28/12/2014

O tempo en palabras



Para rematar o ano, unha idea para agasallo: dous reloxos de parede que non representan as horas con números, senón con palabras, estratexicamente situadas. Un deseño ideal para afeccionados aos encrucillados e ás sopas de letras. Os primeiros non poderán evitar a tentación de encher os ocos con palabras cruzadas. Os segundos enredarán á busca de catorce termos ocultos, todos do campo semántico do tempo: morning, bedtime, happy hour... Medir o tempo nunca foi tan divertido!


Mais o aparello que verdadeiramente alcanza o ideal do «tempo en palabras» é, sen dúbida, o Qlocktwo. Unha marabilla, de deseño alemán, que rompe coa concepción tradicional do reloxo e en lugar de amosar a hora por medio da rotación de agullas ou de díxitos, o que fai e escribila con palabras. Nunha grella que lembra un encrucillado ou unha sopa de letras, o enxeño vai iluminando as letras axeitadas, con intervalos de cinco minutos.

O Qlocktwo ten versións como espertador de mesa e como reloxo de pulso. Está dispoñible en varias linguas (alemán, inglés, francés...); por desgraza, non en galego. Un agasallo ideal para geeks con paixón polos xogos de palabras.

20/12/2014

«Palindrom», de Jens Nagels



O fotógrafo e videocreador alemán Jens Nagels tamén sucumbiu ao engaiolante poder dos palíndromos. Vémolo neste vídeo que combina populares textos reversibles alemáns, imaxes desprazadas en sentidos opostos e sons de fondo que ilustran cada idea.

Con «Palindrom», Nagels fai unha fermosa homenaxe audiovisual aos enunciados simétricos e ás singulares mensaxes que transmiten.

Anna, Otto, SMS, SOS... son voces ben recoñecibles, mais para comprender os outros palíndromos recorrín aos perigosos tradutores automáticos. Estes son os que dei traducido:
reittier (‘cabalgadura’)
nie setzt es ein (‘nunca o usa’)
nette betten (‘boas camas’)
eine hure ruhe nie (‘unha prostituta nunca descansa’)
lesen esel (‘o burro que le’)
lagerregal (‘estante de almacenaxe’)
Se atopades algún erro, avisade!

15/12/2014

Quero... te!


Made in Galiza (2007), de Séchu Sende, un dos grandes éxitos da nosa literatura máis recente: hoxe, todo un clásico das aulas (e tamén de fóra delas). 42 textos breves que ofrecen outras tantas reveladoras aproximacións á nosa situación sociolingüística. Aproximacións poéticas, comprometidas, pedagóxicas... 

Mais tamén son relatos que rebordan sentido do humor e espírito ludolingüístico. Por exemplo, o enredo onomatopéico de «SSSSSH» ou o calembur sobre o que se constrúe «UF».
UF
 Entrou na cafetería, prendeuse naqueles ollos, asombrouse e soubo que atopara algo…Fixo uf e comezou a…, mirouna outra vez e comezou a amala, a querela, pensou, e sentou á mesa máis achegada á cafeteira e sentiu…, uf, que comezaba a…
—Ola —dixo ela—, que queres? 
—Quero… macela.
Ao día seguinte entrou á mesma hora e ela seguía alí e sentiu que, uf, que a quería, en serio, pensou. —Ola —dixo ela—, que queres? 
—Quero… tila.
Ao terceiro día continuaba queréndoa e comezou a imaxinar e a necesitar, ao mesmo tempo, que ela estaba, que ela estivese, comezando a sentir iso tamén, uf. 
—Ola, que queres? 
—Quero… menta.
Ao cuarto día sentiu que xa non podía máis, que tiña que dicirllo. Teño que dicirllo, pensou, uf. 
—Ola, que queres? -dixo ela. 
—Quero... te —dixo el.
Ela abriu os ollos preguntando Como? e el dixo outra vez en baixiño Quero… te. E dixo Quero… te ao día seguinte e Quero… te ao seguinte e ao cuarto día tamén dixo Quero te e entón ela díxolle cos ollos Eu tamén.
Unha obra de transcendencia mesmo fóra de Galicia como demostran as súas traducións ao éuscaro ou ao curdo.

Para gozardes de Made in Galiza ao cento por cento, podedes visitar a magnífica guía de lectura interactiva elaborada por Pilar Ponte. E tamén podedes botarlle unha ollada ás adaptacións audiovisuais dalgúns dos seus textos: «Instrucciones para aprender a hablar gallego», «Na oficina de obxectos perdidos» ou «Falar»

E pechamos co microrrelato que representa a esencia mesma desta nova xoia da nosa «bibliografía ludolingüística básica»:
Eu nunca serei yo.

12/12/2014

Sara Marie, a pseudopolíglota



Se cadra, Sara Marie Fosberg, caixeira de supermercado de 19 anos é unha boa mostra da excelencia do sistema educativo finés. Mais a súa habilidade, por estraño que pareza, non é aprender idiomas, senón imitalos.

Hai uns meses, o seu vídeo, xurdido como simple brincadeira, foi unha desas sensacións virais de Youtube. Aló atrás vimos verdadeiros prodixios na aprendizaxe de idiomas e agora é a vez desta pseudopolíglota chea de descaro e sentido do humor.

