20 de feb. de 2018

As dúas portas do castelo

Hoxe, un deses enigmas lóxicos de «cabaleiros» (knights) que din sempre a verdade e de «escudeiros» (knaves) que sempre menten, popularizados polo matemático Raymond Smullyan no seu marabilloso Como se chama este libro? (1978). Precisamente estes días fixo un ano do pasamento do xenial filósofo, matemático e divulgador estadounidense.

Na ficción cinematográfica, podemos atopar un bo exemplo deses enredos de verdades e mentiras en Dentro do labirinto (1986), filme dirixido por Jim Henson.

As dúas portas do castelo
Sarah, a moza protagonista, dispón só de 13 horas para evitar que o seu irmán Toby se converta nun trasgo. Para iso debe atravesar o labirinto de Jareth, o rei dos Goblins, e chegar ata o seu castelo. 
Despois de percorrer con éxito todo o labirinto, descobre que para acceder ao castelo hai dúas portas custodiadas por cadanseu garda (un vermello e outro azul). Estes explícanlle que unha das portas conduce ao seu destino e a outra a unha morte segura. O problema é que se se lles pregunta cal é a porta boa, un sempre dirá a verdade e o outro sempre mentirá. E unicamente é posible formular unha pregunta.
Como saber daquela cal é a porta correcta?

Solución ao enigma «O enigma de Zadig» (4-12-2017):
Zadig dixo que era o tempo. «Nada é mais longo pois é a medida da eternidade; nada é mais breve, xa que nunca alcanza para dar fin aos nosos proxectos; nada é máis lento para quen espera; nada é máis rápido para quen goza da vida; estendese, en grandeza, ata o infinito; dividese, ata o infinito, en pequenez; todos os homes o descoidan e todos lamentan a súa perda; nada se fai sen el, fai esquecer todo o que é indigno da posteridade, e inmortaliza as grandes cousas». Os presentes coincidiron en que Zadig tiña razón.

Ningún comentario:

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...