28/03/2017

O papapío de Carlos Casares


A galiña azul (1969) foi un dos títulos pioneiros na literatura galega para os máis pequenos. Con el, aló por 1968, Carlos Casares resultou gañador do I Concurso de Contos Infantís organizado pola Asociación O Facho da Coruña.

Unha obra presentada en forma de carta a unha nena, Ana, e dividida en cinco relatos: «Querida Ana», «O peixe da fonte do xardín», «A bomba da felicidade», «A galiña azul», «A formiga esquiadora» e «O final da historia da galiña azul». Narracións que constitúen un canto da fantasía e unha defensa da liberdade e da diversidade.

Con todo, hoxe, A galiña azul vén a Xogosdelingua por conter unha das poucas linguas de ficción das nosas letras: o papapío, un idioma inventado por Leoncio, un tolo con manía de electricista, co que é posible falar con paxaros e formigas.
A bomba da felicidade inventouna o Leoncio unha noite que durmíu nun portal pasando moito frío. Para botala teráse que subir nun paxaro e voar un quilómetro ceo arriba. Cando suba ben alto, tenlle que decir o paxaro en idioma «papapío»: «Paspallis pío pío pían», que quere decir: «Prepárate que imos botar a bomba». Entón o paxaro respóndelle «Raspapín pau», que quere decir: «Estou preparado».
Cando diga esto, o Leoncio abre a mau dereita e deixa caer a bomba que é moi pequeniña. No pobo onde estoura, aparecen de repente vinte bandas de música tocando alboradas, pasodobles, muiñeiras e demáis. Chove roscós, rosquillas, e globos de cores. E por se fora pouco, o ceo ponse todo azul e o sol non queima. E a xente sinte unha grande felicidade.

Carlos Casares, A galiña azul.
Neste ano, con Carlos Casares como protagonista do Día das Letras Galegas, aquí queda esta pequena homenaxe. Para divulgar a súa figura e a súa obra, diversas propostas didácticas xa están en marcha. En Primavera das Letras, espazo promovido pola RAG, ou nesta sección da Fundación Carlos Casares podes atopar moitas delas.

De entre todas, como peche, seleccionei esta adaptación musical d’A galiña azul, con coreografía de vasos. Unha actividade do alumnado do IES Carlos Casares de Vigo a partir da coñecida melodía irlandesa de «The Cup Game». Gran traballo!

24/03/2017

Ambigramas contra o suicidio



A dor non é sempre obvia. Para amosar como a miúdo omitimos os signos de advertencia, creamos ambigramas e imprimimos os anuncios ao revés en revistas. A primera vista, o lector ve unha frase positiva. Mais cando o anuncio é invertido, a copia revela un sentimento realmente oposto, a revelación dos sentimentos ocultos dos que están perdidos e deprimidos.

«Estou ben» / «Sálvame»

Os sinais están aí se ti sabes lelos. Axúdanos a salvar unha vida antes de que sexa tarde de máis.
Así explican desde a ONG Samaritanos de Singapur, dedicada á prevención do suicidio, a idea que hai detrás da campaña The Hidden Pain (‘A dor oculta’).

Ao xirarmos 180 graos cada imaxe, as frases positivas transfórmanse en mensaxes de dor, desesperación e socorro:
I´m fine / Save me (‘Estou ben’ / ‘Sálvame’)
I feel fantastic / I´m falling apart (‘Síntome xenial’ / ‘Estoume a derrubar’).
Life is great / I hate myself (’A vida é xenial’ / ’Ódiome’)
Realmente expresiva e enxeñosa esta campaña, descuberta en Espejo lúdico.