Na entrevista, vemos como consegue expresarse con fluidez en inglés con distintos acentos: americano (coas súas variantes), británico, australiano... Mais o que deixa a un pampo é ver a soltura coa que «fala» o xaponés, o árabe, o sueco, o francés, o alemán, o portugués, o castelán, o hindi... Ás veces pode dicir algunha palabra ou algunha frase neses idiomas, máis a chave está en como modula a pronuncia, os acentos, os ritmos e mesmo a xestualidade... Non se pode negar que resulta bastante convincente (agás para os falantes nativos, supoño).

De onde lle veñen os extraordinarios dotes de papagaio a Sara Marie? De ser falante de finés, esa singular lingua urálica (por certo, con dicionario bilingüe en liña)? De xogar compulsivamente ao The Great Language Game? Dun sistema educativo que favorece falar mal unha chea de idiomas? Ignóroo.

Por certo, estes días de datos tristes, veume ao maxín unha idea traxicómica: Para cando un Decreto de Pseudopoliglotismo? Á luz do exemplo da amiga Sara Marie, a que agardan as nosas preclaras autoridades para converter dunha vez, nese camiño cara ao «cosmopalianismo», o noso sistema educativo nunha fábrica de pseudofalantes? Os primeiros pasos xa van aló.

08/12/2014

Como pintaría Picasso a letra P?

Como pintaría Matisse a letra D? Como pintaría Mondrian a letra H? Como pintaría Van Gogh a letra N? Como pintaría Picasso a letra P?... 

A ilustradora estadounidense Audree Rowe decidiu poñerse na pel destes artistas universais e doutros 21 máis e imaxinou como serían os seus cadros cunha letra do alfabeto como tema. Todo pintado á man, respectando as súas técnicas, as súas cores... Pezas que transmiten todo o xenio creativo deses pintores e que, en lugar dun espazo nun museo, ocupan as páxinas do libro Art in the Alphabet. Unha obra orixinal e fascinante para amantes da arte e tamén para amantes da lingua. 

Velaquí tedes o vídeo de promoción da obra, editado ademais a xeito de xogo. Canto sabes de pintura? Es que de adiviñar cal é o «autor» de cada cadro antes de que apareza o seu nome?

04/12/2014

Quen dixo medo!

Un home camiña pola rúa da cidade. Crúzase cunha rapaza descoñecida e pregúntalle:
—Desculpa, tes hora?
—Non.
—Aaaaaah! —berra o home, que retrocede ata o límite da beirarrúa.
A rapaza, ao ver como se achega perigosamente ao tránsito, intenta avisalo.
—Ollo!
—Aaaaaah! —volve gritar o home, que espantado recúa un paso máis.
Pasa un autobús e... Zas!
O microrrelato saíu algo macabro, abofé! Mais... Que lle pasou ao home? Por que recuou aterrado? Antes de seguir lendo, intenta dar resposta a esta pequena brincadeira... ludolingüística.


A solución do enigma é que o home padecía unha severa aibofobia, isto é, un medo irracional aos palíndromos. Xa sabedes, eses enunciados ou palabras, como «non» ou «ollo», que se escriben igual da esquerda para a dereita e da dereita para a esquerda.

O propio termo aibofobia é un palíndromo: cómico paradoxo xa que a palabra que nomea esa hipotética fobia causaría medo a toda persoa que a sufra. O neoloxismo, tomado do inglés aibohphobia, é un xogo lingüístico no que o prefixo «aibo-» non desenvolve papel semántico ningún, senón que serve como artificio para completar a simetría con «-fobia» (gr. -φοβία 'temor'). Por sorte, eu non padezo eses medos e gozo de cada perfecta voz reversible: unha ailifilia de manual, poderiamos dicir!

Por certo, a listaxe de insólitos temores que contribúe a designar o elemento léxico «-fobia» medra día a día (catisofobia 'medo a sentar'; metrofobia 'medo á poesía'; penterofobia 'medo á sogra'...). Con todo, podedes estar certos que volveremos sobre eles. Quen dixo medo!

30/11/2014

Alfabeto e publicidade





De termos ollada de ludolingüista, descubrir letras por aquí e acolá pode chegar a ser unha afección case enfermiza: un «E» nas teclas dun piano, un «V» no colo dunha camiseta... Mais, como xa vimos aló atrás, este enredo ten a súa utilidade económica.

Dúas marcas comerciais americanas (unha cadea de tendas e unha empresa de leite infantil) decidiron aproveitar esta idea para os seus anuncios. Neles van agromando, en elementos cotiáns e ordenadamente, as 26 letras do alfabeto inglés, acompañadas de melodías ben apegadizas.

Unha serie gráfica, a do alfabeto, con miles de anos de historia, factor chave no devir da nosa civilización e que contribúe a ilustrar conceptos cheos de forza: unidade, diversidade, principio e fin...

26/11/2014

O caso da espionaxe industrial

Velaquí un novo e sinxelo enredo para a nosa serie de enigmas. Desta volta, co seu aquel criptográfico.

