27 de xuño de 2017

Os xeróglifos de Xosé Torrente










Hai pouco, exercendo de arqueólogo virtual, dei cun curioso tesouro: os xeróglifos en galego de Xosé Torrente. Todos eles aloxados na súa páxina persoal de Webcindario, ese recuncho que tanto se empregou no inicio da expansión da arañeira aló polos anos 2000.

Consultando a páxina souben que Xosé Torrente é un veterano ex-traballador de Bazán en Ferrol, apaixonado pola fotografía, pola informática, pola carpintaría de ribeira e... polos xeróglifos. De feito, mesmo ofrece nesta web un programa feito por el mesmo para o deseño de xeróglifos. Mágoa que a ligazón hoxe xa non estea operativa!

Ademais dos exemplos de arriba, que convido a resolver, aquí podedes atopar un total de 100 xeróglifos. Se sodes uns «friquis» coma min destes pasatempos, aínda podedes pasar un bo tempo espremendo os miolos para dar coas solucións.

Por certo, se ademais vos gustan os números, tedes unha serie especial de xeróglifos de contido matemático. E se vos van máis as sopas de letras, tamén dispoñedes un lugar para elas na web deste ludolingüista ferrolán.

Todo un achado!

23 de xuño de 2017

Elle Fanning's Fan Fantasy



A actriz e modelo Elle Fanning apareceu no pasado mes de maio por primeira vez, seica, na portada de Vogue. Para celebralo, os directores Ariel Schulman y Henry Joost realizaron, por encargo da revista de moda, esta curtametraxe titulada Elle Fanning’s Fan Fantasy, unha peza chea de sentido de humor e de espírito ludolingüístico. 

O xogo parte da idea de explotar todas acepcións de Fanning, o apelido da moza: o verbo to fan pode significar ‘abanar ou abanicar’ mais tamén ‘animar, alentar’; o substantivo fan significa ‘abano’ ou ‘ventilador’ e ademais ‘admirador/a’ ou ‘seguidor/a’. A partir de aí, un xogo de palabras detrás doutro, case unha sucesión de cómicos trabalinguas. E sempre en divertidas escenas cheas de creatividade e de estilo.

Unha mestura perfecta de enxeño e sentido do humor.

19 de xuño de 2017

Palíndromos ilustrados [17]


Os palíndromos teñen, ás veces, un aquel máxico. Non é difícil ver neles algo misterioso, case cabalístico. Mensaxes que están aí, á espera de seren reveladas grazas a unha combinación única e simétrica de letras, coma se fosen o «abracadabra» dalgún encantamento.

Algo diso veume á cabeza ao buscar unha imaxe para o palíndromo «A iraniana a nena anainaría», redondo na súa forma e na súa sonoridade. Un verdadeiro trabalinguas! Probade a pronuncialo rapidamente.

Resulta que, ao facer unha sinxela pescuda de imaxes de mulleres iranianas con bebés en Google, apareceu repetidamente a imaxe de Nazanin Zaghari abrazando a súa filla, como a de arriba.

Quen é Nazanin? Pois unha británico-iraníana de 38 anos, directora de proxectos da Fundación Thomson Reuters, que cumpre cinco anos de condena en Irán por cargos relacionados coa «seguridade nacional». O 3 de abril de 2016, despois de pasar unhas semanas de vacacións coa súa familia en Teherán, Nazanin foi arrestada no aeroporto Imán Jomeini cando se dispoñía a regresar ao Reino Unido coa súa filla pequena Gabriella, que este mes de xuño fai 3 anos. 

Amnistía Internacional condenou a detención e subliñou que o procesamento foi «inxusto». Non foron presentados cargos e, segundo Nazanin informou á súa familia en Irán, pedíronlle que asinase baixo coacción unha confesión, cuxo contido é descoñecido. O seu esposo, británico, mantén aberto en Change.org un pedimento de sinaturas para esixir a súa liberación, que a día de hoxe alcanzou os 912.545 asinantes. Ao parecer, neste tempo a Nazanin non se lle permitiu acceder a un avogado, nin á súa filla. 

E aí pechouse o máxico círculo do palíndromo. Sen dúbida, «A iraniana a nena anainaría».

Solución ás palabras agochadas (15-6-2017):
1: words, novel, read, story, pages, book
2: showers, damp, wet, stormy, puddle, muds
3: boots, chill, frost, snow, ice, mittens
4: hungry, party, red, cheese, music, yummy
5: dig, garden, farm, bloom, seed, mud
6: sled, cold, frost, chill, toboggan, ice
7: iowa, cow, guitar, wow, orange, laugh
8: boy, tree, fish, wave, nice, hot
9: straw, mirror, cat, tiles, couch, cord
10: snow, see, tell, man, cut, cool

15 de xuño de 2017

Atopa as palabras agochadas

Como andas de inglés? E de agudeza visual? Hoxe, un sinxelo xogo co que poñer a proba estas dúas destrezas. Es quen de atopar seis palabras agochadas en cada unha destas ilustracións? Unha pista, as voces teñen relación coa escena que se presenta. 

