseguido. Letras da parte traseira de grandes tráilers fotografadas en movemento. Todas tomadas na mesma posición e distancia. Imaxino o pobre Eric percorrendo miles de quilómetros de autoestrada á busca camións con logos de grandes letras ata completar o abecedario. Un esforzo colosal, co azar como aliado, que tivo como culminación os libros Alphabet Truck (2008) e Alphabet Truck. Vol. 2 (2009)




Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...