31/07/2012

Coa LudoteGa, ata setembro!

Porque ben o merecen, recuncamos coa xente amiga da LudoteGa. A xeito de despedida ata setembro, aquí deixo o fermoso vídeo da súa última xuntanza do 10 de xuño. Unha animada festa nun parque de Barcelona (con xantar, xogos, maxia, monicreques, bailes e cancións) que busca contaxiarlles, de forma lúdica, o «virus galegofalante» aos máis pequenos. De novo, parabéns!!!


Despois daquela primeira entrada do mes de febreiro coa que Xogosdelingua botou a andar, chegamos con esta ás 57. Só me queda darvos as grazas polas vosas visitas, comentarios e apoios. Prometo volver con novos folgos e rompervos a cabeciña con outras «teimas ludolingüísticas» de aquí a un mes. 

Apertas a todos/as.

29/07/2012

Unha curta palindrómica chea de humor

Como xa sabemos, o equivalente lingüístico ao número capicúa (17371) é a palabra palindrómica (radar): lese igual de atrás para adiante e de adiante para atrás.

Cando as secuencias palindrómicas se converten en versos, mesmo poden xurdir marabillosos poemarios como xa vimos no volume A torre da derrotA, de Gonzalo Navaza.

Mais... que ocorre cando ese camiño de ida e volta se aplica á estrutura dun texto máis amplo, aos seus elementos sintácticos (frases e oracións)? Pois que a mensaxe do texto deixa de ser simétrica, é dicir, o seu sentido pode cambiar por completo. Por exemplo, non é o mesmo [POLA TÚA CULPA] [XA SABEMOS QUE] [UXÍA MARCHOU] que [UXÍA MARCHOU] [XA SABEMOS QUE] [POLA TÚA CULPA].

Hai un tempo, grazas á inesgotable fonte de información e recursos que é trafegadoronseis, descubrín unha orixinal curtametraxe (en castelán) chea de humor que exemplifica ben esta idea.

Titúlase «Mensaje Post-It-ivo» e o seu autor, o Doctor Resaca, introduce así o seu argumento:
Un rapaz namorado decide sorprender a súa moza: cómpralle un iPod e baixa as súas cancións favoritas para gozaren xuntos delas.
Idea un xeito especial para lle dar o agasallo: acompañándoo dunha orixinal mensaxe de amor.
Todo está calculado. Nada pode saír mal.
Ou polo menos iso pensaba ;-) Aí vai o vídeo.

27/07/2012

Caligramas: debuxar con versos

En entradas anteriores observamos as posibilidades visuais da tipografía: eran os casos dos pinacogramas ou tamén das animacións coas letras en movemento. Agora, este post ímolo dedicar a unha das formas máis lúdicas e poéticas formas de debuxar: os caligramas.

Pódese definir caligrama como un poema con forma visual, é dicir, as súas palabras e os seus versos dispóñense debuxando imaxes. As súas orixes remóntanse á antigüidade, desde os poemas figurativos de Simias de Rodas no período helenístico ata os fermosos exercicios de caligrafía árabe. 

 
                  Simias de Rodas («Dobre machado»)                                                                    Caligrama árabe («León»)

Lewis Carroll (1832-1898) publicou o caligrama do rabo dun rato no capítulo III da súa fascinante Alicia no país das marabillas (1865). Con todo, o caligrama, tal como o entendemos hoxe, debémosllo ao poeta vangardista francés Guillaume Apollinaire (1880-1918). O título dunha obra súa, Calligrammes (1918), fusión dos termos caligrafía e ideograma, serviu para lle dar nome a estes poemas visuais.

       
                                                     Lewis Carroll                                                                         Guillaume Apollinaire

Diversos autores galegos aventuráronse na elaboración de caligramas: Manuel Antonio, Uxío Novoneyra, Agustín Fernández Paz, Carlos Santiago, Emma Pedreira... Nesta ligazón podes ver algúns deles. E velaí van outras mostras.

 Agustín Fernández Paz


                                         
 Emma Pedreira

Anímate a crear os teus propios caligramas. E se queres facelo coa axuda das novas tecnoloxías, nesta ligazón e nestoutra tes xeradores automáticos de caligramas.




23/07/2012

«O noso son» de Narf

Narf (pseudónimo de Fran Pérez) é un dos talentos musicais máis recoñecidos e prolíficos do noso país: publicou varios discos, compuxo unha chea de bandas sonoras para obras teatrais, ofreceu concertos por todo o mundo (Lisboa, Barcelona, Londres, Varsovia, Rio de Janeiro, Maputo, Katmandú...) e mesmo creou unha obra sinfónica «A canción das árbores danzantes», estreada pola Orquesta Filharmónica de Galicia.