O caso da espionaxe industrial
A detective Xulia Xelmírez foi requirida por SEMPRESÁN, unha importante compañía de laboratorios farmacéuticos. A empresa estaba a piques de lanzar un novo medicamento revolucionario e os seus directivos sospeitaban que estaban a ser espiados, con certeza pola súa principal competidora. 
Despois dunhas primeiras pescudas, Xulia Xelmírez descubriu dúas notas sospeitosas no escritorio dun dos executivos de SEMPRESÁN. Eran difíciles de interpretar, mais a detective estaba certa de que nelas estaba a chave para demostrar que ese empregado era o espía que buscaban. Este era o texto literal das notas:
Nota 1
DIN OSQ UEM EDICA MEN TOIDES SA CARECAN DOO FAR E DES.
Nota 2
SEMOR IED NIVO E ASRE MIEH ZLAO ART NOCANICA VAVON AHN UE.
Afortunadamente, Xulia Xelmírez era unha grande experta en criptografía, é dicir, en interpretar mensaxes cifradas, e non tardou en demostrar que aquel executivo era o espía que buscaban.
Que dicían as notas?
Solución ao enigma «Alicia no Bosque do Esquecemento» (27-9-2014)
Era xoves. Dado que os dous personaxes menten en días diferentes, é evidente que un está a dicir a verdade e que o outro non. Xa que logo, ao que di a verdade tocáballe mentir a véspera e ao outro ao revés. Así deducimos que o día en cuestión é o único en que se produce o cambio na sinceridade de ambos os dous: o xoves.

22/11/2014

Palabras numéricas



Hai pouco descubrín un interesante artigo en divulgamat.net do que xa me tardaba dar noticia. Co título de «Palabras númericas», falaba dunha serie de anuncios publicitarios en que os números eran empregados para representar letras. Lembroume en boa medida o alfabeto leed, ese curioso enredo consistente en escribir textos a base de treses, seises, ceros, setes...

Encabezando a anotación de hoxe, tedes dous deles. Son obra da axencia Noble Graphics (Bulgaria) e serviron para a campaña dos premios Effie de publicidade cun slogan cheo de forza: «Cando os números falan máis ca as palabras...», «...os números teñen a última palabra». Unha pequena obra mestra chea de elegancia na que números e símbolos, despoxados do seu valor matemático, só posúen valor visual. Verdadeira tipografía.

A cousa non quedaba aí. Outra campaña recollida no artigo é a que versionaba o logotipo de The Economist ben a través de números, ben a través símbolos matemáticos. De novo un deseño sinxelo e atraente.




Outra das mostras de palabras numéricas era esta serie de carteis cos que o Royal Bank do Canadá promocionaba os seus plans de pensións. O lema da campaña da axencia BBDO de Toronto: «A súa xubilación é máis ca números». E os números, de diferentes fontes, formaban palabras asociadas á calidade de vida: «saúde», «familia», «viaxe»...


E estoutra serie, deseñada pola axencia de publicidade Y&R Dubai para o banco Mashreq, contaba cun slogan moi semellante: «Vemos máis ca números». Unha idea fermosa esa do banco que lles ofrece aos seus clientes «seguridade», «soños»... máis alá das simples cifras. Que boíños os bancos!


18/11/2014

Un acróstico de Roberto Carlos



Esta fermosa canción de amor de Roberto Carlos xurdiu case como terapia despois de que a súa segunda esposa, Maria Rita, falecese por un cancro aló por 1999.

Tras esa perda, o artista brasileiro estivo sete anos afastado dos escenarios internacionais. E reapareceu incorporando aos seus concertos este tema: «Maria Rita, meu amor». Un texto cheo de emoción con forma de acróstico, que se facía explícito ao público a través dunha gran pantalla.

Aquí queda a letra completa.
Mais que a minha própria vida
Além do que eu sonhei pra mim
Raio de luz
Inspiração
Amor você é assim
Rima dos versos que eu canto
Imenso amor que eu falo tanto
Tudo pra mim
Amo você assim
Meu coração
Eternamente
Um dia eu te entreguei
Amo você
Mais do que tudo eu sei
O sol
Raiou pra mim quando eu te encontrei
Meu coração
Eternamente
Um dia eu te entreguei
Amo você
Mais do que tudo eu sei
O sol
Raiou pra mim quando eu te encontrei

14/11/2014

Zarampagalegando




Se vos gustan estas imaxes que ilustran sinónimos, preposicións ou campos semánticos, tedes que facervos seguidores de Zarampagalegando, o meu último pequeno gran descubrimento. Un blog cheo de espírito crítico, sentido do humor e moito amor pola lingua.

A súa creadora, «A churrusqueira», explica así como concibiu para o seu recuncho na arañeira ese nome sesquipedalista.
Comezarei explicando o nome do blog: tiña outras palabras na mente (zaragalladas, churrusqueiradas, fervellasverzas) pero xa estaban «pilladas», así que tiven que inventar un neoloxismo: mesturei zarampallada (barullo de cousas) e galegando (non existe, pero enténdese).
Como tantas veces na vida, unha cambadela pode acabar sendo boa cousa; así que agora estou contenta de que o meu
blog teña un nome que ata hoxe non existía.
Un blog de visita obrigada que recende a retranca e brincadeira. Aí van as miñas etiquetas favoritas: retranca, microrrelato, dicionario visual ou churrusquenciclopedia. Botádelle unha ollada!

10/11/2014

Camaleóns lingüísticos



Abraiante! Deixa a un pampo esa facilidade para aprender idiomas e para falalos saltando dun a outro coma quen pestanexa: todo un camaleón lingüístico. Mais abraia e admira tamén esa fantástica actitude aberta e desprexuízada cara a outras linguas. Todo un exemplo este Matthew Youlden, profesor en babbel.com, que fala nove idiomas fluidamente, comprende case unha ducia máis e entre os seus vindeiros obxectivos está... o galego!  Parabéns!

