27/09/2014

Alicia no Bosque do Esquecemento

Os que me coñecen saben da miña predilección polos enigmas de calquera tipo: lingüísticos, lóxico-matemáticos, de pensamento lateral... Unha afección que me levou a recompilar algúns destes relatos en dous volumes (Esfinxe e Sherezade), marabillosamente editados polos amigos de TresCtres. 

Outros enigmas tiven a sorte de publicalos durante un tempo nos primeiros números de Sermos Galiza. Pezas de distinta procedencia ás que fun dando forma para unha sección fixa de pasatempos.

Dous anos despois, pensei que sería boa idea desempoar aqueles enigmas esquecidos na gabeta virtual do meu portátil e crear unha sección para eles aquí, en Xogosdelingua. 

Aí vai o primeiro. Agardo que vos guste o pasatempo. Só hai que espremer un chisco os miolos!

Alicia no Bosque do Esquecemento (1)
No libro Alicia do outro lado do espello de Lewis Carroll (pseudónimo do profesor de Lóxica e Matemáticas Charles Ludwige Dodgson), a súa protagonista tivo que adentrarse nun tenebroso bosque, chamado o Bosque do Esquecemento, un lugar no que un podía esquecer o seu propio nome e, por suposto, tamén o día da semana en que estaba.
Velaquí un divertido enredo lóxico que nunca chegou a ser incluído nese capítulo da fascinante obra de Carroll.
Cando dous extraños animais habitantes do Bosque do Esquecemento, un león e un unicornio, se atoparon con Alicia, quixeron darlle algunha pista para saber o día en que se atopaba.
O león mentía os luns, os martes e os mércores, e dicía a verdade os outros días da semana.
O unicornio mentía os xoves, os venres e os sábados, e dicía a verdade os restantes días da semana.
Os dous faláronlle así á rapaza:
—Onte foi un dos días en que me tocaba mentir —dixo o león.
—Onte tamén foi un dos días en que me tocaba mentir a min —engadiu o unicornio.
A aguda Alicia non tardou moito en deducir, a partir destes comentarios, que día da semana era.
Cal era esa día?
(1) Adaptado de ¿Cómo se llama este libro?,


23/09/2014

Super Grammar


Cando descubrín esta web, non o puiden resistir: xa merquei un exemplar de Super Grammar, dos deseñadores e ilustradores californianos Tony Preciado e Rhode Montijo. Para os que receamos do ensino puramente gramatical da lingua, esta proposta resulta unha marabilla!

Que idea xenial! Unha aproximación atraente e visual ao estudo da gramática presentada como unha batalla interminable entre o ben e o mal, entre superheroes e superviláns. Así, os principais elementos da gramática personifícanse coa identidade ben dun superheroe, ben dun supervilán; e as súas características e funcións son transformadas en superpoderes.

Temos, daquela, o bando dos bos formado por varios grupos: 


The Amazing Eight: oito heroes que encarnan oito clases de palabras, cada un cos seus poderes. Ademais, asociados entre eles aumentan o seu potencial. Temos: The Noun (o substantivo), cuxo principal poder é cambiar de forma (pode ser calquera persoa, lugar ou cousa nunha oración); The Verb (o verbo), a líder do equipo que coa súa incrible enerxía pode darlle vida a calquera oración e expresar xa unha acción, xa un estado; The Adverb (o adverbio), unha superheroína que coa súa práctica ferramenta de modificación axuda os verbos a obter unha potencia extra...


The Super Simbols: os valentes e fiables signos de puntuación, que cos seus poderes axudan a manter claras e ben organizadas as oracións. Entre eles: The Comma (a coma), un dos membros máis útiles, versátiles e áxiles do grupo, con habilidades como axudar a facer pausas ou a separar palabras ou grupos de palabras; The Sentence Ending Team (o equipo de peche das oracións), son o punto, o signo de admiración e o de interrogación, que posúen o poder para indicar o final dunha oración, mais co engadido de expresar intención ou estado de ánimo (afirmas?, preguntas?, berras?...); The Apostrophe (o apóstrofo), con tres impresionantes poderes na gramática inglesa: o de contracción, o de omisión e o de posesión...


The Completion Team: o máis pequeno dos superequipos e posiblemente o máis importante xa que permite formar oracións fortes e completas; os seus membros, The Subject (o suxeito), co poder de expresar de quen ou de que estamos a falar, e The Predicate (o predicado), unha mestra das artes verbais que permite expresar con palabras todo tipo de declaracións acerca dos suxeitos.