No ano 2007, editou Tótem, un coidado volume que recollía diversas influencias musicais: árabes, flamencas, brasileiras... «O noso son», con letra Pepe Sendón, é un dos seus temas máis coñecidos.
No soño non somos nós
Nós sós
Só nós
Cos nosos ósos
Co noso son
Non
Non somos nós os donos do noso son
Todos os nosos soños son con vós
Co voso cosmos
Co voso don
Non
Non somos nós os donos do noso son
Son tolo por vós
O noso son
Tolo por vós
Son son
Tolo por vós
O noso son
Tolo por vós
Non
Non somos nós os donos do noso son
Son son
Só soño con vós.
Podemos escoitala neste vídeo (entre os minutos 1:46 e 4:10).


Un evocador canto á interculturalidade que pasa a formar parte da nosa galería de textos monovocálicos, aínda que realmente nel alternan dúas vogais: «o» aberto (sós, óso, noso...) e «o» pechado (soño, non, dono...); como sucedía coa receita do «Lombo do porco ó modo ostrogodo».

20/07/2012

Xeróglifos [9]

Pois si, unha entrada máis da nosa «Gramática xeroglífica». Con anterioridade vimos como na resolución dun xeróglifo poden ser pertinentes diversos factores: a posición dos elementos que contén, a súa cantidade, a súa calidade...

Hoxe veremos como, de cando en vez, os xeróglifos presentan os seus elementos en acción; é dicir, as letras, números ou figuras que aparecen neles están a facer algo. Se enunciamos correctamente esa acción, acabaremos dando coa solución do pasatempo. A categoría clave nestes casos adoita ser o verbo:
 Verbo: andar, correr, saltar, voar...
Aí vos deixo catro novos xeróglifos para romperdes a cabeciña. Esta vez, lembrade, todo é unha cuestión «de acción».

Que opinas dese soldado?

Onde está o teu curmán Paulo?
             
Por que cres que non podo durmir nesa cama?

A onde pensaba ir Estevo este domingo?
                                
Solucións aos xeróglifos (25-6-2012): O sogro só (Óso groso) / O noso partido (O nós o partido) / Granate (Gran a te) / Segundo el, é negro (Segundo ele negro).

17/07/2012

«TXT ISLAND»: a invasión das letras mutantes


E volvemos á técnica da animación stop motion. Agora coa curtametraxe TXT ISLAND (2009): unha aventura de ton épico que acaba por se converter nunha ocorrente crítica do consumismo e do progreso insustentable. Unha burbulla de luxo e luces de neon que finalmente fai... bluf! Que familiar resulta!

O seu autor, o deseñador gráfico británico Chris Gavin, confesa na súa propia web que todo xurdiu cando, seis anos antes de crear o filme, comprou nunha tenda de segunda man unha caixa coas letras de plástico e o taboleiro que lles serve de base. Comezou a xogar e a formar figuras ata descubrir que podía crear simbolicamente grandes escenas que doutro xeito serían inviables por custo ou por tempo. Por exemplo: un «O» (o maiúsculo) e un par de «x» (xes minúsculos) podían converterse nun helicóptero Chinook en pleno voo. E este foi o xerme desta orixinal animación que nos amosa o alfabeto completo a invadir unha illa paradisíaca.

Segundo comenta Gavin, levoulle uns nove meses rematar esta pequena obra mestra (que contou co seu propio trailer). Con ela demostrou que para narrar grandes historias non son necesarios moitos medios, basta con boas doses de creatividade e ganas. Iso si, desde que vin o vídeo por primeira vez, non podo evitar sentir certa inquedanza cando vexo varios «i» agrupados...

14/07/2012

Os pasatempos: unha sa adicción


Unha marabilla vermos a cita diaria desta anciá galega co encrucillado de Darío Xohán Cabana de La Voz de Galicia.

Os pasatempos (ludolingüísticos ou non) son publicados nunha gran cantidade de medios gráficos. A súa contribución a estes múltiple:
Ofrecen un claro valor engadido: os lectores aprecian que reciben máis polos seus cartos.
Aumentan o tempo de lectura: o contacto directo do lector/a co medio aumenta entre un 15 % e un 35 %, un dato que non lles pasa desapercibido aos anunciantes.
Favorecen decisivamente a fidelización: a resolución de pasatempos xera certo costume, cando non verdadeira adicción, como vimos arriba.
Hoxe podemos atopar pasatempos en lingua galega en La Voz de Galicia, El Progreso, Sermos Galiza... Por desgraza, carecemos de publicacións comerciais especializadas: é a consecuencia de padecermos unha situación sociolingüística non-normalizada, cun mercado pequeno e nun contexto global de crise. Con todo, si hai dignas propostas non-comerciais xurdidas do ámbito do ensino como a revista Melos, editada polo CEIP de Monforte de Lemos e con versión para distintas etapas de Infantil e Primaria.