Un pasatempo certamente entretido que está de moda na arañeira e que ten algo de «buscando a Wally» e de sopa de letras. Se es dos que gozan con este tipo de xogos, adiante! Ponte a proba!

Mágoa non dispor doutros semellantes en galego. Algún ilustrador ou ilustradora dispoñible por aí?

1

2

3

4

5

6

7

8

9

10

11 de xuño de 2017

ABBA: «SOS»

Un xogo de palabras pode axudar a levantar un imperio (como vimos hai tempo). Quen sabe se o éxito de moitos grupos musicais sería o mesmo de teren outro nome menos lucido e menos lúdico. Ás veces as ideas simples e brillantes poden marcar a diferenza!


Contan que John Lennon, para lle dar nome ao que logo sería o máis popular grupo de rock de todos os tempos, pensou inicialmente en The Beetles (‘Os escaravellos’). Logo xurdiu o xogo de palabras e cambiou «Beet» por «Beat», en referencia a este tipo de música. E así naceron The Beatles. Xenial ludolingüista, Lennon.


Adam Clayton, baixo de The Hype, quería cambiar o nome do seu grupo. Buscaba algo moito máis ambiguo. Deu cunha combinación de letra e número que cumpría con ese requisito polisémico: U2. Significa moitas cousas: é o nome dun avión espía, dun submarino, dun popular modelo de pilas inglesas e, asemade, pola súa pronuncia, pode interpretarse «you too» (‘ti tamén’) ou «you two» (volos dous’). 


O grupo Molotov caracterízase polas súas letras fortes e comprometidas. A súa música combina rap, rock e ritmos mexicanos. Á hora de buscaren un nome que reunise todas esas ideas, decidíronse polo do famoso cóctel explosivo: de connotacións revolucionarias e de potente sonoridade monovocálica.


Con todo, un dos grupos máis marcados pola ludolingüística é o formado por Agnetha Fältskog, Björn Ulvaeus, Benny Andersson e Anni-Frid Lyngstad. Estes catro suecos decidiron crear o nome da súa banda unindo as iniciais dos seus nomes de pía: ABBA. Un redondo acrónimo palindrómico de pronuncia doada en calquera lingua da planeta. Claro que para poder usalo tiveron que lle pedir permiso a Abba, a máis popular marca sueca de arenques en conserva.


Para lle poñer a guinda, ABBA é (que eu saiba) o único grupo cun palíndromo no seu nome e no título dun dos seus éxitos: «SOS». Aí queda iso!



7 de xuño de 2017

«O céu sueco»

O gol, Edson, nos dê logo!

Até o poeta
método tem,
a rima mira.

Ah, Ana, bacanal lá na cabana há.

Luz, ar, amo o mar azul.

A mãe afro adota toda orfã e ama.

A parella formada polos brasileiros Caio Nogueira Zerbini e Luiz Araújo Florence pasa a ampliar a nosa xa nutrida listaxe de creadores de palíndromos ilustrados, unha das miñas debilidades ludolingüísticas.

Dei con eles case por casualidade. Caio é quen dá forma ao texto simétrico e Luiz ocúpase de deseñar a imaxe que o ilustra. Unha asociación redonda que vai amosando as súas pezas en Facebook no espazo «O céu sueco». Que dure!

2 de xuño de 2017

21 Días En Galego


Pilar Ponte e a xente do IES da Pobra do Caramiñal botaron a andar aló polo 2013 unha experiencia normalizadora moi atraente: «21 DÍAS CO GALEGO». Unha iniciativa deseñada para reflexionar sobre a propia relación coa lingua e, sobre todo, para falar, falar, falar... Con todo merecemento recibiu no 2015 o premio de innovación outorgado pola Consellería de Educación. 

Este ano, no Fogar de Santa Margarida, animámonos a seguir o seu ronsel e un grupo de alumnos e alumnas de 3ESO afrontaron o reto do noso particular «21 DÍAS EN GALEGO». Nun ámbito tan fortemente castelanizado como o da Coruña, estes rapaces viviron as tres semanas procurando desenvolverse en galego e gravando diariamente a súas reflexións e os retos lúdicos que se lle ían propoñendo.

Un destes xogos foi o «Pasagalego», outra invención xenial dos da Pobra baseada no popular concurso de televisión. Eles ofrecéronnos a nós este primeiro en vídeo. 



E ao cabo dunhas semanas, desde o Fogar devolvémoslles o agasallo.



Das moitas horas de gravación acumuladas, seleccionamos menos de 30 minutos que veñen resumir unha experiencia fantástica que esperamos repetir nos vindeiros cursos. 



Se cadra, axiña veremos o reto de «21 DÍAS EN GALEGO» espallado por máis centros do país. Por que non? Paga realmente a pena!
Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...