Preguntado sobre o seu segredo, Matthew deu estes 10 consellos:
1. Ten claro por que o estás a facer.
De non teres unha boa razón para aprender outro idioma, é moi probable que, a medio prazo, desapareza a motivación. O realmente importante é comprometerse ao máximo.
2. Mergúllate.
Non importa as ferramentas que uses para aprender a lingua, a chave está en practicares todos os días.
3. Atopa un compañeiro.
Un irmán, un amigo... alguén que te acompañe e te empurre a estar motivado e a seguir un pouco máis.
4. Manteno relevante.
Máis alá de libros e manuais, falares coa xente fará que o proceso de aprendizaxe siga a ser relevante para ti.
5. Divírtete.
Usa o teu novo idioma de calquera forma que sexa creativa: grava cancións, fai un programa de radio, debuxa un cómic, escribe un poema...
6. Actúa como un neno.
Aprendemos a base de nos equivocar. Cando somos nenos, espérase que cometamos erros mais, cando somos adultos, os erros convértense nunha especie de tabú. Admite que non o sabes todo, acepta sen medo o erro. Libérate das túas barreiras de adulto.
7. Abandona a túa zona de confort.
Non ter medo a equivocarse significa estar preparado para poñerse en situacións potencialmente difíciles ou embarazosas. Isto pode dar un chisco de medo, mais é necesario para mellorar.
8. Escoita.
Tes que aprender a escoitar antes de aprender a falar. Calquera idioma soa raro a primeira vez, porén, canto máis o escoitas, máis familiar se volve e máis doado será falalo.
9. Mira a outros falando.
Idiomas distintos demandan cousas distintas da túa lingua, labios e garganta. A pronunciación é tanto física como mental. Observa e imita falantes nativos en vivo, en películas estranxeiras, en televisión en versión orixinal...
10. Fala contigo.
Se non tes a ninguén con quen falar no idioma que estás a aprender, non hai nada malo en falar contigo mesmo. Isto pode axudarche a aprender novas expresións e a estar máis confiado cando teñas que usalas con outra persoa.
Compromiso, inmersión, espírito lúdico, desinhibición, desdramatización do erro... pautas simples para aprendermos novos idiomas. Pregúntome se Matthew coñecerá estoutra camaleoa de noso: a pequena Xulia, que cando gravou este vídeo tiña só sete anos e falaba xa seis idiomas (e mais outro inventado). Unha xoia!



06/11/2014

Webcedário, pura lambetada!






Descubrín Webcedário e aló foi, dereitiño á listaxe de «Lambetadas». Un recuncho máis para visitar por gusto, polo simple pracer de enredar coa lingua.

Trátase dun espazo de letras falantes cheas de personalidade e de moito, moito, sentido do humor. Naceu no 2005 a xeito de blog, máis tarde faríase web e hoxe alóxase en Pinterest e en Facebook (mesmo con versión inglesa). O tremendo éxito de Webcedário fixo que acabase editado tamén en papel (que proeza!).
   
Os seus creadores orixinais foron os deseñadores gráficos lisboetas João Cóias e Miguel Velhinho. O esforzo de escribiren publicacións con regularidade levounos a admitir colaboracións esporádicas doutros autores. Dous deles, José Nunes e Marco António, foron convidados a participar regularmente co seu humor gráfico. Así, hoxe son catro os pais da criatura.

Se vos gusta o humor ludolingüístico e intelixente, non deixedes de visitar Webcedário: sorrisos garantidos! Déixovos co vídeo que crearon para lle dar a benvida a este ano 2014. Que vos preste!

02/11/2014

Atropónimos que dan moito xogo


Velaquí un título máis para a nosa «bibliografía ludolingüística básica»: Enredando nos antropónimos (2012), da filóloga Xulia Marqués Valea. Este volume, editado magnificamente por Galebook, pretende achegarlle ao alumnado de Educación Primaria, de xeito lúdico, o mundo dos nosos nomes propios, apelidos, hipocorísticos e alcumes.

O libro inclúe 13 fichas con actividades para desenvolver nas aulas, ademais dun CD cunha sección dedicada aos apelidos galegos e cun compendio de material didáctico en formato dixital. 

Xeróglifos, trabalinguas, acrósticos, lipogramas e moitos outros recursos ludolingüísticos son a base de boa parte das propostas didácticas. E outras teñen como punto de partida unha coidada selección de textos literarios de autores como Xoán Babarro, Ana María Fernández, Paula Carballeira, Xelís de Toro, Lewis Carroll ou Gianni Rodari.
O poeta Sorellini, que se chama de primeiro nome Alberto e de segundo Alberto, é o xefe dunha banda de poetas que escriben letras para cancións e de músicos que escriben cancións para letras. Tamén coñecido por «o Poeta Chorón»...
Gianni Rodari, Contos á máquina 
Unha proposta ben fermosa que se ve complementada con outra ferramenta da mesma autora: Antroponimizando. Proposta dixital educativa para traballar cos nomes e apelidos

29/10/2014

A xogar con «Lyricstraining»


Cada pouco tempo, como ben sabedes, en Xogosdelingua prescribimos unha pequena dose de karaoke. Poucas ferramentas máis lúdicas e entretidas para a aprendizaxe de idiomas ca o invento de Daisuke Inoue.

Ben o saben os creadores de Lyricstraining, unha web que permite, de balde, practicar varias linguas mentres vemos vídeos musicais. Os idiomas dispoñibles, polo de agora, son o inglés, o francés, o alemán, o castelán, o italiano, o neerlandés e o portugués.

