29/04/2017

Tautogramas que salvan vidas



De novo, unha proba das aplicacións médicas da ludolingüística. Hai un tempo xa vimos como un acrónimo galego permite sintetizar un método para o tratamento endovascular dos aneurismas de aorta abdominal.

Hoxe temos un tautograma de tres efes que axuda a memorizar con maior facilidade os síntomas do ictus: 
Fala (non ser capaz de dicir correctamente palabras simples)
Forza (non poder elevar os brazos á mesma altura máis de dez segundos)
Faciana (non mostrar todos os dentes ao sorrir).
Así é a campaña do «Plan de asistencia ao ictus en Galicia» (Plan Ictus) do Sergas. Unha adaptación, desde a nosa lingua, da escala de CINCINNATI ou FAST, cos tres signos que permiten detectar un accidente vascular cerebral.  

Curiosa e frutífera relación entre a medicina e os xogos de palabras!

25/04/2017

Banksy, ludolingüista


Banksy é o pseudónimo do artista urbano máis coñecido dos nosos días. Coñecido si, mais del case nada se sabe: que é de Bristol ou dos seus arredores, que comezou a «graffitear» a finais dos anos 80 e que emprega a técnica dos padróns xa que lle permiten actuar coa rapidez necesaria para preservar o seu anonimato. 

Obras cheas de creatividade e de espírito subversivo que están espalladas xa por todo o mundo. Claro que hoxe é case máis doado ver o traballo de Banksy nunha galería de arte, nunha camiseta ou nun bolso, ca nun valo de ladrillo. 

Arriba, unha das súas pezas convertida en gif. Aínda que a arte de Banksy explota basicamente a metáfora visual, hoxe tróuxeno onda nós polas súas instalacións ludolingüísticas, isto é, por esas obras nas que o artista decide enredar coas palabras e coas letras. Unhas cantas xoias coma estas.

Swing Girl – Os Ánxeles

Pintura en aerosol sobre lenzo 

Enjoy your life/lie – Londres

No Future – Southampton

21/04/2017

«I topi non avevano nipoti»



Os cinco membros de La Banda Del Capecchio, Diego Dominicis, Andrea Torre, Gioele Fusaro, Paolo D'Achille e Gabriele Maurizi, definen o seu propio grupo como un «xoguete musical». E afán lúdico non lle falta a esta peculiar banda italiana, nada no 2010. 

Boa proba disto é a peza anterior: canción e vídeo palindrómicos. A letra, inserida xusto na metade, para manter a necesaria simetría, é un clásico palíndromo italiano: I topi non avevano nipoti, que se podería traducir como «Os ratos non teñen netos».

Xa postos, aquí quedan outros palíndromos na lingua de Dante que me gustaron (coa súa tradución aproximada): 
A la mafia sai fa male
«E a mafia, sabes, fai mal»
Assalire torte e trote rilassa
«Atacar tortas e troitas relaxa»
Ero peto di culo, lucido tepore
«Fun peido de cu, brillante calor»
E poi Martina lavava l’anitra miope
«E logo Martina lavaba o pato miope»
O mordo tua nuora o aro un autodromo
«Ou mordo a túa nora ou aro un autódromo»

17/04/2017

«Il Pleut», de Apollinaire



Este vídeo é xa do ano 2008, mais dei con el hai pouco. Trátase dunha fermosa recreación en tipografía animada do caligrama «Il Pleut», de Guillaume Apollinaire, realizada polo laboratorio de deseño do Politécnico de Milán. Imaxino que, de Apollinaire ter nacido nos nosos días, sería deseñador gráfico e as súas pezas, con seguridade, videopoemas coma este, coa tipografía a moverse á vontade. 

A comezos do século pasado, en plena efervescencia do cubismo pictórico, algúns poetas decidiron cuestionar tamén as regras da súa arte verbal e facer da disposición gráfica dos textos elemento fundamental dos poemas. Debuxar con versos, como lle chamamos aquí, aproximando a poesía á pintura, facendo que o texto se transforme tamén en imaxe, ata obter un todo perfecto. Deste xeito naceu, hai xustiño 99 anos Calligrammes, a obra mestra que contén «Il Pleut».