E enfrontados aos grupos anteriores temos os superviláns: The Sabotage Squad, un grupo de malvados que intenta arruinar calquera palabra ou oración que poida caer nas súas mans. Algúns deles son: The Run-on Sentence (a oración interminable), que impide pechar oracións correctamente converténdoas en secuencias sen fin e sen sentido; The Sentence Fragment (o fragmento de oración), que goza buscando nas oracións baleiros (ausencia de verbo, de concordancia...) que fagan perder a súa estabilidade...

En fin, as forzas do ben e as do mal enfrontadas por dominar o universo da gramática. Unha proposta que sen dúbida fai máis lúdica e atraente a aprendizaxe dos contidos gramaticais. Quen puidera atopar algo así na nosa lingua!

19/09/2014

Pasapalabra en galego


Gañar 2.190.000 euros nunha hora escasa, e ademais facelo a base de resolver xogos de palabras: esta foi a proeza de Eduardo Benito, un comercial madrileño, no coñecido programa Pasapalabra aló por maio do 2009.

Este concurso, versión castelá do orixinal británico The Alphabet Game, é célebre pola súa espectacular rosca final na que o participante, se quere levar o bote, debe adiviñar as 25 palabras en orde alfabética, nun límite de tempo.

Pasapalabra ben merecía un oco en Xogosdelingua, mais non só pola súa edición televisiva, senón tamén polo regueiro de diferentes formatos que xerou: xogos de mesa, xogos en liña, apps...

Grazas ao alumnado e ao profesorado do IES María Casares, de Oleiros, podemos xogar ao Pasapalabra en galego (1, 2 e 3). Poñede a proba o voso vocabulario e a vosa axilidade mental. Adiante!

15/09/2014

Tipografía manual



Xa coñecedes a miña fascinación pola tipografía creativa e lúdica (lembrades esta entrada?, ou esta?, ou estoutra?). Vía unaracnidounacamiseta descubrín este fantástico experimento tipográfico, creado pola deseñadora taiwanesa Tien-Min Liao.

Aínda que inicialmente poida parecer sinxelo, detrás desta orixinal tipografía feita coas mans hai unha chea de traballo de planificación e de ensaio.

No experimento, Tien-Min trazou liñas con tinta nunha ou en ambas as dúas mans de xeito que puidese formar unha letra maiúscula. Logo, estudou a perspectiva e manipulou os seus xestos co fin de transformar cada letra maiúscula na súa correspondente minúscula. O reto foi non borrar nin retocar a tinta negra das mans con ningún dos pares maiúscula / minúscula. O único xeito de lograr cada transformación era mudando os xestos ou as perspectivas. Aquí tedes algúns exemplos destas transformacións.



E aquí queda o alfabeto completo.


11/09/2014

Amancio Ortega, ludolingüista


Amancio buscaba un nome para o... primeiro negocio da súa vida! A historia está chea de exemplos de marcas que naceron por casualidade, sen unha estratexia preconcibida, e se converteron en iconas universais. No caso da marca Zara pódese afirmar que o seu nacemento se debe a unha combinación de casualidades, aínda que a idea partiu dun famoso filme protagonizado por Anthony Quinn. O máis probable, como explica un colaborador de Amancio Ortega, é que este quedara impactado polo papel que interpretou Quinn no filme Zorba, o grego, que se estreou en 1964, mais non chegou a España ata dous anos máis tarde: «Nalgún cine da Coruña, Ortega gozou con aquel perxonaxe case mítico, loitador, amante da vida, con ganas de progresar e de transmitir esforzo e ledicia. Moitas destas calidades tíñaas Ortega e á súa futura tenda de roupa na Coruña decidiu poñerlle “Zorba”». [...]
Amancio Ortega identificouse co personaxe de Zorba polas súas ganas de vivir cada momento, participar, asumir un papel importante e activo, e rexeitar a pasividade de quen se deixa levar pola vida, en lugar de tomar as rendas e dirixir o seu propio destino. Por isto escolleu a palabra «Zorba» como nome para a súa primeira tenda.
Mais cando Amancio Ortega comprobou que non podía rexistrar a súa nova empresa con aquel nome tirado da gran pantalla, porque xa estaba rexistrado como marca e patente, a decepción transformouse nunha nova oportunidade. Daquela volveu consultar cos seus colaboradores e familiares a posibilidade de atopar un nome curto, que se parecera ao de «Zorba». E xogou coas letras, combinounas e buscou a eclosión e a potencia do feminino «a» que foi gañando protagonismo ata quedar para sempre. E quedou para formar unha verba curta, de tan só catro letras, que significa «millo» na lingua quechua da antiga cultura incaica: acababa de nacer Zara.
David Martínez, Zara: Visión y estrategia de Amancio Ortega (tradución)