O funcionamento é ben sinxelo, escóllese un videoclip e un nivel de dificultade (principiante, intermedio, avanzado ou experto). No nivel máis doado, reprodúcese o texto da canción só cuns poucos ocos en branco que o xogador debe completar. Mentres que ao elixirmos un nivel máis difícil a letra aparece cun maior porcentaxe de ocos en branco. Poténciase así tamén a capacidade de memorización.

Un xogo entretido e, asemade, de grande utilidade didáctica. Préstache intentalo, por exemplo, con «Twist and shout» de The Beatles ou con «Leãozinho» de Caetano veloso? A cantar!

25/10/2014

«O homem sem qualidades caça palavras»



Elida Tessler é unha artista e profesora de arte que vive e traballa en Porto Alegre (Brasil). A súa especialidade e a súa paixón é explorar o territorio das relacións entre arte, palabra e libro. 

O vídeo inicial amosa unha das súas montaxes: «O homem sem qualidades caça palavras», inaugurada en São Paulo no ano 2007 e creada a partir da novela O home sen atributos de Robert Musil. A frase do título impulsou a artista a buscar todos os adxectivos do texto: exactamente 30.301. Deles seleccionou 5.360 que, repartidos en series de 40, agochou en 134 sopas de letras (caça palavras) sobre teas de algodón. Acompañaron a montaxe tres libros: «O homem sem qualidades, mesmo», o texto orixinal de Musil cun primeiro grupo de adxectivos riscados con bolígrafo negro; «O homem sem qualidades, mesmo assim», outro exemplar do mesmo libro con máis adxectivos pintados con corrector branco; e mais «O homem sem qualidades caça palavras», un volume editado para a ocasión coas 134 sopas de letras a xeito de publicación de pasatempos.



Unha fermosa instalación que xoga coa idea da apropiación das palabras e da súa transposición a outro contexto para lles dar un novo valor, un novo alento. Algo que Elida Tessler ensaiaría de novo, como podemos ver aquí, con montaxes inspiradas en obras doutros escritores universais como James Joyce ou Marcel Proust.

21/10/2014

«O moucho chosco»



Como cabeceira da entrada de hoxe... «O moucho chosco», canción do recoñecido audiolibro Tic-Tac, de Pablo Díaz e a súa banda, publicado aló polo 2009. Aquí vai a letra, ideal, por exemplo, para traballar o campo semántico dos animais:
O moucho chosco
Un moucho que é chosco
que vive nun souto
viu pasar a lebre
que a presa te leve.
E nese momento
cal se fora o vento
pasou un esquío
que ninguén viu.
E a donosiña
que rápida viña
levaba un rato
collido do papo.
E unha vaca loura
de cor moi moura
que alí pasaba
e non viu nada.
Non viu o moucho
o esquío tampouco
nin a donosiña
que o rato tiña.
Esto foi nun souto
que chovía moito
nun día de inverno
con néboa e con vento.
Por certo, esta animación seica foi feita, motu proprio, por un seareiro do grupo. Unha fermosa peza en stop motion que nos fai pensar canto se podería chegar a facer no camiño da normalización se, ademais de imaxinación e de vontade, dispuxésemos de máis recursos.

E falando de recursos, aquí deixo a ligazón da Coordinadora de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística de onde tirei a canción. Un arquivo de referencias musicais ben amplo onde atoparmos cancións e videoclips os nosos máis pequenos.

17/10/2014

Palíndromos e folioscopios


Decateime de que un palíndromo e un flipbook teñen a misma estrutura. Ambos os dous son lineais e, asemade, reversibles. Fixen este obxecto arredor desa observación.
Así explica a deseñadora estadounidense Kelli Anderson idea que inspirou o seu flipbook palindrómico.

Para quen non o teña claro, flipbook é o nome inglés do que en galego poderiamos chamar folioscopio, un pequeno caderno que contén unha serie de imaxes que varían gradualmente dunha páxina á seguinte para que, facéndoas pasar ás presas, parezan animarse simulando un movemento continuo. Unha técnica que explica a orixe mesma da cinematografía.


O libriño animado de Anderson non amosa imaxes en movemento, senón letras, ou máis ben todo un palíndromo: A SANTA LIVED AS A DEVIL AT NASA. Enxeñoso texto reversible que se podería traducir como «Un papá Noel viviu como un demo na NASA».


Anímovos a deseñar os vosos propios folioscopios. Neste blog do CPI Fonte Díaz (de Touro) podedes atopar un par de sinxelos exemplos e nesta ligazón un útil manual para vos poñer mans á obra.

13/10/2014

De Camões a Pimenta


En 1990, na súa obra Obra Quase Incompleta, o poeta portuense Alberto Pimenta publicaba o poema «Metástase I». Nel, o soneto de Camões «Transforma-se o amador na cousa amada» era transformado verso a verso nun novo texto, mediante o procedemento do anagrama, é dicir, mediante a permutación das letras.

Así, o primeiro verso:
Transforma-se o amador na cousa amada   
Pasou a ser: 
Ousa a forma cantor! Mas se da namorada
Curiosamente, no derradeiro verso, sobráronlle as letras L e C, que se converteron na sinatura de Luís de Camões.