Arriba tedes o poema orixinal e deseguido, por se non vos resulta doado de ler, o texto convencional en francés coa súa tradución ao galego.
Il pleut des voix de femmes comme si elles étaient mortes même dans le souvenir / c’est vous aussi qu’il pleut, merveilleuses rencontres de ma vie. ô gouttelettes! / et ces nuages cabrés se prennent à hennir tout un univers de villes auriculaires / écoute s’il pleut tandis que le regret et le dédain pleurent une ancienne musique / écoute tomber les liens qui te retiennent en haut et en bas
«Choven voces de mulleres coma se estivesen mortas mesmo na lembranza / chovedes tamén vós, marabillosos encontros da miña vida, ¡oh, pinguiñas! / e esas nubes empinadas póñense a rinchar todo un universo de cidades auriculares / escoita se chove mentres que a mágoa e o desdén choran unha antiga música / escoita caeren os lazos que te reteñen enriba e embaixo»
Por certo, unha curiosidade final: descubrín casualmente estes versos no poema «L‘arbre» do mesmo poemario Calligrammes de Apollinaire.
La plus grande tristesse
C’est quand tu reçus une carte postale de La Corogne
Algo así como:
«E a maior das tristuras
Sentes cando recibes unha postal da Coruña»
Se queredes coñecer a curiosa historia desa postal que lle foi enviada a Apollinaire desde A Coruña, lede este magnífico artigo de Xoán Abeleira en La opinión

13/04/2017

«Hit Hot»



Hoxe, con esta entrada, a 500 de Xogosdelingua, prestábame algo de alegría festeira. E para iso, nada mellor que Monoulious DOP, a banda noiesa de cancións pegadizas e cargadas de humor. Se cadra, é o ton irreverente e desenfadado dos seus vídeos o que os acaba por converter en virais. Por exemplo, a día de hoxe: «Morrer en Ghalisia» (123.874 reproducións), «Cansión Jallejo-Americana» (97.074), «Jalando» (482.326), «La cagalera» (72.125), «Sen o teu riso» (65.934)... De non coñecerdes estes «temasos», non podedes perdelos!

Nesta entrevista, Ula e Mon, os líderes de Monoulious DOP, autodefínense así: 
Somos unha asociación autónoma de persoas unidas voluntariamente para formar unha organización democrática en forma de banda musical cuxa administración e xestión debe levarse a cabo da forma que acorden os músicos, xeralmente no contexto da combinación dos sons co tempo e das relación sociais e humanas de/con eles mesmos.
Aí falastes!

De entre todos os seus «grandes éxitos», para encabezar a entrada, escollín o videoclip de «Hit Hot», polo seu caloroso xogo de palabras e pola súa colorida tipografía animada, desas que tanto nos gustan. E tamén vale para acrecentar os fondos do noso karaoke particular.

A cantar e a bailar!



09/04/2017

O crebacabezas de Einstein

Seica Albert Einstein, famoso pola súa Teoría da Relatividade, era afeccionado aos crebacabezas e aos xogos de enxeño. Cóntase que mesmo chegou a idear algúns. O máis difundido é «O crebacabezas de Einstein». Disque o científico afirmou que un 98% da poboación mundial non sería quen de resolvelo.

Se cadra, todo é unha historia apócrifa. En todo caso, aquí queda o enigma e o reto de resolvelo. Con algo de capacidade dedutiva e cun chisco de paciencia e de organización, seguro que moito máis do 2% pode dar coa solución. É o voso caso?

O crebacabezas de Einstein
Feitos:
Hai cinco casas de cinco cores distintas. En cada casa vive unha persoa de diferente nacionalidade. Estes cinco donos beben bebidas diferentes, fuman marcas de tabaco diferentes e teñen mascotas diferentes.
Datos:
1. O inglés vive na casa vermella.
2. A mascota do sueco é un can.
3. O danés bebe té.
4. A casa verde queda xusto á esquerda da branca.
5. O dono da casa verde toma café.
6. A persoa que fuma Pall Mall cría paxaros.
7. O propietario da casa amarela fuma Dunhill.
8. O home que vive na casa do centro bebe leite.
9. O noruegués vive na primeira casa.
10. O home que fuma Blend vive á beira do que ten un gato.
11. O home que ten cabalos vive a carón do que fuma Dunhill.
12. A persoa que fuma Blue Masters bebe cervexa.
13. O alemán fuma Prince.
14. O noruegués vive a carón da casa azul.
15. O home que fuma Blend é veciño do que bebe auga.
Pregunta:
Quen é dono do peixe?

Solución ao enigma «O enxeño en época de escaseza» (20-2-2017):
Con 3 cabichas faise un cigarro, que, ao final, dá unha cabicha. Esta, unida ás 3 que quedaban, fan un total de 4 cabichas. Empregamos outras 3 no segundo cigarro, recuperando del unha cabicha. Esta, unida á sobrante de antes, dá un total de 2.
Como poderemos daquela fumar ese terceiro cigarro?
Pídeselle emprestada una cabicha a alguén, o que nos permite, coas outras 2, facer o terceiro cigarro. Despois de fumalo, devolvémoslle a cabicha a quen nola empretara.