Nunca saberemos se o éxito da Zara (e de todo o imperio Inditex) sería o mesmo de non aparecer, naquel intre, o Amancio Ortega ludolingüista. Que vendería máis: «Zorba» ou «Zara»? Imaxino o señor Ortega a garabatear sobre un anaco de papel anagramas de «Zorba», dando voltas e reviravoltas á secuencia de letras, tirando unhas e engadindo outras. Vese que mantivo o «z» inicial e o «a» final (alfa e omega invertidos, que curioso!). E como mandan os cánones, deu cun nome breve, sonoro e fácil de lembrar. Unha marca que, ao contrario de «Zorba», non evocaría referente coñecido ningún. Se cadra, este sinxelo xogo lingüístico foi a faísca que prendeu a imparable andaina da multinacional galega. Vai ti saber!

Por certo, outro nome comercial monovocálico (que terán?). Despois dunhas semanas, aquí deixo unha nova rolda de marcas de vogal única, comezando, como non, por Zara. Un enredo que reflicte ben ás claras ou meu indomable espírito «friqui». Alguén se anima a continuar a serie?

Moda galega (monovocalismo en «a»)

Automóbiles alemáns (monovocalismo en «e»)

Galletas de Artiach (monovocalismo en «i»)

Esta vez, automóbiles suecos (monovocalismo en «i»)

Pegamento alemán (monovocalismo en «u»)

07/09/2014

«Supercalifraxilisticoespialidoso»



Con todos vós, «Supercalifraxilisticoespialidoso», na súa versión orixinal inglesa. Quen non coñece esta campanuda palabra de 32 letras e a canción á que lle dá título? Mary Poppins, a aia máxica, fíxoa universal aló por 1965. Os compositores da canción, os irmáns Richard e Robert Sherman, seica se inspiraron nun xogo infantil que compartían e que consistía en inventar palabras.

No filme, a protagonista, despois de gañar unha carreira de cabalos, é acosada por unha manda de reporteiros. Un deles pregúntalle se ten palabras que definan o que está a sentir e Mary Poppins comeza a cantar a famosa palabra. Na ficción, o seu significado ben sendo algo así como ‘o que un sente cando queda sen palabras’.

O máis curioso é que o Oxford English Dictionary deu entrada a supercalifragilisticexpialidocious en 1986 co significado de ‘extraordinariamente bo, marabilloso’. A súa raíz etimolóxica sería máis ou menos esta: super- ‘enriba’ + -cali- ‘beleza’, -fragilistic- ‘delicado’, -expiali- ‘para expiar’ + -docious- ‘educable’.

E que pasou cando houbo que facer versións deste filme musical en diferentes linguas? Pois que os tradutores comezaron a botar fume polas orellas! Deseguido tedes unha breve mostra co comezo da canción en inglés, portugués e castelán.
It's supercalifragilisticexpialidocious
Even though the sound of it is something quite atrocious
If you say it loud enough, you'll always sound precocious
Supercalifragilisticexpialidocious
Supercalifragilistiexpialidoce
Sei que o som dessa palavra não é nada doce,
A criança que falar vai parecer precoce
Supercalifragilistiexpialidoce
Supercalifragilisticoespialidoso,
aunque suene extravagante, ¡raro y espantoso!
Si lo dice con soltura sonará harmonioso,
supercalifragilisticoespialidoso!
 
E a guinda final, un vídeo impagable co mesmo fragmento dobrado en diferentes idiomas. Boísimo!

03/09/2014

A Roda alalá adora


Despois dun meseciño de descanso, aquí andamos de novo. A cabeciña non para e en Xogosdelingua intentarei seguir dándolle saída a todo o que bule nela.

Onte, día 2 de setembro, fixo dous anos do falecemento de Fito Dominguez, a inconfundible voz d’A Roda. Aproveito o cabodano para render unha pequena homenaxe a estes heroes da nosa música popular. E nada mellor para iso que a portada do seu décimo quinto traballo, A Roda alalá adora (2005). Un deseño especular ben fermoso coa rúbrica dese xenial título palindrómico.

E, a xeito de despedida, o «Alalá do mariñeiro», o primeiro tema deste CD. Viva o alalá! Viva o gusto polos palíndromos!


Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...