Aquí tedes as dúas pezas:
Camões - Soneto 96
Transforma-se o amador na cousa amada,
Por virtude do muito imaginar;
Não tenho, logo, mais que desejar,
Pois em mi[m] tenho a parte desejada.
Se nela est· minha alma transformada,
Que mais deseja o corpo de alcançar?
Em si somente pode descansar,
Pois consigo tal alma est· liada.
Mas esta linda e pura semidéia,
Que, como o acidente em seu sujeito,
Assi[m] coa alma minha se conforma,
Est· no pensamento como idéia;
[E] o vivo e puro amor de que sou feito
Como a matéria simples busca a forma.
Alberto Pimenta [Camões por interposta pessoa]
Ousa a forma cantor! Mas se da namorada
Nua d´imagem, tido rio por vir tu
Não tens, oh joga, sem que ide
Ia e mente passem, admito, d´harpejo,
Nada, terno mar, falsamente ilhas. Amas
Desejando amor que cale cio, parcas
Rimas, e os desencantos pedem
Odi et amo, caos, sigla. Ali plantas
Setas em idÈia, ainda mel, puras,
Semente que caÌdo sujeito como eu,
A lama minha informam. Com acessos
Te penso e cato o mÌnimo. Se nada
Muda, vê que frio e pó e riso e voto ou
Ímpio amor mata o ser e busca famas.
                                                                L. C. 
Souben deste exemplo de «literatura lúdica» grazas a Carta Xeométrica. Alí, o amigo Cibrán fala tamén do artigo «Camões, Pimenta and the improbable sonnet», que dous profesores da Universidade de Coimbra, Carlota Simões e Nuno Coelho, publicaron recentemente na revista de matemática recreativa Ludus. Nese traballo estúdase, desde o punto de vista matemático, a transformación que o poeta Pimenta realiza co soneto de Camões. En concreto, o número de posibilidades distintas de construción dun novo verso mediante permutacións das letras do orixinal. Unha abraiante conxunción de literatura e matemáticas!

09/10/2014

«Tris, tras, cabaleiro, fóra estás»


Poucos recordos da miña nenez gardo tan vivos como aquel día triste en que descubrín as rúas de Portonovo pavimentadas de cemento gris. Como por arte de maxia, unha mañá, ao saír da casa, todo apareceu anegado por aquela superficie estraña, fría, dura, hostil. Para toda a rapazada nada volvería ser igual. Onde iamos xogar ao cravo? Ou ao gua? Ou a tantos outros xogos que precisaban da terra amable, agora cuberta para sempre? Nin sequera os anárquicos partidos de fútbol volverían ser os mesmos: acabouse o de deixarse caer ou escorregar, se non queriamos deixar no chan o pelello ou algo máis. As cousas do progreso... 

Todo isto agromou na miña memoria a través dunhas palabras máxicas que non escoitaba desde aquela: «Tris, tras, cabaleiro, fóra estás». De paseo por Enredamos, un dos meus blogs de cabeceira, dei cun grupo de nenos a cantar este recitado para botar as sortes. E, de súpeto, vinme transportado a aqueles primeiros anos 70 do século pasado. Amigos de Enredamos, parabéns polo voso labor de recuperación e posta en valor deste patrimonio. E grazas mil por esa viaxe no tempo!

05/10/2014

Afonso X, o Ludolingüista


Eno nome de Maria
cinque letras, no-mais, i á.
M mostra MADR' e MAYOR
e mais MANSA e mui MELLOR
de quant' al fez Nostro Sennor
nen que fazer poderia.
Eno nome de Maria

cinque letras, no-mais, i á.
A demostra AVOGADA,
APOSTA e AORADA,
e AMIGA e AMADA
da mui santa conpannia.
Eno nome de Maria
cinque letras, no-mais, i á.
R mostra RAM' e RAIZ,
e REINN' e Emperadriz,
ROSA do mundo; e ffiz
quena visse ben seria.
Eno nome de Maria
cinque letras, no-mais, i á.
I nos mostra JHESU-CRISTO,
JUSTO JUIZ, e por isto
foi por ela de nos visto,
segun disso Isaía.
Eno nome de Maria
cinque letras, no-mais, i á.
A ar diz que AVEREMOS
e que tod' ACABAREMOS
aquelo que nos queremos
de Deus, pois ela nos guia.
Eno nome de Maria
cinque letras, no-mais, i á.
Velaquí un dos primeiros textos ludolingüísticos da literatura galega: «Eno nome de María», a peza número 70 das Cantigas de Santa María. Cada unha das cinco cobras que a forman está ligada a unha letra do nome da Virxe, formando un acróstico. E nalgúns dos seus versos mesmo aparece o tautograma ao dominar neles unha mesma letra inicial (M mostra MADR' e MAYOR / e mais MANSA e mui MELLOR). Unha cantiga que pretende transmitir o significado transcendente que agocha cada letra de «María» (madre, mansa, avogada, amiga, amada, reinna, rosa...).

As Cantigas de Santa María, obra mestra da nosa literatura medieval, foron compostas baixo a dirección do rei Afonso X e os expertos sosteñen que, posiblemente, boa parte delas contaron coa súa participación directa. Se cadra, esta tamén. Poderiamos daquela renovar o alcume do rei Sabio para convertelo en... Afonso X, o Ludolingüista.

01/10/2014

Rap lipogramático



Andrew Huang é un músico estadounidense que se deu a coñecer a través dunha canle de seu en Youtube: Song Challenge. Nela presentaba diferentes traballos baseados na busca constante da experimentación e da creatividade: desde pezas coa única base sonora dos botes dun balón de basket a outras interpretadas en cinco idiomas distintos.