05/04/2017

Brazza, o rapeiro palindromista



De lle preguntarmos a Fábio Brazza «E ti de quen ves sendo?», contaríanos que é neto de Ronaldo Azeredo e sobriño neto de Augusto de Campos, dous dos máximos expoñentes da poesía concreta brasileira (que xa tivemos oportunidade de coñecer hai tempo). Se cadra, de aí lle vén a vocación polo enredo coas palabras. E faino con gusto musical e ritmo rapeiro. Así é este músico e poeta, nado en São Paulo, que conta con centos de miles de seguidores na súa canle de Youtube

Encabezando o comentario de hoxe, o vídeo de «Palíndromo», do seu traballo Desafio de Rima. Unha xenial homenaxe aos máxicos textos simétricos! E deseguido, a letra completa, para gozala máis devagar. Seguro que o bo de Fábio volverá por aquí!
Após a sopa, subi no onibus
Rola calor, assam a massa
Odor à rodo...
Saíram Marias, sopapos, socos
Ódio doido
A tio... Manos só na moita
Ao bar fica a cifra boa
A mala gorda, a droga lá... má?
A coca-cola e a lôca coca
A diva da dívida, a dívida da vida
O demônio foi no medo, o pó de cocaína mata maníaco cedo, pô!
Adios, só ida
A tropa aporta, o rito o tiro
Ato idiota
Eeee dó... a pele marrom, morram! Ele pode
A cara rajada da jararaca, aterram a marreta
Acata ou o ataca?
A cama, a maca
O ser preso, a casa lota... Atola!
Saca?
Aaa tá, memo home mata
Alô Brasil, analisar bola
A sua dama, amada USA adora reger a roda
A diva da dívida, a dívida da vida
O ralo do dólar
Alô Brasil, alisar bola
Oi nego gênio, nos dê o gol logo Edson
Ufa! Caca, cafú
Acata a taça
É a arte, tetra... aeee
Aaa, para rapá
Mega bobagem
A ti futebol, lobe, tufita
A trufa, FIFA furta
Amam o bolo, o lobo mama
A grama é amarga
A mala nada na lama
Arroz e zorra
Amor, somos Roma
Subi no ônibus
É todo mês sem o dote
É osso, é?
É fa, memo hora de ralar e dar o homem a fé
A ira, daria?
Lâmina, animal
Soco, seres ocos
Evil, live?
Somos?
Meu, quem somos
Ódio doido
Missa, orar, rezar, trazer raro assim
Rever
Luz azul
Reviver
Rir, o breve verbo rir
Livre do poder vil
Liga AM lá, paro! O rap, alma ágil
O clap, o palco
O papel e papo
Arte, letra...
Áurea da rua
Aula sobre verbos á lua
A sua causa
Aviva
A dama amada
A diva do poeta até o pó da vida
Som tiramos, somamos som a ritmos
Modo, o dom
Ótimo, mito
Mega rima, miragem
Reler e reler
A meta? Tema
Ralar, ralar
É ta afã até raiar
Sacas?
Ame o poema

01/04/2017

Arte ludolingüística polas paredes


Non, non é unha estraña palabra nunha lingua decoñecida. O que vemos nesta parede é unha palabra inglesa que podes recoñecer perfectamente. Probaches a lela seguindo o movemento do péndulo comezando polo «P»? Pois xa o tes!

Encher as paredes con orixinais xogos de palabras como o de arriba («Pendulum», Barbara Krakow Gallery, Boston) é a ocupación principal de Kay Rosen, artista gráfica estadounidense. Nada en Corpus Christi, Texas, Kay estudou lingüística e idiomas na universidade, mais en lugar de continuar unha carreira, digamos, «académica», aló polo anos 70, comezou explorar a linguaxe como obxecto lúdico e artístico. 

E desde entón as súas pezas, cheas de enxeño, foron aparecendo en museos e valados por todo o mundo. Aí van algunhas destas perlas gráficas ludolingüísticas de gran formato. A gozar delas!

«Go Miami/Amigo Miami», Art Basel Miami Beach, Miami (EEUU)
(calembur, anfiboloxía)

   
«Construction Zone», Aspen Art Museum, Aspen (EEUU)
(bifronte, monovocalismo)

«This Means War…», Ingleby Gallery, Edinburgh (Escocia)
(paronimia)

«Elvis, Elvis», Museum of Contemporary Art, Chicago (EEUU)
(anagrama)

«Divisibility», Kunsthalle Bielefeld (Alemaña)
(monovocalismo, sesquipedalismo, trabalinguas) 
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...