20/03/2017

Crime en Carballork


Unha ficción audiovisual ambientada nos Concellos Unidos de Galicia, cuxa capital é Carballork e con cidades satélites como Sanchicago de Compostela, non podía tardar en aparecer por aquí, por Xogosdelingua. Trátase de Galicia Crime, webserie galega de humor policial que día a día gaña máis adeptos na arañeira e que vén de recibir, con todo merecemento, o Mestre Mateo á mellor webserie do 2016

Así se presentan na súa web:
Galicia Crime está ambientada nos Concellos Unidos de Galicia, unha terra que mestura bica con pancakes, muñeiras con country, o enxebre co cool. Un lugar no que calquera soño é posible, a terra das oportunidades e o marisco. 
Os Concellos Unidos son 314 microestados e unha soa constitución (chea de enmendas, iso sí). O himno nacional leva por título "Barras e Estrellas Galicias" en honor aos pais fundadores que resolveron as súas disputas bebendo cervexa nun bochinche alá polo 1906. Alí mesmo firmaron a carta magna e comezou unha época de prosperidade na que Os Concellos Unidos acabarían por converterse nunha das grandes potencias económica do mundo. 
A principal cidade dos Concellos Unidos é Carballork, considerada o centro do universo por moitos. Séguelle moi de preto Sanchicago de Compostela e Arteixas. Aínda que o Capitolio está na capital histórica dos Concellos Unidos, Porto do Whasington. Ali tamén está a Casa Branquiazulceleste, fogar e oficina do Presidente Feishow. 
As principais ameazas externas dos Concellos Unidos veñen das outra gran superpotencia mundial, Asrusias, coa que manten unha guerra fresquiña dende hai anos. A xente vive nunha aparente tranquilidade, pero calquera cousa podería desatar un conflito internacional. Neste contexto comezan as aventuras do detective Dowson e o sarxento Pillei, dous policías de Carballork que co tempo acabarán cumprindo un papel crucial no futuro dos Concellos Unidos de Galicia. Pero non adiantemos acontecementos. 
Unha parodia hilarante das series policiais de toda a vida chea de personaxes estrambóticos, situacións absurdas e... moitos xogos de palabras.


Na imaxe superior, o elenco, sorrindo para a foto: Oswaldo Digón (o detective Dowson), Pedro Brandariz (o sarxento Pillei), Pepo Suevos (o capitán Kowalsky), Lucía Veiga (a forense Andersen) e Oscar Cruz (o cadete García). Viva o noso star sistem! E aquí abaixo o capítulo 1 desta serie que non podedes perder.


16/03/2017

Mare mágnum de latinismos


A priori, nos meus plans inmediatos para Xogosdelingua non estaban os latinismos: esas palabras ou frases latinas que hoxe mantemos, intactas, na nosa lingua culta. Verbi gratia: in situ, déficit, per se, lapsus línguae, in albis... 

O caso é que foi ver un día destes, en non sei que canle, a escena de Top secret (1984) que encabeza a entrada e caer no engado do latinismo. Mea culpa! Decidín, ipso facto, preparar unha entrada ad hocDelírium tremens?Con toda seguridade. 

Pola arañeira temos algún recurso interesante para nos achegar de forma lúdica a estas expresións bimilenarias:
Desde a Área de Latín e Grego do IES Manuel García Barros (da Estrada) podedes atopar un completo traballo sobre latinismos (e a súa presenza na Selectividade).
Tamén hai por aí algunha proposta lúdica en liña como este xogo do aforcado ou estoutro xogo de relacionar.
O noso Portal das Palabras tamén propón xogar ao «Só unha vale» con latinismos.
E aquí tedes a app Latingal: un dicionario latín-galego para móbiles con máis de 30.000 entradas elaborado polos profesores Raúl Gómez Pato e José Carracedo Fraga.
Dise de quen é moi aleuto e agudo que «sabe latín». Se cadra, estas recomendacións axudan a nos facer máis espelidos. Quen sabe? En todo caso... Alea jacta est!

12/03/2017

Palíndromos ilustrados [15]


Como xa comentamos en varias ocasións, na arte da creación de palíndromos, son estes enunciados reversibles os que acaban por escoller o seu propio camiño. É dicir, por moito que o palindromista esprema os miolos, o texto moitas veces non xorde tanto da súa vontade como do azar, nunha especie de ruleta na que letras e palabras xogan libres.

E así, de forma casual, naceu a oración simétrica de hoxe, cun chisco de humor irreverente. Un palíndromo que suxire «novas técnicas» para atraer fieis aos oficios relixiosos. 