O enredo musical de Huang que máis me encheu o ollo foi este rap lipogramático. Un brillante exercicio de estilo no que prescinde por completo da vogal «e», na mellor tradicion ludolingüística de Laso de Hermione, Franz Rittler, Ernest Vincent Wright ou Georges Perec. Aquí podes atopar a súa letra completa.

Unha proba máis de que, ás veces, as limitacións e restricións poden ser un grande estímulo para a imaxinación.

27/09/2014

Alicia no Bosque do Esquecemento

Os que me coñecen saben da miña predilección polos enigmas de calquera tipo: lingüísticos, lóxico-matemáticos, de pensamento lateral... Unha afección que me levou a recompilar algúns destes relatos en dous volumes (Esfinxe e Sherezade), marabillosamente editados polos amigos de TresCtres. 

Outros enigmas tiven a sorte de publicalos durante un tempo nos primeiros números de Sermos Galiza. Pezas de distinta procedencia ás que fun dando forma para unha sección fixa de pasatempos.

Dous anos despois, pensei que sería boa idea desempoar aqueles enigmas esquecidos na gabeta virtual do meu portátil e crear unha sección para eles aquí, en Xogosdelingua. 

Aí vai o primeiro. Agardo que vos guste o pasatempo. Só hai que espremer un chisco os miolos!

Alicia no Bosque do Esquecemento (1)
No libro Alicia do outro lado do espello de Lewis Carroll (pseudónimo do profesor de Lóxica e Matemáticas Charles Ludwige Dodgson), a súa protagonista tivo que adentrarse nun tenebroso bosque, chamado o Bosque do Esquecemento, un lugar no que un podía esquecer o seu propio nome e, por suposto, tamén o día da semana en que estaba.
Velaquí un divertido enredo lóxico que nunca chegou a ser incluído nese capítulo da fascinante obra de Carroll.
Cando dous extraños animais habitantes do Bosque do Esquecemento, un león e un unicornio, se atoparon con Alicia, quixeron darlle algunha pista para saber o día en que se atopaba.
O león mentía os luns, os martes e os mércores, e dicía a verdade os outros días da semana.
O unicornio mentía os xoves, os venres e os sábados, e dicía a verdade os restantes días da semana.
Os dous faláronlle así á rapaza:
—Onte foi un dos días en que me tocaba mentir —dixo o león.
—Onte tamén foi un dos días en que me tocaba mentir a min —engadiu o unicornio.
A aguda Alicia non tardou moito en deducir, a partir destes comentarios, que día da semana era.
Cal era esa día?
(1) Adaptado de ¿Cómo se llama este libro?,


23/09/2014

Super Grammar


Cando descubrín esta web, non o puiden resistir: xa merquei un exemplar de Super Grammar, dos deseñadores e ilustradores californianos Tony Preciado e Rhode Montijo. Para os que receamos do ensino puramente gramatical da lingua, esta proposta resulta unha marabilla!

Que idea xenial! Unha aproximación atraente e visual ao estudo da gramática presentada como unha batalla interminable entre o ben e o mal, entre superheroes e superviláns. Así, os principais elementos da gramática personifícanse coa identidade ben dun superheroe, ben dun supervilán; e as súas características e funcións son transformadas en superpoderes.

Temos, daquela, o bando dos bos formado por varios grupos: 


The Amazing Eight: oito heroes que encarnan oito clases de palabras, cada un cos seus poderes. Ademais, asociados entre eles aumentan o seu potencial. Temos: The Noun (o substantivo), cuxo principal poder é cambiar de forma (pode ser calquera persoa, lugar ou cousa nunha oración); The Verb (o verbo), a líder do equipo que coa súa incrible enerxía pode darlle vida a calquera oración e expresar xa unha acción, xa un estado; The Adverb (o adverbio), unha superheroína que coa súa práctica ferramenta de modificación axuda os verbos a obter unha potencia extra...


The Super Simbols: os valentes e fiables signos de puntuación, que cos seus poderes axudan a manter claras e ben organizadas as oracións. Entre eles: The Comma (a coma), un dos membros máis útiles, versátiles e áxiles do grupo, con habilidades como axudar a facer pausas ou a separar palabras ou grupos de palabras; The Sentence Ending Team (o equipo de peche das oracións), son o punto, o signo de admiración e o de interrogación, que posúen o poder para indicar o final dunha oración, mais co engadido de expresar intención ou estado de ánimo (afirmas?, preguntas?, berras?...); The Apostrophe (o apóstrofo), con tres impresionantes poderes na gramática inglesa: o de contracción, o de omisión e o de posesión...


The Completion Team: o máis pequeno dos superequipos e posiblemente o máis importante xa que permite formar oracións fortes e completas; os seus membros, The Subject (o suxeito), co poder de expresar de quen ou de que estamos a falar, e The Predicate (o predicado), unha mestra das artes verbais que permite expresar con palabras todo tipo de declaracións acerca dos suxeitos.


E enfrontados aos grupos anteriores temos os superviláns: The Sabotage Squad, un grupo de malvados que intenta arruinar calquera palabra ou oración que poida caer nas súas mans. Algúns deles son: The Run-on Sentence (a oración interminable), que impide pechar oracións correctamente converténdoas en secuencias sen fin e sen sentido; The Sentence Fragment (o fragmento de oración), que goza buscando nas oracións baleiros (ausencia de verbo, de concordancia...) que fagan perder a súa estabilidade...

En fin, as forzas do ben e as do mal enfrontadas por dominar o universo da gramática. Unha proposta que sen dúbida fai máis lúdica e atraente a aprendizaxe dos contidos gramaticais. Quen puidera atopar algo así na nosa lingua!