Noutros mercados, como o brasileiro, a industria dos xogos ludolingüísticos goza de moi boa saúde. Así o podemos comprobar neste orixinal anuncio da revista de pasatempos Coquetel.

11/07/2012

Un verán para xogar na arañeira


Non descubrimos nada se falamos das posibilidades que ofrece Internet no eido da aprendizaxe de idiomas. Ben utilizada, esta arañeira que nos a trapa a todos é unha fonte continua de recursos que nos achegan á lingua dunha forma lúdica.

Aproveitando a chegada do verán, dedicamos esta entrada a presentar unha escolma das ligazóns para que os máis cativos xoguen, aprendan e gocen coa lingua. Algunhas delas son, de seguro, ben coñecidas; con todo, velaí van, clasificadas por idades:

Educación Infantil
http://cativadas.opaco.org/inicio.swf
Proxecto de Educación Infantil con xogos e actividades organizadas por centros de interese (o corpo, os animais, as letras...) e presentadas pola simpática ratiña Lola.
http://www.lavacaconnie.com/connie_galego/home.htm
Web oficial desta coñecida vaca creada por Neptuno Films (empresa dedicada á animación audiovisual para os máis pequenos). Contén xogos, actividades e contos interactivos para compartiren nenos e pais.
http://www.edu.xunta.es/xogaconfervello/
Xogos en liña protagonizados polo morcego Fervello, polo can Farragús e polos nenos Fuco e Xana. Deseñados para un achegamento lúdico á lingua galega, ademais favorecen a memoria visual, a coordinación óculo-manual, a creatividade...
http://www.osbolechas.com/
Web oficial deste popular grupo de amigos creados por Pepe Carreiro. Despois de rexistrarnos podemos acceder a láminas para colorear, xogos de vocabulario e mesmo un karaoke. Tamén ofrece unha sección de novas.
Educación Primaria
http://www.edu.xunta.es/xogos/aforcado/aforcado.html
Da man de Miro Ramiro, accedemos ao divertido xogo do aforcado: cómpre descubrir a palabra agochada dicindo letras. Só hai cinco oportunidades antes de que o lume queime o Meco.
http://www.edu.xunta.es/preguntoiro/
Xogo interactivo de preguntas e respostas con diferentes modalidades (estándar, desafío e maratón) e diversas categorías (lingua, literatura, historia, bioloxía, refráns...)
http://www.meninos.org/mundodemilu/xogos.htm
Xogos do portal da Fundación Meniños: traballan a educación en valores e achegan os nenos, de forma amena, aos dereitos da infancia e ao coñecemento de diferentes culturas e modelos de familia.
http://centros.edu.xunta.es/ceipdepalmeira/rato_plant02.htm
Amplo abano de actividades interactivas elaboradas no CEIP de Palmeira e penduradas desde hai tempo na rede. Da man do rato Paco, accedemos a xogos de lingua (encrucillados, sopas de letras) e a moitos outros.

08/07/2012

Da Vinci e a escrita especular


Leonardo da Vinci (1452-1519) é, posiblemente, o xenio máis polifacético do Renacemento: destacou como matemático, enxeñeiro, inventor, anatomista, pintor, escultor, arquitecto, botánico, poeta, músico...

Como vemos na imaxe inicial, un dos trazos máis peculiares dos manuscritos que reúnen os seus estudos e descubrimentos é que están redactados de dereita á esquerda, é dicir, para lelos con facilidade cómpre utilizar un espello. É o que se coñece como escrita especular.

Segundo algúns estudosos, a razón disto era, simplemente, que Leonardo era zurdo é así evitaba esborranchar o escrito pasando a man sobre a tinta fresca.

Para outros, a súa verdadeira motivación era un afán críptico. Sen chegar a ser un código secreto, a escrita especular permitíalle ocultar os seus descubrimentos facendo difícil a súa comprensión para os non iniciados.

Neste enderezo podedes atopar un xerador automático de escrita especular. E aquí outro xerador que ademais imita a caligrafía do propio Leonardo. Podedes descubrir que frase célebre de Castelao aparece deseguido en escrita especular ao xeito do xenio italiano?


Hoxe, a escrita especular ten certos usos prácticos, como cando vemos a palabra «AMBULANCIA» escrita do revés neses vehículos de emerxencias para que os condutores que os preceden poidan ler a palabra no sentido normal nos seus retrovisores e afastarse así do seu camiño.