A imaxe, ideal para a ocasión, atopeina en Batzolades, páxina persoal do arquitecto e deseñador gráfico mallorquín Pep Rovira Tolosa. El mesmo fixo a montaxe para ilustrar un comentario seu sobre o Cinema Mignon, un cine para adultos na cidade italiana de Ferrara (Via Porta San Pietro, 18). Esta sala de proxección atópase no interior dunha antiga igrexa. Rovira aproveita este feito para exemplificar a idea de «reprogramación urbanística»: un xeito de permitir que as cidades sigan reinventándose sen necesidade de se expandir nin de destruír espazos naturais; simplemente permitindo que edificios antigos e outros espazos urbanos en desuso poidan ser «reprogramados» para novas funcións. Unha estratexia racional e ecolóxica que supón un grande aforro en materiais, enerxía e tempo.

En todo caso, grazas mil, Rovira, por emprestarme a imaxe para este novo palíndromo ilustrado.

Tradución:
Amenice así misa, es cine.
Make the mass fun. It’s cinema.

08/03/2017

Un novo alfabeto urbano



Unha forma ben sofisticada de escribir, abofé! Unhas cantas rectas e curvas co Renault e, listo, xa temos un enunciado a vista de satélite. Iso si, en combustible deixaremos unha pasta. Ao parecer, ultimamente os creativos de anuncios de automóbiles insisten en aproveitar a escritura para salientar as súas novidades tecnolóxicas.



Nestoutro caso o Citröen tamén escribe, a base de fotos. Unha nova alternativa para o fotógrafo cazaletras. Xa temos visto como é posible atopar, cun ollo atento, o alfabeto completo en recunchos urbanos de Nova York, de Barcelona, de Lisboa... Mais facelo comodamente sentado ao volante dun coche é algo novo. Ou, se cadra, non tanto: xusto iso foi o que fixo Eric Tabuchi polas autoestradas francesas.

Quen sabe se algunha das imaxes que presentamos deseguido, de Malou Pictures, tamén foi feita ao volante dalgún vehículo? En todo caso, velaquí un novo e engaiolante alfabeto urbano para Xogosdelingua. 


Do tal Malou só sei que é un fotógrafo francés, residente na cidade de Chambery e cunha especial predilección polas letras que emerxen nos espazos urbanos por aquí e por acolá. Aquí, en Flickr, podedes descubrir a galería completa do seu alfabeto urbano. Extraordinario!

04/03/2017

Zerorajasoa de Markus


Quen teña a sorte de dominar o éuskaro poderá gozar de Zerorajasoa, a web ludolingüística do ermuarra Markos Gimeno (Markus), que xa nos visitou por aquí en dúas ocasións

Este proxecto na rede naceu no 2007 e contén propostas diversas: desde promocións dos seus espectáculos á venda de produtos como camisetas ou bolsas; desde sonetos a obradoiros de palíndromos...




Con todo, o que máis me gusta de Zerorajasoa é o reto palindrómico semanal. Markos Gimeno ofrece cada luns un «palíndromo oculto» que debe ser desvelado mediante tres axudas: o título (que anticipa sumariamente o tema do palíndromo), a pista (que achega, normalmente en forma de pareado, información adicional) e os números (que precisan o número de letras que contén cada unha das palabras do texto capicúa). 
Título:
Trigonometrika librean
Pista:
Berbez eta patsadaz, sinbolo sikua.
Bi hanka berdin daukazu, triangelua.
Números:
4, 6, 4 6. 6 2, 8.
Unha proposta lúdica que cada semana pon á proba o enxeño dos seus seguidores. Así o explica o propio Markus:
Cada luns meto un exercicio que consiste en acertar o «palíndromo oculto». Hai una estrutura numérica que di o número de palabras e cantas letras. [...] Animeime a incluír versos e a xente responde. Tómoo con seriedade e cada luns ás 8 da mañá inclúo un palíndromo, porque hai xente que está aí.
Mágoa que eu de éuscaro, de momento, nin papa. 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...