19/09/2014

Pasapalabra en galego


Gañar 2.190.000 euros nunha hora escasa, e ademais facelo a base de resolver xogos de palabras: esta foi a proeza de Eduardo Benito, un comercial madrileño, no coñecido programa Pasapalabra aló por maio do 2009.

Este concurso, versión castelá do orixinal británico The Alphabet Game, é célebre pola súa espectacular rosca final na que o participante, se quere levar o bote, debe adiviñar as 25 palabras en orde alfabética, nun límite de tempo.

Pasapalabra ben merecía un oco en Xogosdelingua, mais non só pola súa edición televisiva, senón tamén polo regueiro de diferentes formatos que xerou: xogos de mesa, xogos en liña, apps...

Grazas ao alumnado e ao profesorado do IES María Casares, de Oleiros, podemos xogar ao Pasapalabra en galego (1, 2 e 3). Poñede a proba o voso vocabulario e a vosa axilidade mental. Adiante!

15/09/2014

Tipografía manual



Xa coñecedes a miña fascinación pola tipografía creativa e lúdica (lembrades esta entrada?, ou esta?, ou estoutra?). Vía unaracnidounacamiseta descubrín este fantástico experimento tipográfico, creado pola deseñadora taiwanesa Tien-Min Liao.

Aínda que inicialmente poida parecer sinxelo, detrás desta orixinal tipografía feita coas mans hai unha chea de traballo de planificación e de ensaio.

No experimento, Tien-Min trazou liñas con tinta nunha ou en ambas as dúas mans de xeito que puidese formar unha letra maiúscula. Logo, estudou a perspectiva e manipulou os seus xestos co fin de transformar cada letra maiúscula na súa correspondente minúscula. O reto foi non borrar nin retocar a tinta negra das mans con ningún dos pares maiúscula / minúscula. O único xeito de lograr cada transformación era mudando os xestos ou as perspectivas. Aquí tedes algúns exemplos destas transformacións.



E aquí queda o alfabeto completo.


11/09/2014

Amancio Ortega, ludolingüista


Amancio buscaba un nome para o... primeiro negocio da súa vida! A historia está chea de exemplos de marcas que naceron por casualidade, sen unha estratexia preconcibida, e se converteron en iconas universais. No caso da marca Zara pódese afirmar que o seu nacemento se debe a unha combinación de casualidades, aínda que a idea partiu dun famoso filme protagonizado por Anthony Quinn. O máis probable, como explica un colaborador de Amancio Ortega, é que este quedara impactado polo papel que interpretou Quinn no filme Zorba, o grego, que se estreou en 1964, mais non chegou a España ata dous anos máis tarde: «Nalgún cine da Coruña, Ortega gozou con aquel perxonaxe case mítico, loitador, amante da vida, con ganas de progresar e de transmitir esforzo e ledicia. Moitas destas calidades tíñaas Ortega e á súa futura tenda de roupa na Coruña decidiu poñerlle “Zorba”». [...]
Amancio Ortega identificouse co personaxe de Zorba polas súas ganas de vivir cada momento, participar, asumir un papel importante e activo, e rexeitar a pasividade de quen se deixa levar pola vida, en lugar de tomar as rendas e dirixir o seu propio destino. Por isto escolleu a palabra «Zorba» como nome para a súa primeira tenda.
Mais cando Amancio Ortega comprobou que non podía rexistrar a súa nova empresa con aquel nome tirado da gran pantalla, porque xa estaba rexistrado como marca e patente, a decepción transformouse nunha nova oportunidade. Daquela volveu consultar cos seus colaboradores e familiares a posibilidade de atopar un nome curto, que se parecera ao de «Zorba». E xogou coas letras, combinounas e buscou a eclosión e a potencia do feminino «a» que foi gañando protagonismo ata quedar para sempre. E quedou para formar unha verba curta, de tan só catro letras, que significa «millo» na lingua quechua da antiga cultura incaica: acababa de nacer Zara.
David Martínez, Zara: Visión y estrategia de Amancio Ortega (tradución)

Nunca saberemos se o éxito da Zara (e de todo o imperio Inditex) sería o mesmo de non aparecer, naquel intre, o Amancio Ortega ludolingüista. Que vendería máis: «Zorba» ou «Zara»? Imaxino o señor Ortega a garabatear sobre un anaco de papel anagramas de «Zorba», dando voltas e reviravoltas á secuencia de letras, tirando unhas e engadindo outras. Vese que mantivo o «z» inicial e o «a» final (alfa e omega invertidos, que curioso!). E como mandan os cánones, deu cun nome breve, sonoro e fácil de lembrar. Unha marca que, ao contrario de «Zorba», non evocaría referente coñecido ningún. Se cadra, este sinxelo xogo lingüístico foi a faísca que prendeu a imparable andaina da multinacional galega. Vai ti saber!

Por certo, outro nome comercial monovocálico (que terán?). Despois dunhas semanas, aquí deixo unha nova rolda de marcas de vogal única, comezando, como non, por Zara. Un enredo que reflicte ben ás claras ou meu indomable espírito «friqui». Alguén se anima a continuar a serie?

Moda galega (monovocalismo en «a»)

Automóbiles alemáns (monovocalismo en «e»)

Galletas de Artiach (monovocalismo en «i»)

Esta vez, automóbiles suecos (monovocalismo en «i»)

Pegamento alemán (monovocalismo en «u»)

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...