Con todo, a faceta lúdica da escrita en espello tamén está a gañar adeptos. Un divertimento co que demostrarmos a habilidade de escribir do dereito e do revés, e moitas veces... a dúas mans! Reparade no vídeo e a practicar! Ánimo!

05/07/2012

«Beat box»: habilidade vocal e bucal

O «beat box» (en galego, «caixa de ritmos») é unha forma de percusión vocal que se basea na habilidade de imitar golpes de batería, ritmos e sons musicais empregando a cavidade bucal, os labios, a lingua, a gorxa e a propia voz.

O beatboxing xurdiu nos anos 80 do século pasado vinculado á cultura hip hop estadounidense. Fíxoo como un estilo da rúa: nos barrios pobres de Nova York os mozos non tiñan radiocasetes por seren  pesados e, ademais, moi caros; daquela, como alternativa, xurdiu o «beat box», unha destreza que lles permitía construír un padrón rítmico sobre o que rapear en calquera lugar e en calquera momento.

Mais todo isto explícao moito mellor, neste vídeo da extinta A Nosa Terra (localizado en Trabalingua), o máis destacado beatboxer galego, Gendebeat (ou Carlinhos Gende), que hai tempo se fixo célebre pola súa versión do himno galego. 


Todo un obradoiro avanzado de «beat box» e, asemade, de fonética: unha manchea de sons diferentes, polo seu modo de articulación (oclusivos, fricativos, laterais, vibrantes, nasais...) e polo seu punto de articulación (bilabiais, dentais, alveolares, palatais, velares...), ao servizo da creación musical máis contemporánea. Quen dá máis?!

E para verdes e escoitardes de forma aplicada como se articulan todos estes sons, esta web pode servos útil. Ten como base a lingua inglesa, mais moitos dos seus fonemas son comúns tamén ao galego.

Quen se anima a seguir os pasos de Gendebeat?

Solucións aos lemas das camisetas (29-6-2012): Paronimia: Galicia - Alicia; ración - nación; Heidi - heavy / Homonimia: falo (‘pene’) - falo (‘falar’) / Homofonía: boi - boy / Calembur: Ga lego - Galego / Frases feitas: «A fame é nejra», «Rómpeslle a cabeza a un santo!».

02/07/2012

Sopas de letras para calquera momento


Como demostra a imaxe, calquera momento e calquera lugar é bo para gozar coa ludolingüística ;-). Neste caso, unha «hixiénica e interminable» sopas de letras.

A sopa (ou caldo) de letras é un dos pasatempos lingüísticos máis populares en todo o mundo: caça palavras (en portugués), sopas de letras (en castelán), wordsearch (en inglés), mots cachés (en francés)...

Como é sabido, este xogo consiste nunha grella de letras onde cómpre descubrir un número determinado de palabras dispostas en sentido horizontal, vertical ou transversal. Estas voces, ademais, poden lerse de esquerda á dereita ou de dereita á esquerda; e tamén de arriba a abaixo ou de abaixo a arriba. As sopas de letras adoitan ter un tema e, ás veces, mesmo se ofrece a listaxe de palabras agochadas.

Existen certas estratexias para resolver estas sopas. As máis comúns son estas:
A primeira podemos chamala «varredura»: unha revisión completa e ordenada da sopa (liña por liña) buscando a letra inicial dunha palabra concreta. Cada vez que esta grafía aparece, repárase nas oito letras veciñas (en horizontal, vertical e transversal) para comprobar se aparece nalgún sentido a palabra que buscamos. 
A segunda sería procurar pares de letras que na lingua adoitan aparecer xuntas: os dígrafos (CH, GU, LL, NH, QU, RR). Existe unha grande probabilidade de que estas letras emparelladas formen parte dalgunha das palabras que buscamos. 
A terceira é útil de dispoñermos dunha listaxe de palabras. Estas son máis doadas de localizar se reparamos nas letras de uso menos frecuente (Ñ, Z, Q, H...), que son as primeiras que debemos procurar na sopa.
En fin, para poñer a proba a vosa habilidade ludolingüística, propoño acudirdes a este magnífico Dicionario Visual Interactivo. Nel atoparedes unha boa cantidade de sopas de letras que podedes resolver en liña. Tamén irei deixando na barra lateral do blog, quincenalmente, as que que me vaian publicando en Sermos Galiza (como esta primeira).

E se queredes crear as vosas propias sopas, ademais dos clásicos lapis e papel, tedes ao voso dispor este xerador automático de sopas de letras (en inglés).

Veña, ánimo e a gozar con tanta sopa!

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...